Arredor do 10% da poboación española, 4 millóns de persoas, busca traballo no noso país. Esta cifra inclúe ós mozos que desexan acceder ó seu primeiro emprego (472.000), ós ocupados que trocarían de traballo por diversos motivos (un 32%, segundo un estudio do CIS de 1999), ós parados ocasionais e de longa duración e ás persoas que tratan de se incorporaren de novo ó mercado profesional (como mulleres que, logo dun período retiradas do ámbito profesional, tratan de volver a el).
Amizades e coñecidos, a vía máis eficaz
Dentro da busca de emprego, a estratexia e as canles que haberá de utilizar quen busca o seu primeiro emprego serán ben distintos dos que empregará alguén que, por diversos motivos, desexa cambiar de ocupación. Tamén a formación do demandante condiciona e encamiña o acceso ó traballo: un título universitario non garante o éxito, agás no caso de licenciaturas relacionadas coas novas tecnoloxías, en auxe hoxe en día. Un dos problemas da formación universitaria radica na súa longa duración: as tendencias do mercado laboral incitan os mozos a estudiaren carreiras universitarias que quizais queden obsoletas cando as rematen. Pola contra, a ata hai pouco deostada Formación Profesional (FP) responde ás esixencias do mercado con máis axilidade, e conta coa vantaxe de que se reduciu a súa duración (despois da ESO e de dous anos de bacharelato, accédese a un ciclo de dous anos de FP tralo cal xa se pode desempeñar unha profesión). Nalgunhas comunidades autónomas ata un 44% dos mozos decántase por esta opción, que ofrece un índice de colocación moi elevado: 100% na construcción, 94% en automoción, 93% en metal, 86% en agricultura e 86% en electricidade e electrónica.
Por todo iso, a busca de traballo debe tomarse como un proceso personalizado no que cada situación (se se ten ou non experiencia laboral, a formación, as aspiracións, a urxencia para atopar emprego…) requirirá unha estratexia distinta e un uso diferente dos intermediarios.
Empresas de traballo temporal (ETT), axencias de colocación, servicios públicos de emprego como o INEM, Internet, anuncios dos medios de comunicación e o boca a boca son os principais intermediarios para buscar ou cambiar de emprego.
Cada intermediarios resulta máis axeitado para atopar traballo en determinados sectores e os empregos atopados mediante eles serán cada un de distinta duración. Ademais, a busca resulta máis rápida cuns ca con outros (as ocupacións que ofrecen as ETT son, en comparación con outros intermediarios, menos estables, pero a colocación mediante ETT é moito máis rápida, sobre todo no sector servicios).
Internet escala postos na lista de intermediarios, tal e como testemuñan as cifras: cando menos o 8% das empresas españolas utilizan os servicios de portais de emprego (fronte ó 2% que o facían en 1998) e contratan mediante estes portais ó 6% dos seus asalariados, e o 36% dos usuarios da Rede tamén o é destes servicios. Pero se tivesemos que cita-lo intermediario máis efectivo para conseguir emprego, o boca a boca destaca entre todos: preto do 70% dos traballos conséguense a través da rede de amizades e coñecidos, no que tradicionalmente se denominaba enchufismo e hoxe en día rede de relacións.
As profesións con maior demanda de emprego son agora, amais das relacionadas coas novas tecnoloxías, todas as vinculadas á construcción, automoción, metal, agricultura, comerciais, servicios, e as zonas nas que, segundo os expertos, haberá que buscar traballo son Madrid, Cataluña e o arco mediterráneo. As perspectivas tamén son prometedoras en Navarra, no País Vasco e na Rioxa.
Andalucía tamén subirá ó tren do emprego, especialmente no sector das novas tecnoloxías.
Para rematar, cómpre citar unha alternativa laboral que gaña adeptos cada día aínda que polo de agora non se popularizou demasiado: o teletraballo. Aínda que en España tan só o 2,8% dos ocupados traballa a distancia desde a súa casa, en Europa esta modalidade alcanza o 6% e as perspectivas de aumento son claras: máis do 60% dos empregados tradicionais está interesado no teletraballo para un futuro próximo.
Polo de agora o teletraballo non se asocia demasiado a empregos de calidade, senón máis ben á temporalidade. Ademais, a lexislación española non o regulou aínda, polo que esta modalidade de traballo se rexe mediante a normativa laboral aplicada ó traballo tradicional. Tampouco debemos esquece-lo autoemprego, unha opción para os máis emprendedores e arriscados, aínda que as empresas creadas mediante esta fórmula presentan un elevado índice de mortalidade: preto do 60% desaparecen antes de cinco anos.
Establecer prioridades
O primeiro paso na busca de emprego consiste en autoexaminarse, analizar qué podemos ofrecer e en definir qué aspectos se valorarán máis nun traballo. A proximidade xeográfica, o salario, os beneficios sociais non monetarios, o ambiente de traballo, as posibilidades de progreso, o interese das tarefas que se van desempeñar, a estabilidade do posto, o prestixio da empresa e o horario serán algúns deses aspectos.
Trátase dun dos momentos clave dentro do proceso de buscar traballo, xa que outorgarlle máis importancia a un criterio ca a outro implica elixir entre un modelo de vida ou outro. Se ben é certo que todos aspiramos a un mínimo nivel de calidade de vida, tamén o é que probablemente un salario máis alto se obterá traballando en postos de maior responsabilidade (ós que non todos podemos optar) e con horarios máis esixentes, o que redundará nun descenso do tempo libre. Traballar lonxe da casa pode obrigar a un traslado de domicilio, con todo o que iso implica. E a tensión que xera un ambiente de traballo desagradable poderana aturar algúns e outros enfermarán. Por iso, reflexionar sobre o modelo de vida que se prefire resulta fundamental e recomendable tanto para quen busca o seu primeiro emprego como para quen desexa cambiar a outro. Os que están neste segundo caso contarán con vantaxe: a experiencia sobre cómo inflúe na súa vida cada un dos aspectos citados facilitarálle-la toma da decisión.
Definidos os aspectos que máis se valorarán dun emprego, cómpre deseña-la estratexia para dar con el.
Comezarase elaborando unha lista de empresas que concordan cos aspectos considerados máis relevantes.
Un envío masivo de currículos resultará menos efectivo ca un correo selectivo a empresas que se axustan máis ós obxectivos establecidos. Se entre eses aspectos se sitúan por exemplo o salario, a proximidade xeográfica e o ambiente de traballo, a lista de empresas incluirá as que respondan a estes criterios. Pero as compañías escollidas achegaranse en diferente medida a eses aspectos (podemos atopar unha moi próxima ó noso domicilio que nos proporcionaría ingresos inferiores a outra máis arredada pero a unha distancia razoable). Por iso, a relación de empresas que responden ós nosos obxectivos básicos tamén deberá clasificarse, segundo o seu grao de coincidencia cos aspectos primados. Un consello útil nesta fase é o de detecta-los tres primeiros criterios e avalia-las súas consecuencias. Seguindo o exemplo anterior, a moitas persoas compensaralles un soldo máis elevado traballando a máis distancia da casa, pero, para outras, a calidade de vida que implica erguerse máis tarde e volver antes á casa será fundamental. En caso de dúbida, pódense incluír criterios complementarios na reflexión: un soldo máis baixo pode suplirse coas interesantes prestacións socio-sanitarias que algunhas empresas lles ofrecen ós seus empregados.
Intermediarios: diferencias en resultados e en rapidez
Despois de establece-los criterios que máis se valoran nun emprego, chega o momento de utiliza-los intermediarios do mercado de traballo (o nexo entre os empregos e os candidatos) para contactar coas empresas que máis se achegan ás nosas aspiracións. Cantos máis se utilicen, máis posibilidades de éxito haberá.
ETT:empresas privadas que contratan persoal e o poñen á disposición das empresas usuarias por un período de tempo. A súa mala imaxe está desaparecendo gracias á Lei de Converxencia Salarial de agosto de 1999. Segundo esta normativa, os traballadores contratados por unha ETT deben recibi-lo mesmo salario cós contratados directamente pola empresa usuaria. O principal mercado destas empresas é o sector servicios, seguido da industria e a construcción. Do 15% ó 20% das contratacións laborais realízanse mediante as ETT, que constitúen unha excelente canle de acceso para mulleres que permaneceron lonxe do mundo laboral durante un longo período de tempo ou mozos que aínda non accederon ó mercado profesional e demandan diñeiro urxente ou experiencia laboral. Isto débese á facilidade, rapidez e transitoriedade dos traballos que ofrecen as ETT. Non son o mellor xeito de acadar traballo estable, aínda que despois de varias experiencias a través de ETT un de cada tres empregados permanece na empresa usuaria.
Axencias de colocación:entidades que colaboran cos servicios públicos de emprego como intermediarios no mercado laboral, para axudar ós traballadores a atoparen un posto e ós empregadores á contratación dos traballadores axeitados para satisfaceren as súas necesidades. Estas axencias, aínda que non é o habitual, poden cobrar polos seus servicios. Hai que inscribirse nelas e agardar a que chamen con ofertas de emprego. Non son apropiadas se urxe atopar traballo, xa que ofrecen resultados a longo prazo. O 6% das contratacións laborais conséguense mediante estas axencias.
Servicios Públicos de Emprego (SPE): institucións públicas (INEM…) que actúan como intermediarios do mercado de traballo e lle ofrecen a toda a poboación activa a posibilidade de beneficiarse dos seus servicios (orientación ó emprego, formación gratuíta, fomento da inserción laboral de sectores con dificultade para iso, servicios de asistencia ó autoemprego…). A busca de traballo a través dos SPE é máis axeitada para os desempregados de longa duración, parados maiores de 45 anos e outro tipo de sectores que revisten dificultade para a súa inserción. Os SPE non dispoñen dunha grande oferta de empregos e tampouco ofrecen unha alta porcentaxe de colocación (8-10%).
Para emprega-los SPE é preciso inscribirse na oficina de emprego que por distrito postal corresponda. Malia á lentitude na busca e á escasa adaptación das ofertas ás condicións persoais de formación, os SPE son un bo medio para obter información, asesoramento e ampliar contactos co mercado laboral.
Internet: ofrece multitude de portais especializados en formación, asesoramento e busca de emprego. Aínda esixen grandes doses de paciencia para inserir nos portais un currículo e para atopar neles as ofertas que se adaptan ó perfil do solicitante, pero melloran día a día e simplificaron o seu uso. Proba diso é o espectacular aumento da porcentaxe dos internautas que os visitan (utilizábaos un 2% en 1998, fronte a un 36% actual) e que as empresas cada vez realizan máis contratacións mediante os portais de emprego (ata un 6% dos seus traballadores). Afórranlles tempo e cartos tanto ós solicitantes de traballo coma ás empresas. O perfil do internauta que busca traballo é un home ou muller de entre 20 e 34 anos, de clase media-media e media-alta, con experiencia e elevada formación. Os postos máis buscados son informáticos, enxeñeiros industriais e empregados dos sectores da banca, hostalería e turismo. Ó introducir nestes portais un currículo, é importante ser precisos e delimitar ó máximo o perfil, por dous motivos: o primeiro, para non ve-la nosa conta de correo inundada de ofertas inservibles, e o segundo, porque un currículo pouco conciso é desbotado cando unha empresa solicita un candidato con características moi concretas.
Anuncios de emprego na prensa: só un 2% dos contratos laborais son froito das ofertas de emprego publicadas na prensa, aínda que polo menos mediante estes anuncios se observan as tendencias do mercado e cáles son as profesións máis e menos demandadas. As empresas valoran de maneira moi negativa a quen contesta compulsivamente ás ofertas de emprego publicadas. Por iso, cómpre ler de vagar os anuncios e ver qué requisitos son excluíntes e cáles non para o posto, xa que raramente se cumpren todos (non é o mesmo “valóranse coñecementos de inglés” ca “dominio do inglés”). Se, analizada esta cuestión, o aspirante considera que cobre os requisitos fundamentais, é o momento de preparar unha boa carta de presentación, axustada á oferta e que lle permita diferenciarse o máximo posible de quen contesta de maneira compulsiva. Esta opción de buscar emprego permite que sexa o candidato quen elixa as ofertas que se adaptan ó seu perfil, condicións e aspiracións.
O boca a boca: é a rede social de contactos persoais. O que tradicionalmente se denominaba enchufismo hoxe coñécese como rede de relacións ou networking. Trátase de revisa-la nosa axenda de contactos para ver quén pode recomendarnos para un posto de traballo ou, cando menos, facilitárno-lo camiño de entrada a unha empresa. Esta rede técese de maneira espontánea e constitúe o xeito máis rápido e eficaz de detectar un posto de traballo: ata o 70% dos postos de traballo se atopan a través de amizades ou coñecidos, e serve tanto para dar co primeiro emprego como para cambiar a outro. A rede social débese coidar e fomentar, ata conseguir que se transforme nunha cadea xeradora de novos contactos. Non resulta o método máis eficaz para dar froitos de maneira inmediata pero, sen lugar a dúbidas, é o medio móis productivo a medio e longo prazo. Require un grande esforzo de orde e atencións, pero paga a pena.
Antes de cambiar de emprego
- Asegúrese de que é a decisión máis conveniente e de que lle traerá cambios positivos.
- Se o salario é o principal motivo, pida un aumento antes de renunciar ó seu emprego.
- Non comente os seus plans con ninguén ata non estar completamente seguro de que abandonará a empresa.
- O seu superior debe se-la primeira persoa en coñece-los seus plans de cambio.
- Informe á compañía coa suficiente antelación.
- Na medida do posible, asegúrese de que alguén o pode substituír chegado o momento de partir.
- Mantéñase en contacto coa antiga compañía e evite que se lle pechen as portas.
- Obteña máis información sobre a súa nova empresa que a facilitada por eles na entrevista. Pode levar algunha sorpresa.
- Pechado o acordo verbal coa nova compañía, solicite a confirmación por escrito.
- Fixe un obxectivo, pero sexa realista: quizais non o alcance. Ademais, co paso do tempo o seu propósito inicial pode variar.
- Analice o seu nivel de formación e ata ónde pode aspirar. Lembre que haberá outras moitas persoas na súa mesma situación.
- Agás brillantes excepcións, o máis habitual é comezar desde abaixo.
- O primeiro emprego debe considerarse como un medio para adquirir experiencia para despois aspirar a máis.
- Cantos máis intermediarios utilice, máis posibilidades de atopar emprego terá.
- Infórmese e avalíe as tendencias do mercado de traballo.
- Mentalícese do esforzo e da fortaleza psicolóxica que requirirá para buscar traballo.
- Se o método que emprega non ofrece resultados, analice en qué pode estar fallando e use outros.
- Asegúrese de que os seus currículos chegan ó destino axeitado. Chame ás empresas e pregunte o nome do xefe de persoal.