Ana Crespo exerce unha profesión pouco usual neste país, e non só para unha muller: é investigadora e científica.Colaboradora en proxectos internacionais de investigación molecular
e biolóxica, e á súa vez autora de libros e artigos científicos de divulgación mundial, recibe a CONSUMER no seu despacho de catedrática do Departamento de Bioloxía Vexetal da Facultade de Farmacia da Universidade Complutense de Madrid.
¿Como valora o panorama da investigación científica actual no noso país?
Se a ciencia interesa hai que financiala, hai que coida-las institucións e persoas que teñen que facela. Pero a realidade é que na Administración aínda falta o substrato de tradición de facer ciencia, ó igual ca no medio social, onde hai pouca confianza e apoio á investigación científica. Estase mellorando en ámbolos aspectos, pero se temos en conta o noso número de investigadores, comparativamente moi pequeno con relación a outros países do noso contorno, e o diñeiro que se inviste en investigación, tamén inferior, o mérito da comunidade científica en España é que é moi productiva. De tódolos xeitos, a Administración ultimamente procurou oculta-las deficiencias en investimento facendo enxeñería financeira nos orzamentos xerais do Estado, esquecendo que os asuntos cómpre afrontalos se é que se queren resolver. Por exemplo, cómpre recupera-la lexión de científicos novos españois que se formaron ou se están formando no estranxeiro, xa que para facer medra-lo sistema é imprescindible ese capital humano.
Un dos obxectivos das universidades é o de se converteren en embrións de futuros científicos, ¿cómo se consegue
incentivar a estes centros?
A Universidade non é unha institución tan homoxénea como a vemos ás veces. Algúns centros teñen como misión fundamental ensinar profesións; teñen carácter de escolas superiores de formación profesional, o que é á vez difícil e moi importante para o futuro dun país. Pero existen outros que teñen uns obxectivos distintos. O seu fundamento non é tanto formar profesionais como ensinar a fabricar coñecementos novos, a manexa-lo método científico, a plasmar ideas en productos tanxibles. Para iso hai que deseñar estructuras e marcos legais máis flexibles que permitan a convivencia de ámbolos tipos de campus e ámbolos tipos de obxectivos do mellor xeito e co mellor profesorado. Por outra banda, é imprescindible crearlles estímulos positivos ós investigadores e ás institucións que apostan pola investigación. A Universidade ten que estar interesada en acoller ós mellores estudiantes e profesores, e para iso as administracións teñen que premiar con diñeiro ás universidades que o fagan. E á súa vez, estas teñen que premiar ós Departamentos que realicen políticas intelixentes de captación de estudiantes e profesores.
¿Que beneficios se alcanzarían se nas etiquetas dos alimentos se incluíse a definición científica dos productos?
Algúns alimentos son facilmente identificables para quen coñece o producto, pero non sempre é así. Por unha banda, pode haber riscos individuais fronte a certos alimentos (intolerancias ou alerxias) que só se poden eludir se, gracias a viren especificadas estas cuestións na etiqueta, se evita o consumo desta substancia. Por outra banda, un ten dereito a saber se cando paga un alto prezo por un quilo de patacas é o tipo de producto que agardaba. De tódolos xeitos, non só hai que coñece-las especies que comemos senón tamén de ónde veñen. Un certo número de enfermidades emerxentes que se asocian á zoonose ou a afeccións tóxicas están ligadas a especies animais concretas ou a problemas en relación coa rexión da que a especie procede. Por exemplo, a calehuala é unha enfermidade que pode ser grave e que se asocia ó consumo de peixes de orixe tropical, como a cherna tropical, que foron intoxicados por mareas vermellas; a anisakosomiase asóciase ó consumo de peixe procedente de mares fríos, como arenque do Báltico, salmón do Pacífico e algunhas especies de bacallao e pescada que foron infectadas por nematodos. Hai riscos de saúde e de fraude fronte ós que o consumidor só se pode defender se a etiquetaxe é correcta e proporciona unha información específica axeitada. Polo que eu sei, a nosa actual lexislación, que é a comunitaria, esixe que se indique explicitamente na etiqueta, amais do nome comercial, o nome científico da especie e a súa procedencia. Este rigor e esixencia na etiquetaxe non é un capricho. Ás veces chócame que se sexa tan esixente cando se trata de transxénicos e, sen embargo, non se esixa o control do cumprimento das normas de etiquetaxe no tocante ó nome da especie e á súa procedencia.
¿Disponse hoxe con estudios científicos fiables que demostren a inocuidade dos alimentos transxénicos para a saúde de
quen os inxire?
Cando se permite a comercialización dunha planta transxénica é porque se establece a súa inocuidade a través de moitos e moi rigorosos controis. Ademais, lembremos que nos Estados Unidos hai anos que se consumen transxénicos e non se demostrou o menor efecto negativo para a saúde humana ou dos animais. En relaci oacute;n con posibles efectos negativos sobre o medio natural, tampouco se observou ningún que vaia máis alá dos producidos pola agricultura moderna non transxénica. De tódolos xeitos, cómpre que sexamos prudentes, xa que isto non quere dicir que non poida presentarse un problema no futuro. Aínda que sexa moi improbable, sempre é posible. No noso país, fóra dalgúns cultivos experimentais como algodón, caraveis ou tabaco, para o destino ó consumo humano soamente se cultiva unha variedade de millo transxénico resistente ás pragas, o Bt156. Malia a isto, a desconfianza en Europa é un feito, e é moi superior á que se manifesta fronte a riscos alimentarios de orixe natural coma os que comentabamos antes. No caso dos transxénicos desconfíase e no caso de “riscos naturais” non se desconfía a priori. É posible que isto se deba a que no asunto dos transxénicos se fixeron evidentes os intereses económicos mentres que noutros casos, aínda que hai tamén intereses económicos, o cidadán non os percibe ou non os ve tan negativos. Por iso seguramente se desconfía mesmo da imparcialidade da investigación científica ó respecto. Pénsase que a investigación pode estar orientada a favor de quen a financia, que é a miúdo o que a encarga.
Daquela, ¿quen debe investigar e quen debe financiar esa investigación?
Cómpre arbitrar procedementos administrativos para minimiza-la sospeita, xa que os poderes públicos teñen a obriga de gaña-la confianza neles demostrando que poden garanti-la súa imparcialidade. Supoño que haberá outros procedementos, pero a min ocórrenseme dúas solucións complementarias que comparto con máis dun colega. Por unha banda, procurar que ninguén sexa xuíz e parte. A empresa (ou a Administración) que quere comercializar un transxénico debe paga-la investigación pero non ten por qué ser quen a encargue. Sempre procurando non burocratiza-los procedementos, poderían concretarse instancias con participación da sociedade civil (consumidores, etc.) que, ben asesorados, poidan actuar como un garante máis da defensa dos intereses sociais. E como actuación complementaria, suxeriría que se fixese un esforzo grande por explicar tamén as vantaxes que a enxeñería xenética proporciona, para que o cidadán teña bases máis firmes sobre as que conforma-la súa opinión.
¿Que opina das supostas bondades da agricultura ecolóxica?
A agricultura convencional consume moita enerxía tanto no traballo (técnicas agrícolas) coma nos productos fitoquímicos (biocidas e fertilizantes). A cambio, obtense unha gran producción por unidade de superficie. Con esta agricultura pódese dar de comer a máis xente sen aumenta-la superficie cultivada. Que se faga ou non son problemas de solidariedade e de decisións políticas asociadas. A chamada agricultura ecolóxica, nas súas distintas versións, é máis intensiva no consumo de man de obra e ten menos rendemento.
Precisamente, ás veces son só as razóns de espacio o que a converte en ecolóxica. As papas canarias ou o melón de Villaconejos, coido que máis pola súa xenética que por seren producidos á maneira tradicional, son exquisitos. Pero tamén son carísimos. Se podemos e queremos pagalos darémonos un pracer e colaboraremos no mantemento de culturas e tradicións entrañables así como no desexable desenvolvemento dunha economía local. Pero non esquezamos que o argumento non pode usarse máis ca nuns poucos países e por uns cantos privilexiados. En relación co valor nutritivo dos productos que comemos (recomendo ferventemente a lectura do libro de F. García Olmedo “Entre o pracer e a necesidade”, recentemente publicado por Crítica) teño a impresión de que o que se pode entender tecnicamente por valor nutritivo é o mesmo na agricultura ecolóxica ca na agricultura tradicional. Nalgunhas formas de agricultura ecolóxica si se podería falar de productos con niveis máis baixos de residuos, pero cómpre non esquecer que certos transxénicos foron deseñados precisamente co fin de aforrar biocidas.
O cultivo de vexetais en invernadoiros permite que dispoñamos de case calquera producto durante todo o ano. ¿Existen diferencias en aspectos organolépticos ou na composición nutricional destes alimentos atemporais con respecto ós cultivados ó aire libre?
O invernadoiro non é responsable nin da cor nin do sabor, que dependen da variedade da planta que se cultive. Normalmente, baixo os plásticos ou cristais úsanse plantas que permiten a maduración post-colleita ou que teñen vantaxes para o almacenamento e transporte, e ás veces esas variedades non son as máis sabedoras. Polo de agora, non podemos telo todo. Confío en que a investigación agrobiol oacute;xica avance máis e poidamos ter todo o ano os máis exquisitos productos, pero non só iso. Teño confianza en que canto máis investiguemos, mellores productos acadaremos, e incrementarémo-la nosa calidade de vida. E, sobre todo, poderemos dar de comer a quen ten fame e curar a quen sofre.