Alternativas para obter enerxía
Transformar estes refugallos urbanos en enerxía é factible. Sen embargo, constitúe unha das opcións máis complexas de enerxía renovable, debido á variedade de materiais orgánicos e á multitude de procesos de conversión que existen. O proceso consiste en transformar materia orgánica como residuos agrícolas e industriais, desperdicios varios, augas negras, residuos municipais, residuos gandeiros, troncos de árbore ou restos de colleitas en enerxía calórica ou eléctrica. Non obstante, aínda que se trata dunha enerxía renovable, non é exactamente unha enerxía limpa, xa que a combustión desta biomasa emite compoñentes químicos que prexudican as condicións naturais da atmosfera. Detractores e defensores da súa potenciación coinciden en que cando menos supón unha ponte intermedia para acadar unha producción enerxética baseada en métodos limpos e renovables ó cen por cen. Tamén afirman que é quizais a opción na que máis poden intervi-los cidadáns de a pé, xa que en moitos casos depende deles que os refugallos se poidan aproveitar na combustión. Por iso, insístese na necesidade de populariza-lo costume de distinguir en tres grupos o lixo: o orgánico, o vidro e o cartón. Minimiza-lo consumo de materias primas como envases ou separar de maneira selectiva os materiais son accións coas que calquera pode contribuír á xestión de refugallos urbanos, para así aproveitalos na obtención de enerxía.
Conversión termoquímica e biolóxica
A conversión termoquímica utiliza vexetais e refugallos orgánicos para producir calor mediante a combustión. Hai varias modalidades: pirólise (descomposición térmica de materiais que conteñen carbono cando non hai osíxeno), hidroxenación (obtéñense hidrocarburos dos refugallos orgánicos), hidrogasificación (o esterco convértese en metano e etano ó sometelo a presións elevadas) e, para rematar, fermentación e destilación (obtense alcohol a partir de grans e de refugallos vexetais).
Na conversión biolóxica aprovéitase a calor que se obtén da descomposición das bacterias aeróbicas (as que requiren osíxeno). Dous claros exemplos son o tratamento de augas negras e de fertilizantes que, sometidos a un proceso de descomposición, producen gas combustible gracias á dixestión anaeróbica.
Exemplo experimental en Uruguai
Nun gran vertedoiro de lixo de Montevideo instalouse unha planta procesadora. Caváronse no chan grandes foxas subterráneas que se encheron con residuos fecais e se cubriron con arxila, illante natural. Na primeira foxa ou cela vertéronse 80.000 toneladas destes residuos. Este dispositivo, que produce enerxía a partir dos gases que libera a descomposición do lixo orgánico, está na súa fase inicial, pero prevese que xere un megavatio de potencia durante 20 anos. Así, tería a capacidade de alimentar 10.000 picos de luz de 100 vatios acesos as 24 horas do día durante 20 anos, ou o consumo medio de 300 fogares. O proceso de descomposición do lixo tarda en comezar entre seis meses e un ano, pero despois desprende gas permanentemente durante 20 anos.
- Plásticos: O 14% do contido dunha bolsa de lixo componse de plásticos. Son na súa maioría envases dun só uso e todo tipo de envoltorios e embalaxes (botellas de PVC ou PET, bolsas de polietileno, bandexas e caixas protectoras de cortiza branca…). Se se soterran nun vertedoiro, ocupan moito espacio e requiren décadas e ata milenios para se degradaren. Se se opta por incineralos, orixinan emisións de CO2, substancia que contribúe ó cambio climático, amais doutros contaminantes atmosféricos moi perigosos para a saúde e o ambiente. O PVC é un dos plásticos de uso máis xeneralizado. Pode producir unha elevada contaminación na súa fabricación e, se tralo seu uso se incinera, xera substancias tóxicas como dioxinas e furanos. É preciso lembrar que os plásticos se fabrican a partir do petróleo. Por iso, ó consumir plásticos, amais de colaborar ó esgotamento dun recurso non renovable, poténciase a enorme contaminación que orixina a obtención e transporte do petróleo e a súa transformación en plástico.
- Envases de cartón: Envases xeralmente rectangulares, fabricados con finas capas de celulosa, aluminio e plástico (polietileno). Empréganse para envasar refrescos, zumes, auga, viños, salsas, productos lácteos e outros líquidos, xa que conservan ben os alimentos, e o seu peso e forma facilitan a almacenaxe e transporte. Para elaboralos requírense materias primas non renovables e consumidoras de enerxía: o aluminio e o petróleo. Pola dificultade de separa-lo plástico e o aluminio non se poden reciclar para producir novos “cartóns”. En Madrid soamente se recupera o 0,28%, co que se fabrican obxectos de pouco valor.
- Latas: Os metais representan o 11,7% do peso dos residuos sólidos urbanos e o 4,2% do seu volume constitúeno as latas. Fabricadas de ferro, cinc, folla de lata e, sobre todo, aluminio, convertéronse nun auténtico problema ó xeneralizarse o seu emprego como envase dun só uso. O aluminio elabórase a partir da bauxita, que un recurso non renovable e que na súa extracción está acabando con milleiros de quilómetros cadrados de selva amazónica.
- Vidro: A súa dureza e estabilidade favoreceron que o vidro se empregue para a conservación de líquidos ou sólidos, o enxoval do fogar, o illamento, etc. Non precisa incorporar aditivos, polo que non se alteran as substancias que envasa, é resistente á corrosión e á oxidación, moi impermeable para os gases… O problema deste material radica en que se xeneralizaron os envases de vidro non retornables, aínda que os recipientes de vidro se poderían empregar ata 40 ou 50 veces, se antes non rompen. Os envases de vidro pódense reciclar ó 100%, pero este proceso tamén gasta enerxía e contamina.
- Pilas: Presentan un elevado potencial contaminante, debido sobre todo ó mercurio e a outros metais pesados que conteñen (especialmente a maioría das pilas-botón). Unha soa destas pilas pode contaminar ata 600.000 litros de auga. As pilas convencionais, se ben non son tan daniñas, tampouco resultan inocuas para o medio natural.
-
Papel e cartón: Son innumerables os obxectos de consumo cotián empaquetados con papel ou cartón, polo que estes materiais representan o 20% do peso e un tercio do volume do noso caldeiro do lixo. Aínda que se reciclan en boa parte e dun xeito doado, a demanda crecente de papel e cartón obriga a fabricar máis pasta de celulosa, o que provoca a corta indiscriminada de millóns de árbores.
Ademais, impulsáronse as plantacións de especies de crecemento rápido como o eucalipto ou o piñeiro, en detrimento das fragas autóctonas, e aumentou a contaminación asociada á industria papeleira. E cómpre lembrar que non todo o papel pode ser reciclado: o plastificado, adhesivo, encerado ou o do fax non son aptos para a súa posterior reciclaxe.
O exemplo máis coñecido de utilización da biomasa é a madeira: a fonte de enerxía máis antiga que coñece a humanidade. A madeira componse de celulosa e lignina, así como de amidón, bálsamos, alcohol etílico, alcanfor, colorantes, taninos, perfumes e resinas. Para producir calor durante a combustión da madeira requírese osíxeno e libérase dióxido de carbono.
Os refugallos orgánicos das grandes urbes, como os compoñentes orgánicos do lixo, poden empregarse para xerar enerxía eléctrica que pase a formar parte do sistema eléctrico global, pero tamén serven como productor enerxético doméstico directo, xa que na súa descomposición producen o gas metano que se pode distribuír polas canalizacións. Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación), esta será unha das principais fontes de enerxía do futuro, xa que estima que se poderá utilizar, entre outras, para o transporte. Aínda que tamén sinala que o seu emprego o determinará a pura necesidade, porque se esgotarán os combustibles fósiles.