Seguridade nos parques infantís

O déficit en seguridade segue a ser preocupante, pero a situación mellorou

Dous de cada dez aparellos de xogo presentan defectos graves que comprometen a seguridade dos nenos
1 Abril de 2005
Img temap 224

O déficit en seguridade segue a ser preocupante, pero a situación mellorou

/imgs/20050401/img.tema-de-portada.01.jpgPara estudar a seguridade dos parques infantís de uso público ós que os nosos fillos acoden a xogar, técnicos de CONSUMER EROSKI analizaron 520 aparellos de xogo de 130 zonas públicas de xogo infantil nas cidades de Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga, Murcia, Bilbao, A Coruña, Pamplona, Vitoria, Almería, San Sebastián, Cádiz e Alacante. En total, valorouse a seguridade de 151 oscilantes, 114 randeeiras, 112 estruturas multixogos, 78 tobogáns e 65 balancíns. A metade destas zonas infantís atopábanse no centro das cidades e a outra na periferia ou en barrios non céntricos.

Os parques infantís e as áreas de lecer das nosas cidades convertéronse en lugares de encontro cotiáns nos que os cativos se divirten, adquiren destreza motriz e cultivan diversas habilidades. Non obstante, calquera cidadán pode comprobar que o mantemento e estado de conservación de moitos parques infantís é manifestamente mellorable. Pintadas, lixo e elementos arrincados, rotos ou queimados convertéronse en algo habitual nalgunhas zonas de xogo infantil, o que non convida precisamente ó seu uso. Pero, por riba da limpeza e do aspecto visual, a preocupación dos proxenitores debería enfocarse á seguridade que estas zonas de lecer lles ofrecen ós máis pequenos. Os datos estatísticos xustifican o temor: o 13% dos accidentes sufridos por nenos de entre 1 e 4 anos en España prodúcense en áreas de ocio e lecer, segundo a oficina do Valedor do Pobo.

Para estudar a seguridade dos parques infantís de uso público ós que os nosos fillos acoden a xogar, técnicos de CONSUMER EROSKI analizaron 520 aparellos de xogo de 130 zonas públicas de xogo infantil nas cidades de Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga, Murcia, Bilbao, A Coruña, Pamplona, Vitoria, Almería, San Sebastián, Cádiz e Alacante. En total, valorouse a seguridade de 151 oscilantes, 114 randeeiras, 112 estruturas multixogos, 78 tobogáns e 65 balancíns. A metade destas zonas infantís atopábanse no centro das cidades e a outra na periferia ou en barrios non céntricos. Os datos son máis significativos en termos xerais ca no relativo á situación de cada unha das cidades. Non se trata, xa que logo, de cualificar o estado dos parques de cada cidade, senón de esbozar unha radiografía de como se atopan, en xeral, en España.

A situación, aínda que mellora con respecto ó estudo realizado hai cinco anos por esta revista (véxase o número 31 de CONSUMER EROSKI, correspondente a marzo do 2000), está lonxe de ser satisfactoria: o 19% dos aparellos instalados presentaban defectos graves que comprometían perigosamente a seguridade dos usuarios, os nenos, e nun de cada tres parques visitados algún aparello tiña defectos graves. Os aparellos con máis problemas de seguridade, é dicir, ós que máis atención lles deben prestar tanto os proxenitores coma os rapaces, son as estruturas multixogos (nunha de cada tres víronse faltas graves de seguridade) e as randeeiras (no 27%).

Consideráronse defectos graves as partes rotas que poden causar accidentes, pezas soltas que reducen a estabilidade dos aparellos, sistemas de fixación inadecuados, parafusos que sobresaen excesivamente, alturas demasiado elevadas sen protección, pavimentos non axeitados pola súa dureza, presenza de elementos perigosos nos arredores (cristais, botellas, latas abertas…), madeiras con achas, defectos de instalación, inexistencia de espazos de seguridade, sistemas de amortecemento pouco efectivos ou inexistentes, posibilidade de quedar atrapados…
Os equipos deben estar construídos de xeito que a súa apertura non orixine riscos de atrapamento da cabeza e o pescozo dos cativos. O risco evidente de atrapamento só se observou no 6% dos aparellos inspeccionados.
Os motivos eran varios: cordas para gabear con aberturas demasiado anchas, nas que un neno pode ata meter a cabeza, aberturas en forma de “V”, con perigo de enganchar as roupas ou o pelo dos cativos, superficies con aberturas excesivas, cadeas de randeeiras demasiado anchas que poden atrapar os dedos, etc. Os peores aparellos neste caso eran as estruturas multixogo. No 11% delas os técnicos de CONSUMER EROSKI observaron partes deficientes.
Tamén se considerou que un aparello presenta defectos graves cando, aínda que non presenta risco de accidente, o seu estado de conservación é lamentable ou a deterioración do seu aspecto desanima a usalo.
E entendéronse como defectos leves os que lles restan calidade ás zonas e aparellos de xogo e afectan á súa funcionalidade e limpeza, pero sen repercutir na súa seguridade.

Algúns nin sequera funcionaban

/imgs/20050401/img.tema-de-portada.02.jpg
Un de cada cincuenta aparellos estudados non funcionaba ou non se podía empregar. Os peores foron as randeeiras e as estruturas multiuso, debido á ausencia de asentos para sentar, ás cadeas de suxeición rotas, ás estruturas febles e ó desgaste das escaleiras e ramplas, entre outras causas. Dos aparellos con defectos de mantemento (que representan case a terceira parte dos que foron analizados), a un de cada cinco faltáballes unha man de pintura, o 7% lucía partes oxidadas, no 6% víronse partes rotas ou soltas, no 4% había partes con achas e nun de cada catro, o graffiti ou as pintadas ornamentaban o aparello. O vandalismo, sen dúbida, é causa de boa parte desta deterioración, pero non debe ocultar que algúns aparellos quedaron obsoletos e que o mal estado doutros moitos se debe a déficit de mantemento e á ausencia de revisións periódicas.

Ancoraxes e parafusos

No tocante ás ancoraxes que fixan os aparellos ó chan, comprobouse que todos os aparellos estudados estaban ben fixados ó pavimento. A súa estrutura era estable e non se movía producindo oscilacións perigosas. Agora ben, no 17% deles sobresaía parte da base, que debe ir soterrada. Esta situación comporta risco en caso de caídas. Os peores aparellos neste aspecto eran oscilantes e tobogáns: no 25% e no 23%, respectivamente, a base do aparello sobresaía.
Así e todo, máis de oito de cada dez equipos mantiñan ben cuberta a base que os sustenta, incrustada no pavimento ou tapada co mesmo (nos casos de ser este de area ou de grava miúda).
Doutra banda, en dous de cada tres aparellos, os parafusos que unen as diversas partes non se ven porque están tapados con tapóns de plástico inxectado, mentres que só no 3% dos casos estes parafusos supoñen perigo polo seu exceso de medida (superior ós 8 milímetros que marca a norma, e sen protexer nin redondear). Este risco anotouse fundamentalmente en tobogáns e randeeiras (o 6% destes elementos de xogo tiñan parafusos demasiado saíntes). Un de cada tres aparellos dispoñen de parafusos curtos ou redondeados que evitan o risco de rozamento para os nenos.

Alturas e conservación dos aparellos

Non hai unha lexislación en España que regule como deben ser os parques infantís en materia de seguridade e calidade de aparellos e zonas. Por esta razón, CONSUMER EROSKI, á hora de establecer criterios de avaliación do estado e características dos aparellos, baseouse na normativa comunitaria vixente (UNE-EN 1176 e 1177) e no asesoramento solicitado a expertos na materia. Boa parte das deficiencias detectadas nos aparellos de xogo teñen a súa referencia nestas normativas.
Á vista dos datos, demasiado a miúdo o estado de conservación dos aparellos non é axeitado: o 6% das pancas non teñen onde agarrarse (situación que se repite no 3% dos oscilantes) e o 30% carece de repousapés ou se atopa en mal estado (un 14% nos xogos oscilantes). No tocante ás randeeiras, só o 16% ten as cadeas recubertas con forros de plástico (medida para que os nenos ó se arrandearen non toquen as arandelas metálicas). Ademais, dous de cada dez teñen as cadeas rotas ou con puntos de óxido e un 13% presentaban os asentos en mal estado, con roturas que os fan inservibles (nalgúns casos con mordedelas de can) ou simplemente sen asentos. Ademais, só un de cada catro randeeiras dispón de asentos tipo gaiola, é dicir, adaptados ás necesidades dos máis pequenos.
A situación dos tobogáns tampouco é mellor: un 32% dos de máis dun metro de altura non dispón de varandas para axudar a subir, no 3% os banzos están sumamente desgastados ou teñen banzos rotos, un 14% posúe a rampla de baixada en deficiente estado (con partes con fendas, excesivamente desgastadas ou sen pintura, ou con buratos), e no 6% atopáronse elementos potencialmente perigosos na súa estrutura (arestas vivas, bordos na rampla de baixada non arredondados, etc.).
Tamén nas estruturas multixogos ou multiusos se atoparon deficiencias: nun 18% botouse en falta unha varanda nas escaleiras ou nas zonas de paso da estrutura. Ademais, no 27% dos casos a varanda da zona de paso era unha barra sen protección inferior para evitar caídas. Nun 5% das estruturas había saíntes perigosos que poden dar lugar a tropezos inesperados, arestas vivas, madeiras en mal estado e con achas, entre outros defectos.

Cando as randeeiras alcanzan no seu movemento unha inclinación de 60 graos, a altura ata o chan non debe superar os 2 metros; pois ben, un de cada oito incumpría esta condición. E, nos tobogáns, se a altura de caída libre é dun metro ou de máis, haberá varanda na escaleira e na parte superior: non a había no 32% dos casos. Se é maior a 2 metros, contará ademais cunha protección na parte superior (un 5% dos tobogáns de dous ou de máis metros carece desta protección). E na rampla de descenso do tobogán, a altura ata o chan debe estar entre 25 e 35 centímetros, pero nun de cada doce tobogáns non se cumpre esta condición e a altura entre a rampla e o chan é maior. Doutra banda, os materiais máis comúns nos aparellos de xogo son o metal (o 88% dos aparellos tiñan partes metálicas) e a madeira tratada (no 86%). Oscilantes e estruturas multixogos son os que máis recorren á madeira tratada para resistir as inclemencias climáticas. O PVC é menos frecuente: só aparece no 58% dos aparellos e é máis común nas estruturas multixogos. Os expertos consideran que conviría substituír, na medida do posible, os aparellos de metal (sofren avellentamento prematuro que ocasiona oxidación) por outros de madeira tratada ou de plástico.

Zonas de xogos: seguridade tamén mellorable

Amais da seguridade dos aparellos de xogo, tamén se estudou a seguridade das zonas nas que eses aparellos están instalados.

O mellor das áreas de xogo:

  • A separación dos parques infantís das zonas polas que circula tráfico rodado: 9 de cada 10 atopábanse a unha distancia superior a 30 metros do tráfico ou atopábanse convenientemente valados por medios naturais (arbustos, sebes) ou artificiais (muros, valados ou enreixados).

O peor

  • /imgs/20050401/img.tema-de-portada.03.jpgO chan: estímase que o 70% dos accidentes que se producen nas áreas de xogo se debe ó mal estado das superficies. Como deben ser os chans? Os materiais máis adecuados son o caucho reciclado e os materiais sintéticos brandos, aplicados no grosor apropiado, xa que amortecen golpes e caídas, son antiescorregantes e secan axiña sen deixar pozas. Pois ben, aínda o 15% dos parques visitados dispoñen de superficies duras como formigón, cemento, asfalto ou lastros de pedra, moi pouco recomendables no caso de accidentes.
  • Aparellos anticuados e desgastados: o 25% dos parques infantís teñen aparellos vellos, a maioría desgastados ou inservibles, e os seus materiais non son adecuados, como o clásico ferro, que debería substituírse por PVC de cores vivas e rechamantes formas, ou por plásticos, ou por madeira tratada. Non abonda con crear parques novos, senón que tamén cómpre renovar (ou retirar) os que estean en mal estado debido ó paso do tempo.

Que di a Lei?

A normativa europea (UNE-EN 1176 e 1177) establece unha longa serie de esixencias en materia de seguridade para evitar accidentes nos parques de xogo infantil. Estas normas recollen os requisitos que deben cumprir os equipos (randeeiras, tobogáns, pancas, etc.) e os materiais empregados, as dimensións dos ocos e espazos libres que eviten riscos de atrapamento, as distancias e alturas de seguridade, a protección contra caídas e enganchaduras de roupa e pelo, etc. Ademais, fan referencia ós grosores de recubrimento das áreas de xogo, ós requisitos da instalación (por exemplo, nos seus alicerces), ás distancias libres de obstáculos e ó mantemento posterior da área de xogo. Agora ben, esta normativa non é de obrigado cumprimento e só en Francia se aplica na actualidade. Trátase, máis ben, de recomendacións técnicas de carácter non obrigatorio; para seren vinculantes cómpre unha directiva europea ou unha lei nacional. En España, as autoridades determinaron que sexa de libre aplicación, o que provoca un baleiro legal; só Andalucía e Galicia contan con normativa específica sobre parques infantís.

O decálogo dun parque infantil “10”

  • Situación: debe estar a máis de 30 metros do tráfico rodado e o seu perímetro estará valado con medios naturais (sebes, arbustos) ou artificiais (muros, valados) para que os nenos non accedan á calzada con facilidade. Ou o que é mellor, que as zonas de xogos se instalen en lugares afastados do tráfico.
  • Materiais: randeeiras, pancas, tobogáns e outras estruturas fabricaranse con materiais non tóxicos nin condutores de electricidade, que non desprendan achas nin restos que poidan causar danos. Serán seguros e resistentes, con suxeicións firmes e estables. Substituiranse elementos metálicos por madeiras tratadas e plásticos. Evitaranse saíntes e arestas na súa estrutura, especialmente nos puntos de unión e soldaduras.
  • Aberto a todos: os parques serán creados para a diversión de todo tipo de visitantes, polo que o seu deseño deberase adaptar a usuarios con dificultades de mobilidade. Evítense chanzos, bordos, pavimentos non apropiados para cadeiras de rodas ou estruturas sen propostas de xogo adecuadas a estes nenos con necesidades especiais. Ademais, as inquietudes e necesidades varían segundo a idade do usuario: a altura de cada tipo de xogo, por exemplo, debe ter en conta a idade dos nenos.
  • Superficie: substituiranse as superficies duras, como formigón ou pedra, por pavimentos que amortezan golpes e caídas (caucho e materiais sintéticos). Se son de area (un material aceptable), requiren un constante enchido, mantemento e renovación.
  • Gardar as distancias: cada aparello ou estrutura de xogo contará cunha zona de seguridade que evite choques entre usuarios de xogos próximos.
  • Conservación e limpeza: os parques infantís débense manter nas mellores condicións de uso posibles. A isto contribúen decisivamente os materiais de alta calidade empregados na súa construción, que presentan unha gran resistencia fronte ó vandalismo e á climatoloxía adversa. Ademais, advertirase e impedirase a entrada de animais.
  • Mantemento: realizaranse inspeccións periódicas para garantir o correcto mantemento dos xogos e da propia área lúdica. É necesaria a inmediata reparación ou retirada de equipos que xeren riscos. Unha inspección coa periodicidade adecuada é a mellor medida de prevención.
  • Adultos responsables: para que os nenos se divirtan xogando nun parque infantil e para que o fagan co menor risco posible, non só contan a calidade e o estado de conservación dos aparellos de xogo e a zona onde se localizan; tamén é fundamental a educación que eses nenos reciben dos seus pais, que coñezan os riscos existentes. Os parque non deben esquecer as persoas maiores, incluíndo entre o seu mobiliario áreas de descanso, bancos para sentar, zonas de sombra, fontes, papeleiras, etc.
  • Sinalización: indicarase correctamente a idade dos nenos que poden utilizar os xogos, onde se debe acudir ou a que número hai que chamar en caso de que se detecten estragos na zona ou situacións de perigo. Ademais, indicarase a situación dos centros sanitarios máis próximos.
  • Deseño e cores: os xogos con cores e formas atraentes fomentan a actividade e promoven o entretemento e o desenvolvemento das capacidades dos nenos. É unha zona lúdica; debe ser atraente.
Ó coidado dos adultos...

A prevención correspóndelles ós proxenitores e ós adultos encargados do coidado dos pequenos. Para que os nenos se divirtan xogando nun parque infantil e para que o fagan co menor risco posible, non só interveñen a calidade e estado de conservación dos aparellos de xogo, ou a zona onde se localizan. senón que tamén é fundamental a educación que eses nenos reciben dos seus pais, que lles deben explicar os riscos existentes.

Normas básicas de comportamento e táboa comparativa

  • Ensínelle a respectar ós outros nenos, a que non os empuxe, e menos en lugares elevados.
  • Vixíe que os xogos estean ben mantidos e coidados, que non teñan bordos con achas e que funcionen ben.
  • Nos tobogáns, por exemplo, está moi ben afacer os nenos a que agarden a que acabe de baixar o último antes de lanzarse o seguinte.
  • Convén que se afagan a evitar esvarar, reparando nas superficies que pisan, e a agarrarse firmemente nas estruturas de gabear.
  • Outra medida de precaución con moi pouco predicamento nos parques é que os nenos máis vellos tomen conciencia da vulnerabilidade dos máis pequenos, que os respecten e procuren non atropelalos.