Centrais minihidráulicas

Unha alternativa complementaria e renovable

As diverxencias sobre o seu impacto ambiental e as trabas administrativas frean a expansión dunha fonte de enerxía limpa
1 Abril de 2005
Img medioambiente listado 315

Unha alternativa complementaria e renovable

/imgs/20050401/img.medioambiente.01.jpg
As enerxías renovables son a alternativa ecolóxica ó uso de combustibles fósiles como o carbón ou o petróleo, xa que non se esgotan, non reducen os nosos recursos e non contaminan. Dentro deste contexto, as centrais minihidráulicas constitúen unha opción máis que, como non podía ser doutro xeito, conta con tantos defensores coma detractores. As minihidráulicas distínguense das hidráulicas en que empregan a forza dos caudais dos ríos para produciren enerxía. En España enténdese por central minihidráulica aquela cunha potencia instalada igual ou inferior a 5 megavatios (MW), mentres que en Europa adoita considerarse unha central pequena aquela que non excede os 10 MW. Amais do máximo de potencia que ofrecen, outra das súas características diferenciadoras é que aproveitan os saltos ou desniveis dun curso de auga para produciren enerxía, mentres que as súas ‘irmás máis vellas’ precisan grandes cantidades de auga e unha grande infraestrutura (pantanos, encoros, canles de derivación e a instalación de grandes máquinas) para iso.

Como funcionan?

/imgs/20050401/img.medioambiente.02.jpg
A auga, ó pasar por turbinas a gran velocidade, provoca un movemento de rotación que se transforma en enerxía eléctrica por medio de xeradores. Aínda que existe unha gran variedade de instalacións, as minicentrais hidroeléctricas poden clasificarse en dous grandes tipos: de regulación e fluentes. As centrais de regulación poden almacenar grandes cantidades de auga mediante un encoro, máis propio de grandes centrais. Por iso, son máis comúns as de tipo fluente, onde non hai encoro e é a forza do caudal o que compensa o pequeno desnivel.

Posturas enfrontadas

A crítica polo impacto ambiental sobre o lugar no que se adoitan emprazar, os cursos altos dos ríos, foi outra das razóns pola que se estancaron. Así, por exemplo, distintos informes elaborados pola Asociación para o Estudo e Mellora dos Salmónidos (AEMS-Ríos con Vida), coa colaboración de biólogos e técnicos dalgunhas Comunidades Autónomas, amosan o efecto barreira, que impide o paso de peixes e a explotación de caudais, como algún dos seus inconvenientes, e denuncian que a maior parte das escalas que salvan as presas non funcionan. Así e todo, desde esta asociación asegúrase “percibir unha preocupación cada vez maior dos promotores de minicentrais polos impactos ambientais”.

Pola súa banda, os seus defensores minimizan os posibles inconvenientes. Desde Iberdrola asegúrase que están sometidas a rigorosos controis ambientais por parte das autoridades. O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) considera que o estado actual da tecnoloxía permitiu que o impacto ambiental sexa mínimo. Tamén varios estudos confirman a bondade desta enerxía renovable. No 2000, o IDAE, o Centro de Investigacións Enerxéticas Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), a Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA) e os órganos competentes de cinco gobernos autónomos -Aragón, Cataluña, Galicia, Navarra e País Vasco- concluían nun estudo que a minihidráulica era a enerxía máis respectuosa co medio natural, e sinalaba que 1 quilovatio/hora (kWh) minihidráulico é 300 veces máis limpo ca 1 kWh de lignito. Hidronorte, unha empresa que posúe máis de dez minicentrais en España, encargoulle a unha consultora independente, en colaboración coa Universidade de Vigo, un Programa de Vixilancia Ambiental que coñecese o impacto da súa central de Fecha sobre o río Tambre en Santiago de Compostela. O estudo confirmou que a central non causaba ningún efecto negativo sobre a vexetación e fauna piscícola da zona, e que as augas non presentaban indicios de contaminación.

Amais das críticas ecoloxistas, os longos procedementos administrativos e os grandes esforzos necesarios para pór en marcha unha pequena central hidráulica frean a expansión destas centrais, e aínda que os seus promotores asumen estes problemas, reclaman que a Administración fomente esta enerxía. Moitas destas infraestruturas son propiedade parcial ou total do Estado e a súa posta en marcha esixe unha concesión administrativa por concurso público. A Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA) contabilizou que con impactos ambientais mínimos aínda se poderían explotar uns 450 MW minihidráulicos en España, e aseguran que “existen 173 encoros do Estado que xa están construídos -polo tanto, co impacto ambiental xa producido- e dos que se podería tirar un aproveitamento enerxético. Pero nin sequera eses saen a concurso”. O IDAE, pola súa banda, insiste na necesidade de harmonizar os criterios ambientais das distintas Comunidades Autónomas e a Administración Xeral do Estado para a autorización de novos aproveitamentos hidroeléctricos.

Vantaxes e inconvenientes da enerxía hidráulica

Vantaxes sobre outras fontes de enerxía:

  • Dispoñibilidade. O ciclo da auga convérteo nun recurso inesgotable.
  • Enerxía limpa: Non emite gases “invernadoiro”, nin provoca chuvia ácida, nin produce emisións tóxicas.
  • Enerxía barata: As custas da súa explotación son baixas, e a súa mellora tecnolóxica fai que se aproveite de modo eficiente os recursos hidráulicos dispoñibles.
  • Traballa a temperatura ambiente: Non se precisan sistemas de refrixeración ou caldeiras, que consomen enerxía e, en moitos casos, contaminan.
  • O almacenamento de auga permite a subministración para regadíos ou a realización de actividades de lecer.
  • A regulación do caudal controla os riscos de inundacións.

Inconvenientes

  • A súa construción e posta en marcha require investimentos importantes. Ademais, os emprazamentos onde se poden construír centrais hidroeléctricas en boas condicións económicas son limitados.
  • Os encoros convértense en obstáculos insalvables para especies como os salmóns, que teñen que remontar os ríos para desovar. Pola súa banda, os encoros afectan os leitos dos ríos, provocan erosión e inciden, en xeral, sobre o ecosistema do lugar.
  • Empobrecemento da auga: A auga embalsada non ten as condicións de salinidade, gases disoltos, temperatura, nutrientes e demais propiedades da auga que flúe polo río. Os sedimentos acumúlanse no encoro, polo que o resto do río ata a desembocadura acaba empobrecéndose de nutrientes. Ademais, pode deixar sen caudal mínimo o tramo final dos ríos, especialmente en épocas secas.
  • Os emprazamentos hidráulicos normalmente están lonxe das grandes poboacións, polo que cómpre transportar a enerxía eléctrica producida a través de custosas redes.