Competencias transversais

Podemos mellorar as nosas habilidades sociais

Algunhas habilidades sociais son moi útiles tanto no traballo coma nas relacións persoais
1 Abril de 2005
Img psicologia listado 182

Podemos mellorar as nosas habilidades sociais

/imgs/20050401/img.interiormente.01.jpg
Hai pautas de comportamento que nos poden axudar a cultivar habilidades que nos farán sentirnos mellor con nós mesmos e a ser máis apreciados e valorados polos demais. Naturalmente, estas pautas pódense aprender e podemos convertelas nun hábito.

Ó comezarmos unha conversa: naturalidade, interese e empatía

Procurar:

/imgs/20050401/img.interiormente.02.jpg

  • Saudar e presentarse un mesmo ou unha mesma, con naturalidade, polo menos cando non haxa ninguén que o faga por nós.
  • Mirar ós ollos cando se fala.
  • Facer, cando proceda, algún cumprimento sobre a outra persoa, sen resultar adulador nin demasiado condescendente, pero tratando de transmitir a imaxe positiva que desa persoa se ve ou se coñece.
  • Comentar ou preguntar sobre a situación común que se está vivindo; polo xeral, é o motivo do encontro.
  • Realizar algún comentario ou pregunta sobre o que se coñece do interlocutor, o seu traballo, a súa vida familiar…

Evitar:

  • Falar con ironía ou con tópicos negativos: “Isto parece un funeral, aquí non fala ninguén…”.
  • Pronunciarse de xeito ofensivo sobre alguén: “Que inutilidade de conferenciante”.
  • Ser dogmático nas apreciacións: “Todas as películas son iguais”.
  • Botar a andar a conversa con comentarios demasiado persoais.
  • Falar con voz esaxeradamente alta ou desmesuradamente baixa.
  • Adoptar posturas corporais incorrectas ou pouco elegantes.

Ó mantermos unha conversa: ser activos, escoitar e relax

Trátase de que haxa un equilibrio entre falar e escoitar, para que quen forma parte da conversa se sinta cómodo e atope espazo para participar. Deamos sinais con palabras ou xestos de que estamos escoitando, manteñamos o contacto ocular, falemos sobre algo que estea relacionado co que a outra persoa comenta; se preferimos cambiar de tema, avisemos. Non nos excedamos ó falar nin ó escoitar. Ó responder, cómpre evitar os monosílabos: a conversa debe ser equilibrada.

Ó pedirmos favores: desprendérmonos do temor

Cremos que quen nos arrodea sabe o que queremos ou necesitamos nun momento determinado, pero non sempre é así. Por iso convén transmitirlles indicios dos nosos desexos e necesidades ás outras persoas, e, se se dá o caso, pedir directamente favores. Temos dereito a pedilos: ó outro sempre lle queda a liberdade para dar ou negar. Evitemos o temor a que nos neguen o que solicitamos e a deber favores se nos responden positivamente.

Ó refusarmos peticións: deamos explicacións

Se temos que dar unha resposta negativa, ofrezamos explicacións sucintas e razoadas. E ofrezamos unha alternativa que demostre que nos facemos cargo da inquietude que xerou a petición. Esteamos previdos ante manipulacións que se dan nestas situacións, como os afagos (“como es tan boa persoa pensei que me ías axudar”), a crítica (“nunca che volverei pedir nada”) ou os sentimentos de culpa (“non o esperaba, déixasme fatal”). Aínda que comprendamos as razóns do demandante, manteñámonos firmes se as nosas non variaron.

Ó respondermos ás críticas: raciocinio e ponderación

Cando nos fan unha crítica, podemos sentir que nos están atacando. Tendemos a defendernos, ben devolvendo o “ataque”, ben xustificándonos. Identifiquemos os aspectos obxectivos da crítica e falemos sobre eles evitando tanto a defensa sistemática coma contraatacar porque si.

Ó aceptarmos ou rexeitarmos a outras persoas: firmeza

Nas nosas relacións danse situacións paradoxais: aturamos a quen nos cae mal e espantamos a quen máis apreciamos. Tanto se queremos evitar unha compañía como se desexamos establecer unha comunicación e mantela, farémolo con firmeza. Para iso, hai comportamentos de achega (sorrir, soster a ollada, orientar o corpo cara á outra persoa e demostrar con palabras o noso interese polo que fai ou di) e de rexeitamento: digamos e fagamos, educadamente, o necesario para que a outra persoa capte o noso desinterese, respondamos con monosílabos, ollemos a outras persoas e despidámonos con cortesía.

Ó admitirmos o descoñecemento: non hai que sabelo todo

É molesto atopármonos con persoas que o saben todo, que cando lles vas contar algo responden invariablemente “si, xa o sabía” ou “vasmo contar ti a min!”. O que nos fai grandes e apreciados e recoñecermos ante os demais que descoñecemos o que nos están a contar ou que nos parece interesante o que nos explican porque o descoñeciamos. Non sucumbamos a pensamentos como “que van pensar se digo que non o sei” ou “eu debería saber estas cousas”, que só nos prexudican.

Ó recoñecermos os nosos erros: elegancia e humildade

Todos cometemos erros, e é de persoas nobres e maduras recoñecelos. É máis, quen o fai ben goza de prestixio social, xa que ocultar os erros é unha mostra de debilidade. Recoñezamos con elegancia e humildade, pero sen permitir que os demais se ‘ceben’. Para encaixarmos os erros, evitemos pensamentos negativos como “son un desastre”, ou “isto é imperdoable nunha persoa coma min” ou “non sei como me pode pasar isto”.

Ó recibirmos cumpridos: serenidade

Non recorramos á falsa modestia cando nos recoñecen ou agradecen que fixemos ben algo. Cando os aloumiños son sinceros, aceptemos con serenidade e con agrado a intención de valorarnos, pero non devolvamos o afago nin minimicemos os nosos méritos. O mellor é dar as grazas e facer comentarios como “a verdade é que me custou moito facelo” ou “alédame que che gustara”.

Para rematarmos unha conversa: ó gran

Cando desexemos que un encontro ou conversa remate, cómpre ter o convencemento íntimo de que temos dereito a elixir e a manifestarnos con claridade, evitando os pensamentos que nos inducen a crer que é de mala educación interromper a outra persoa, ou que se podería ofender. Abonda con: “perdoe a interrupción, teño que marchar”.