Como se pode descubrir nova música en internet?

O software relacional permite coñecer novos grupos e artistas a través de servizos como Last.fm, Bandcamp e Hitlantis, entre outros
1 Novembro de 2013
Img internet listado 845

Como se pode descubrir nova música en internet?

A música en streaming facilita que se poidan escoitar os temas dos artistas e das bandas favoritas dende calquera lugar, sempre que se dispoña de conexión. Servizos como Spotify, iTunes Match ou Google Music Play permiten acceder a un inmenso catálogo musical a un prezo moi competitivo. Non obstante, preséntase un problema crecente: na rede a promoción dos novos artistas pasa máis desapercibida e resulta máis difícil coñecer novos valores cos que estimular a curiosidade musical. A seguir, móstranse algunhas plataformas e aplicacións idóneas para descubrir novos músicos grazas ás tecnoloxías de relación e recomendación.

  • Bandcamp naceu en 2008 como un servizo pioneiro na promoción de novos valores musicais independentes. Nestes momentos, contén un catálogo de máis de cinco millóns de cancións, con máis de 600.000 álbums, procedentes de case 200 países. Fíxose moi famoso porque diversos artistas de sona, como Amanda Palmer ou Clem Snide, romperon coas súas discográficas para vender dende Bandcamp.

    • O principal sistema de recomendación que utilizan é o gusto do seu equipo de expertos, que aconsellan que se sigan novos grupos ou artistas que acaban de descubrir; polo tanto, funciona como unha revista musical dixital. Agora ben, para ser descuberto polo conxunto de críticos, o artista debe subir a súa música ao servizo, onde pode crear a súa propia páxina. De cada venda, Bandcamp leva un 15 %, pero se os ingresos superan os 5000 dólares queda só co 10 %.
  • Music Bloodline “liña sanguínea musical” establece relacións de influencia entre os diversos artistas, tanto os que influíron neles coma a quen influíron eles. Este servizo está asociado a Amazon para comprar as cancións e a Spotify para poder escoitalas en streaming.

    • Ha de utilizarse dun xeito visual e intuitivo: abonda con introducir o nome dun artista na caixa de busca e, no centro, aparece unha fotografía do músico. No lado esquerdo, veranse as súas influencias e, no dereito, os seus seguidores. Se se preme sobre algún destes artistas, este pasa ao lugar central e repítese a repartición de pantalla entre influencias e influenciados.
  • One Track Mind é interesante para descubrir grupos de rock independente. Baséase na escoita dunha canción, na súa valoración e na oferta de grupos similares. O servizo proporciona a posibilidade de oír un tema escollido de forma aleatoria, de valoralo e de escoitar despois grupos relacionados. As cancións pódense descargar ao ordenador e, se están, pódense oír tamén en Spotify. Ademais, pódense compartir nas redes sociais.
  • Pola súa banda, a aplicación Song Z App para dispositivos co sistema operativo iOS (iPod Touch, iPhone e iPad) permite descubrir novos artistas de rock independente. Baséase en percorrer unha serie de páxinas e fotos especializadas en novos talentos e en detectar os nomes dos artistas e das bandas máis comentados. Despois, ofréceas na aplicación e permite escoitar un tema.

Aplicacións para descubrir música en Spotify

  • Last.fm que foi a radio intelixente máis popular no seu momento, hai tempo que deixou de emitir música por problemas de licenzas, pero conserva todo o potencial do software de recomendación que a fixo famosa. Agora está ao servizo de Spotify como aplicación interna e recomenda artistas similares aos que escoitamos.
  • Filtr xera listas de reprodución a partir dos artistas que indicamos previamente. A diferenza de Last.fm, hai que introducir datos sobre o tipo de artista que nos gusta e sobre o seu estilo. Tamén se poden producir listas a partir do que escoitan os nosos contactos en Facebook e, unha vez creada unha lista, pódese engadir aos nosos favoritos ou compartila na rede social.
  • Sounddrop funciona coma os antigos chats, onde se creaban salas temáticas de discusión. Neste caso, as salas están referidas a un estilo musical ou a un artista e nelas os usuarios poden ir engadindo temas que cren que están relacionados, de xeito que cando entramos nunha sala nova atopamos recomendacións dos usuarios que participaron na súa elaboración.