Andreu Farran-Codina, Investigador no INSA

"Os azucres e os alimentos refinados non deben ser os principais subministradores de glicosa"

1 noviembre de 2013
Img entrevista 2 listado 133

O azucre é prexudicial?

En realidade, teriamos que falar de “azucres” e non de “azucre”, pois existen diferentes tipos que son absorbidos e procesados polo noso organismo de forma tamén diferente. A glicosa é o máis importante e o que ten máis presenza na nosa alimentación. O azucre será prexudicial se se consome en exceso, pero podemos dicir o mesmo das proteínas, das graxas, da vitamina A ou do calcio. Cada nutriente pode xerar problemas se se consome en cantidades excesivas.

Cales son os problemas específicos do consumo excesivo de azucres?

Ao noso organismo non lle gustan os cambios bruscos, prefire os cambios suaves porque que lle resultan máis doados de controlar. Unha inxestión alta de azucres pode comportar unha elevación brusca dos niveis de azucres no sangue, o que supón unha serie de inconvenientes. Para evitalos, o noso corpo segrega altas cantidades de insulina, que permiten diminuír eses niveis e regresar á normalidade. Se este cadro se produce ocasionalmente, non ten máis consecuencias. No Nadal podemos comer turróns, mazapáns e bombóns sen sentirnos culpables. Pero se esta situación se repite día a día, pode xerar, unha vez pasado un tempo considerable, problemas metabólicos severos capaces de producir enfermidades crónicas, como a diabetes, entre outras.

Que papel desempeñan os azucres no aumento de peso?

O consumo alto de azucres está asociado, habitualmente, a un consumo excesivo de calorías. Isto acontece porque os azucres adóitanse atopar en alimentos “superfluos”, como as bebidas refrescantes, a confeitería ou a pastelería. Estes alimentos, pracenteiros, poden estar nunha dieta equilibrada nas cantidades axeitadas. O problema vén cando se consomen de xeito abundante. Nestes casos, haberá un exceso de consumo de enerxía que, inevitablemente, se almacenará no noso mellor depósito: o tecido graxo. Se esta acumulación de graxa é continuada pode chegar a desembocar en sobrepeso e obesidade.

O azucre é responsable da obesidade?

É incorrecto atribuírlle ao consumo excesivo de azucre toda a responsabilidade do incremento de sobrepeso, obesidade, enfermidade cardiovascular e diabetes que se observa nalgúns países. Trátase dun dos factores que pode influír, pero non o único. O excesivo consumo de graxas (especialmente graxas saturadas e graxas trans), o sedentarismo, o tabaquismo e outros factores poden tamén incrementar a incidencia destas enfermidades e mesmo poden chegar a ter un papel máis importante.

Que lugar deben ocupar os azucres na nosa dieta?

Os azucres son moi importantes e non podemos prescindir deles. Outra cuestión é a forma en que chegan ao noso organismo. A glicosa, por exemplo, pode inxerirse como azucre ou formando parte do amidón que está presente nos alimentos vexetais. A diferenza non é banal, xa que nestes alimentos a absorción da glicosa contida no amidón non é brusca, senón lenta e progresiva. Ou sexa, do xeito que prefire o noso corpo. De feito, poderiamos vivir perfectamente sen azucre e abastecernos de glicosa grazas aos alimentos que conteñen amidón e co procedente dos azucres presentes na froita. De feito, así foi a dieta da maior parte da humanidade, ata que no século XVIII se empezou a producir azucre de xeito industrial.

Que alimentos constitúen unha boa fonte de glicosa?

A glicosa pode atoparse en forma de amidón nos cereais -arroz, trigo, millo…- e nos seus derivados, como as fariñas e os produtos elaborados con elas -pans, pastas alimenticias, galletas…-. Tamén está presente nos tubérculos feculentos -patacas, batatas…-, nos legumes -fabas, garavanzos, lentellas ou chícharos- e nalgúns froitos secos, como as castañas e as chufas. Necesitamos inxerir glicosa coa dieta e é preferible que sexa mediante alimentos vexetais ricos en fibra, pero isto non quere dicir que non poidamos consumir azucre ou alimentos refinados como pan branco ou pasta, tan só que non podemos darlles protagonismo como subministradores de glicosa.

Hai azucres “bos” e “malos”?

Algúns azucres recibiron popularmente a etiqueta de “bos”, como a frutosa e o sorbitol. Ambos os dous presentan un poder edulcorante importante e, no caso do sorbitol, certo sabor “refrescante”. Existe certa tendencia a pensar que se poden consumir sen límite ningún. Isto non é así: o seu consumo debe controlarse igual que o doutros azucres. No caso do sorbitol, un exceso pode xerar molestos gases e diarreas. Tamén existe a lenda de que o mel é mellor ca o azucre branco. Malia que, a igual cantidade, o mel achega un pouco menos de enerxía que o azucre branco, o seu consumo tampouco pode ser ilimitado, xa que se trata dun xarope complexo de varios azucres, principalmente glicosa e frutosa.