Buscar médico por internet

O médico a un clic

O 65 % das persoas que acoden ao médico navegan pola rede, xa sexa para entender que lles sucede ou para buscar alternativas ao tratamento
1 Novembro de 2013
Img salud 2 listado 259

O médico a un clic

Son moitos os internautas que, atemorizados por un síntoma ou por unha enfermidade, se asoman á rede na busca dunha solución para o seu problema, xa sexa un tratamento ou un profesional médico. O 65 % das persoas que acoden ao médico navegan por internet, antes ou despois, para entender que quería dicirlles o médico ou para investigar se existen segundas alternativas, segundo un estudo de Red.es de 2012, do Observatorio Nacional de Telecomunicacións (ONTSI). Un clic co rato parece un remedio cómodo, rápido, sinxelo e barato para calmar a inquietude ou o malestar interior que provoca un problema de saúde.

Pero calquera busca en internet que teña que ver coa saúde débese contrastar co médico e a fácil accesibilidade que brinda a rede non debe substituír a relación médico-paciente. Hai que ter en conta que os motores de potentes buscadores, coma Google, non son capaces de discriminar a información de calidade daquela que non o é, polo que na práctica internet é un inxente caixón de xastre, un mundo paralelo que contén información sen clasificar e en abundancia, e no que os usuarios sen coñecementos en saúde poden tropezar con información pouco fiable, inadecuada para o seu problema, confusa ou, simplemente, incompleta. Trátase dun erro que pode sumir o ousado internauta nun profundo estrés e angustia pola chamada infoxicación (ou intoxicación por un exceso de información) e conducilo á cibercondría (ou temor excesivo ou inxustificado a padecer unha enfermidade tras informarse en internet), que son algunhas das consecuencias negativas da mala utilización da rede; é dicir, sen pasar pola peneira da consulta dun médico. Como se pode saber, polo tanto, onde se ha buscar información sobre a saúde e como se poden identificar as páxinas web con garantías de seguridade?

Webs seguras: o seu sinal de identidade

O Colexio Oficial de Médicos de Barcelona (COMB) recoméndalles aos internautas que se rexan por certos criterios, a modo de filtros, para decidir se unha web de saúde é segura ou non o é. A seguir, indícanse algúns destes criterios para aprender a desenvolver ese “ollo clínico”:

  • Buscar se ten un selo, coma o de web médica acreditada (WMA), que acredita ou certifica que a web de saúde consultada ofrece garantías, que hai médicos vinculados a ela e que esta web foi reacreditada anualmente. Non obstante, hai que ter en conta que pode haber webs médicas de calidade non acreditadas, simplemente por descoñecemento dos seus responsables ou por outras causas. Por esta razón, tamén é conveniente aplicar os seguintes criterios:

    • Desconfiar dos sitios web onde se anuncien curas milagrosas, remedios antigos, ingredientes secretos, promocións especiais, obsequios e rebaixas en tratamentos, xa que se identificaron informacións pouco precisas e, en ocasións, fraudes referentes a áreas moi sensibles, coma o cancro ou a dieta.
    • Ser capaz de responder unha batería de preguntas cando se visita unha web sanitaria, como quen son os seus responsables e como se pode contactar con eles, quen é o seu financiador, cal é a súa fonte orixinal de información, se está actualizada, se os profesionais están ben identificados e se os contidos publicitarios están claramente diferenciados.
  • Ter en conta que a compra de medicamentos de prescrición por internet está prohibida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e, se se compra algún medicamento sen receita, facelo con moita precaución.
Escoller médico por internet

Buscar información sobre saúde xa non é a única opción que a rede lles permite aos seus usuarios. Agora tamén é posible ir máis alá, grazas á interacción que permiten as webs 2.0, e reservar cita médica en liña. Esta libre elección de especialista-médico xa é posible tanto no ámbito privado -a través de diversas plataformas que apareceron nos últimos anos, coma Doctoralia, líder no sector- coma no ámbito da sanidade pública, en comunidades autónomas coma Madrid e Andalucía. Para asegurarse de que se realiza unha boa elección, pódense aplicar, ademais dos filtros xa sinalados para as páxinas web de saúde, os que se describen a continuación:

  • Se existen dúbidas sobre a identidade dun profesional, pódese facer unha comprobación mínima, xa que os colexios de médicos e a organización médica colexial (OMC) que os agrupa contan con sistemas de busca por internet, onde se pode comprobar que os seus datos (nome, apelidos, número de colexiado e especialidade) sexan correctos.
  • Non confiar cegamente nos pacientes que verten opinións moi críticas ou aduladoras sobre un profesional nos foros e nas redes sociais, sobre todo se estes pacientes non se identifican ben co nome e cos apelidos e con algún teléfono ou enderezo electrónico de contacto (a falta da expansión de certificados dixitais, que identifiquen cada usuario e que será o futuro), porque poden faltar á verdade da praxe e do trato proporcionados polo médico en cuestión.
  • Se se quere coñecer máis acerca da súa carreira e reputación, non hai que conformarse cunha soa web, senón que convén buscar en varios lugares: dispón dalgún blog? conta con artigos publicados en revistas científicas?