Seguros de alugueiro de vivendas

Asegurar o cobro do alugueiro

A oferta para particulares segue a ser moi limitada e pouco económica
1 Abril de 2005
Img economia listado

Asegurar o cobro do alugueiro

/imgs/20050401/img.ecodomestica.01.jpg
O exiguo 4,2% de incremento que experimentou o alugueiro de vivendas durante os dous primeiros meses do 2005 non dá sacado a España dos postos de cola na clasificación de países europeos en arrendamento de casas. Do total de vivendas, só o 10% son alugadas, mentres que en Alemaña chegan ó 60% e en Holanda ó 40%. Un motivo de peso que explica este cativo desenvolvemento do mercado do alugueiro en España é o medo dos propietarios ó non pagamento e ós estragos que os inquilinos ocasionan nas casas. Isto, engadido a que a vivenda segue a ser un investimento rendible e á escasa defensa xurídica do propietario fronte ó inquilino frea a oferta de vivendas en alugueiro e explica que en España haxa máis de tres millóns de vivendas baleiras. Entre as medidas que se estudan para promover o arrendamento de vivendas destaca a contratación de seguros de alugueiro, póliza que ofrecen organismos públicos e compañías de seguros. Hai poucas empresas que ofrezan este tipo de seguros e o seu custo non é precisamente económico.

Seguro de alugueiro para particulares

/imgs/20050401/img.ecodomestica.02.jpg
Non se trata dun seguro de fogar normal, senón dun produto novo que polo de agora ofrecen poucas aseguradoras e que contrata o propietario da vivenda para se protexer, sobre todo, do non pagamento do alugueiro. A cota anual que se paga equivale, aproximadamente, ó 60% da renda mensual: se o inquilino paga 600 euros de alugueiro ó mes, unha póliza de seguro custaralle ó arrendador uns 360 euros ó ano.

Requisitos obrigatorios para o inquilino.

Os propietarios titulares deste seguro deben entregarlle á aseguradora todos os datos correspondentes do inquilino, para que esta comprobe previamente a súa solvencia e avalíe o risco. Para iso solicítanselle as últimas nóminas e o contrato de traballo. Este procedemento séguese nas dúas aseguradoras dirixidas a particulares: é idéntico na Mutua de Propietarios e en La Estrella. Requisitos obrigatorios para o arrendador. Debe presentar un contrato de alugueiro e o seu DNI.

Coberturas

  • Non pagamento. Adoita cubrir entre seis e doce meses de non pagamento do inquilino, segundo o contrato que queira asinar o titular. Estímase unha compensación económica das rendas vencidas e non pagadas de ata un máximo mensual de 1200 euros.
  • Estragos no inmoble. Aínda que é unha das coberturas que máis demandan os arrendatarios, as condicións en que se ofrece non son as mellores para o consumidor. Mediante esta cláusula algúns seguros cobren ata 3000 euros polos danos sufridos polo inmoble, pero só se se produciron durante o proceso de desafiuzamento e cando se demostre que son consecuencia de actos vandálicos. É dicir, cóbrense os danos causados por inquilinos que, ó se veren obrigados a abandonar unha vivenda por desafiuzamento, causan estragos no inmoble. Nesta cobertura non se inclúen os danos ocasionados na vivenda durante o período de alugueiro.
  • Axuda xurídica. É pouco habitual que este tipo de seguros ofrezan cobertura xurídica, pero hai algunhas aseguradoras especializadas neste campo, como DAS Internacional S.A., compañía que proporciona axuda xurídica. No caso dos seguros de alugueiro, facilita defensa xurídica ata que os inquilinos lle entreguen as chaves ó caseiro sen necesidade de contratar coberturas extras.

Vixencia do seguro.

Pode entrar en vigor desde a data de formalización do contrato de alugueiro, pero cunha condición: que non haxa mensualidades non pagadas. Non é un seguro para cobrar anteriores cotas non aboadas, senón para cubrir futuros non pagamentos.

Seguros de alugueiro vinculados a programas de xestión pública

As administracións e institucións públicas están promovendo programas de alugueiro de vivendas baleiras dentro do denominado Plan de Choque do Ministerio de Vivenda. Creáronse axencias municipais de alugueiro para canalizar a oferta de pisos en arrendamento e, á vez, ofrecerlles ós seus propietarios un seguro que cubra posibles non pagamentos, como o que ofrece ACC Seguros.

  • Cotas de alugueiro. Son inferiores ás do mercado libre, pero, a cambio, o propietario ten a seguridade de que non sufrirá non pagamentos e non ten que se preocupar de nada. Ademais, facilítaselles o uso das vivendas que forman parte destas axencias a persoas sen recursos económicos abondos para acceder a unha vivenda de alugueiro no mercado libre.
  • Vixencia do contrato. O propietarios que se acollan a esta modalidade de alugueiro deben estar dispostos a arrendar a súa vivenda por cinco anos.
  • Contrato. Pódese dicir que se formalizan dous contratos: un, entre o propietario do inmoble e o organismo público; e outro entre o inquilino e a institución pública, que pode ser un concello ou goberno autonómico. Non se asina contrato ningún entre o propietario e o arrendatario. Isto significa que a empresa pública se compromete ó pagamento puntual da renda mensual, que se calculará segundo os prezos de alugueiro da zona na que se localiza a vivenda.
  • Non pagamentos. O organismo ou empresa pública (como a Axencia Municipal de Alugueiro do Concello de Madrid, o Instituto da Xuventude -Injuve- ou Bizigune no País Vasco) responsabilízase, a través dos seguros de alugueiro subscritos entre a empresa pública e o propietario, da conservación da vivenda e de entregarlla en boas condicións así que remate o contrato. O único requisito é que a vivenda non sexa de protección oficial.