Sandalias de trekking

As baratas son as máis interesantes

Algunhas non serven para terreos desiguais ou mollados
1 Xullo de 2003
Img analisis 2 listado

As baratas son as máis interesantes

Analizáronse oito modelos de sandalias de travesía de pel que custan desde os 51 euros de Nike Straprunner IV Leather, as máis baratas, ata os 80 euros de Teva Circuit Leather. A mellor relación calidade-prezo é Kenai Land de Adidas, a terceira máis barata, por ser sólida, resistente, confortable e recibi-la mellor valoración dos expertos. Outra boa opción é a de Nike, a máis barata, unha das de maior calidade, tamén sólida e resistente, pero discreta na proba de uso.

A aparición de novos materiais motivou a chegada de novos calzados de montaña, como as zapatillas de marcha ou as sandalias de travesía ou de trekking, que van máis alá das tradicionais botas. Estas sandalias diferéncianse das convencionais en que as solas están preparadas para longas camiñadas e en que teñen máis puntos de suxeición para que o calzado se manteña firme e suxeito ó pé e non abanee por moi esgrevios que sexan os terreos polos que se transite. Unha sandalia de travesía cómpre que sexa sólida e resistente, pero sen que iso afecte á comodidade de uso nin á seguridade que debe proporcionarlles ós músculos e ás articulacións. Tamén é conveniente que resulte o máis liviá posible: Nike é a máis lixeira, con 557 gramos, mentres que a de Salomón (883 gramos) é a máis pesada.

As oito sandalias foron valoradas por tres expertos que mediron a súa ergonomía (axuste das tiras, sistemas de atado, comportamento da parte superior da sandalia e deseño anatómico das tiras), resistencia e seguridade (suxeición ó pé e calidade do acabado do producto) e comodidade (adaptación rápida á sandalia, flexibilidade do producto, resistencia ós escorregóns, amarre do pé sobre a soleta e calidade do revestimento e das tiras). Todos estes aspectos puntuáronse de 1 a 5.

O que dixeron os expertos

Adidas Kenai Land e Teva Circuit Leather, ámbalas dúas con 4,5 puntos, foron as mellor cualificadas, sobre todo pola súa comodidade. A puntuación máis baixa recaeu sobre Asolo Scrambler Raz (3 puntos) e Nike Straprunner IV Leather (3,4 puntos), cun resultado só aceptable. Asolo resultou “moi insatisfactoria” no axuste das tiras e na suxeición que a sandalia exerce sobre o pé, mentres que Nike non retén ben o talón nin a zona transversal e as súas tiras non teñen un deseño anatomicamente axeitado. Salomón (3,6 puntos) fallou no sistema de amarre (a súa presilla de plástico é fráxil e para abri-la parte traseira cómpren as dúas mans) e na suxeición do pé. Columbia (3,7 puntos), Merrel (3,9 puntos) e Timberland (3,9 puntos) quedaron en postos intermedios.

Para avalia-la solidez das oito sandalias analizouse a resistencia ó esgazamento dos diferentes materiais, a forza de suxeición do velcro e a resistencia á abrasión e forza de suxeición da sola exterior. Tódolos calzados acadaron un bo resultado en resistencia ó esgazamento, o que redunda positivamente na súa durabilidade. As probas realizadas consisten en somete-las diferentes partes das sandalias a fortes tensións ata rompelas. Nike e Timberland acadaron a puntuación máxima. Os elementos de amarre de Asolo e Salomón foron os máis discretos neste apartado (3 puntos sobre 5). Merrel, pola súa banda, suspendeu na resistencia ó esgazamento da sola (2 puntos de 5), polo que non é un calzado recomendable para camiñar sobre superficies desiguais ou abruptas.

Das seis sandalias que utilizan velcro como suxeición (todas agás Timberland e Salomón) cinco demostraron a máxima fixación mediante este sistema. Merrel foi a única que só logrou o aprobado (3 puntos sobre 5). No laboratorio mediuse tamén o desgaste (perda de volume) que sofre unha sola cando se arrastra sobre 40 metros de papel abrasivo. Canto menor sexa esa perda, máis resistente é a sola. As oito sandalias demostraron un comportamento moi satisfactorio, aínda que Salomón e Nike sobresaíron cunha perda de volume de só 48 mm3 e de 51 mm3 respectivamente, menos da metade ca Columbia, con 127 mm3, e ca Teva, con 115 mm3.

Resistentes pero con diferencias

Nike e Timberland son as sandalias máis resistentes, pois acadaron a máxima puntuación en tódalas probas. Merrel, malia a obter unha boa valoración global, é a menos resistente, sobre todo pola súa sola pouco resistente ó esgazamento.

Instintivamente, moitos consumidores dobran 45º o calzado antes de o probaren, aínda que este movemento de pouco serve xa que a zona do pé por onde se vai curva-la sandalia non é a ponte senón que se sitúa máis cara á punta. Unha sola flexible proporciona maior comodidade, polo que o laboratorio mediu a forza precisa para dobra-la sandalia 45º, segundo o eixe de flexión natural do pé (metatarso).

Canto menor sexa a forza precisa, maior é a flexibilidade da sandalia. Os modelos máis dúctiles son Asolo, Salomón, Teva e Timberland, os catro coa puntuación máxima. Merrel, pola contra, foi bastante máis ríxida e suspendeu neste test (2 puntos de 5).

Os materiais cos que se elabora a sola inflúen directamente na posibilidade de sufrir esvaróns. Para esta proba, as sandalias dispuxéronse nunha superficie de aceiro lubricada con glicerina. Merrel (5 puntos) foi a mellor, e Adidas, Asolo, Columbia, Nike e Salomón obtiveron tamén un bo resultado (4 puntos de 5). A sola da sandalia Teva obtivo unha resistencia ós escorregóns aceptable (3 puntos), mentres que a de Timberland suspendeu (2 puntos), polo que non se recomenda o seu uso en superficies molladas.

Protexe-lo pé

Ó camiñar, correr ou saltar o pé entra en contacto co chan a unha velocidade determinada e detense bruscamente. Unha sandalia debe amortece-lo choque da pisada para protexe-los músculos e articulacións. Neste ensaio, a sandalia colócase nunha forma metálica dunha mesa de impactos e aplícanselle choques controlados de 65 quilogramos para medi-la relación entre o golpe recibido e o golpe aplicado. Así, canto máis o amorteza, mellor será a sandalia.

Nike e Teva contan coas solas que máis absorben a enerxía dos impactos (amortecen o 40%), e Adidas, Asolo, Columbia, Merrel e Salomón tamén obtiveron resultados satisfactorios (sobre o 31%). Timberland (21%) é a sandalia con menor capacidade de absorción de impactos.

Para estima-la durabilidade deste tipo de calzado, calcúlase o coeficiente de rendemento de enerxía no talón, que mide a forza que o calzado lle devolve ó pé logo de cada pisada.

Para iso, comprímese a zona do talón cunha forma (400 decaNewton) para de seguido comprobar cómo volve ó seu ser e cánto tarda en facelo. Todas aprobaron, aínda que con diferencias: Columbia, Nike e Teva alcanzaron a valoración máxima, polo que se pode inferir que son as máis duradeiras. Asolo obtén a valoración máis modesta (3 puntos de 5). Adidas, Merrel, Salomón e Timberland obtiveron porcentaxes intermedias (todas 4 puntos).

En xeral, as sandalias máis cómodas son as de Teva, seguidas de preto por Adidas. As menos cómodas, aínda que tamén aceptables, son as de Salomón e Timberland.

Fronte á auga

Durante unha travesía é posible que as sandalias se mollen, pola chuvia, por unha poza, por atravesar un río ou somerxerse na auga mariña. Por iso, no laboratorio comprobouse a resistencia das tinturas empregadas fronte á auga doce e fronte á auga do mar. Nike e Adidas son as únicas sandalias con tinturas que non se desgastaron en ámbolos medios, e acadaron en tódolos casos a máxima puntuación. No resto, os colorantes utilizados nos revestimentos superiores aguantan máis cós das soletas. As tinturas das soletas de Asolo, Columbia e Teva descolóranse e destinxen o pé se entran en contacto con calquera tipo de auga. Salomón, pola súa banda, tivo un bo comportamento en auga doce, pero malo en auga salgada.

Para calcula-la auga que absorbe e evacúa unha sandalia somérxese durante unha hora e obsérvase cánto peso gaña. Logo, mídese fóra cánto tarda en perder ese líquido. O ideal é que gañe pouca gramaxe, e que a perda pouco despois de saír da auga. Adidas foi a única sandalia que obtivo un comportamento moi satisfactorio nesta proba, seguida de Teva, mentres que Salomón foi a máis discreta.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 8 modelos de sandalias de ‘trekking’ de pel. Están indicadas para longas camiñadas por sendeiros máis ou menos accesibles e o seu prezo varía desde os 51,45 euros de Nike Strapunner IV Leather ata os 80,20 euros de Teva Circuit Leather.
  • As sandalias mellor valoradas na proba práctica foron Adidas e Teva (ámbalas dúas 4,5 puntos de 5). As puntuacións máis modestas merecéronas Asolo e Nike, que fallaron na suxeición ó pé.
  • No laboratorio, Adidas e Nike foron as mellores, sen amosaren ningún punto débil. En xeral, as sandalias fallaron na descoloración das tinturas. Salomón absorbe unha gran cantidade de auga que non evacúa convenientemente. A sola de Timberland esvara e a de Merrel é pouco flexible, o que derivará nun mal avellentamento.
  • No tocante á calidade global, Adidas, Merrel, Nike e Teva alcanzaron o ‘moi ben’. Asolo, Columbia, Salomón e Timberland quedáronse nun ‘ben’.
  • A mellor relación calidade-prezo é Adidas Kenai Land, a terceira máis barata, por ser unha sandalia sólida, resistente e cómoda, ben valorada polos expertos e apta para superficies duras, aínda que non agresivas. Outra opción interesante é a de Nike, a segunda peor na proba de uso, pero de moi boa calidade segundo o laboratorio.
PARAMETROS ADIDAS NIKE COLUMBIA
MODELO Kenai Land Straprunner IV Leather Trail Meister
Prezo (euros) 57,95 51,45 55,45
Características Xerais
Peso (g/par) 633 577 863
Estabilidade da cor (escala 1 a 5)
Á auga doce do revestimento 5 5 5
Á auga mariña do revestimento 5 5 4
Á auga doce da soleta 5 5 1
Á auga mariña da soleta 5 5 1
Solidez (escala 1 a 5)
Resistencia ó esgazamento
Da parte superior 5 5 5
Da presilla posterior Non ten 5 5
Dos elementos de suxeición 4 5 4
Da sola externa 5 5 5
Forza de suxeición ó velcro 5 5 5
Sola exterior
Resistencia á abrasión 5 5 5
Forza de suxeición entre as partes 5 5 4
Confort (escala 1 a 5)
Flexibilidade da sola 4 3 4
Resistencia ós esvaróns da sola 4 4 4
Rendemento de enerxía na zona do talón 4 5 5
Absorción do impacto na zona de talón 4 5 4
Absorción de auga tras 1 hora 5 3 3
Eliminación de auga 5 5 5
Uso recomendado Terreos duros pero non agresivos Todo tipo de terreos Terreos non agresivos e húmidos
Proba de uso con expertos (escala 1 a 5) 4,5 3,4 3,7
Calidade Global Moi ben Moi ben Ben
PARAMETROS TEVA MERREL TIMBER-
LAND
SALOMON
MODELO Circuit Leather Tahiti Leather Del Fuego/
Mana
Habana de Luxe Graz
Prezo (euros) 80,20 77,48 78,67 75,82
Características Xerais
Peso (g/par) 696 776 738 883
Estabilidade da cor (escala 1 a 5)
Á auga doce do revestimento 4 5 3 4
Á auga mariña do revestimento 5 5 3 4
Á auga doce da soleta 1 4 2 3
Á auga mariña da soleta 2 5 3 1
Solidez (escala 1 a 5)
Resistencia ó esgazamento
Da parte superior 5 5 5 5
Da presilla posterior Non ten 5 5 Non ten
Dos elementos de suxeición 5 5 5 3
Da sola externa 4 2 5 5
Forza de suxeición ó velcro 5 3 Non ten Non ten
Sola exterior
Resistencia á abrasión 5 5 5 5
Forza de suxeición entre as partes 5 5 5 5
Confort (escala 1 a 5)
Flexibilidade da sola 5 2 5 5
Resistencia ós esvaróns da sola 3 5 2 4
Rendemento de enerxía na zona do talón 5 4 4 4
Absorción do impacto na zona de talón 5 4 3 4
Absorción de auga tras 1 hora 4 2 3 1
Eliminación de auga 5 5 4 3
Uso recomendado Terreos duros pero secos Terreos non rugosos Todo tipo de terreos secos Todo tipo de terreos
Proba de uso con expertos (escala 1 a 5) 4,5 3,9 3,9 3,6
Calidade Global Moi ben Moi ben Ben Ben

Unha a unha

Unha a unha, oito sandalias de trekking

ADIDAS Kenai Land

  • 57,95 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. As tinturas empregadas son moi resistentes á auga doce e á mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. O seu baixo peso e boa flexibilidade ofrecen unha gran comodidade. Ademais, a súa sola amortece ben os impactos. Axeitada para terreos duros, pero non agresivos. Valoración de expertos: a mellor (4,5 puntos de 5).

NIKE Straprunner IV Leather

  • 51,45 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Outra boa opción. As máis baratas. As tinturas empregadas son moi resistentes á auga doce e á mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. As máis lixeiras, pero a súa flexibilidade é só aceptable. A sola amortece ben os impactos. Axeitada para calquera superficie. Valoración de expertos: Aproban, pero son as segundas peores (3,4 puntos de 5 posibles). Mal no deseño anatómico das tiras e na suxeición do pé.

COLUMBIA Trail Meister

  • 55,45 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • As segundas máis baratas. As tinturas da soleta destinxen ó entraren en contacto coa auga doce e mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. As segundas máis pesadas, pero cómodas gracias á súa gran flexibilidade. Ademais, a súa sola amortece ben os impactos. Non se recomenda para superficies molladas e agresivas, xa que a suxeición do pé non é moi firme. Valoración de expertos: 3,7 puntos de 5.

ASOLO Scrambler Raz

  • 61,63 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • As tinturas da soleta destinxen ó entraren en contacto coa auga doce e mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. O seu baixo peso e boa flexibilidade proporcionan unha gran comodidade. Absorción de impactos satisfactoria, aínda que terá un mal avellentamento. Adecuadas para superficies duras e secas. Valoración de expertos: A puntuación máis baixa, pero aceptable (3 puntos de 5 posibles). Fallou no tipo de axuste das tiras e na suxeición do pé.

TEVA Circuit Leather

  • 80,20 euros
  • Calidade global: Moi ben.
  • As máis caras. As tinturas da soleta destinxen ó entraren en contacto coa auga doce e mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. O seu baixo peso e boa flexibilidade proporcionan unha gran comodidade. Ademais, a súa sola amortece ben os impactos. Non é axeitada para superficies molladas pola súa moderada resistencia ós escorregóns e pola descoloración da tintura. Valoración de expertos: a mellor (4,5 puntos de 5).

MERREL Tahiti Leather

  • 77,48 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • Caras. As tinturas empregadas son moi resistentes tanto á auga doce coma á mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio, agás a sola, de escasa resistencia ós escorregóns. Peso medio e sola ríxida, polo que pode ocasionar incomodidade. A súa sola amortece ben os impactos. Non se recomenda para superficies moi esgrevias. Valoración de expertos: a segunda mellor (3,9 puntos de 5).

TIMBERLAND Del Fuego/Mana

  • 78/67 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • As segundas máis caras. As tinturas empregadas son aceptablemente resistentes tanto á auga doce coma á mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. Especialmente lixeiras e flexibles (máis cómodas). A súa sola amortece ben os impactos. Recoméndase para todo tipo de terreos secos e non para mollados, porque a resistencia da sola ós escorregóns non é a axeitada. Valoración de expertos: a segunda mellor (3,9 puntos de 5).

SALOMON Habana de Luxe Graz

  • 78,82 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • As tinturas empregadas son resistentes á auga doce pero non á mariña. Os seus materiais teñen un comportamento satisfactorio. As máis pesadas, pero flexibles. As súa sola amortece ben os impactos. Recomendadas para todo tipo de superficies, pero non para o mar. Valoración dos expertos: a terceira peor (3,6 puntos de 5).