Cervexas "sen alcohol"

Diferencias importantes: desde case un grao ata 0,03 graos de alcohol

Refrescan, achegan poucas calorías e pódense considerar un alimento saudable se se consomen con moderación
1 Xullo de 2003

Diferencias importantes: desde case un grao ata 0,03 graos de alcohol

A cervexa é a bebida que se obtén da fermentación alcohólica -mediante lévedos seleccionados- dun mosto de malta de cebada, só ou mesturado con outros cereais, ó que se lle engade lúpulo ou os seus derivados, e sometido a un proceso de cocción. Considéranse cervexas sen alcohol as dunha graduación alcohólica inferior ó 1% en volume. As tradicionais teñen entre 4 e 5 graos de alcohol (4%-5%/vol). O consumo de cervexa sen alcohol contribúe á hidratación do noso corpo e enriquece a dieta en vitaminas, minerais e substancias de acción antioxidante, polo que é unha bebida axeitada nunha dieta equilibrada e incluso en dietas adaptadas a certas alteracións ou enfermidades, debido ó seu baixo valor calórico e á case ausencia de alcohol e sodio.

Para elabora-la cervexa sen alcohol, os fabricantes parten da cervexa tradicional, da que se elimina o alcohol unha vez que se forma (destilación e ultrafiltración), ou mediante procesos específicos que reducen a formación do alcohol na fermentación, utilizando lévedos especiais ou diminuíndo o contido no mosto orixinal.

Os ingredientes

A cervexa elabórase a partir de auga, malta de cebada, lúpulo e lévedos. Pero os lévedos, aínda que son esenciais porque realizan a fermentación da materia prima, ó non estaren presentes no producto final, non se consideran ingrediente. Malia a que estas catro materias primas abondan para elaborar unha boa cervexa, algúns fabricantes utilizan ademais cereais non maltados, antioxidantes (sulfitos, ácido cítrico, ácido ascórbico) e estabilizantes da escuma (alxinatos, entre outros). Bavaria, River e Ambar Green son as únicas sen aditivos, ó conteren exclusivamente auga, malta e lúpulo. San Miguel e Laiker empregan antioxidantes, Damm-Bier estabilizadores de escuma (E-405) e Buckler e Kaliber antioxidantes e estabilizadores (E-405 e E-224). A malta utilizada por Bavaria provén da cebada, mentres que River, Ambar Green, Laiker e Damm-Bier empregan outros cereais, como arroz e millo.

Buckler, por outra banda, é a única que, segundo a súa lista de ingredientes, engade aromas, e Ambar Green indica os lévedos como ingrediente malia a que non se atopan no producto.

¿Alimenta a cervexa?

A cervexa sen alcohol achega menos calorías cá tradicional, debido á reducción do contido en alcohol. Unha botella de 250 ml de cervexa “sen” ten entre 37 e 50 calorías, fronte ás 115 calorías das tradicionais. Por iso, o consumo moderado de cervexas sen alcohol é compatible con dietas de adelgazamento.

A cervexa é fundamentalmente auga (95%), con poucos hidratos de carbono (2,6%-4%) e aínda menos proteínas (0,2-0,3%), ambos procedentes da malta.

En minerais, salientan o potasio, o fósforo, o calcio, o magnesio e o silicio. A cervexa ten moi pouco sodio (uns 11 mg por botella), unha cantidade semellante á da auga potable, polo que se admite o seu consumo en dietas baixas en sodio indicadas para quen sofre de retención de líquidos, hipertensión ou alteracións cardiovasculares. Ademais, a súa relación entre as cantidades de potasio e sodio confírelle á cervexa unha importante acción diurética.

O seu contido en vitaminas é modesto, xa que só é boa fonte de ácido fólico (folatos ou vitamina B9). Unha botella proporciona o 6% da cantidade diaria recomendada de ácido fólico para persoas adultas e cobre o 3% das necesidades de vitamina B9 da muller embarazada e un 4% das da nai lactante. O ácido fólico asóciase á reducción do risco de anemia e malformacións na medula espiñal do feto durante o embarazo; é dicir, reduce o risco de espiña bífida.

O que dixo a análise

Segundo a norma aplicable, as cervexas teñen que cumprir algunhas características analíticas: graduación alcohólica (inferior ó 1% do volume e cumprimento de 0,0% e 0% nos productos en que así se indique), acidez total (máximo 0,3% expresado en ácido láctico), anhídrido sulfuroso (máximo: 20 miligramos por litro), cinzas (máximo: 0,4% en masa) e pH (valores entre 3,5 e 5). Todas cumpriron cos valores fixados no regulamento, agás Ambar Green que presentou 1,1% de alcohol, cando debe ser inferior ó 1%. Por iso, Ambar Green non se pode considerar en sentido estricto unha “cervexa sen alcohol”.

Kaliber (0,95%), Laiker (0,85%) e Damm-Bier (0,85%) presentaron unha porcentaxe próxima ó máximo, mentres que River tiña un 0,35%. As de menor contido alcohólico foron as que se comercializan como 0,0%. Bavaria, cun 0,04%, San Miguel, con 0,03%, e Buckler, cun 0,05% de contido alcohólico. É dicir, que estas tres teñen un contido alcohólico moi inferior ó das outras cinco.

Por outra banda, River e Ambar Green foron as de máis proteínas, con 0,38 gramos cada 100 mililitros. No tocante ó contido en cinxas, que nos dá unha idea do contido en minerais dos alimentos, as maiores cantidades rexistráronse en Damm-Bier, San Miguel e River con 0,12 gramos cada 100 mililitros.

Outro parámetro analizado foi o anhídrido sulfuroso (sulfitos), de función antioxidante . A súa presencia pódese deber ó seu uso como aditivo, pero tamén a un composto natural derivado da fermentación e presente en cantidades ínfimas. A cantidade máxima admitida de sulfitos nas cervexas é de 20 mg/litro; se é inferior a 10 mg/l, considérase como ausencia de sulfitos. Sen embargo, a lexislación establece que cando o contido de alcohol sexa inferior a 1,2% (coma nestas 8 mostras) cómpre que sinalen tódolos ingredientes, aditivos incluídos. As oito cervexas presentaron unha cantidade de anhídrido sulfuroso inferior a 10 mg/litro, polo que os fabricantes non teñen a obriga de indicalo na súa etiquetaxe. Pero, segundo a súa lista de ingredientes, San Miguel, Laiker, Buckler e Kaliber conteñen o aditivo E-224.

Así e todo, e a xeito de resumo, pódese dicir que estas oito cervexas son semellantes desde o punto de vista analítico.

Etiquetaxe: incorreccións na embalaxe

Tódalas mostras analizadas adquiríronse en paquetes de 6 unidades. Por conseguinte, ó ser esta a unidade de venda (non é posible rompe-lo cartón e merca-las botellas soltas), a información obrigatoria debe figurar tamén no cartón que envolve as 6 botellas. Esta información consta de denominación de venda, cantidade neta, lista de ingredientes en orde decrecente, data de consumo preferente, nome e enderezo do fabricante e número de lote. Non é obrigatorio indica-la graduación alcohólica, xa que só deben facelo as bebidas con máis dun 1,2% de alcohol.

Unha vez revisadas as etiquetas, detectáronse bastantes irregularidades.
Bavaria non indica no cartón a empresa fabricante; Bavaria e Damm-Bier non indican a lista de ingredientes na embalaxe, Damm-Bier, River e Ambar Green non indican a data de consumo preferente na embalaxe. Malia a estar indicada nas botellas, esta última non era visible en todas elas, salvo que se rompese o cartón. Xa que logo, tampouco presentan no mesmo campo visual denominación de venda, cantidade neta e data de consumo preferente, incumprindo outro aspecto da normativa. Damm-Bier, River e Ambar Green tampouco indican o número de lote, malia a que sexa obrigatorio. Enténdese por lote o conxunto de unidades de venda dun producto alimenticio, producido, fabricado ou envasado en circunstancias practicamente idénticas.

Buckler e San Miguel tampouco indican na súa embalaxe o lote, pero, segundo a norma, esta indicación pode substituírse pola data de consumo preferente ou de caducidade sempre que teña o día e o mes indicados claramente e en orde, sendo este o caso de Buckler e San Miguel.

Continuando coas irregularidades, Ambar Green non indica a súa lista de ingredientes en orde decrecente de cantidade, xa que inclúe a auga en último lugar, cando representa o 95% do producto. Ademais sinala os lévedos como ingrediente cando non están presentes no producto final.

En resumo, só Kaliber, Laiker, Buckler e San Miguel locen unha etiquetaxe conforme á norma.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 8 cervexas “sen alcohol” en paquetes de seis botellas de 250 mililitros. As “cervexas sen alcohol”, segundo a normativa vixente, son aquelas de grao alcohólico inferior ó 1% en volume.
  • Damm-Bier, Bavaria, River e Ambar Green incumpren a norma de etiquetaxe, pola non indicación de informacións obrigatorias na embalaxe.
  • Estas cervexas teñen entre 5 e 100 veces menos alcohol cás convencionais, e achegan entre 3 e 4 veces menos calorías.
  • Ambar Green presentou un grao alcohólico (1,1%/vol) lixeiramente superior ó permitido. Polo tanto, está fóra de norma.
  • A cervexa achega pequenas cantidades de hidratos de carbono e minerais, e aínda menores de proteínas. O seu contido en vitaminas é modesto, aínda que é boa fonte de vitamina B9. E ten polifenois, de acción antioxidante.
  • As oito cervexas son semellantes nas súas características físico-químicas e composición. E ningunha contiña ingredientes modificados xeneticamente.
  • Na cata, as mellor valoradas, Bavaria e Laiker, conseguiron 6,1 e 5,9 puntos, respectivamente, e as que menos gustaron foron River e San Miguel.
  • A mellor relación calidade/prezo é Bavaria, xa que é a máis barata (1,08 euros/litro), ten un contido alcohólico realmente moi baixo (0,04%vol) e é a que máis gustou na cata.
Marca BAVARIA
“Cervexa sen alcohol” (0,0%)
LAIKER
“Cervexa sen alcohol”
KALIBER
“Cervexa sen alcohol”
AMBAR GREEN
“Cervexa sen alcohol”
Formato da botella (ml) 250 250 250 250
Prezo (euros / litro) 1,08 1,13 1,13 1,16
Etiquetaxe da embalaxe 1 Incorrecto Correcto Correcto Incorrecto
Grao alcohólico (%vol) 2 0,04 0,85 0,95 1,10
Proteínas (g/100 ml) 0,16 0,16 0,19 0,38
Cinxas (g/100 ml) 3 0,10 0,09 0,08 0,09
pH 4,3 4,1 4,4 4,5
Acidez total (% ác. láctico) 0,14 0,21 0,20 0,17
Anhídrido sulfuroso
(mg/l) 4
3 9 6 9
Cata (1 a 9) 6,1 5,9 5,8 5,8
Marca BUCKLER
“Cervexa sen alcohol”
(0%)
DAMM BIER
“Cerveza sin alcohol”
SAN MIGUEL
“Cervexa sen alcohol”
(0,0%)
RIVER
“Cervexa sen alcohol”
Formato da botella (ml) 250 250 250 250
Prezo (euros / litro) 1,16 1,17 1,17 1,19
Etiquetaxe da embalaxe 1 Correcto Incorrecto Correcto Incorrecto
Grao alcohólico (%vol) 2 0,05 0,85 0,03 0,35
Proteínas (g/100 ml) 0,28 0,28 0,23 0,38
Cinxas (g/100 ml) 3 0,10 0,12 0,12 0,12
pH 4,6 4,7 4,3 4,1
Acidez total (% ác. láctico) 0,19 0,18 0,18 0,25
Anhídrido sulfuroso
(mg/l) 4
3 5 7 1
Cata (1 a 9) 5,6 5,6 4,9 4,6

(1) Etiquetaxe: as indicacións obrigatorias de etiquetaxe deben figurar na embalaxe que envolve as seis botellas, xa que se considera este envase a unidade de venda do producto, dado que non se poden mercar por separado as botellas.

(2) Grao alcohólico: as cervexas sen alcohol deben ter menos do 1% de alcohol en volume.

(3) Cinzas: ofrecen unha idea aproximada do contido en minerais. Máximo permitido 0,4% en masa.

(4) Anhídrido sulfuroso: antioxidante. O máximo permitido é de 20 mg/l.

Unha por unha

Unha por unha, oito cervexas "sen"

BAVARIA

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol” 0,0% de alcohol.
  • Sae a 1,08 euros/litro, a máis barata.
  • Grao alcohólico: 0,04%/vol, moi baixo.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Etiquetaxe incorrecta: non indica na embalaxe a empresa fabricante nin a lista de ingredientes. A súa etiqueta indica que non utiliza aditivos. Na cata, a mellor, con 6,1 puntos: destacou positivamente a súa cor e sabor.

LAIKER

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol”.
  • 1,13 euros/litro.
  • Grao alcohólico: 0,85%/vol.
  • Outra opción interesante.
  • Na cata, a segunda mellor, 5,9 puntos: destaca a súa cor e o seu sabor “suave”.

KALIBER

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol”.
  • 1,13 euros/litro.
  • Grao alcohólico: 0,95%/vol, o máis elevado dentro das que cumpren a norma. Na cata, 5,8 puntos: destaca o seu cheiro e o seu sabor “suave”.

AMBAR GREEN

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol”.
  • 1,16 euros/litro.
  • Grao alcohólico: 1,1%/vol. Incumpre a norma de cervexas sen alcohol que establece como máximo 1%/vol.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe: non indica lote, nin data de consumo preferente na embalaxe. A súa etiqueta indica que non utiliza aditivos. Na cata, 5,8 puntos: destaca positivamente o seu cheiro, pero o seu sabor percíbese “pouco intenso”.

BUCKLER

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol” 0% de alcohol.
  • 1,16 euros/litro.
  • Grao alcohólico: 0,05%/vol, moi baixo.
  • Na cata, 5,6 puntos: gusta a súa cor.

DAMM-BIER

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol”.
  • 1,17 euros/litro.
  • Grao alcohólico: 0,85%/vol, dos máis elevados.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe, ó non presenta-la lista de ingredientes, lote, nin data de caducidade no cartón. Na cata, 5,6 puntos: criticada polo seu sabor “pouco intenso”.

SAN MIGUEL

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol” 0,0% de alcohol.
  • 1,17 euros/litro.
  • Grao alcohólico: 0,03%/vol, o menor das cervexas comparadas. Na cata, a segunda peor, con 4,9 puntos: destacou positivamente a súa cor, pero foi criticada polo seu sabor “amargo” e “non a cervexa”.

RIVER

  • Denominación: “Cervexa sen alcohol”.
  • 1,19 euros/litro, a máis cara.
  • Grao alcohólico: 0,35%/vol.
  • Incumpre a norma de etiquetaxe, ó non indicar lote nin data de consumo preferente na embalaxe. Unha das dúas con máis proteína (0,38%). A súa etiquetaxe indica que non utiliza aditivos. A peor na cata, 4,6 puntos: critícase pola súa cor “escura” e o seu sabor “amargo e forte”.