Intelixencia emocional

Aprender a vivi-las emocións

A maior parte das habilidades para acadar unha vida satisfactoria son de carácter emocional, non intelectual
1 Xullo de 2003
Img psicologia listado 146

Aprender a vivi-las emocións

Aprendemos desde pequenos que o sentimentalismo (así se chamou o hábito de sentir a flor de pel as emocións e de amosar en público ese xeito de interpreta-las vivencias) era propio de persoas débiles, inmaturas, con déficit de autocontrol. Ademais, estendeuse no noso imaxinario colectivo o lugar común, machista coma poucos, de que as emocións ou -aínda máis- o pranto, pertencen ó ámbito do feminino. Sen embargo, todo evoluciona e vai gañando terreo a convicción de que vivi-las emocións é un elemento insubstituíble na maduración persoal e no desenvolvemento da intelixencia.

Temos moi en conta o noso espacio intelectual e non só lle dedicamos tempo e esforzo, senón que incluso a valoración que facemos dunha persoa pasa, en boa medida, polos seus coñecementos e habilidades intelectuais. Desde a educación, tanto regulada coma non académica, motivóusenos para que tirémo-lo máximo proveito dos nosos recursos intelectuais.

Ninguén discute a necesidade de adquirir coñecementos técnicos e culturais para prepararnos (e reciclarnos) para a vida profesional, pero nunha equivocada estratexia de prioridades esquecemos ás veces a importancia de educarnos para a vida emocional. Aprender a vivir é aprender a observar, a analizar, a utiliza-lo saber que imos acumulando co paso do tempo. Pero converternos en persoas maduras, equilibradas, responsables e, por qué non dicilo, felices na medida do posible, esíxenos tamén saber distinguir, describir e atende-los sentimentos. E iso significa contextualizalos, xerarquizalos, interpretalos e asumilos. Porque calquera das nosas reflexións ou actos nun momento determinado pódense ver “contaminados” polo noso estado de ánimo e interferir negativamente na resolución dun conflicto ou nunha decisión que temos que tomar.

Unha habilidade moi especial

Mima-lo noso momento emocional, aprender a expresa-los sentimentos sen agresividade e sen culpar a ninguén, pórlles nome, atendelos e saber cómo descargalos, é un dos eixes de interpretación do que nos acontece. Cada vez que dubidamos ante unha decisión, que nos propomos comprender unha situación, non facemos estas operacións como o faría un ordenador ou calquera outro enxeño de intelixencia artificial, senón que pomos en xogo, traemos a colación, toda a nosa bagaxe persoal (incluíndo o que nos puido pasar hai un cacho ou hai unhas horas) e o pesado fardo da nosa herdanza cultural. De aí que vivi-las nosas emocións é unha habilidade relacional que nos capacita como seres que se desenvolven nun contexto social. Só cando conectamos cos nosos sentimentos, cando os atendemos e xerarquizamos, somos capaces de empatizar cos sentimentos e circunstancias dos demais. Non é máis intelixente quen obtén mellores cualificacións nos seus estudios, senón quen pon en práctica habilidades que lle axudan a vivir en harmonía consigo mesmo e co seu contorno. A maior parte das habilidades para acadar unha vida satisfactoria son de carácter emocional, non intelectual. Os profesionais máis brillantes non son os que teñen o mellor expediente académico, senón os que souberon “buscarse a vida” e espremer ó máximo as súas habilidades.

Aprender a desenvolve-la intelixencia emocional

Esta sociedade das “boas maneiras” e o control social fixeron de nós auténticos robots das aparencias. Na Universidade de Málaga os doutores Fernández Berrocal e Extremera abordaron a intelixencia emocional como a habilidade (esencial) das persoas para atender e percibi-los sentimentos de maneira axeitada e precisa, a capacidade para asimilalos e comprendelos adecuadamente e a destreza para regular e modifica-lo noso estado de ánimo ou o dos demais. Na intelixencia emocional contémplanse catro compoñentes:

  • Percepción e expresión emocional. Trátase de recoñecer de maneira consciente qué emocións temos, identificar qué sentimos e sermos capaces de verbalizalas. Unha boa percepción significa saber interpreta-los nosos sentimentos e vivilos adecuadamente, o que nos permitirá estar máis preparados para controlalos e non deixarnos arrastrar polos impulsos.
  • Facilitación emocional, ou capacidade para producir sentimentos que acompañen os nosos pensamentos. Se as emocións se poñen ó servicio do pensamento axúdannos a tomar mellor as decisións e a razoar de maneira máis intelixente. O cómo nos sentimos vai influír decisivamente nos nosos pensamentos e na nosa capacidade de deducción lóxica.
  • Comprensión emocional. Fai referencia a entende-lo que nos pasa a nivel emocional, a integralo no noso pensamento e a ser conscientes da complexidade dos cambios emocionais. Para entende-los sentimentos dos demais, cómpre entende-los propios. Cáles son as nosas necesidades e desexos, qué cousas, persoas ou situacións nos causan determinados sentimentos, qué pensamentos xeran as diversas emocións, cómo nos afectan e qué consecuencias e reaccións propician. Empatizar supón sintonizar, poñerse no lugar do outro, ser consciente dos seus sentimentos. Hai persoas que non entenden ós demais non por falta de intelixencia, senón porque non viviron experiencias emocionais ou non souberon xestionalas. Quen non experimentou a ruptura de parella ou o sentimento de orfandade pola perda dun ser querido, é difícil que se faga cargo do que sofren os que pasan por esa situación. Mesmo cando se viviron experiencias dese tipo, se non se fixo o esforzo de vivilas de maneira explícita aceptándoas e integrándoas, non estarán suficientemente capacitados para a comprensión emocional intelixente.
  • Regulación emocional, ou capacidade para dirixir e manexa-las emocións dun xeito eficaz. É a capacidade de evitar respostas incontroladas en situacións de ira, provocación ou medo. Supón tamén percibi-lo noso estado afectivo sen nos deixarmos arrollar por el, de xeito que non obstaculice a nosa maneira de razoar e poidamos tomar decisións de acordo cos nosos valores e as normas sociais e culturais.

Estas catro habilidades están ligadas entre si na medida en que é preciso ser conscientes de cáles son as nosas emocións se queremos vivilas adecuadamente.

Xestionar adecuadamente as emocións supón:
  • Non sometelas a censura. As emocións non son boas ou malas, salvo cando pola nosa falta de habilidade fan dano, a nós ou a outras persoas.
  • Permanecer atentos ós sinais emocionais, tanto a nivel físico coma psicolóxico.
  • Investigar cáles son as situacións que desencadean esas emocións.
  • Designar de xeito concreto os sentimentos e sinala-las sensacións que se reflicten no noso corpo, no canto de facer unha descrición xeral (“estou triste”, “estou nervioso”…).
  • Descargar fisicamente o malestar ou a ansiedade que nos xeran as emocións.
  • Expresarlle os nosos sentimentos á persoa que os desencadeou, sen acusacións nin malas formas e detallando qué situación ou conducta é a que nos afectou.
  • Non agardar a que se dea a situación idónea para comunica-los sentimentos, toma-la iniciativa.