Proba práctica: turismo urbano

As cidades pensan pouco no turista

O peor, a información ofrecida nas oficinas de turismo: só aproban as visitadas en cinco das trece cidades estudiadas
1 Xullo de 2003
Img tema portada listado

As cidades pensan pouco no turista

Este verán, máis de 16 millóns de españois realizarán unha viaxe de vacacións e, se se mantén a tendencia do ano anterior, o 97% elixirá un destino nacional. E optará preferentemente por un destino dentro da súa propia comunidade autónoma ou unha próxima. O medio de transporte máis empregado polos turistas españois é o coche. Case oito de cada dez utilizan o coche para chegar ó punto elixido para as vacacións, mentres que un de cada dez recorre ó autobús e os máis ó avión (6%) e ó tren (5%). E sábese que planificamos pouco: a metade de nós practicamente non organizamos nada ata 15 días antes da viaxe. En resumo, o perfil do turista español é o dunha persoa ou grupo que non viaxa ó estranxeiro, que se despraza en coche e que cando chega ó punto de destino precisa información, porque practicamente non recompilou nada antes de saír de viaxe. CONSUMER calibrou en qué medida Madrid, Barcelona, A Coruña, Málaga, Valencia, Vitoria, Bilbao, San Sebastián, Pamplona, Murcia, Cádiz, Castellón e Burgos pensan no turista, en qué grao informan (oficina de turismo) sobre o que lle ofrecen ó viaxeiro e ata qué punto lle resulta sinxelo (sinais para chegar ós lugares de interese, tráfico viario e transporte público) chegar ós puntos de interese de cada cidade. Para desenvolver esta proba sobre o terreo, técnicos de CONSUMER que non coñecían a cidade, recrearon o itinerario probablemente máis común cando chega o turista a unha urbe que pretende visitar: chegaron en coche e acudiron a un hotel céntrico de tres estrelas, desde onde partiron cara á oficina de turismo máis próxima. O seguinte destino foi o museo máis emblemático da cidade, e tras este acudiron a unha zona de lecer ou de compras recomendada na oficina de turismo. Nesta proba, realizaron tódolos desprazamentos en coche.

As conclusións da investigación non deixan en bo lugar ós que traballan para conseguir que a cidade resulte acolledora e cómoda para os viaxeiros que intentan gozar da súa oferta turística pero que non a coñecen. Noutras palabras, as cidades pensan pouco en quen as visita con intencións turísticas ou culturais. Velaquí os datos: só aproban o exame de CONSUMER catro cidades, Madrid (excelente), Pamplona, Vitoria e Valencia (as tres, só aceptable). Un pelotón composto (de mellor a peor) pola Coruña, Bilbao, Barcelona, Murcia e Burgos, rozan sen conseguilo o aprobado, mentres que San Sebastián e Málaga obteñen un “mal” e Castellón e Cádiz teñen que se conformar cun “moi mal”. Por apartados, só aprobaron o 40% das oficinas de turismo (e folgadamente, soamente a de Madrid). E no tocante á facilidade para localiza-los destinos e transitar pola cidade, só aproban o 30% das cidades (destacan positivamente Madrid e A Coruña). O apartado con mellores resultados é o referido á dispoñibilidade de transporte público preto dos lugares elixidos: aproba máis da metade das cidades; as peores foron Burgos, Castellón e Cádiz.

Hoteis: moi pouca información útil para o viaxeiro

Como primeiro destino da estancia na cidade, o hotel seleccionado (no estudio de CONSUMER, un hotel céntrico de tres estrelas) xoga un papel importante á hora de comeza-la visita á cidade, porque tanto a información escrita coma as indicacións do persoal do hotel se poden converter no mellor comezo para iniciar con bo pé o itinerario e non perder tempo enganándonos. Pois ben, no 62% dos hoteis visitados a única información escrita que proporcionaron foi un pequeno mapa sobre cómo chegar ó propio hotel. Noutros, amais dun mapa da cidade, ofreceron información dalgún interese sobre eventos culturais ou de lecer. Só catro hoteis, os visitados en San Sebastián, Pamplona, Vitoria e Cádiz aprobaron o exame.

De tódolos xeitos, esta variable, a dos hoteis (pola súa insignificante representatividade), non se tivo en conta na valoración global de cada cidade na proba de CONSUMER.

Oficinas de turismo: seis de cada dez, suspensas.

Cando se acode a unha cidade na que nunca antes se estivera ou que se quere coñecer mellor, a Oficina de Turismo convértese no punto de referencia estratéxico de moitos viaxeiros. Alí agardan atopar asesoramento experto no tocante a qué procede ver, cómo chegar a ese museo imprescindible ou ós lugares máis interesantes, ónde aloxarse, xantar, facer compras, presenciar un espectáculo… A nosa primeira esixencia cando acudimos a unha Oficina de Turismo é que se interesen polas nosas preferencias e particularidades (duración da estancia, se se ten ou non aloxamento, se se viaxa con nenos ou anciáns…). Tamén nos deben proporcionar información, cando menos, sobre as actividades turísticas, os museos e as zonas de lecer ou citas culturais na cidade. Ademais, é fundamental a calidade da información, entendida como a precisión técnica e o detalle das explicacións. O viaxeiro agradece tamén recibir unha recomendación experta sobre os lugares que paga a pena visitar. Para rematar, o usuario quere saír da oficina de turismo con información escrita, abundante, ben presentada e de calidade, sobre a oferta cultural e de lecer, sobre actividades lúdicas e deportivas e sobre zonas e espacios de interese, amais do imprescindible mapa da cidade. Pero aínda queda algo: o turista valora tamén ser informado sobre as zonas da cidade onde convén extrema-las precaucións, pola especial incidencia de problemas de seguridade que se dá nelas.

Na investigación que, sobre o terreo, realizou CONSUMER, oito das trece oficinas de turismo visitadas suspenderon o exame; dito doutro xeito, só o 38% lle ofreceron un servicio satisfactorio ó consumidor. A única oficina visitada que aprobou folgadamente (cun notable alto) foi a de Madrid, onde atenderon o técnico desta revista (que non se identificou como tal) cunha actitude de servicio e profesionalidade encomiables. As menos dilixentes e eficaces foron as visitadas en Barcelona, Murcia e Málaga. O que peor fixeron, en xeral, as oficinas de turismo estudiadas foi: interesarse polas expectativas, preferencias e circunstancias concretas do viaxante (só aprobaron as de Madrid, Pamplona, Valencia, Bilbao e Murcia), o modo de ofrecer oralmente -con calidade técnica e abondo detalle- a información turística (suspenderon todas menos as de Madrid e Vitoria) e, para rematar, o aviso sobre as zonas, barrios ou aspectos menos seguros da cidade: só superou o exame a oficina de Bilbao. No outro lado da balanza, os apartados nos que mellor servicio ofreceron estas oficinas foron a explicación xeral da oferta turística da cidade (unicamente suspenderon Málaga, Murcia e San Sebastián, estas dúas por pouco; e salientaron moi positivamente as de Madrid, Pamplona e A Coruña), e a información escrita facilitada ó usuario, onde só a oficina da Coruña suspendeu, mentres que as de Vitoria e Cádiz acadaban un sobresaliente.

Facilidade para localiza-los destinos e comodidade para transitar pola cidade

Neste apartado da proba, que valora conxuntamente a sinalética da cidade (os sinais para orientarse e, especialmente, os referidos a lugares de interese turístico) e a comodidade coa que se poden realiza-los desprazamentos co coche, suspenden nove das 13 cidades, case o 70% das estudiadas, se ben dúas delas (Burgos e Bilbao) rozan o aprobado. As mellores foron Madrid (excelente), A Coruña (moi ben) e Murcia (ben). E as peores, Valencia, Pamplona, San Sebastián, Vitoria, Málaga, Castellón e Cádiz, cun suspenso. Para rematar, Barcelona superou a proba cun discreto “aceptable”.

Un tráfico denso dificultará a tarefa de ollar para as sinalizacións e mais tornará a visita menos cómoda e máis lenta; sen embargo, un tráfico fluído non asegura que localiza-los destinos desexados sexa un labor doado. Se unimos estes dous factores, sinalética e tráfico, e ademais realizamos unha análise cualitativa dos diversos tipos de sinais que o visitante atopa nos seus desprazamentos no camiño, podémonos achegar con certo rigor á facilidade e comodidade, ou hospitalidade loxística, de cada unha das cidades á hora as visitaren os turistas.

Madrid, paradoxalmente, atópase por baixo da media no tocante a número de sinais por quilómetro, 1,42 por cada quilómetro percorrido na proba, mentres que a media das cidades visitadas é de 2,23 sinais. Madrid é tamén unha das cidades nas que máis repartidos están os tipos de sinal (o 51% indica rúas, o 21% lugares de interese turístico, o 16% estradas e o 12% algo tan útil como os hospitais). Na Coruña comprobouse unha gran comodidade de tránsito e unha boa facilidade de localización dos lugares de interese, incluída a Oficina de Turismo. O tráfico era fluído e non houbo problema ningún para atopa-lo museo coa axuda do mapa e dos sinais.

Tamén destaca Murcia, mentres que en Barcelona a satisfactoria sinalización se viu prexudicada pola gran cantidade de bandeirolas penduradas dos farois e outros tipos de publicidade, que fai que non sempre sexa doada a localización dos lugares que se van visitar. Ademais, o tráfico na cidade condal era denso. A partir de aquí aparecen as cidades que non aproban este apartado, fundamentalmente por unha desaxeitada sinalización, con escasas e pouco útiles indicacións para localiza-los lugares. Nestas cidades orientarse supuxo un auténtico problema.

Transporte público nos lugares de interese turístico

Suspenden seis cidades, pero tres delas fano rozando o aprobado. Destacan moi positivamente Madrid, A Coruña, Pamplona e Barcelona.

Malia a que a visita de CONSUMER se realizou en automóbil, non convén perdermos de vista a dispoñibilidade de transporte público preto dos destinos seleccionados (hotel, museo e zona de lecer e compras). Sete das trece cidades non aprobaron o exame debido a que carecían, polo menos nun destes tres destinos, dalgún tipo de transporte público (bus, metro, taxi). No outro extremo, atopamos Madrid, Pamplona, A Coruña e Barcelona (merecedoras dun notable), con máis dunha liña en cada destino.

As cidades cun suspenso sen paliativos neste apartado do transporte público dirixido ó turista foron Burgos, Castellón e Cádiz.

Cómo se fixo o estudio

  • Técnicos de CONSUMER que non coñecían a cidade, recrearon o itinerario probablemente máis común cando chega o turista a unha urbe que pretende visitar: chegaron en coche e acudiron a un hotel céntrico de tres estrelas (onde teoricamente o turista deixa as maletas e descansa da viaxe).
  • Desde o hotel partiron, de novo en coche, cara á oficina de turismo máis próxima. Para chegar a ela, amais da sinalización existente nas rúas, o técnico desta revista tratou de se servir de informacións proporcionadas no hotel. Unha vez na Oficina de Turismo, os técnicos de CONSUMER non solicitaron informacións concretas, senón que preguntaron en xeral sobre a oferta turística, cultural e de lecer da cidade. A actitude que se considerou máis axeitada nos empregados destas oficinas foi a de se interesaren polas características da nosa viaxe: o tipo de turismo que desexabamos realizar, a duración da nosa estancia ou se dispuñamos de aloxamento. Avaliouse, tamén, o coñecemento da oferta turística por parte do empregado que atendía na oficina e o xeito de lla expor ó usuario, así como a tocante ós lugares polos que os técnicos de CONSUMER amosaron un especial interese. Recolleuse toda a información escrita facilitada (mapas, follas con horarios de museos ou espectáculos…). Preguntouse tamén -cando o empregado non tomara a iniciativa de falar diso-, sobre as zonas menos seguras da cidade e sobre cómo evita-los posibles problemas de delincuencia.
  • O seguinte destino foi un lugar de interese cultural, o museo máis emblemático da cidade, e de seguido acudiuse a unha zona de lecer ou compras, preferentemente a recomendada na oficina de turismo.
  • Nesta proba, realizáronse tódolos desprazamentos en coche. Para compara-la facilidade, comodidade e rapidez para chegar ata os lugares de interese anotáronse a cantidade (número e tipos de indicacións por quilómetro percorrido desde a entrada da cidade) e calidade (situación axeitada, claridade e visibilidade) dos sinais, e mailo tempo que levou percorre-las distancias e a fluidez do tráfico rodado na urbe.
  • Para rematar, comprobouse a existencia de transporte público preto do hotel, da oficina de turismo, do museo e da zona de compras visitadas nesta proba.
  • Para a nota global de cada cidade tívose en conta o servicio dispensado na Oficina de Turismo (40%), a facilidade e comodidade para localizar e chegar ós destinos (40%) e a existencia, cantidade e diversidade de transporte público nos lugares fixados como destino (20%).
Recomendacións para o viaxeiro que chega a unha cidade que non coñece
  • Prepare a viaxe e a visita. Unha chamada á Oficina de Turismo da cidade de destino abondará para recibir na casa información práctica sobre a urbe que vai visitar. Internet é un medio idóneo para organizar unha viaxe, xa que a Rede ofrece moitos e variados sitios web especializados onde amais da oferta cultural, deportiva e de lecer pode consultar ónde xantar, aloxarse ou durmir, cómo chegar á cidade, qué lugares convén non perderse, etc. Se algún coñecido ou familiar coñece esa cidade, solicítelle esa información persoal e miúda que os estamentos oficiais non proporcionan. As guías escritas son tamén unha axuda moi útil.
  • O mapa: se non ten un mapa da cidade, achéguese á Oficina de Turismo máis próxima e solicite un. E préstelles atención ós sinais; se non abonda, pregúntelles ós policías municipais, nas tendas ou bares, ou ós viandantes con aspecto de residentes na cidade.
  • A Oficina de Turismo: visítea nada máis chegar á cidade, sempre lle proporcionan información útil (oral e escrita) ó viaxeiro.
  • Cando reciba unha indicación interesante, anote a ruta no mapa, e busque lugares de referencia coñecidos polos residentes, como grandes almacéns ou centros comerciais, prazas emblemáticas da cidade, hospitais ou lugares de interese turístico. E non esqueza prestarlles atención ós sinais.
  • Nas urbes grandes, utilice as circunvalacións para desprazarse dunha parte da cidade á outra: é máis cómodo e rápido.
  • Transporte público: se o despregue é abondo (infórmese antes), deixe aparcado o coche (de levalo) e recorra ó bus, metro, tranvía ou taxi para os seus desprazamentos pola cidade.
  • Coidado cos roubos, non descoide as súas pertenzas en ningún momento, sobre todo en lugares con moita xente. Os turistas constitúen o branco perfecto para carteiristas e profesionais do “tirón”. Convén informarse tamén sobre as zonas nas que, por calquera motivo, cómpre extrema-la precaución para que non nos acontezan contratempos desagradables.

Unha por unha, as trece cidades

MADRID

Madrid

Moi ben.
Con diferencia, a cidade máis atenta co turista nos aspectos estudiados. A oficina de turismo na que mellor e máis cualificado trato recibiu o visitante: preguntaron mesmo sobre as súas preferencias en tendencias artísticas. É a única urbe “excelente” en facilidade para localiza-los destinos, debido ós numerosos, visibles e precisos sinais de orientación. Sobresaliente a oferta de transporte público preto dos lugares de interese turístico establecidos.

PAMPLONA

Pamplona


Aceptable.
A oficina de turismo prestou en xeral un servicio aceptable, pero a calidade e detalle da explicación oral foi mediocre. Poucos sinais de orientación para o visitante. Resultou doado desenvolverse en medio do tráfico. Transporte público, moi ben.

VITORIA

Vitoria

Aceptable.
O servicio da oficina de turismo, só aceptable: facilitaron gran cantidade de información escrita pero amosaron escaso interese polas necesidades e circunstancias do viaxeiro. Os sinais resultaron pouco útiles para o visitante. Foi sinxelo transitar co vehículo. Transporte colectivo, ben.

VALENCIA

Valencia


Aceptable.
A oficina de turismo, só aceptable por non explicar ben oralmente a oferta turística. Mal na localización dos destinos e un tráfico demasiado intenso. Escaseza de sinais de orientación. Ben no transporte público.

A CORUÑA

Coruna

Regular.
Moi deficiente prestación da oficina de turismo: mal na cantidade e calidade da información oral e aínda peor (só un mapa) na escrita. Os lugares de interese turístico estaban ben sinalizados, o que facilitou a localización. O tráfico, fluído. E o transporte público, moi ben.

BILBAO

Bilbo

Regular.
Nada demasiado ben, pero nada mal. A oficina de turismo, só aceptable. O peor nela, a calidade e detalle da información oral; o mellor, a documentación escrita proporcionada e o comentario sobre as precaucións que conviña adoptar se se visitaba unha zona pouco segura (foi a única oficina que fixo esta advertencia). Poderíase mellorar tanto a circulación, cun tráfico denso, coma a sinalética.

BARCELONA

Barcel

Regular.
A oficina de turismo, moi mal. Só proporcionaron un plano e unha fotocopia cos horarios dos museos, e un par de libros (á venda) sobre museos. A calidade da información oral, tamén deficiente. Os sinais na cidade resultaron abondos, aínda que por veces a súa visibilidade non fose boa. O tráfico tivo intermitencias, con algúns atascos. Transporte colectivo, moi ben.

MURCIA

Murcia

Regular.
Oficina de turismo, moi mal: suspendeu na calidade e detalle da información e nas recomendacións dos lugares de interese que visitar. A localización dos lugares, ben: algúns sinais axudaron a localiza-los puntos de destino e, ademais, o tráfico foi fluído. Bótase de menos o transporte público nalgúns dos lugares visitados.

BURGOS

Burgos

Regular.
Pero non aproba ningún dos tres apartados. A oficina de turismo, mal, por non se interesar polas necesidades do turista e por non explicar oralmente a oferta de xeito detallado. A facilidade para localiza-los destinos, só regular. E en transporte público nos puntos turísticos establecidos, unha das peores cidades do estudio.

SAN SEBASTIÁN

Sanse

Mal.
Non aproba ningún dos tres apartados. A oficina de turismo suspende pola falta de interese amosada cara ás necesidades do visitante e pola ausencia dunha explicación oral detallada sobre a oferta turística. A mala situación ou adecuación dos sinais provocou a equivocación na orientación, así que resultou difícil localiza-los destinos, aínda que a circulación co coche foi fluída. Transporte público, só regular.

MÁLAGA

Malaga

Mal.
Só aproba o apartado de transporte público. A oficina de turismo (aínda que ofrece unha información escrita excelente) atendeu de xeito deficiente: explicación oral moi pobre e ausencia de recomendacións. Moitas dificultades (sinais, tráfico…) para localiza-los destinos.

CASTELLÓN

Castellon

Moi mal.
Suspende claramente nos tres apartados. A oficina de información (aínda que ofreceu unha boa información escrita) fíxoo por non explica-la oferta e non se preocupar polas necesidades do turista. E resultou difícil localiza-los destinos. Anotouse tamén a ausencia de transporte público en varios dos lugares visitados.

CÁDIZ

Cadiz

Moi mal.
Suspende claramente nos tres apartados. Na oficina de turismo (aínda que ofreceu unha información escrita excelente), polo pouco interese amosado ante as necesidades do visitante e pola escasa precisión na exposición oral sobre a oferta turística. Levou traballo localiza-los destinos elixidos e, ademais, a cantidade de sinais urbanas cualificouse de deficiente. No tocante ó transporte público nos lugares elixidos, moi mal.