Que é o certificado de eficiencia enerxética para vivendas?
É un documento que informa o arrendatario ou o comprador sobre a eficiencia enerxética da vivenda. É válido durante dez anos, tempo no que non hai obriga de renovalo, pero recoméndase un novo tras realizar melloras, como ventás de maior illamento térmico ou unha caldeira máis eficiente. É probable que a cualificación mellorase e que a vivenda sexa máis competitiva no mercado. O propietario pode utilizar a etiqueta durante eses dez anos en anuncios de venda ou alugamento.
A quen e dende cando lle afecta?
Aféctalles dende 2007 aos edificios de nova construción e aos xa existentes que se poñan en venda ou en alugamento dende o 1 de xuño de 2013. Hai algunhas excepcións, como os edificios e monumentos protexidos, os edificios illados cunha superficie útil inferior a 50 m2 ou os edificios ou vivendas utilizados menos de catro meses ao ano.
Para que serve a eficiencia enerxética?
Unha vivenda cun axeitado illamento térmico e equipos moi eficientes logrará un confort e unha temperatura axeitada, cun consumo enerxético menor ca outra desprovista destes elementos.
Que beneficios ambientais e económicos supón?
Beneficia a economía doméstica e o planeta: unha parte importante da enerxía consumida nas nosas vivendas provén de fontes non renovables (nuclear, gas natural e petróleo) que provocan residuos altamente perigosos e que agravan o cambio climático. As actuacións de mellora da eficiencia xeran emprego e beneficios sociais.
Como se pode conseguir un bo certificado?
Mediante o contacto con máis dun profesional para informarse e solicitar orzamentos e comprobando, por exemplo, que o técnico visitará a vivenda (ou o edificio) ou que a información que proporciona é correcta e completa.
Canto pode custar?
A crise do país e do sector fai que se ofrezan prezos moi competitivos e variados. Agora ben, o prezo tamén depende doutros factores, como a superficie da vivenda ou se se opta por certificar todo o edificio ou cada vivenda de forma individual. A modo orientativo, pode roldar os 2-2,5 euros/m2.
Que pode acontecer se alguén que debería ter un certificado non o ten?
Nestes primeiros meses de implantación da normativa, as administracións autonómicas, encargadas de controlar e vixiar que os certificados se realicen de forma axeitada, déronlle prioridade na súa maioría a rexistrar os certificados e a informar o cidadán. Non obstante, algunhas comunidades habilitaron xa órganos de control e vixilancia. As infraccións poden supor sancións entre 300 e 6000 euros, segundo sexan leves, graves ou moi graves. Por exemplo, alugar ou vender un inmoble sen certificado considérase unha falta grave, cunha sanción de entre 601 e 1000 euros.
Que pode facer un consumidor se vai comprar ou alugar unha vivenda que non o ten?
Acudir á oficina de consumo e/ou ao órgano competente en materia de certificación de cada comunidade para reclamar mediante o procedemento específico.
Que investimento mínimo habería que facer para mellorar ao máximo a eficiencia enerxética dun edificio?
En edificios existentes, con factores non modificables, haberá casos en que sexa tecnicamente imposible ou inviable economicamente a máxima cualificación. O certificado debe conter unhas recomendacións de mellora e pode incluír un estudo da rendibilidade e o seu período de amortización. Medidas como substituír unha caldeira de gasóleo por outra de biomasa nunha zona climática fría pode mellorar considerablemente a cualificación. A maior parte da demanda de enerxía desta vivenda débese á calefacción.
Noutros países xa se utiliza dende hai tempo este certificado. Cal é a experiencia?
En países como Alemaña, Francia ou Portugal ninguén adquire unha vivenda se non coñece de antemán a cualificación enerxética. Este criterio é vital para elixir entre varias alternativas. Isto pasará en España a medio prazo, aínda que probablemente de xeito paulatino.
Que sería necesario para unha correcta aplicación?
Ademais de cumprir as especificacións da normativa, deberíanse informar e concienciar os consumidores e os actores clave, como son os administradores de predios. A ACA desenvolve un proxecto con accións de formación e materiais divulgativos, coa colaboración da Fundación Biodiversidade e a Fundación La Casa que Ahorra.