Os expertos nutricionistas de Eroski Consumer responden

1 Novembro de 2012
Img alimentacion 2 listado 227

Os expertos nutricionistas de Eroski Consumer responden

En moitas ocasións escoitei que a leituga retén líquidos e produce gases. Pero, acontece con todas as variedades?

A tolerancia aos distintos alimentos é particular en cada caso. É certo que cada vez se escoita a máis persoas asociar a sensación de ventre inchado despois de comer leituga. Unha causa deste malestar pode ser a histaminose alimentaria, un tipo específico de intolerancia alimentaria. En caso de que haxa intolerancia á leituga, calquera variedade provocará os molestos síntomas. Noutros casos, os incómodos gases e o inchazo do ventre poden estar ocasionados por comer demasiada fibra, e a leituga é un alimento rico en fibra insoluble. Este tipo de fibra non é dixerido polo organismo e no colon, a última porción de intestino groso, é fermentada polas bacterias intestinais, xerando gases, en ocasións demasiados, que resultan molestos e provocan inchazo abdominal. Habería que analizar a causa do malestar, xa que non se pode xeneralizar e prescindir sen criterio dun alimento.

Ao meu pai acábanlle de comunicar que ten o ácido úrico moi alto, cales son os alimentos prohibidos ou aconsellados para esta doenza?

Diversos alimentos poden empeorar o prognóstico da hiperuricemia e a gota, polo que en caso de ter ácido úrico moi alto conviría evitar:

  • Proteína animal: Existe unha relación directa entre comer demasiada carne (en cantidade e con moita frecuencia) e ter hiperuricemia, así como unha asociación entre a inxestión de peixe azul e todo tipo de marisco cunha maior prevalencia da hiperuricemia. A carne salvaxe de caza débese evitar porque acumulan nos seus tecidos ácido láctico que o organismo transforma en ácido úrico. O consello dietético é moderar o tamaño das porcións de carnes (100 g/porción) e alternar entre polo de curral, pavo, peixe branco e ovos como fonte de proteína animal de alta calidade.
  • Todo tipo de bebidas alcohólicas, incluídas cervexa, sidra, viño, cava ou champaña.
  • Zumes, refrescos e todo tipo de bebidas e alimentos edulcorados con frutosa. O Colegio Americano de Reumatología recolle os datos do maior estudo epidemiolóxico que analizou a relación positiva entre o consumo de bebidas doces con frutosa e o aumento significativo dos niveis séricos de ácido úrico.
  • Alimentos ricos en purinas. Trátase de vísceras e despoxos, carnes vermellas e derivados cárnicos, peixes azuis, mariscos e derivados (caviar, afumados e conservas).

ABC da nutrición: aflatoxinas

Son toxinas fúnxicas producidas por mofos do xénero Aspergillus, en xeral por algunhas cepas de Aspergillus flavus e en case todas polas cepas de Aspergilllus parasiticus.

Estes mofos crecen de forma especial nos cacahuetes conservados en malas condicións de humidade e temperatura. A súa temperatura óptima de multiplicación son os 27 ºC. As aflatoxinas teñen un efecto moi nocivo no organismo, son mutaxénicas, canceríxenas e neurotóxicas. Estudos e publicacións científicas relacionan a inxestión continuada de aflatoxinas con cancro de fígado. Na Comunidade Europea a cantidade de aflatoxinas en alimentos de risco está regulada, ao considerarse un dos tóxicos máis potentes que existen. Permítense desde 1 a 100 microgramos por quilogramo de produto.

A dieta da nai antes do embarazo pode cambiar a función dos xenes na descendencia

Desde hai tempo sábese que a dieta da xestante durante o embarazo afecta o benestar do futuro bebé. Un novo estudo dá un paso máis aló ao suxerir que o que unha muller coma antes de quedarse embarazada tamén condiciona a saúde da súa descendencia.

Un estudo realizado con animais e publicado en The FASEB Journal (Journal of the Federation of American Societies for Experimental Biology) revela que a dieta antes do embarazo altera quimicamente o ADN da nai e que estes cambios pasan aos seus descendentes. Estas modificacións do ADN coñecidas como “cambios epixenéticos” afectan de forma considerable o metabolismo dos acidos graxos necesarios para o desenvolvemento da futura descendencia. Como resultado destes achados, enfermidades crónicas como a diabetes, a obesidade, o cancro e outros trastornos inmunes poderían verse modificadas. Desde o Instituto de Investigación da Nutrición da Universidade de Carolina do Norte explican que a nosa propia condición biolóxica pode contribuír ao destino dos fillos, e que este efecto pode ser duradeiro.

Os ácidos graxos poliinsaturados omega 3 e omega 6 son esenciais para o crecemento e o desenvolvemento humano ao estar presentes nas membranas celulares. A achega de acedos graxos omega 3 durante o embarazo, lactación e primeira infancia revélase clave tanto para o correcto desenvolvemento da visión como do tecido neuronal cerebral do neno.

Consello do mes: legumes contra o colesterol

Os legumes son un alimento perfecto para regular o colesterol. A súa composición aglutina toda unha serie de compostos con efectos positivos na prevención das enfermidades cardíacas: fibra, saponinas, lectinas e fitosterois como estanois e esterois. Estes últimos compostos son engadidos pola industria alimentaria a distintos produtos como margarinas e lácteos co fin de converter a estes alimentos en efectivos para reducir o colesterol. A natureza bríndanos alimentos “funcionais” que conteñen tales substancias de forma natural. Os estanois e esterois son compoñentes esenciais das membranas celulares das plantas e a súa estrutura físico-química aseméllase á do colesterol. En legumes como a soia o contido total de fitosterois é de 153 mg/100 g de alimento. O resto ten menos, aínda que en cantidade significativa.

Legumes: catro veces por semana

No intestino, os fitosterois interfiren na absorción do colesterol que provén dos alimentos e do colesterol endóxeno, o que fabrica o fígado. Comer legumes catro veces por semana, dúas como prato principal e dúas como guarnición ou como ingrediente complementario noutros pratos, é un paso máis cara a unha alimentación cardiosaudable. Como? De mil xeitos: legumes en ensalada, sopas, cremas, potaxes con verduras ou con arroz, guarnicións, prato único combinado con carne, peixe ou ovo… Por exemplo, garavanzos con piñóns; potaxe de lentellas con luras, fabas brancas con espinacas e cabaza, sopa de fabas vermellas guisadas con millo, chícharos salteados con cuscús e guarnición de fabas salteadas con purrusalda e xamón.

Xantares e merendas innovadoras

O doce é unha tentación que invade case todas as comidas do día; comézase polo almorzo e séguese cos petiscos de media mañá e media tarde. Froitas, zumes, café con leite e azucre, galletas, tostadas con marmelada, bolos, madalenas, pan con chocolate…, destacan entre os alimentos doces ou azucrados máis consumidos. Pero o equilibrio tamén debe darse nos sabores: doce e salgado; ácido e amargo. O consello é facer unha previsión de petiscos variados que alternen e combinen diferentes sabores, de modo que á hora de elixir os “salgados” non sempre haxa presenza de embutidos.

A continuación, móstranse 14 propostas para degustar novos e gustosos petiscos:

  • Tostada con tomate, atún e anchoas
  • Tostada de xamón, espárragos e ovo de paspallás
  • Pan con queixo de cabra e marmelada de framboesa
  • Pan de sementes con mel e tahini (crema de sésamo)
  • Pan de müesli
  • Pan de froitos secos
  • Queixo con marmelo e noces
  • Uvas e queixo fresco
  • Tosta de salmón afumado con piña e laranxa
  • Pulga de tortilla de allos tenros e gambas
  • Tosta con pementos vermellos, allos tenros e anchoas con toque de alfabaca.
  • Pan con escalibada e sardiñas
  • Torta de arroz untada con paté de atún
  • Torta de arroz untada con paté de sardiñas