Patoloxías das pálpebras e do lacrimal

Pálpebras e lágrimas doridas

As patoloxías das partes que protexen o globo ocular representan molestias que requiren de medicación ou pequenas operacións
1 Febreiro de 2006
Img salud

Pálpebras e lágrimas doridas

O globo ocular, coa súa córnea, iris, cristalino, retina e nervio óptico, é, sen dúbida ningunha, a parte nobre do órgano da visión, pero para que se manteña en boas condicións hai unha serie de estruturas anexas que é imprescindible que funcionen ben: músculos que o moven, pálpebras coas súas pestanas e glándulas que os protexen, e glándulas lacrimais que nutren e protexen o globo. Todas elas poden verse afectadas por distintas patoloxías. Velaquí as máis significativas:

Tirizó

É a infección máis frecuente da pálpebra. O tirizó externo prodúcese pola infección do folículo piloso da pestana. Localízase normalmente na beira das pálpebras, é de pequeno tamaño e superficial. Aparece como un pequeno gran que produce dor e irritación. Adopta o aspecto dun pequeno absceso que drena de modo espontáneo e que sanda sen máis complicacións.

O tirizó interno prodúcese pola inflamación dunha glándula de Meibonio, situada a unha maior profundidade có folículo piloso, polo que ten dificultades de drenaxe e está sometida a tensión. Por iso doe máis e é máis difícil de curar.

Os tirizós trátanse a miúdo aplicándolles calor local, mediante unha pequena compresa quente, 3-4 veces ó día e de 10 a 15 minutos, e aplicándolles despois unha pomada antibiótica e antiinflamatoria. Ás veces, os tirizós, en especial os internos, teñen tendencia a enquistarse e non drenan, o que obriga a unha drenaxe cirúrxica./imgs/20060201/salud.jpg

Blefarite

É a inflamación da beira libre das pálpebras, que polo xeral ten carácter bilateral (adoita afectar os dous ollos á vez) e recorrente. É unha afección moi habitual, especialmente en persoas predispostas por padecer acne rosácea ou dermatite atópica. Preséntase a calquera idade e pode chegar a ser moi molesta, para a desesperación dos afectados.

A beira da pálpebra aparece irritada e inchada e con sensación de ardor, proído, irritación. Nos casos máis severos pódese producir a perda das pestanas (madarose) e tamén a disposición anormal das pestanas (triquíase) que nacen cara a dentro en dirección ó globo ocular, o que xera problemas de irritación.
Os síntomas non sempre se asemellan; dependen da causa que orixine a blefarite, que pode ser alérxica, infecciosa, seborreica, irritativa ou mixta, unha mestura delas.

Nas alérxicas puras, moitas veces alerxia ós cosméticos, a beira da pálpebra aparece vermella por mor dunha marcada vasodilatación: trátase da chamada forma eritematosa, que ten un tratamento sinxelo, baseado en evitar o contacto co produto alérxico (maquillaxe, cremas, ton de ollos…).

A forma escamosa ou eccematosa, na que a beira da pálpebra aparece con lesións eccematosas, adoita estar asociada a dermatite seborreica, problemas de refracción do ollo non corrixidos e desequilibrios da musculatura ocular extrínseca (a que move o ollo). A beira da pálpebra aparece avermellada, inchada, con formación de pequenas escamas abrancazadas que ás veces chegan a formar bostelas. Co tratamento e coa eliminación das escamas, a beira queda limpa e pode haber perda temporal de pestanas, case nunca definitiva.

A forma máis severa é a folicular ou ulcerosa, as máis das veces de orixe infecciosa, e que consiste na inflamación aguda ou crónica, con formación dunha zona ulcerada, con bostela, de cor amarelada, profunda e supurada, que orixina necrose e ulceración da beira da pálpebra, con perda definitiva das pestanas. Nos casos máis graves pódese producir retracción da pálpebra cara a dentro (ectropion). O tratamento da blefarite infecciosa baséase en antibióticos aplicados localmente, asociados ou non a corticoides locais, e no tratamento da patoloxía de base se a hai: dermatite seborreica, alerxia…

A hixiene das pálpebras é fundamental. Hai que evitar os produtos cosméticos e lavalas con preparados especiais. Ademais, hai xampús neutros específicos para esta afección, que se aplican cunha gasa húmida.

Chalazion

Con este nome coñécese a inflamación dunhas pequenas glándulas situadas na beira da pálpebra, chamadas glándulas de Meibonio, cando reteñen material sebáceo.
A secreción sebácea retida no interior da glándula forma unha tumoración dura, indolora. É máis frecuente na pálpebra superior e en persoas adultas, moi rara na infancia e mocidade. Adoita desaparecer nuns meses, pero en ocasións persiste, enquístase e aumenta de tamaño. Cando isto acontece chega a producir problemas estéticos e, o que é peor, pode comprimir a córnea e alterar a visión.

O seu tratamento adoita depender do tamaño da tumoración. Nos pequenos, a inxección intralesional de corticoides dá normalmente bo resultado, pero nos grandes a cirurxía e a extirpación do quiste son a solución definitiva. Normalmente efectúase pola cara interna da pálpebra, polo que non quedan cicatrices visibles.

Dacriocistite

É a infección do saco lacrimal pola obstrución da vía lacrimal. Nos bebés acabados de nacer, a obstrución da vía lacrimal é a anomalía conxénita máis frecuente do sistema lacrimal, e aparece no 20-30% dos bebés, pero no 90% dos casos resólvese espontaneamente nas primeiras semanas de vida. Estímase normal un atraso de tres semanas desde o nacemento para a completa formación do conduto, pero a partir dos tres meses considérase patolóxico.

Esta infección recoñécese no bebé porque presenta unha choradela constante e porque se lle forman secrecións no fondo de saco conxuntival. O tratamento é inicialmente conservador, e se se infecta aplícanse desconxestionantes nasais, antibióticos e frétase a zona. Se a obstrución perdura practícanse sondaxes con irrigación do conduto, o que dá bos resultados ata os 6 meses. Se ós 9 meses a obstrución do conduto perdura, o tratamento máis eficaz é o cirúrxico.

A obstrución do conduto nos adultos aféctalles sobre todo ás mulleres e parece deberse ó avellentamento, pero tamén pode producirse por accidentes, queimaduras, golpes ou falta de hixiene. Se a obstrución é parcial, a dilatación dos puntos lacrimais e a sondaxe poden abondar para resolver o problema, pero, cando é completa, a cirurxía é normalmente a única solución.

A dacriocistite pode ser aguda ou crónica. Cando é aguda fórmase un absceso e aparece no ángulo interno do ollo unha tumefacción dura, vermella, dolorosa, que se pode estender polos arredores (pálpebras, raíz nasal). Trátase con antibióticos, antiinflamatorios, drenaxe cirúrxica e, unha vez controlado o proceso agudo, hai que solucionar o de base, a obstrución. Na forma crónica, con lagrimexo de longa duración e secrecións ás veces mucopurulentas, o tratamento é cirúrxico: practícase unha pequena intervención que consiste en comunicar o saco lacrimal co nariz, de xeito que a secreción lacrimal se evacúa polo nariz.