Compensa en casos moi concretos
Calor durante os meses de inverno e refrixeración no verán sen que cumpra adquirir aparellos radiadores específicos nin de aire acondicionado. Aí reside unha das grandes vantaxes deste moderno sistema baseado na instalación dun conxunto de tubos, invisible para os residentes da casa.
Aínda que pareza novo, a versión antiga deste método para quentar e arrefriar utilízase en numerosas aldeas e vilas de España desde hai décadas co nome de ‘glorias’. A instalación de calefacción radial, que pode ser de chan, teito ou parede e que funciona con gas ou electricidade, require unha grande obra, polo que se recomenda só se se vai realizar unha reforma integral nunha vivenda máis ben grande ou unifamiliar. Resulta máis económica a longo prazo (entre un 10% e un 30% máis có sistema de radiadores), xera unha calor máis natural e, dado que vai integrada nas paredes, no chan ou no teito, é máis estética, xa que se evitan radiadores e acumuladores nas paredes.
Entre as súas desvantaxes, amais da envergadura da obra precisa para instalar os tubos ou cables, destacan a limitación que impón nos tipos de chan (que non poden ser de madeira), o custo da colocación e mesmo o desgaste que, segundo algúns expertos, poden sufrir os mobles pola calor que emana do chan ou da parede.
O uso desta calefacción está máis estendido en lugares de Europa nos que é moi habitual vivir en casas unifamiliares ou casas pegadas e onde se dan temperaturas moi baixas durante máis meses ó ano. En moitas vivendas de Alemaña e en Suíza, por exemplo, vén instalada de serie (ata na metade das vivendas) e supón un importante aforro de enerxía. En concreto, o chan radiante permite un aforro de enerxía de entre o 10% e o 30% en vivendas e dun 60% en tendas, centros deportivos, etc.
Radiante por tubo de auga
Esta modalidade é a máis habitual. Require unha rede de tubos de polietileno que se instalan estratexicamente debaixo o chan, por onde circulará a auga quente a unha temperatura mínima de 34 ºC e máxima de 46 ºC, producida xeralmente por unha caldeira. Deste xeito acádase unha temperatura ambiente de 18-22 ºC. A auga cédelle calor ó chan ou á parede, que á súa vez a transmite ó ambiente do edificio. Estes tubos son máis caros cós cables, xa que deben ser irrompibles para aturar as altas temperaturas cando están en funcionamento, as xeadas do inverno, a aparición de cal e a corrosión ocasionada polo paso do tempo.
Calefacción radiante por tubo de auga.
É unha rede de tubos de polietileno instalados debaixo do chan, por onde circula auga quente para quentar o ambiente.
Eléctrica por cable calefactor
Este sistema utiliza a enerxía eléctrica directa para quentar un cable de aceiro inoxidable e deste xeito dáse caldeado unha habitación. É común empregar o cable calefactor nas instalacións de chan radiante e nas paredes das habitacións.
- CONSUMO. Permite un aforro de consumo que oscila entre o 10% e o 30% en comparación cos tradicionais radiadores. Se durante os meses máis duros de inverno a factura do gas ascende a 60-70 euros con radiadores verticais nunha vivenda de 80 metros cadrados, noutra con chan radiante e as mesmas dimensións, o importe descende a unha media de 40-50 euros mensuais. Ademais, a división da instalación de tubos baixo o chan, paredes e teito permite illar as habitacións que non se usan e, polo tanto, reducir as facturas. Normalmente, colócase un termóstato que regula a temperatura, igual ca cos radiadores verticais.
- SEGURIDADE. Nos fogares con cativos evita que se manquen cos vértices dos radiadores verticais e que se poidan queimar. Ademais, os circuítos do chan radiante comezan e rematan nos colectores colocados por riba do chan. Non hai empalmes e a calidade do tubo de polietileno garante a ausencia de avarías.
- UNIFORMIDADE E CONFORT. A calor que se crea con este sistema é uniforme en toda a casa, o que crea unha agradable sensación de confort. Non se reseca o ambiente, de aí que se recomende nos hospitais, garderías e residencias de anciáns.
- TEMPERATURA. Co chan radiante, a temperatura é de arredor de 22 ºC, o que permite que se manteñan a cabeza fría e os pés quentes, evitando estar algo aparvado e con dores de cabeza. Os expertos aseguran que esta calor é máis sa.
- ESPAZO. A vantaxe de que se instale a calefacción debaixo do pavimento permite aproveitar todos os espazos dos ambientes para colocar un maior número de mobles.
- LIMPEZA. É máis limpa có sistema tradicional de radiadores: nestes amoréase o po e nalgúns casos saen manchas negras nas paredes.
- ESTÉTICA. Non hai radiadores nin acumuladores nas paredes, nin estufas nos recunchos máis disimulados.
- OBRA. Moi complexa en comparación á clásica colocación de radiadores que funcionan mediante caldeira. Hai que realizar unha reforma integral da vivenda, erguer o chan, picar paredes ou teitos. O chan radiante eléctrico é máis sinxelo de instalar có radiante por auga.
- PREZO DA INSTALACIÓN. É un sistema máis caro có da calefacción mediante radiadores verticais. Nun piso de 100 metros cadrados, a instalación de calefacción radiante pode oscilar entre 6.000 euros e 8.000 euros ou máis. Neste mesmo piso, unha instalación de calefacción con radiadores verticais supón un custo entre 5.000 e 6.000 euros, en función da marca e do tamaño da caldeira e do número de radiadores que se vaian instalar (e ademais nas vivendas novas a calefacción mediante radiadores xa adoita vir instalada).
- CHAN. A calefacción radial limita o tipo de chan que se pode instalar na vivenda. Recoméndase non colocar ningún tipo de madeira ou cortiza e optar polo chan de terrazo.