A visión dos habitantes do ceo
Ollada de aves
O “birdwatching”, nome en inglés desta afección, é unha actividade que move paixóns e moitos cartos. Os seus practicantes son unha valiosa entrada de divisas a xeito de ecoturismo para países como Costa Rica, Madagascar ou Kenya, e para outros que valoran cada vez máis a un turista que combina poder adquisitivo e respecto ó medio natural. Segundo unha enquisa da Universidade de Stanford, 69 millóns de estadounidenses maiores de 16 anos practican este entretemento. No Reino Unido, outro dos países con máis seguidores do mundo xunto ós Estados Unidos, organízase en agosto a “British Birdwatching Fair”, unha feira que atrae todos os anos á localidade de Rutland a milleiros de afeccionados e de profesionais de todo o mundo. En España este tipo de turismo atópase nun estado incipiente, aínda que algunhas comunidades autónomas, como Estremadura ou Andalucía, contan con diferentes iniciativas, e son cada vez máis as casas rurais que o están ofrecendo entre as súas actividades de tempo de lecer.
Outro dato que indica o fervor cara ás aves é o número de asociacións e asociados rexistrados en todo o mundo. En España, amais da principal asociación conservacionista especializada en aves, a Sociedade Española de Ornitoloxía, SEO/BirdLife, que conta cuns dez mil socios, creáronse diversas agrupacións e federacións cun interese específico nas aves, e mesmo nalgunha especie en particular.
Amais do entretemento e do goce da natureza, o interese científico pode resultar outro aliciente. A ornitoloxía, xunto á astronomía, é unha das ciencias que atrae máis afeccionados, que representan unha valiosa fonte de datos para a ciencia profesional.
Principais lugares para a observación
Calquera comunidade autónoma conta con paisaxes naturais que albergan unha enorme diversidade de especies ornitolóxicas. O Delta do Ebro, o Parque Nacional de Doñana en Huelva, as Lagoas de Villafáfila en Zamora, Gallocanta en Teruel, as Salinas do Cabo de Gata en Almería, a Albufeira Valenciá, os aciñeirais estremeños, as lagoas de Toledo, o Parque Nacional das Tablas de Daimiel, as Marismas de Santoña ou o Parque Nacional de Garajonay en Canarias son só algunhas mostras dunha longa lista. De feito, España é o país europeo que alberga máis áreas de importancia internacional para as aves, segundo o inventario de SEO/BirdLife, que contabiliza ata 391 zonas en España. Segundo este traballo, o alto número destes espazos non se corresponde co de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) -figura legal da normativa comunitaria-, declaradas en España, que non pasan de 170. Por comunidades autónomas, Estremadura posúe a maior extensión en bo estado para a conservación das aves, cun 74% do seu territorio dedicado a estas Zonas, mentres que Canarias é a que alberga un maior número, cun total de 65.
Ademais, o inventario de SEO/BirdLife denuncia que as principais ameazas ás aves en España son as transformacións de regadíos, a construción de infraestruturas, como encoros ou estradas, a industrialización e a urbanización.
Riqueza de especies
O número de aves que se poden detectar en España é enorme: das 514 especies europeas, a metade aniñan en España e para un cento máis é zona de paso ou de invernada, segundo datos de SEO/BirdLife. Desafortunadamente, o número desas especies que se atopa ameazada tamén é grande. Unhas 160 especies precisan medidas de conservación en España, entre elas algunhas que só se atopan no noso territorio. O pimpín trompeteiro, a hubara, a galiñola negra cristata, o corredor sahariano, a calandra de Dupont, a pardela balear, o picanzo pequeno, a aguia pescadora e o pimpín azul de Gran Canaria son algunhas das especies que se atopan en perigo crítico de extinción en España.
Tras a elevada mortalidade que sufriu no desastre ecolóxico do “Prestige”, o arao común (unha ave mariña) será posiblemente a primeira especie en extinguirse en España, segundo SEO/BirdLife. Por fortuna, o estado doutras especies mellorou nos últimos anos, como é o caso das cegoñas branca e negra, o camón común, a garza cangrexeira, o mazarico mouro, a malvasía ou parrulo rabiteso, o quebraosos ou a águia imperial ibérica, por mor do esforzo de entidades públicas e privadas e dunha maior concienciación da cidadanía. Os observadores de aves concienciados polo medio natural e as distintas asociacións conservacionistas non só gozan do pracer de ollar, senón que tamén velan pola protección e mellora da situación destes animais e dos enclaves nos que viven.
Co uso dalgúns trucos sinxelos, amais de boas doses de paciencia, pódese dar visto un variado número de aves, tanto se nos trasladamos á natureza máis salvaxe como se vivimos no campo ou na cidade, ou se dispomos dun xardín, ou tan só dun balcón ou do peitoril dunha ventá:
- Intente observalas pola mañá cedo ou ó serán, que é, en xeral, cando están máis activas -non sendo as aves nocturnas-.
- Se é posible, sitúese co vento de fronte para evitar ser delatado polo cheiro, e achéguese silandeiro.
- Como material recomendable, amais da roupa e do calzado axeitados para a natureza (de cores neutras e elixidos en función das condicións meteorolóxicas), recoméndase levar uns prismáticos cunha boa relación aumentos-luminosidade (10×50, 8×30 ou 12×60) e guías de calidade.
- Un dos mellores xeitos de atraer as aves é ofrecerlles alimento. Anacos de coco, sementes, froitos secos ou frangullas de pan atraerán unha chea de paxaros distintos, e é recomendable instalar un ou varios comedores para ter máis éxito. Se amais de comer, lles ofrecemos un fogar -por medio de caixas niño, por exemplo- poderémolas atraer para que críen ó noso carón.