Instalacións deportivas municipais

Unhas cidades invisten en deporte e promóveno moito máis ca outras

CONSUMER EROSKI compara as infraestruturas deportivas de titularidade pública de 18 cidades e analiza, logo de visitalas, 144 das súas instalacións máis sobranceiras
1 Febreiro de 2006
Img temap 256

Unhas cidades invisten en deporte e promóveno moito máis ca outras

Un de cada dous españois asegura facer deporte tres ou máis veces por semana e a metade dos que o practican utilizan instalacións deportivas de titularidade pública, segundo datos publicados hai pouco polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que revelan que a natación (máis de unha de cada tres persoas que fan deporte aseguran nadar a cotío), o fútbol (32%), o ciclismo (20%) e a ximnasia de mantemento (14%) son os deportes que contan con máis seguidores en España. É sabido que, co paso dos anos, o deporte foi converténdose nunha das actividades sociais con maior arraigo entre nós; e de feito, o exercicio físico vincúlase cada vez máis á saúde e permite manterse en forma, amais de que constitúe un xeito ameno de ocupar o tempo de lecer e un eficaz resorte para coñecer xente e facer novas amizades. O que probablemente se sabe menos é que a Constitución (“os poderes públicos fomentarán a educación sanitaria, a educación física e o deporte”) obriga expresamente a que a Administración promova a práctica do deporte na cidadanía.

CONSUMER EROSKI quixo comprobar como responden os poderes públicos a esta esixencia e fíxoo de dúas maneiras: unha, comparando o equipamento en infraestruturas deportivas de titularidade pública co que contan 18 cidades (A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza) e, outra, analizando -mediante visita persoal dos técnicos desta revista- o servizo que prestan e o estado de mantemento de 144 instalacións deportivas municipais de uso público, as máis emblemáticas destas 18 cidades./imgs/20060201/piscina.jpg

A principal conclusión do estudo é que o abano de infraestruturas deportivas de titularidade pública é moi distinto segundo a cidade de que se trate (ós sevillanos correspóndelles un polideportivo para cada 12.000 cidadáns, e ós donostiarras e barceloneses un para cada 17.000, mentres que ós malagueños lles toca un polideportivo para cada 110.000 e ós madrileños e bilbaínos un para cada 50.000), e que case ningunha pode presumir dun equipamento deportivo satisfactorio, xa que non dispoñen (a teor da comparación coa media das 18 cidades) dunha oferta abonda de infraestruturas para case todas as modalidades deportivas (é o caso de Málaga e Alacante) ou para un bo número delas (situación en que se atopan Córdoba, A Coruña, Cádiz, Zaragoza, Bilbao, Madrid e Pamplona).

Só Barcelona e San Sebastián, e, xa a certa distancia destas dúas cidades, Vitoria ofrecen un abano abondo e equilibrado dos equipamentos deportivos incluídos no estudo: polideportivos, piscinas, ximnasios, pistas de atletismo, campos de fútbol, canchas de baloncesto, frontóns, pistas de squash, paddle e tenis, e canchas polivalentes. É frecuente que algunhas cidades destaquen en infraestruturas para un ou varios deportes, pero que se sitúen por baixo da media noutros. Zaragoza, por exemplo, destaca en piscinas, pero ofrece moi poucos ximnasios, mentres que en Cádiz acontece xusto o contrario: sobresae en ximnasios e falla en piscinas.

Doutra banda, tras o exame realizado (analizáronse a información e mais os servizos ofrecidos ós usuarios, o estado de conservación e limpeza das instalacións, a accesibilidade para discapacitados e a seguridade dos edificios e equipamentos e mais a vixilancia das instalacións) logo de visitar as 144 instalacións deportivas estudadas nas 18 cidades, o 7% destas instalacións obtén como nota final un suspenso e o 15% queda nun mediocre “aceptable”, o que significa que máis de dúas de cada dez teñen unha ampla marxe de mellora. Véndoo desde o enfoque máis optimista, case a metade son moi boas ou excelentes. Cunha valoración máis discreta, pero tamén satisfactoria, o 30% das instalacións deportivas visitadas obtiveron unha nota final de “ben”.

O apartado con peor nota global foi a información facilitada ós usuarios e a diversidade de servizos que se lles ofrecen, prestacións nas que suspende unha de cada catro instalación, o que se comprende mellor cando se coñece que no 40% das infraestruturas visitadas non se expuñan os prezos e tarifas dos servizos ofrecidos e que no 17% nin sequera se informaba sobre as normas xerais de uso das instalacións. O mellor foi a seguridade dos edificios e equipamentos e o seu estado de mantemento e limpeza: en ambas as dúas cuestións, a nota media das 144 instalacións foi “moi ben”.

As instalacións deportivas con mellor valoración conxunta -por cidades- foron as visitadas en Barcelona, Málaga, Oviedo, San Sebastián, Valencia e Zaragoza. As peor paradas foron as analizadas en Cádiz (suspenderon o 60% das visitadas), seguidas das de Córdoba, Granada e Sevilla.

Comentario á parte merece a accesibilidade para discapacitados, e é ben positivo: só en unha de cada dez instalacións deportivas visitadas, a accesibilidade foi globalmente deficiente. Así e todo, o 17% delas carecen de aseos adaptados (dúas de cada tres en Alacante e Córdoba) e o 15% non lle confirmaron a esta revista se a piscina dispuña dun guindastre para lle facilitar o acceso a este colectivo.

Un elocuente indicador da atención que lles prestan as cidades á práctica do deporte é o investimento que realizan cada ano os concellos neste apartado. CONSUMER EROSKI solicitoulles esta información ós 18 concellos que abrangue este estudo, e comprobou que a media de gasto no 2005 foi de 42,5 euros por habitante, aínda que algunhas cidades, como Madrid (100 euros) e Oviedo (73 euros) investiron moito máis cá media e, outras, moito menos: Valencia (19 euros por habitante), Alacante (21 euros), A Coruña e Córdoba, ambas as dúas con só 23 euros investidos en deporte por habitante.

Limpeza e mantemento das instalacións

Só no 4% das instalacións se viron deficiencias tales no estado de mantemento e na limpeza que lles fixeran merecer un rotundo suspenso, polo que a media deste apartado é un moi ben. As principais irregularidades detectadas foron o mal estado de conservación e o excesivamente vellos que eran un de cada dez vestiarios (visitáronse máis de 500 vestiarios nas 144 instalacións) e o 12% das zonas de duchas. Atopáronse lavabos arrincados, azulexos rompidos ou con perigo de caer, estragos nas paredes debido á humidade, tubos oxidados, etc.

Aínda que só o 4% deles estaba en malas condicións de limpeza e hixiene (en Cádiz acontecía nun de cada catro vestiarios visitados e en Granada e Pamplona en dous de cada dez). Ademais, o 8% dos vestiarios e o 12% dos aseos non tiñan papeleiras ou recipientes para depositar residuos e refugallos, o 6% dos aseos carecían de papel hixiénico (seis de cada dez en Pamplona e o 40% en Granada) e ata un 28% non dispuña de xabón. Como dato positivo cómpre sinalar que unicamente o 3% dos vestiarios carecía de duchas con auga quente.

/imgs/20060201/futbol.jpg O estado de conservación das instalacións deportivas visitadas tamén foi bo. Só se atoparon deficiencias no 12%. Os principais defectos foron equipamentos anticuados ou en mal estado, ancoraxes de porterías, canastras, etc. pouco seguras, chan con irregularidades ou deficiencias importantes, pingueiras con caldeiros de plástico no interior das instalacións, zonas en obras, etc. Neste aspecto destaca Córdoba: observouse que en dúas de cada tres instalacións as porterías e canastras non estaban correctamente suxeitas nas instalacións visitadas nesta cidade. Tamén se atoparon deficiencias na metade das instalacións gaditanas, no 30% das de Sevilla e en dúas de cada dez de Madrid, Oviedo e Sevilla, na maioría dos casos por mor da falta de ancoraxes abondas dos equipamentos deportivos, á excesiva antigüidade dos equipamentos deportivos, á carencia de redes en porterías, canastras e similares e á falta dunha man de pintura que delimitase as zonas de xogo.

Para rematar, atopáronse estancias con mal cheiro en unha de cada dez instalacións deportivas visitadas (a proporción en Pamplona, Cádiz e Valladolid supera o 30%), sobre todo debido á falta de ventilación dos vestiarios e salas de musculación.

Seguridade

Merece de media un moi ben: só o 5% das instalacións suspenden en seguridade, aínda que outro 12% ten que se conformar cun mediocre “aceptable” dentro deste apartado. As máis das instalacións deportivas municipais están equipadas de medidas de seguridade: máis do 90% dispón de luces de emerxencia e de extintores á vista dos usuarios nos espazos que así o requiren. Pola contra, o 14% (dúas de cada tres de Alacante e o 60% das de Cádiz e Granada) non contan con carteis indicadores de saída de emerxencia. Outras medidas non están tan estendidas: o 27% das instalacións carece de mangueiras, o 58% de portas cortalumes e o 91% de pulsadores de emerxencia.

Continuando coa seguridade dos recintos, no 8% observáronse elementos que poden pór en perigo a integridade física dos usuarios, como buratos e pavimentos estragados, valados en mal estado ou caídos, chans moi esvaradíos nos vestiarios, zonas de obras próximas ás pistas ou canchas de deporte, etc. Estas deficiencias atopáronse en dúas de cada dez instalacións de Vitoria, Sevilla, Pamplona, Granada e Cádiz.

Había persoal de seguridade (gardas xurados) só no 7% das instalacións (40% das de Cádiz), aínda que tan só no 6% das instalacións non había ninguén (bedeis, conserxes nin persoal de mantemento) que atendese o bo funcionamento da instalación. Na metade das instalacións hai cámaras de seguridade (en todas as de Zaragoza e Bilbao) en todo ou en parte dos recintos, aínda que se observaron dependencias con pouca iluminación no 6% das instalacións. No tocante á presenza de socorristas, todas as instalacións deportivas con piscina que se puideron visitar (algunhas estaban pechadas) contaban con polo menos un socorrista.

Información ó usuario e servizos dispoñibles

As peores valoracións do estudo son para este apartado, que de media só acada un aceptable. Unha de cada catro instalacións visitadas suspende a análise e o 22% queda nun exiguo aprobado. Entre as carencias principais salienta a falta de persoal na recepción (no 8% das instalacións) para atender os usuarios (en Valladolid, na metade das instalacións, e en Alacante, en unha de cada tres). Ademais, a sinalización das instalacións foi deficiente no 13% dos casos (non se indica a onde conducen os corredores ou onde está cada dependencia), non hai planos de situación no 62% das instalacións (ningunha instalación de Alacante, Bilbao, Córdoba, A Coruña e Granada conta con este tipo de sinalizacións) e os carteis indicativos son moi insuficientes no 23% dos casos.

Con respecto ó tipo de carteis e indicacións expostas, a información ó usuario é notoriamente deficiente: no 40% nin sequera informan sobre os prezos e tarifas, no 36% non se expoñen carteis co horario de apertura e peche do recinto ou dos servizos dispoñibles (en Granada, Sevilla e Valladolid ningunha das instalacións informa sobre a cuestión) e no 17% dos recintos non se informa sobre as normas de uso xerais da instalación.

Entre os servizos que se lles ofrecen ós usuarios, destaca que o 89% das instalacións contan con armarios (aínda que non os hai na metade das visitadas en Cádiz e no 40% das de Sevilla e Pamplona). Pola contra, só no 9% dos recintos hai papeleiras ou contedores de reciclaxe, só o 5% contan con biblioteca, o 6% con sala de xogos para nenos e menos do 3% dispoñen de gardería. Os servizos máis habituais son os teléfonos públicos, o bar ou a cafetería (aberta ó público, as máquinas expendedoras de bebidas e a sauna. A necesaria dependencia sanitaria (a enfermería ou ben a botica de primeiros auxilios) atopouse claramente sinalada no 77% das instalacións (en todas as de San Sebastián, Oviedo, Bilbao e Alacante, pero só no 20% das de Valencia e en unha de cada tres das de Córdoba)./imgs/20060201/correr.jpg

Accesi- bilidade

As 144 instalacións visitadas merecen de media un ben en accesibilidade, pois só en unha de cada dez se pode cualificar como deficiente o acceso. Con todo, o 17% carecen de aseos adaptados (dous de cada tres en Alacante e Córdoba). No tocante ós accesos, no 13% das instalacións deportivas hai escaleiras para acceder ás dependencias ou estancias (destacan negativamente as de Cádiz: no 60% non hai ramplas ou ascensores que salven estes obstáculos, e outro tanto acontece en case a metade das instalacións de Bilbao e en unha de cada tres de Valladolid e Córdoba). No relativo ó acceso desde o exterior, só en unha de cada dez instalacións cómpre subir escaleiras. As cidades que peor acceso teñen desde o exterior son Córdoba (a metade das instalacións teñen escaleiras fóra non salvadas con ramplas), Bilbao (un 43%), Cádiz e Madrid (en unha de cada catro).

Para rematar, só o 53% das instalacións deportivas reservan aparcamentos para persoas con discapacidades alí preto (en Alacante, Córdoba e Granada ningunha cumpre con este requisito; pola contra, en Valencia e en San Sebastián todas as instalacións visitadas contan con prazas de aparcamento reservadas por alí ó lado).

Canto gastan os concellos no deporte?

Os concellos consultados invisten cantidades ben distintas en deporte. En termos absolutos, Madrid (máis de 311 millóns de euros) e Barcelona (case 75 millóns) son as cidades que máis gastan en deporte. Sevilla destina a este concepto case 30 millóns de euros, Murcia 25 e Zaragoza algo máis de 19 millóns. Á cola sitúanse Cádiz (algo menos de 5 millóns de euros) e A Coruña (non chega ós cinco millóns e medio de euros).

Así e todo, cómpre facer unha serie de matizacións importantes: o peso dos orzamentos destinados ó deporte (mantemento, conservación e construción de instalacións, pagamento do persoal, oferta de cursos e programas, etc.) nas 18 cidades é só o 4,2%, de media, dos orzamentos totais de cada concello. Os concellos que máis cartos lle destinaron ó deporte no 2005 foron Oviedo (o 8,4% do orzamento do concello destinouse ó deporte o pasado ano), Madrid (7,2%), Murcia (6,8%) e Valladolid (o 5,5 do orzamento municipal). O resto das cidades destina menos do 5% dos seus orzamentos anuais ó investimento en materia deportiva. Á cola sitúanse Málaga (o 2%), Valencia e Alacante (menos do 3%).

No tocante ó gasto por habitante, os 18 concellos gastaron no 2005 unha media de 42,5 euros por habitante en materias relacionadas co deporte. Con todo, hai importantes diferenzas: Valencia, Córdoba, Alacante e A Coruña gastaron menos de 23 euros en deporte por habitante ó ano, fronte a Murcia (63 euros por habitante ó ano), Oviedo (máis de 72 euros por habitante ó ano) e Madrid (100 euros por habitante ó ano).

Canto custa facer deporte?

/imgs/20060201/atleta.jpg
Polo xeral, hai un amplo abano de tarifas e abonos en función de diferentes factores, entre os que destacan a idade (infantil, mozo, adulto, maiores de 60 anos, pensionistas…), o empadroamento do usuario no concello, a pertenza a diferentes asociacións, posuír tarxetas ou carnés de carácter municipal, etc.

Así, o prezo do abono de tempada para maiores de 18 anos durante o pasado ano 2005 ascendía en Vitoria a 78 euros e en Bilbao a 98 euros, mentres que en Oviedo se pagaban case 50 euros máis polo mesmo. Noutras cidades, o abono é mensual, como en Granada e Alacante, onde se pagan 25 euros ó mes (con todos os servizos incluídos). Málaga, Córdoba, Pamplona e Valladolid aplicaban tarifas semellantes: entre 30 e 35 euros mensuais polo acceso a todas as instalacións.

Está moi estendida a posibilidade de optar por abonos de carácter familiar (só Cádiz e Córdoba non os ofrecen), sexan mensuais ou anuais. En Vitoria, Pamplona e Murcia contémplanse descontos de ata o 80% con respecto á tarifa normal, sempre en función do número de membros da familia. Na Coruña, o prezo do abono familiar é de 23 euros mensuais; en Valencia, Oviedo e Granada páganse arredor de 35 euros ó mes; en Valladolid, 43 euros e en Barcelona hai notables diferentes entre distintas instalacións deportivas municipais: as tarifas oscilan entre 32 euros e 60 euros polo mesmo abono familiar. No tocante ós abonos por tempada para familias (normalmente, de nove meses) destacan as tarifas bastante baratas de Bilbao (a tarifa familiar xiraba no 2005 arredor dos 142 euros, é dicir, non chega ós 16 euros mensuais) e Zaragoza (arredor de 100 euros por tempada).

Os pensionistas e maiores de 60 ou 65 anos tamén se poden beneficiar de descontos importantes. Nas piscinas de Zaragoza pagan arredor de 11 euros ó mes, mentres que en Oviedo aboan preto de 20 euros. A Coruña, Granada, Pamplona e Valencia coinciden nas tarifas para maiores de 65 anos, arredor de 18 euros mensuais durante o pasado ano, mentres que en Vitoria, Bilbao, San Sebastián e Córdoba se aplican descontos para este colectivo de ata o 70% con respecto á tarifa normal.