Aforro 2.0

Diversas aplicacións para o móbil axudan a controlar as facturas domésticas, a comparar prezos e a aforrar en gasolina
1 Maio de 2013
Img internet listado 805

Aforro 2.0

A grave crise económica que atravesamos empobrécenos a marchas forzadas e obriga as familias a reducir os seus orzamentos domésticos e a reformular as súas estratexias de consumo. Cada vez é máis habitual aplicar recortes e prescindir de servizos e de obxectos que non son necesarios. Non obstante, na xestión da economía doméstica tamén existen os “grises”. Unha alternativa non tan drástica para os usuarios de teléfono móbil pode ser descargar certas aplicacións que racionalizan o gasto. A seguir, analízanse diversas aplicacións deseñadas para levar as contas domésticas dun xeito axustado, para comparar prezos e para aforrar no consumo de gasolina.

Aplicacións para levar as contas domésticas

Creáronse aplicacións similares ás que controlan o gasto dende o ordenador, aínda que están pensadas de modo específico para as dimensións e a portabilidade do móbil, de maneira que o seu proceso de anotación dos gastos -fixos e variables- ou dos ingresos é máis intuitivo e gráfico. Hai aplicacións tanto para Android coma para iOS 6.

  • Mi presupuesto . Este programa permite anotar cada gasto ou cada cobramento de xeito simple. O obxectivo é aprender das entradas e saídas periódicas de diñeiro, para así asesorar o usuario sobre os puntos débiles da súa estratexia económica. Como funcións interesantes, ofrece un calendario para anotar os gastos de cada día e para ver cales son as xornadas críticas, así como gráficos de períodos determinados, resumos, estatísticas descargables etc. É unha ferramenta útil para os traballadores autónomos. Dispoñible só para Android. Custa 1,99 euros.
  • Money. É moi similar a O meu orzamento, pero este está deseñado para os dispositivos de Apple; é dicir, iPhone e iPad. A súa vantaxe é que se sincroniza entre todos os aparatos do usuario. O seu prezo é de 4,49 euros.
  • PocketMoney. Esta aplicación gratuíta serve tanto para Android coma para iOS e as súas funcións son moi similares ás das anteriores aplicacións.

Aplicacións para comparar prezos

Outra estratexia para non se saír dun orzamento e para cumprir co obxectivo de déficit fixado polos membros da familia é utilizar comparadores de prezos dos distintos produtos segundo o local ou o distribuidor en que se vendan. En internet, estes servizos existen case dende os seus inicios, pero a realidade é que cando estamos na mercería ou na tenda de roupa interior é cando máis os necesitamos. E entón a ferramenta máis próxima con acceso á rede é o móbil. De aí a importancia de contar con boas aplicacións á man.

  • Supertruper. Esta app 100 % española está a alcanzar gran notoriedade entre os que desexan saber a pé de tenda se hai algún competidor que lles ofreza mellor prezo polo mesmo produto. Para iso, utiliza a cámara do móbil, co fin de ler o código de barras do produto, enviar o sinal á “nube” e buscar nela o que ofertan outros vendedores. O resultado envíase á pantalla do terminal para axudar á decisión de compra. Supertruper actualízase cada día cos importes das principais cadeas de comercio. Está dispoñible tanto para Android coma para iOS.
  • Kayak. Este programa resulta útil para comparar prezos de voos e hoteis en poucos toques de pantalla. Orienta sobre a conveniencia dun determinado horario de voo ou dun establecemento onde se pode repousar da viaxe, e así aproveitar as mellores ofertas. Pódese atopar na tenda Google Play de Android, pero tamén para iPhone e Kindle Fire.
  • Skyscanner. Específico para voos, é un comparador de viaxes no móbil que axuda a reservar o traxecto máis económico con todas as compañías de baixo custo e as tradicionais. Encóntrase dispoñible para a maioría dos sistemas operativos.

Aplicacións para aforrar no consumo de gasolina

Son varios os programas dispoñibles nas tendas dos principais sistemas operativos que axudan a un aforro no consumo e no pagamento de combustible. A maioría establecen unha comparativa entre o prezo do carburante nas distintas gasolineiras da ruta do usuario, pero algunhas inciden en optimizar o traxecto.

  • Amovens e CarPooling. Ambas as aplicacións para iPhone e Android, respectivamente, poñen en contacto os viaxeiros que cobren unha mesma ruta. Estes usuarios poden decidir facer o traxecto nun mesmo coche e compartir gastos.
  • Gasolineiras baratas. Esta aplicación permite coñecer que gasolineira da ruta ten os distintos tipos de combustible ao mellor prezo. A app ordena os establecementos por diversos parámetros, como proximidade á posición do usuario, importe do carburante, servizos adicionais etc. Tamén acepta as actualizacións de custos que dean os usuarios.
  • Waze. Este programa de mapas ofrece a ruta máis idónea en tempo real cando se marca o destino e o punto de partida. Para iso baséase na información sobre o tráfico, o clima e o estado das estradas que obtén de internet. Tamén se poden introducir alertas de tráfico que se enviarán a outros condutores que se encontren preto do usuario. Desta forma, dá rutas alternativas para aforrar tempo e gastar menos combustible. Estes datos compártense de xeito automático, segundo a velocidade e a ruta do coche, ou ben de modo manual. Con eles, Waze calcula en tempo real o camiño máis apropiado para chegar a un destino. Está dispoñible tanto para iOS coma para Android.