Atopía: poñerse na pel doutro

A palabra atopía fai referencia á maneira que teñen algunhas persoas de reaccionar ante substancias ou estímulos ambientais
1 Maio de 2013
Img salud 2 listado 229

Atopía: poñerse na pel doutro

A cor dos ollos do pai, o sorriso da nai, o mal xenio do avó… Hai unha chea de trazos que podemos herdar dos nosos proxenitores. A carga xenética pesa en cada un de nós, pero o “agasallo” que recibimos non sempre é do noso agrado. A atopía é un bo exemplo. É a predisposición para reaccionar de forma esaxerada fronte a substancias ou estímulos ambientais que poden afectar a diferentes partes do organismo, como a pel, o aparato respiratorio ou o aparato dixestivo. Ata agora, non foi posible explicar a causa da súa aparición e a razón que se adoita esgrimir é a acción dun compoñente xenético. Cando un dos proxenitores padece a enfermidade, os fillos teñen un 40 % de probabilidades de sufrila. A cifra elévase ao 80 % cando os dous proxenitores teñen dermatite. Crese que o estilo de vida occidental é determinante (exceso de hixiene, humidade, calor, maternidade en idades avanzadas). Cada vez hai máis persoas afectadas, e a dermatite atópica, a asma e a rinite alérxica son a carta de presentación deste estado físico, que se caracteriza pola alternancia de períodos de mellora con outros de empeoramento. Estes cambios comportan un certo estrés emocional, que pode desencadear brotes da dermatite atópica. Aínda que carece dun tratamento definitivo, as recomendacións céntranse en controlar e en aliviar estes brotes.

Peles con atopía

A porcentaxe de persoas con atopía é elevado, e sobre todo durante a infancia. Estímase que entre o 5 % e o 20 % dos nenos e entre o 2 % e o 5 % dos adultos sofren dermatite atópica. Este descenso na etapa adulta débese á propia evolución da enfermidade.

A maioría dos casos diagnostícanse antes dos cinco anos, mesmo en bebés de dous meses. A dermatite infantil precoz, do lactante, adóitase prolongar entre os dous meses e os dous anos de vida do neno. Nesta primeira etapa, xorde en forma de períodos de empeoramento e de melloría. Tras os dous primeiros anos de vida, os nenos melloran co crecemento, de maneira que ao chegar á etapa infantil tardía (dez-doce anos) moitos nenos xa non teñen lesións e, en pouco máis dunha cuarta parte dos afectados, persiste máis alá dos 20 anos.

Do proído ao eccema, un círculo vicioso

A pel atópica caracterízase porque é moi seca, polo que se forman escamas, e manifesta brotes recorrentes, a modo de eccemas; é dicir, lesións moi vermellas, con escamas e microvesículas (como burbullas microscópicas). Ao rascarse, estas lesións rompen, a pel exsuda un líquido que deseca, xéranse costras e prodúcese de novo un proído extremo. O afectado ráscase máis e, deste xeito, provócanse máis erosións cutáneas e maior proído. E, cando se rasca de maneira intensa, a pel engrósase e aumenta máis a molestia. Os nenos con dermatite atópica poden mostrarse inquietos e irritables por mor do proído e do malestar, o que constitúe un dos síntomas de maior impacto na calidade de vida dos pequenos e tamén dos seus familiares. De feito, pode chegar a influír de forma negativa no rendemento escolar e laboral e na calidade de vida dos afectados.

As lesións da pel atópica xorden en localizacións variadas (no colo, nos brazos e nas coxas; e en zonas con dobras, como poden ser os xeonllos, as axilas ou os muslos). O factor principal das recorrencias nestas zonas é o estrés psíquico, tanto nos nenos coma nos adultos, así como os cambios ambientais bruscos.

Como se tratan os brotes?

Nestes momentos, hai dispoñible unha ampla variedade de tratamentos para combater os molestos brotes da dermatite atópica, aínda que deben ir acompañados de máis medidas. E estas son as principais estratexias para atallalos:

  • Hidratación da pel: é fundamental para axudar a evitar a sequidade cutánea e así previr os períodos de empeoramento.
  • Antihistamínicos: os brotes pódense tratar con antihistamínicos por vía oral (non sobre a pel) para reducir a comechón intensa. Para nenos, preséntanse en forma de xarope.
  • Cremas con corticoides que, ben utilizadas, non deben infundir temor na poboación. A potencia do tratamento débese axustar á intensidade do brote, polo que debe ser maior cando a intensidade é alta e diminuír a medida que a pel mellore.
  • Medicamentos inmunomoduladores: non teñen unha actividade tan potente coma os corticoides e adminístranse en situacións máis leves, que xusto empezan a empeorar ou que melloraron despois de aplicar os corticoesteroides.
  • Outros tratamentos orais, entre os cales figuran, ademais dos antihistamínicos, os corticoides e os antibióticos por vía oral -que serven para tratar infeccións nas lesións debido á sudación-, e outros medicamentos inhibidores do sistema inmune, como a ciclosporina.
  • Tratamentos con raios ultravioleta: melloran notablemente as lesións dermatolóxicas.
Consellos para persoas con atopía
  1. Hidratar moi ben a pel todos os días, tanto no inverno coma no verán, aínda que non haxa lesións, porque isto axuda a distanciar os brotes. Isto axuda a tratar a sequidade da pel e non se debe utilizar sobre as lesións activas da enfermidade porque pode empeoralas.
  2. Utilizar xabóns específicos para peles atópicas que non resequen e evitar frotar ou rascarse.
  3. Evitar os baños longos e quentes.
  4. Evitar a roupa cinxida e as fibras sintéticas.
  5. Optar por pezas de roupa de algodón porque non estimulan o proído.
  6. Evitar temperaturas extremas. Non abrigar demasiado os nenos durante a noite, xa que a suor produce proído.
  7. Intentar, na medida do posible, manter a raia o estrés e todas as situacións que o xeran.

Fonte: Carmen Brufau, profesora de Dermatoloxía da Universidade de Murcia e xefa de Sección de Dermatoloxía do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario Reina Sofía, de Murcia.