Nova etiqueta enerxética para electrodomésticos

Os avances tecnolóxicos fixeron necesaria unha clasificación actualizada sobre a eficiencia de refrixeradores, lavadoras e lavalouzas
1 Febreiro de 2012
Img medioambiente listado 706

Nova etiqueta enerxética para electrodomésticos

Co novo ano estréanse tamén novas medidas relacionadas coa cualificación enerxética dos electrodomésticos. A coñecida etiqueta con sete cores e sete letras que indica a eficiencia de cada aparello mantén a súa estrutura básica, pero engade novas escalas por riba das actuais ata chegar á A+++ como puntuación máxima. O renovado deseño complétase coa introdución de pictogramas que substitúen o texto e coa incorporación de novos parámetros, como o ruído que fai o aparello ao funcionar ou o gasto en stand by. Aínda que polo de agora conviven coa antiga escala, coñecer as melloras que achega a nova etiquetaxe pode axudar a realizar unha compra máis respectuosa co medio natural. Dende o 30 de novembro os aparello que estean á venda deben catalogarse segundo a nova lexislación da Unión Europea. Pero tamén é posible que algúns establecementos manteñan a antiga escala, xa que as máquinas que se puxeron á venda antes do 1 de decembro coa etiqueta anterior poden incluíla. Xa se pode ver, polo tanto, en lavadoras, lavalouzas e frigoríficos o novo certificado enerxético que clasifica a eficiencia dos electrodomésticos.

Como é a nova etiqueta enerxética

A nova etiquetaxe conserva un deseño similar á anterior. Mantén sete clases enerxéticas e as mesmas cores, dende o verde para simbolizar os electrodomésticos máis eficientes ata o vermello que cualifica os que máis consumen e contaminan.

  • Na parte superior da etiqueta pódese ver o nome do provedor ou marca e a identificación do modelo.
  • Debaixo figuran as clases enerxéticas representadas por letras en frechas de cores.
  • Á dereita desta información, en branco sobre fondo negro, destácase a cualificación do aparello cunha das letras, á altura da puntuación obtida. Se é A+++, situarase a letra no posto máis elevado, mentres que se é A, situarase na metade da escala. Isto permite comparar en que posto se atopa, se está na mellor posición da clasificación, na peor ou na intermedia.
  • Despois amósase o consumo anual de enerxía.
  • Na parte inferior saliéntanse as características máis importantes do aparello por medio de pictogramas. A partir de agora, cómpre incluír a declaración de ruído nos artigos nos que este sexa un factor determinante.

Entre as novidades, destaca a incorporación de tres clases enerxéticas por riba da A: A+, A++ e A+++, que lle corresponde ao electrodoméstico máis eficiente. A etiqueta será uniforme para os 27 países que forman a Unión Europea, con independencia do idioma, xa que os textos que figuraban ata agora se substituirán por pictogramas. Con estes debuxos, o consumidor poderá coñecer as prestacións do produto, o seu rendemento e as súas características dun xeito máis sinxelo, sen que cumpra traducir a información a todas as linguas oficiais da Unión Europea. De feito, os consumidores que participaron en estudos que probaban a nova etiqueta consideran que esta é máis doada de comprender ca a anterior.

En xeral establécese unha clasificación de sete cores e letras. A máxima puntuación que pode ter un electrodoméstico é A+++, en verde escuro, e irá seguida de A++, A+… ata chegar á letra D en vermello. Pero os aparellos coa etiquetaxe antiga terán como clasificación superior a A+ e a clase menos eficiente será a F.

Quen merque un electrodoméstico, xa que logo, debe saber se este conta coa etiqueta vella ou coa reformada, porque non é posible comparar dous aparellos do mesmo tipo se teñen escalas diferentes.

Que simboliza cada pictograma

Cada electrodoméstico leva un grupo de iconas, que lle dan ao consumidor unha información rápida e comprensible. Son os seguintes:

  • O símbolo dunha billa seguida dun número (2.700) l/annum significa que o aparello consume esta cantidade de auga cada ano.
  • Se se ve un tetrabrik seguido dunha cifra (300 L), quere dicir que esa é a suma do volume de almacenamento de todos os compartimentos.
  • A capacidade de cubertos nunha lavalouza exprésase cun prato, unha copa, culleres, garfos e coitelos a carón do número de pezas que se poden depositar no electrodoméstico.
  • Unha estrela -como a que simboliza a neve nun mapa meteorolóxico- seguida doutras máis pequenas e unha cantidade (120 l) equivale á suma de volume de almacenamento de todos os compartimentos onde se gardan alimentos conxelados.
  • A emisión de ruído simbolízase cunha icona semellante a un altofalante de perfil e ondas de son, cun número debaixo, e exprésase en decibelios.
  • O debuxo dunha camiseta co termo “kg” sobre un número informa sobre a capacidade da lavadora para o programa normalizado de algodón a 60º ou 40º a carga completa.
  • Para dar a coñecer o consumo anual de enerxía non se utilizan debuxos, senón unha cifra e debaixo kWh/ano.

Electrodomésticos, un a un

Refrixeradores

Os pictogramas achegan información relativa ao consumo anual de enerxía, á capacidade total dos compartimentos de almacenamento, a que corresponde aos alimentos conxelados e a emisión de ruídos, medida en decibelios. Para outorgar unha clasificación enerxética ou outra, téñense en conta parámetros como o consumo anual de enerxía, o volume e a temperatura máis baixa que poden alcanzar os diferentes compartimentos. Tamén se valora se dispón de “non frost” e o tipo de construción -se é encastrado ou independente-.

Hai aparellos de refrixeración que, de xeito excepcional, amosan dez clases no canto de sete. Son de tipo absorción, fronte aos máis espallados, que son de compresión. Teñen unha tecnoloxía distinta que os fai silenciosos, pero á súa vez consumen máis enerxía. Os parámetros para clasificalos son similares aos do resto de frigoríficos e conxeladores.

As vinotecas teñen unha etiqueta específica, coas mesmas características ca os outros aparellos de refrixeración, pero indica o número de botellas que se poden arrefriar nelas. A súa tecnoloxía tamén é diferente e o seu gasto enerxético é maior. Ao igual que sucede cos refrixeradores de tipo absorción, a súa clasificación inclúe 10 escalas.

Lavadoras

Cos símbolos do certificado enerxético das lavadoras coñécese o consumo anual de enerxía, a emisión de ruídos, a clase de eficacia do centrifugado, os quilos de roupa que permite lavar e o consumo anual de auga. Para calcular os litros que utiliza ao ano e mais a enerxía e a eficacia do centrifugado tense en conta o gasto co programa de algodón a 60º a carga completa e parcial, este mesmo programa a 40º a carga parcial e o consumo en modo apagado e sen apagar.

Lavalouzas

As iconas que figuran na etiqueta das lavalouzas indican o consumo de enerxía nun ano, a emisión de ruídos en decibelios, a capacidade para cubertos, a eficacia de secado e o consumo de auga anual en litros, non por ciclos como acontecía antes. Para outorgar a clasificación enerxética mídese o consumo de enerxía anual dos ciclos de lavado normalizados, cando se carga coa capacidade de cubertos declarada, a potencia e o tempo de duración no modo sen apagar e no apagado. Como acontece coas lavadoras, as lavalouzas deben ter agora unha eficacia de lavado de clase A, polo que este valor xa non se indica na etiqueta.

Televisores

A nova etiqueta tamén se coloca nos televisores co fin de mostrar o consumo anual de enerxía. Indica ademais o consumo de potencia en modo acendido, a dispoñibilidade dun interruptor de posición de apagado e o tamaño da pantalla visible, medida en diagonal, tanto en polgadas como en centímetros.

Calendario de aplicación

Non todos os electrodomésticos terán que levar polo de agora a nova etiqueta. En principio, déuselles prioridade a lavadoras, lavalouzas e aparellos de refrixeración, pero pouco a pouco iranse incorporando os outros.

Ata o 30 de novembro do 2011, os provedores podían usar o novo deseño de xeito voluntario, pero a partir desa data é obrigatorio que este primeiro grupo de electrodomésticos leve a certificación actualizada, agás se se puxeron á venda antes de decembro dese ano coa etiqueta antiga.

Polo tanto, coexistirán no mercado produtos coa nova etiquetaxe e outros que leven a antiga. Isto obriga a deterse un pouco máis no intres de mercar un produto para saber se a clasificación está actualizada.

A partir do mes de abril do 2012 será obrigatorio mencionar a nova clase enerxética en todo o material de comunicación onde se inclúa información relacionada con enerxía, prezo ou datos técnicos.