Son transparentes as ONG en España?
Nestes 10 anos de actividade da Fundación Lealtad, 2000 ONG amosaron o seu interese en xestionar con transparencia. Os resultados das análises que realizamos superan cada ano o 85%, un nivel elevado de cumprimento dos Principios de Transparencia, que pon de manifesto o compromiso das ONG.
En que posición están con respecto ao resto de Europa?
A Fundación Lealtad é o membro español do ICFO (International Committee on Fundraising Organizations), un foro internacional de avaliadores de ONG creado en 1958. A principal diferenza con países do contorno é que neles a avaliación ou certificación de ONG está máis instaurada e hai un maior número de organizacións acreditadas. Ademais, os doadores destes países están máis afeitos a solicitar e a consultar información relacionada coa transparencia e coas boas prácticas de xestión.
As organizacións teñen a confianza da poboación?
As ONG figuran entre as institucións máis valoradas polos cidadáns. Non obstante, o nivel de doazóns mantense baixo con respecto a outros países do contorno. Debe aumentar o número de cidadáns dispostos a doar e a contribuír coa sostibilidade e coa independencia das ONG. Consideramos que a confianza ao doar é básica e esta foméntase ao pór á disposición do doador (particular ou empresa) información independente, completa e obxectiva sobre a ONG e a súa xestión.
Por que algúns doadores teñen dúbidas con respecto ao destino dos fondos?
As ONG son institucións complexas que desenvolven un importante número de proxectos, contan con persoal voluntario e remunerado, moitas xestionan orzamentos elevados e, no caso das ONGD, traballan en diferentes países. Aínda existe un gran descoñecemento entre a poboación sobre como funcionan estas organizacións.
Os doadores deben informarse mellor?
Deben asumir certa responsabilidade, informarse e preguntarlle á ONG antes e despois de doar. Este diálogo repercute en que as organizacións sexan máis abertas, transparentes e eficientes. A comunicación recorrente da ONG coa sociedade é fundamental para incrementar a confianza e ampliar e fidelizar a súa base social (socios, voluntarios, etc.). O detalle da información facilitada e o feito de que a mensaxe sexa veraz e non induza a erro reflicten o talante transparente.
Que define unha doazón responsable?
Consiste en informarse antes de realizar a doazón e comprobar logo o seu impacto e o traballo da ONG. Incentiva que as organizacións se comuniquen máis intensamente coa sociedade, que rendan contas das súas actividades e que sexan máis eficaces.
A doazón on line facilita a colaboración ou xera máis dúbidas?
Estudos recentes demostran a disposición dos usuarios de Internet a colaborar. Agora ben, accións como as campañas de sinaturas ou a difusión das actividades entre a rede de contactos sitúanse moi por diante da achega directa de cartos. Isto pódese deber a que o doador se inclina por vías máis tradicionais, a que algunhas ONG carecen deste medio de colaboración e ao rexeitamento a facilitar datos bancarios en Internet. A Fundación Lealtad aconsella que nas doazóns on line se esixa o mesmo nivel de seguridade ca nas compras por Internet.
Como se ten a garantía de que unha doazón é segura?
Os Principios de Transparencia e Boas Prácticas que guían a análise da Fundación Lealtad son indicadores intermedios. Analízase o seu cumprimento mediante o exame da documentación achegada pola ONG e entrevistas aos seus empregados e voluntarios. Non se realiza unha comprobación dos proxectos sobre o terreo, posto que resultaría moi complexo e caro. Non obstante, estes indicadores proporcionan unha información bastante precisa sobre o “bo facer” das organizacións.
En que se basean estes Principios?
Son recomendacións sobre transparencia, bo goberno e xestión. Para o seu deseño, tívose en conta a información requirida polos cidadáns e estudáronse modelos implantados con éxito en países como Estados Unidos e Reino Unido. Ademais, consultáronse plataformas e coordinadoras de ONG, organizacións, Administración Pública e expertos do Terceiro Sector. As ONG participaron no proceso de deseño e revisión dos indicadores.