Esquí alpino adaptado: reto e sacrificio vestidos de branco

1 Febreiro de 2012
Img informe listado 673

Esquí alpino adaptado: reto e sacrificio vestidos de branco

Xaneiro do 2012. Antes da alborada, o equipo de esquí alpino adaptado que se prepara no Centro de Deportes de Inverno Adaptado (CDIA) parte de Vielha e Salardú e vai deica a próxima estación de Baqueira Beret para comezar un día máis de adestramentos. O grupo intégrano o adestrador Javier Gutiérrez e os atletas Úrsula Pueyo e Óscar Espallargas, que viven concentrados no val de Arán e teñen fixado o seu obxectivo deportivo máis ambicioso nos Xogos Olímpicos de Inverno do 2014, que se celebrarán na cidade rusa de Sochi. Tamén os acompaña Jaime Almenar, máis ca unha promesa de tan só 11 anos que, polo de agora, acode ao Centro durante as vacacións escolares para continuar o seu programa de tecnificación.

Limando milésimas

Ao chegaren á estación, o adestrador sobe antes de que abran as pistas e deseña o circuíto de adestramentos. Nesta ocasión coloca as portas para adestrar a modalidade de eslalon xigante. Ás nove en punto, Úrsula, xa olímpica en Vancouver 2010 na modalidade de pé, e Óscar, que compite na modalidade de cadeira, realizan os primeiros descensos. Mentres, o benxamín Jaime agarda para realizar outros adestramentos. Cada mañá, os dous atletas paralímpicos completan a proba en cinco ou seis ocasións e Javier grava cada descenso, que visionan xuntos ao final do percorrido. Estudan ata o mínimo erro para depurar aínda máis a técnica e parar o crono no menor tempo posible.

Posta a punto do home e da máquina

Se as mañás son atafegadas, non son menos as tardes. Cinco días á semana realizan adestramento físico nas instalacións deportivas de Vielha. Polo xeral, tres días dedícanos a exercicios de forza e o resto a adestramento aeróbico. Os tres compoñentes do equipo seguen táboas diferentes axeitadas á súa lesión e modalidade. Tamén, como mínimo un día ou dous por semana, nas instalacións do CDIA de Salardú levan a cabo persoalmente tarefas de mantemento do material. Tan importante é o estado físico dos deportistas como o da cadeira, os esquís, as fixacións… Baixo a batuta de Javier comproban os cantos e as táboas e polen e enceran alí onde fai falta.

Anónimo pero de máis valor

Úrsula, abandeirada do equipo español en Vancouver e xa veterana, pois leva no programa nacional do CDIA dende o 2006, e mais Óscar atesouran campionatos de España, podios en probas da Copa de Europa e participacións na Copa do Mundo. Sempre acoden ás competicións en furgoneta, xa sexa en España ou en Europa. É un deporte anónimo para a gran maioría, que non enche portadas e que conta coas bolsas xustas e busca o financiamento necesario en empresas privadas. Non obstante, aí radica a autenticidade dos deportes adaptados, no reto e sacrificio extra que supón facelos realidade, igual ca esas medallas que ogallá traian dentro duns anos de Sochi.