Dietas on line: analizadas as dietas que lles ofrecen 10 sitios web a catro persoas con perfís diferentes

Webs para perder peso: nin seguras nin fiables

Nas máis delas, os menús propostos suspendían o exame dietético de EROSKI CONSUMER
1 Febreiro de 2012
Img tema de portada listado

Webs para perder peso: nin seguras nin fiables

/imgs/20120201/tema1.jpg
Para facer a compra, contratar unha viaxe, mercar unhas entradas…, Internet estase convertendo nun grande aliado na nosa vida. Mesmo hai quen recorre á Rede para conseguir baixar uns quilos. Así e todo, cómpre preguntarse se é seguro pór nas mans dun ‘suposto’ profesional sanitario a nosa saúde, comportamento alimentario e hábitos de vida e de alimentación.

Para comprobalo, EROSKI CONSUMER creou catro perfís de persoas con características diferentes interesadas en se someteren a un tratamento de adelgazamento on line en dez páxinas web dedicadas a iso: dietadukan.es, dietasnet.com, aleadiets.es, dietasonline.com, dietamedica.es, dietaon.com, sanita-online.com, lediet.es, centrodenutricionydietetica.com e dietikus.com. Os catro perfís correspondían a dúas mulleres de mediana idade con obesidade e estrinximento, unha delas con diabete mellitus tipo 2 e hipertensión arterial, e a dúas persoas (de ambos os dous sexos) cun peso saudable (el coa tensión algo alta e alerxia ao tomate e ela con colesterol elevado na súa última analítica). Para crear estes perfís tívose en conta o Índice de Masa Corporal (IMC), a referencia obxectiva máis utilizada para determinar onde se sitúa o peso saudable (normopeso) e o baixo peso, o sobrepeso ou a obesidade.

Unha vez creados, os catro perfís rexistráronse entre outubro e novembro nestas páxinas web para solicitaren un tratamento de adelgazamento. Logo de obter, en xeral previo pagamento, un total de 38 dietas on line (en dietadukan.es e en lediet.es non lle propuxeron dieta ningunha á muller sen problemas de obesidade por ter un IMC axeitado), comprobouse se se consultaban os antecedentes patolóxicos, a posible medicación e mais os hábitos de vida e de alimentación; se se lle ofrecía ao usuario información correcta sobre o seu estado nutricional; se o tratamento se adaptaba ás necesidades e circunstancias de cada perfil, e se realizaban unha análise dietética de dúas semanas de menús baixo os criterios da Guía da Alimentación Saudable, da Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC, 2004), que é o documento de referencia no que atinxe ás porcións de alimentos e á frecuencia de consumo recomendada.

En liñas xerais, comprobouse que non é seguro nin fiable acceder a Internet para adelgazar por varios motivos. En primeiro lugar, porque en tres das dez páxinas web avaliadas se ofrecen dietas enganosas (é dicir, venden información falsa) e, en segundo lugar, porque na súa maioría os menús propostos durante dúas semanas suspendían o exame dietético de EROSKI CONSUMER (exceptuando a dietadukan.es e lediet.es, que non lle propuxeron dieta ningunha á muller sen problemas de obesidade por ter un IMC axeitado). Un 35% cualificouse cun ‘regular’, a metade cun ‘deficiente’ e o 17% cun ‘moi deficiente’.

Dietas enganosas

/imgs/20120201/tema2.jpg
Para adelgazar, Internet é unha arma de dobre fío: pode proporcionar unha boa e valiosa información se se sabe onde buscar pero, ao mesmo tempo, o risco de caer en mans inexpertas e indocumentadas ou de confiar en falsas referencias é moi alto. No estudo comprobouse que o 26% das dietas on line avaliadas son enganosas, polo que o cliente debe desconfiar da súa seguridade e mais da súa eficacia. Para detectalas, consideráronse os criterios establecidos por Asociación Americana de Dietética (ADA, American Dietetic Association), referendados á súa vez pola Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas (AEDN): prométense resultados rápidos, profetízanse resultados asombrosos ou máxicos, prohíbese o consumo dun alimento ou dun grupo, conteñen listas de alimentos ‘bos’ ou ‘malos’, esaxeran ou manipulan a realidade científica dun nutriente, aconsellan produtos dietéticos aos cales se lle atribúen propiedades extraordinarias (que, en moitos dos casos, vende quen promove o tratamento dietético), inclúen relatos, historias ou testemuños para achegar credibilidade e conteñen afirmacións que contradín á comunidade científica. A AEDN advirte que se unha dieta ou método dietético cumpre unha ou varias destas características hai que desconfiar dela. Deste xeito, penalizáronse dietamedica.es, lediet.es e dietadukan.es. As tres inclúen relatos, historias ou testemuños para achegar credibilidade. Ademais, dietamedica.es e dietadukan.es prohiben o consumo dun alimento ou grupo de alimentos e dietadukan.es esaxera tamén a realidade científica dun nutriente, contén listas de alimentos bos e malos e aconsella produtos dietéticos aos que se atribúen propiedades extraordinarias.

Convén desconfiar tamén se a web non ofrece información sobre os seus creadores, información de contacto e non facilita un teléfono de atención. Tamén se debe sospeitar se non é unha web homologado, é dicir, se un organismo autorizado non recoñece o contido da web, algo co que si contan varios dos portais analizados.

Sen personalizar

Un dos datos máis impactantes do estudo é que o 80% das dietas on line prescritas non se axustan ou non están deseñadas de maneira correcta conforme ás necesidades e circunstancias do cliente. Isto acontece porque antes de ofrecer o tratamento non se fai un correcto diagnóstico da situación do cliente por medio da avaliación do estado nutricional e do estilo de vida e hábitos dietéticos do paciente. Para que unha dieta se prescriba correctamente cómpre coñecer os antecedentes da persoa, se toma medicación, os seus hábitos de vida e de alimentación, o seu patrón alimentario de comidas e bebidas, etc. Todo iso é imprescindible para que o servizo dietético sexa personalizado.

Durante o estudo comprobouse que en dúas de cada cinco consultas realizadas quen atende non se preocupa por coñecer o patrón alimentario do cliente (tipo de comidas, preferencias e aversións alimentarias, lugar de consumo e frecuencia de consumo de alimentos) , nin tampouco o informan correctamente sobre a súa situación de peso (baixo peso, normopeso, sobrepeso e grao de obesidade) ou sobre o seu peso saudable para a súa situación individual.

Así, entre os erros detectados neste sentido destaca o cometido por algunhas páxinas con respecto aos perfís de xente nova con normopeso. Malia a que non necesitan un tratamento para adelgazar porque o seu IMC (Índice de Masa Corporal) é o axeitado, na maioría dos sitios web ofrécenlles un (non lles convén unha dieta hipocalórica, pero si unhas orientacións sobre hábitos alimentarios correctos). Só dietadukan.es e lediet.es non lla propoñen á muller nova que non precisa adelgazar (perfil 4), aínda que si ao mozo con normopeso (perfil 3).

O 80% das dietas prescritas non se axustan ás necesidades do cliente

En dúas de cada dez dietas analizadas prescríbense complementos dietéticos, sen indicacións nin advertencias

Desconfiar se...

Esta é a era da información. Os consumidores están máis informados ca nunca, aínda que ás veces en exceso. Por iso, aínda que a Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas (AEDN) non lle recomenda á poboación dirixirse a Internet para atopar información sobre como adelgazar, en caso de acceder á Rede é fundamental coñecer algunhas pautas para identificar as dietas enganosas. Convén desconfiar se na páxina web:

  • Prometen resultados rápidos.
  • Profetizan con resultados asombrosos e máxicos.
  • Prohiben o consumo dun alimento ou dun grupo de alimentos.
  • Conteñen listaxes de alimentos bos e malos.
  • Esaxeran ou manipulan a realidade científica dun nutriente.
  • Inclúen ou se basean no consumo de preparados que, casualmente, vende quen promove o tratamento dietético e aos que se lle atribúen propiedades extraordinarias.
  • Os preparados (produtos dietéticos ou similares) teñen un prezo elevado se se comparan co custo de obter os mesmos resultados comendo alimentos comúns.
  • Inclúen relatos, historias ou testemuños doutros para achegar credibilidade.
  • Conteñen afirmacións que contradín á comunidade científica.

A saúde pasa de puntillas

Quen elabora unha dieta tamén debe ter en conta as diversas patoloxías que pode sufrir o paciente. No estudo comprobouse que tan só o 25% das dietas investigadas adapta de xeito correcto o tipo de alimentos, as cantidades, o modo de elaboración e os consellos dietéticos ao estado de saúde do cliente.

Este problema débese á pouca información que lle piden ao paciente no momento de rexistrarse na páxina web. Soamente no 32% das consultas realizadas preguntan de xeito exhaustivo polos problemas de saúde e na metade dos casos non se preocupan de se se tomaba algún medicamento. Todo iso desembocou en que en sete das páxinas estudadas (dietasnet.com, centrodenutricionydietetica.com, sanita-online.com, dietamedica.es, dietaon.com, dietikus.com e dietadukan.es) se incluíse na dieta tomate para o perfil 3, cando a persoa tiña alerxia a esta hortaliza.

Ademais, en dous de cada cinco casos non lle comunican ao paciente con obesidade cal é a perda considerada saudable. É máis, só en dietadukan.es, dietasnet.com, dietasonline.com, dietamedica.es e lediet.es concretaba o número de quilos estimado que se debía perder e o prazo de tempo para baixalos. Pero hai diferenzas importantes ata nos mesmos perfís: ás mulleres de mediana idade con obesidade (perfís 1 e 2) recomendábanlles adelgazar dende 10 quilos en 20 semanas (dietasonline.com) a 20,8 quilos en 30 semanas (dietamedica.es), mentres que ao home e á muller nova lles aconsellaban dende 1 quilo en 2 meses (lediet.es) ata 2,2 quilos en 2 semanas (dietamedica.es).

Profesionalidade dubidosa

/imgs/20120201/tema8.jpg
O cliente ponse nas mans de supostos profesionais da saúde. Non obstante, non todos eles o son ou, polo menos, non o demostran. Por exemplo, en aleadiets.com, centrodenutricionydietetica.com, dietasonline.com, dietamedica.es e dietaon.com achegan probas das especialidades dos profesionais que elaboran as dietas; inclúen os números de colexiado, colgan o seu currículo vitae ou mencionan que son membros da Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas (AEDN). Pola contra, o resto tan só indica que son nutricionistas, sen concretar o seu nivel de estudos nin outros detalles importantes. En dietasnet.com sinalan que están formados pola propia empresa e en dietikus.com son cinco enxeñeiros informáticos co asesoramento de nutricionistas os que exercen o labor.

Os menús: sen calidade dietética

Na análise dietética, comprobouse que a calidade dietética do 65% dos menús se valoraba cun deficiente ou moi deficiente (exceptuando a dietadukan.es e lediet.es, xa que non lle propoñen dieta ningunha á muller sen problemas de obesidade por ter un IMC axeitado): un 17% deles valorouse cun ‘moi deficiente’, a metade cun ‘deficiente’, e un 35% cun ‘regular’. Malia todo, aínda que se trate de menús moi desequilibrados, non necesariamente o cliente vai desenvolver unha deficiencia nutricional se se cingue só ás dúas semanas de menús propostas. Iso si, estas cualificacións denotan unha falta de educación en bos hábitos alimentarios e poden carrexar carencias nutritivas a longo prazo se o cliente segue a dieta máis tempo.

A avaliación baseouse nas recomendacións da ‘Guía da alimentación saudable’ (SENC 2004) adecuándoa aos requisitos caloríficos dos catro perfís. O 40% das dietas recibidas (pertencentes a sanita-online.com, centrodenutricionydietetica.com, dietamedica.es e dietadukan.es) non puideron ser analizadas dende un punto de vista dietético por non incluíren datos concretos e exactos sobre cantidades de alimentos (en gramos, unidades ou porcións) acordes ás necesidades individuais, ou ben porque a dieta que ofrecían (sanita-online.com) non incluía apenas carne, peixe e ovos (o que se coñece como unha dieta ‘ovolactovexetariana’) como norma, sen valorar as necesidades e preferencias do cliente. Isto indica que non se lle dá ao cliente unha información precisa que favoreza un seguimento axeitado e axustado da pauta dietética prescrita.

As maiores deficiencias atopáronse nos menús propostos por dietikus.com, dietasonline.com e lediet.es. No primeiro caso, trátase dunha base de datos cun número determinado de receitas que, de xeito aleatorio, se asignan aos distintos perfís: mesma receita, mesmo xeito de preparación, cantidades e lista de ingredientes para todos os perfís con independencia das necesidades especiais e concretas de cada cliente. En xeral, as receitas pecan de ser enerxéticas e con técnicas culinarias como fritiduras, empanados, etc.

En segundo lugar, os menús de diestasonline.com ofrecen menos calorías das necesarias para cada perfil. Por exemplo, un menú achegaba 622 Kcal e outro 878 Kcal, cando os requirimentos mínimos do cliente (neste caso era o perfil 2) son de 1.200 Kcal. E, para rematar, en lediet.es avaliáronse tres menús semanais en vez de catro (non se lle facilita unha dieta á moza sen problemas de sobrepeso porque se estima que non precisa adelgazar, pero non se lle fai a mesma recomendación ao mozo que ten similares características) e todos son deficientes en calidade dietética. Tamén se detectaron fallos comúns nas outras dietas analizadas, ben pola ausencia ou escaseza de alimentos básicos ou xusto polo contrario, pola presenza excesiva doutros alimentos. Por exemplo, en dietasnet.com, había unha ausencia de froitos secos e case de ovos, pero un exceso proteico, principalmente de carne (ata tres veces máis cantidade da recomendada), aspecto que tamén se daba en dietikus.com, dietasonline.com e dietaon.com.

Licenza para mentir

En ocasións, parece que en Internet impera o ‘todo vale’, e máis se se trata de métodos para adelgazar. Non obstante, falsear información e convencer o gran público con frases grandilocuentes cando está en xogo a saúde é unha actitude que bate frontalmente coa normativa vixente. En concreto, co Real Decreto 1907/1996, do 2 de agosto, sobre publicidade e promoción comercial de produtos, actividades ou servizos con pretendida finalidade sanitaria, que establece o seguinte: “Queda prohibida calquera clase de publicidade directa ou indirecta, masiva ou individualizada, de produtos, materiais, substancias, enerxías ou métodos con pretendida finalidade sanitaria nos seguintes casos”: