Guía de compra: manzás

A mazá: froita da saúde

Gala, Fuji, a clásica Golden... sabemos tirar proveito das distintas variedades da mazá, fonte natural de vitaminas, minerais e fibra?
1 Novembro de 2012
Img alimentacion 3 listado

A mazá: froita da saúde

A mazá non ten nada que envexar ás grandes estrelas do cinema. É atractiva, popular e apreciada en todo o mundo. Froito simbólico onde os haxa ?a miúdo, vinculado ao poder?, posúe múltiples calidades e, ao longo dos séculos, foi protagonista de grandes obras relixiosas, literarias e científicas. Desde o Antigo Testamento ata a mitoloxía grega, desde Brancaneves ata Isaac Newton e a gravidade, a mazá sempre estivo ligada á nosa historia coa mesma familiaridade que hoxe está presente na nosa mesa. Pero, que sabemos dela?

A mazá é un dos froitos máis cultivados en todo o mundo. E un dos máis antigos, xa que os restos arqueolóxicos demostran a súa existencia en tempos remotos. Se ben se descoñece a súa orixe con exactitude, por consenso sitúase no sueste de Europa e o suroeste de Asia. Ao ser un froito que se adapta con facilidade aos distintos climas (e que permite o seu cultivo durante todo o ano), a mazá difundiuse con rapidez por todo o mundo. A España chegou grazas aos romanos e aos árabes, e non tardou en asentarse e triunfar. Na actualidade, o noso país é un dos principais produtores mundiais desta froita, xunto con China, Estados Unidos, India e Brasil, entre outros. E é que a mazá conta con múltiples vantaxes. É variada en texturas e sabores, o seu prezo é alcanzable e ten moi boa reputación. A sabedoría tradicional sempre a sinalou como un alimento de grande poder nutricional, ata o punto de que se coñece como ?a froita da saúde?.

Unha mazá ao día…

É a froita por excelencia, xa que todo o que ofrece son beneficios para a saúde. Contén unha gran cantidade de nutrientes esenciais, cuxas funcións son vitais para o organismo. Pola súa composición, tolérase moi ben e raras veces ocasiona problemas dixestivos. Ademais, é un alimento baixo en calorías (apenas achega 40 cal cada 100 g). O 85% da súa composición é auga, e o azucre deriva da frutosa, aínda que tamén hai presenza de glicosa e sacarosa. A mazá é un alimento con gran capacidade antioxidante e fonte natural de vitaminas, entre as que destacan as seguintes:

  • Vitamina A: axuda na formación dos ósos e no crecemento. É imprescindible para unha boa saúde da vista e da pel.
  • Vitamina C: tamén coñecida como ácido ascórbico, ten un grande poder antioxidante. Evita a acción dos radicais libres (que aceleran o envellecemento e se asocian á aparición de diversas doenzas) no organismo. Axuda á formación de coláxeno, mellora o sistema inmunolóxico, favorece a cicatrización e combate as enfermidades infecciosas.
  • Vitamina E: actúa tamén como antioxidante, axuda á combater o colesterol e os triglicéridos elevados. Favorece o crecemento normal dos músculos e dos ósos, mellora o sistema inmunolóxico e a fertilidade.
  • Vitaminas B6, B9 (ácido fólico) e B12: son un conxunto de vitaminas relacionadas co metabolismo. Achegan enerxía ao organismo, interveñen no crecemento, manteñen un corazón san e fortalecen o sistema inmunitario.
  • Nas mazás a presenza de minerais é tamén moi destacada, en concreto de fósforo e de calcio. O fósforo axuda a aliviar dores artríticas e é necesario para un bo funcionamento dos riles, mentres que o calcio é esencial para o organismo, pois mellora o desenvolvemento de ósos e dentes. Ademais, as mazás reducen a fatiga, producen enerxía e axudan a combater o estrés, xa que conteñen magnesio.
  • A mazá é tamén unha importante fonte de fibra. Así mesmo, destaca pola presenza de pectina, cuxa función principal é reter auga, o que converte á mazá nun excelente alimento en caso de diarreas. Esta substancia tamén mellora a intolerancia á glicosa ?algo que beneficia as persoas coa diabetes? e axuda as persoas con colesterol elevado, posto que facilita a expulsión dos ácidos biliares, que son o resultado da degradación do colesterol. Ao mesmo tempo, o contido de fibra insoluble na mazá aumenta o volume do tracto intestinal e axuda a limpar e mover os alimentos a través do sistema dixestivo. Para aumentar o contido de fibra insoluble é recomendable consumir a mazá con pel.
  • Nas mazás, a presenza de proteínas é escasa (non representan máis que o 1% do total), pero isto non significa que sexa menos importante. De feito, nesta pequena porcentaxe atópanse unha gran cantidade de aminoácidos claves para o organismo.
Escoller a mellor opción para cociñar

Non todas as variedades de mazás soportan ben as diferentes técnicas culinarias. Algunhas vólvense amargas, outras desfanse… Por iso é conveniente escoller de xeito acertado as variedades que darán un bo resultado na cociña. A regra de ouro é elixir sempre as mazás con polpa firme, xa que aguantan mellor calquera tipo de proceso culinario. Agora ben, segundo o tipo de prato que se desexe elaborar hai que ter en conta outros aspectos:

  • Crúas. Calquera variedade crúa é boa, pero destacan as máis substanciosas, saborosas e crocantes, como Granny Smith, Royal Gala ou Golden Delicius.
  • Tortas. As variedades que mellor se adaptan á elaboración de tortas son as pouco substanciosas e algo ácidas, como Golden Supreme, ou Reineta.
  • Asados. Para este tipo de cocción, a mazá debe ser doce e de textura forte, de modo que non se deforme con facilidade. As máis axeitadas: Reineta, Royal Gala ou Golden Delicius.
  • Xeleas. Para a elaboración de xeleas, as mazás deben ser ácidas e ricas en pectina. As máis apropiadas son a variedade Macoun e Honey Crisp.
  • Compotas. Son idóneas as mazás que conservan a súa cor, como a Royal Gala, Jonagold ou Macoun.

Diferentes variedades de mazá

A mazá é o froito dunha árbore que pertence á familia das rosáceas (a maceira Malus), que inclúe ao redor de 2.000 especies de plantas herbáceas e árbores que se distribúen polas distintas rexións de todo o mundo. As cores, os sabores e as texturas están relacionados cos lugares onde se cultiva. Nestes momentos, existe unha enorme variedade de mazás con sabores para todos os gustos, aínda que algunhas destacan sobre o resto polo seu consumo máis habitual:

Golden Delicious

A súa orixe atópase en Estados Unidos, é unha das especies máis clásicas e coñecidas, e a segunda máis cultivada no mundo. Está dispoñible durante todo o ano.

  • Cor: amarela verdosa, con puntiños escuros
  • Forma: redondeada e moi regular
  • Sabor: é doce, aromática, de polpa substanciosa e moi crocante
  • Tempada: a partir do mes de setembro e durante todo o ano ata finais do agosto seguinte.

Red Delicious

Esta especie é case centenaria. Xurdiu ao redor de 1915 en Estados Unidos, tras unha mutación, e na actualidade é a variedade máis cultivada e unha das que máis cota de mercado concentra.

  • Cor: vermella brillante
  • Forma: alongada e grande
  • Sabor: a polpa é substanciosa, branda, amarelenta e de textura granulada. De sabor doce, é aromática e agradable ao padal, algo perfumada e con tendencia a volverse fariñeira se non se conserva axeitadamente.
  • Tempada: desde principios de setembro ata marzo ou abril.

Fuji

“Inventada” en Xapón, consérvase moi ben e pode aguantar moito tempo no noso froiteiro, co que é doada de atopar durante todo o ano.

  • Cor: amarela, con lixeiras toques vermellas e algunhas liñas escuras
  • Forma: redondeada
  • Sabor: lixeiramente ácido, de polpa moi crocante e substanciosa
  • Tempada: a partir de mediados de setembro ata final de inverno.

Granny Smith

Australia é o seu país orixinario e é moi doada de recoñecer esta variedade, xa que é a única mazá cuxa cor adoita ser verdadeiramente homoxénea.

  • Cor: verde intensa con puntiños brancos
  • Forma: moi redondeada
  • Sabor: é de textura moi crocante, de polpa branca, moi substanciosa e cun sabor ácido moi pronunciado
  • Tempada: desde a segunda quincena de setembro ata xuño.

Royal Gala

Procedente de Nova Zelandia, é unha especie moi produtiva.

  • Cor: ten a pel con estrías vermellas e laranxas sobre unha base de cor verde-amarela
  • Forma: moi redondeada
  • Sabor: a súa polpa branca é moi crocante, aromática, substanciosa e fina. É dunha calidade organoléptica neutra, apropiada para quen non lles atrae demasiado os sabores ácidos ou demasiado doces.
  • Tempada: desde primeiros días de agosto ata decembro.

Starking

Procede de Estados Unidos e é unha mutación da especie Red Delicious. É unha das máis coñecidas e moi parecida á súa predecesora orixinal. Atópase case todo o ano, agás nos meses de máis calor.

  • Cor: vermella brillante con estrías verdosas
  • Forma: redondeada
  • Sabor: a polpa é branca-amarela, de sabor doce e moi crocante
  • Tempada: dende o mes de agosto ata o final do inverno.

Reineta Gris do Canadá

Provén de Francia, aínda que en España existe a chamada Reineta do Bierzo, que conta con denominación de orixe desde hai varios anos.

  • Cor: amarela agrisada.
  • Forma: achatada e de gran tamanfio.
  • Sabor: a polpa é viscosa, cun gusto doce á vez que algo ácido.
  • Tempada: a partir de setembro.

Mazás Eroski Natur

Hoxe en día, abundan no mercado termos como ?ecolóxico?, ?biolóxico? ou ?orgánico?, así como os seus diminutivos e derivados habituais, ?bio?, ?eco? etc., que se poden utilizar de xeito indistinto para referirse ao método de produción ecolóxica. Esta defínese como a técnica que ?non emprega nos cultivos nin fertilizante sintéticos (nitroxenados ou fosforados) nin insecticidas sintéticos?. A metade de camiño entre a agricultura convencional e a ecolóxica atópanse outros métodos. Por exemplo, EROSKI esixe aos seus provedores de froitas e hortalizas NATUR, entre elas as mazás Eroski NATUR, o uso de técnicas agrícolas certificadas a través da norma GLOBALGAP (organismo que establece normas voluntarias a través das cales se poden certificar produtos agrícolas en todas partes do mundo). A súa principal característica é a obtención de produtos agrícolas de alta calidade mediante o emprego de prácticas de cultivo que respecten o medio ambiente, reduzan o uso de químicos e aseguren un proceder responsable na saúde. GLOBALGAP certifica todo o proceso de produción: desde o primeiro momento (control de sementes.

Denominacións de Orixe

España é un dos principais produtores de mazás, cuxo cultivo se concentra en Cataluña, Aragón, A Rioxa e Navarra. Existen máis de 40.000 hectáreas cultivadas (uns 65.000 campos de fútbol) que proporcionan anualmente case 800.000 toneladas desta froita. Entre as mazás con denominación de orixe, destaca a Reineta do Bierzo, moi fácil de recoñecer pola súa forma (achatada, máis ancha que alta) e pola súa pel, sen brillo e cunha ?ferruxe? superficial. Os seus produtores sinalan que é un froito moi zumarento, de aromas intensos e unha textura nada fariñenta ao morder. Así mesmo, destacan polo seu alto contido en azucres e segundo apuntan ten cinco veces máis vitamina C que o resto das mazás.

Na Rioxa, no Val de Linares, cultívanse as variedades Fuji e Golden que, polas características do contorno, adquiren características particulares. O microclima único do val, que se atopa a 700 m de altura, permite que a froita madure con lentitude sen sufrir o azoute da calor estival. Isto permite, segundo os seus produtores, un sabor inigualable que combina, na súa xusta medida, a concentración de ácidos e azucres.

Consellos de compra e conservación
  • Compra. No momento de comprar mazás é importante escoller aquelas pezas que estean duras e que non teñan partes brandas, xa que isto é indicativo dun exceso de maduración. É preferible non elixir as que estean descoloridas.
  • Aforro. A principal vantaxe desta froita é que o seu ciclo natural é moi longo: a produción é abundante e isto permite que sexa un alimento alcanzable durante todo o ano. A mellor época para atopar mazás áchase entre setembro e xuño, aínda que a súa tempada forte é o outono e inverno. En xeral, durante o inverno atópanse todas as variedades e, polo tanto, sairá máis barato compralas. Non obstante, as mazás teñen presenza no mercado durante todo o ano, sobre todo a Golden Delicious, a máis consumida. En verán hai menos, co que o seu prezo adoita encarecerse. Ademais de ter en conta a estacionalidade das froitas para atopalas máis baratas, outra cuestión fundamental é comparar os prezos das distintas variedades ?xa que pode haber diferenzas de ata un 40% entre unhas e outras?, escoller as máis económicas e preparar as receitas que mellor se axusten a ese tipo de mazás. Tamén é importante recordar que o método de cultivo da froita deixa a súa pegada no prezo: en xeral, as froitas e verduras procedentes de cultivo ecolóxico son máis caras que as que proceden dun cultivo normal. O prezo de dúas mazás do mesmo tipo, pero diferente método de cultivo, pode variar ata nun 50%.
  • Conservación. Para mantelas en perfecto estado, debemos gardalas no frigorífico. Dese modo, evitarase unha maduración excesiva en pouco tempo. Un truco práctico para evitar o exceso de frío na pel das mazás ao gardalas na neveira é colocalas en bolsas de plástico. Deste xeito poden manterse entre catro e seis semanas. Non obstante, convén controlar o seu estado. No caso de deixalas a temperatura ambiente, sen bolsas de envase, a súa vida útil pode diminuír de xeito considerable.
  • Consumo. No momento de comelas, é importante lavalas antes, sobre todo se se van comer con pel. Convén deixalas debaixo do chorro de auga e fregalas para eliminar posibles restos incómodos. Outra cuestión para ter en conta é o proceso de rápida oxidación que sofren as mazás, co que é necesario consumilas ao momento unha vez que se preparan. Cando se deixan repoñer, a súa polpa vólvese de cor parda, sinal inequívoco de que se iniciou o proceso de oxidación. Para frealo un pouco, pódense deixar no frigorífico, tapadas e non expostas á luz, ou ben engadir unhas gotas de zume de cítricos, como limóns ou laranxas.