Primeiros auxilios no verán

Ante todo, tranquilidade

Non está de máis sabermos cómo proceder ante pequenos accidentes que nos poden amarga-las vacacións
1 Xullo de 2003

Ante todo, tranquilidade

A incidencia de contratempos como picaduras, feridas, contusións ou queimaduras multiplícase no verán. Os máis dos recintos públicos dispoñen de socorristas, diplomados en enfermería ou médicos que ante calquera eventualidade ofrecen asistencia médica rápida e cualificada. Pero a axuda especializada non sempre a imos ter preto. Non está de máis sabermos cómo proceder ante pequenos accidentes que nos poden amarga-las vacacións.

Queimaduras

Segundo o grao de lesión que producen na pel e nos tecidos, as queimaduras clasifícanse en tres graos:

  • Primeiro grao: a parte externa da pel (epiderme) arroiba producindo lixeira inflamación, arroxamento, proído e dor.
  • Segundo grao: a parte interior da pel (derme) quéimase e fórmanse bochas.
  • Terceiro grao: a pel calcínase por completo e lesiónanse os tecidos que se atopan embaixo, chegando a destruír músculos e outras estructuras.

A gravidade dunha queimadura depende máis da súa extensión ca do seu grao. Unha queimadura de primeiro grao pero moi extensa considérase máis grave ca unha de terceiro grao máis localizada.


¿Como procedermos ata que un médico atenda a queimadura?

Se a queimadura é de primeiro grao e pouco extensa, algo frecuente no verán, o mellor é aplicarmos frío durante un cacho sobre a zona e despois unha pomada para queimaduras.


Se a queimadura é máis seria:

  • Non rebenta-las bochas que se formaran.
  • Lavar con auga fría e xabón.
  • Non aplicar antisépticos nin cremas nin pos nin antibióticos.
  • Cubri-la zona con gasas e vendaxes.
  • Leva-lo queimado a un centro sanitario.

No caso de queimaduras graves e extensas cómpre solicitar unha ambulancia medicalizada e cubri-lo queimado ata que chegue.

Picaduras

As máis frecuentes son as picaduras de avespas e abellas, que cravan o aguillón provisto dun veleno débil. Se non son moi numerosas non resultan daniñas e só provocan inchazo e unha forte dor localizada.


¿Cómo proceder:

  • Saca-lo aguillón cunha pinza se está cravado.
  • Aplicar unha compresa empapada en amoníaco ou ben unha pasta feita de bicarbonato e auga. Nas farmacias hai productos específicos a xeito de pomada, spray ou lapis para tratalas.

As picadas de mosquitos son máis leves. O mellor é previlas cun repelente de mosquitos. Convén vestir roupa branca, pois a escura e de cores vivas atráeos, ó igual cós perfumes.


Cómo proceder:

  • Aplicar un cubo de xeo, que axuda a frea-lo inchazo.
  • Untar sobre a picadura un preparado específico de venda en farmacias. Tamén serven o vinagre de mazá, o limón, o allo e a cebola.

Feridas

As feridas son toda ruptura da continuidade da pel. Poden ser de moitos tipos: contusas (un golpe forte e violento que rompe a pel), incisas (cortes limpos dun gume), punzantes (un obxecto afiado como un cravo introdúcese nos tecidos) ou erosivas (hai arrastre e erosión, como nas caídas da moto…).


Cómo procedermos:

  • Limpalas con auga abondosa e xabón.
  • Aplicarlles despois un antiséptico iodado e colocar unha compresa enriba.

Cómpre ter en conta: unha ferida débese curar sempre, por moi pequena que sexa. Ademais, se non está vacinado ou non se completou a pauta das doses de recordo, cómpre acudir ó médico para valora-la conveniencia de se vacinar contra o tétano.

Algunhas feridas son especialmente perigosas: as punxentes no abdome, no tórax e no peito. Estas últimas son moi graves e poñen en perigo a vida se pola ferida entra e sae aire. Nestes casos cómpre actuar axiña: cubri-la ferida cunha compresa seca e grande que tapone a ferida e peche o paso do aire, e traslada-lo ferido a un centro sanitario ou solicitar ambulancia medicalizada.

Hemorraxias e torniquetes: en caso de hemorraxia hai que deita-lo ferido e descubrirlle a zona afectada.

  • Se se trata dunha extremidade convén elevala e aplicar unha gasa esterilizada ou un pano moi limpo e comprimir durante cinco minutos a zona. Se a ferida deixa de sangrar, xa se pode vendar.
  • Se a hemorraxia continúa, débese colocar outra gasa enriba e comprimir con máis forza. Se malia a todo segue sangrando, hai que comprimir cos dedos por riba da ferida para efectuar unha compresión da arteria.
  • Se malia á compresión dixital non cesa a hemorraxia, hai que efectuar un torniquete. Un torniquete é moi perigoso tanto para a vida do enfermo coma para o membro afectado e só se debe realizar cando a hemorraxia é cuantiosa e non cesa polos outros medios. Sempre é preferible a compresión dixital aplicándoa o tempo que sexa preciso.
  • ¿Como se fai un torniquete? Colócase por riba da ferida unha goma elástica, o cinto, ou algo semellante pero sempre ancho, nunca con cordas nin con elementos finos que poidan danar para sempre a arteria. Hai que anota-la hora en que se colocou e afrouxalo cada dez minutos. Se ó facelo a ferida non sangra, non se colocará de novo.

Contusións

Na contusión a pel non se magoa ata romperse, pero si os tecidos inmediatos. Prodúcese dor, inchazo e a zona afectada adquire unha cor vermella escura que co paso das horas se torna morada. As contusións non teñen moita importancia, pero se o golpe foi moi violento e forte poden ser indicio de lesións máis serias.


Cómo proceder:

  • Aplicar frío localmente mediante compresas con auga fría, bolsas de xeo ou cubos. Non se debe usa-lo xeo directamente sobre a pel durante tempo prolongado porque pode producir xeaduras (queimaduras producidas polo frío).
  • Mante-la zona lesionada en repouso e despois estender por ela unha pomada ou xel antiinflamatorio. As contusións múltiples e máis severas débeas valorar e tratar un médico.

Torceduras e escordaduras

As torceduras do nocello poden ser leves ou constituír unha verdadeira escordadura, é dicir, un estiramento dos ligamentos que arrodean unha articulación e que se poden esgazar e romper total ou parcialmente. A dor é inmediata e se aparece inchazo e hematoma o máis probable é que rompese algún ligamento. As escordaduras pódense producir en calquera articulación, pero danse máis a miúdo nos nocellos.


Cómo proceder:

  • Aplicar frío na zona danada.
  • Inmobiliza-la articulación mediante unha vendaxe provisional.

Traslada-lo accidentado a un médico para que valore a lesión e para que a trate correctamente. Unha escordadura mal atendida pode evolucionar cara a unha escordadura crónica e producir inestabilidade da articulación.