Como enfocan a transición ao mundo dixital os libreiros?
En xeral, estamos nun momento difícil, conscientes de que temos que adaptarnos aos novos formatos, pero tamén con moita incerteza sobre o futuro. Sabemos que o libro electrónico é unha boa parte do futuro do sector, pero de momento a súa facturación non é significativa como para facer unha aposta radical por el. En 2010 foi só un 2% da facturación total do sector e para futuros anos esperamos que estea entre o 3% e o 5%. É un formato que crece forte, pero non abondo como para que deamos un golpe de temón ao modelo de negocio. O que non din os abandeirados dixitais é que os custos que implica un servidor, unha páxina web, un sistema anticopia etc., son case tan altos como o aluguer dun local.
Mantéñense as vendas de libros no país?
Non, nestes momentos baixan, pero pola crise.
Apreciaron un maior descenso do papel respecto ao ebook?
Prodúcese un retroceso do papel e un aumento das vendas do formato electrónico, pero aínda non son cantidades significativas. En Estados Unidos si se consolidou o libro dixital con porcentaxes de facturación de ata o 20% nalgúns casos, pero aquí aínda é pronto. Con todo, é unha pista de cara a onde imos.
Cada día desaparecen máis librarías no centro das cidades. Débese a Internet ou a que vivimos demasiado á présa?
O meu pai sempre dicía que neste bloque antes había oito librarías e unha cafetaría. Hoxe hai unha libraría e oito cafetarías. Vivimos con présa e iso nótase nos nosos hábitos de lectura.
Que lle fai a un lector optar por un libro en papel fronte a outro dixital?
A experiencia de usuario paréceme totalmente distinta nun e noutro formato. Por outro lado, está demostrado que a lectura en papel é moito máis cómoda e máis concentrada. Algúns estudos de universidades escandinavas dinnos que os contidos en papel se asimilan mellor que na pantalla, porque hai menos elementos que nos distraen e forzamos menos a vista. Por outro lado, o que proporciona o papel non o dá unha pantalla, a sensación dunha cultura sensorial, que entra polos sentidos, ólese, tócase etc.
Cambiará entón a forma de entender a cultura?
No papel tes a sensación de posuír e no libro dixital de acceder. Non é o mesmo e tradúcese en que
É dicir, valórase menos a cultura no formato dixital?
Eu non diría que se valora menos en canto a feito cultural, pero si como obxecto, como creación que ten un dono, un autor. A obra en formato dixital dános a sensación de que non ten unha orixe predefinida e acabamos por non entender a razón pola que temos que pagar por algo incorpóreo. Pero hai un autor detrás, un creador. A virtualidade, na miña opinión, fomenta a pirataría dixital en tanto que nos fai pensar que a obra non merece o seu prezo.
Algunha outra motivación haberá cando moita xente se queixa de que os libros en papel teñen un IVE reducido do 4% e en cambio os electrónicos seguen co 18%…
No tema dos impostos sobre obxectos culturais doulle a razón aos nosos clientes. Na miña opinión, canto menor sexa o imposto mellor, xa que os obxectos culturais achegan importantes valores engadidos á nosa sociedade. Agora ben, déixeme que lle faga unha observación: o imposto do libro en papel queda en España, pero o IVE dos libros que vende Amazon vaise a Luxemburgo…
Veremos desaparecer a edición en papel e con ela o oficio de libreiro?
O mercado da libraría reducirase moito. Para os grandes será menos difícil, pero os medianos e pequenos deberiamos unirnos nunha mesma plataforma e competir con Amazon, Google ou Apple… Con todo, quero resaltar unha cifra interesante: naquelas zonas de Estados Unidos onde máis librarías físicas desapareceron, as vendas de libros dixitais descenderon de xeito drástico. Non ver na rúa os libros en papel inhibiu o impulso de compra. Quizais vexamos un modelo mixto, con librarías físicas e a opción de comprar na rede.