Que prefire vostede, libro electrónico ou de papel?
O libro electrónico.
Por que?
Por unha razón moi específica: dispoño neste formato dunha maior oferta de contido relacionado cos meus intereses. O libro técnico foi dos primeiros en abrirse camiño na rede. Eu leo moito en inglés e busco moitos contidos sobre a miña profesión de consultor editorial. Ademais viaxo moito e o libro electrónico permíteme transportar todas as miñas necesidades culturais nun maletín: libros, música, películas, revistas, diarios etc.
Cales son as vantaxes e os inconvenientes de cada formato?
O papel non deixa de ser unha tecnoloxía que leva cincocentos anos con nós, e por algo será: permite ler de forma moi amable e sensorial. Pero ten grandes inconvenientes: pesa demasiado e ocupa espazo nos estantes dunhas casas cada vez máis pequenas. Pola contra, o libro electrónico non pesa nin ocupa, déixache personalizar a lectura
Poderíase dicir que estamos ante un salto tecnolóxico definitivo en canto ao soporte para a cultura?
Si, isto xa non ten volta atrás, Internet impresionou en todos os nosos hábitos. Aínda non chegou este cambio radical á literatura, en canto a que aínda replicamos o modelo de toda a vida, pero é moi posible que nos próximos anos vexamos a chamada “narrativa transmedia”. Eu xa a vin en Estados Unidos con autores que sacan obras en dixital para lerse só en pantalla, co que adaptan a súa narrativa a unha serie de condicionantes, como textos máis concisos, frases máis curtas ou introdución de enlaces hipertextuais. Eu creo que chegaremos a ver novelas multimedia.
Canto tempo lle queda ao libro de papel?
O libro de papel non vai desaparecer, pero si vai perder o seu peso relevante na sociedade. En EE.UU. o 20% das vendas xa son dixitais.
Que consecuencias nos hábitos de lectura ten este cambio?
Para empezar xa lemos a máis velocidade pero con menos tempo de atención, o que se di ler en diagonal. Haberá moita voracidade por ter e saber, pero con menos profundidade nos temas. Isto é algo que os narradores deberán ter en conta á hora de escribir. Outro cambio é que agora somos máis sociais, gústanos compartir todo o que facemos, mesmo o que lemos; a lectura está a deixar de ser algo íntima.
Lerase máis ou lerase menos en soporte electrónico?
Eu non creo que o libro dixital vaia facer que leamos máis, polo menos en principio. O 50% dos españois confesa que le moi pouco, segundo o gremio de libreiros. Eu creo que os índices serán parecidos.
Non se perderá un xeito de vivir e ver as cousas?
Si, sen dúbida, sobre todo para unhas xeracións que nos educamos sentimentalmente neses sitios. Pero toda revolución implica pequenas e grandes traxedias.
Dirixímonos cara a unha cultura persoal máis libre ou máis controlada cos formatos electrónicos?
O libro dixital é unha senda perigosa sen dúbida. Na “libraría de vello” escollías o teu libro con total liberdade e agora tes unha presión moi grande dos intermediarios culturais. Creo que as futuras xeracións haberá que educalas para que non perdan a capacidade de decidir por elas mesmas, de ter criterio e de saber escoller.
España sempre foi un país de poucos lectores, non sorprenden un pouco as cifras que se manexan sobre a pirataría de libros electrónicos?
Eu vexo no problema da pirataría unha demanda de consumo non atendida, neste caso a dispoñibilidade de títulos. É certo que hai persoas que acumulan centos de libros electrónicos no seu disco duro que xamais lerán. En Internet todos temos unha especie de síndrome de Diógenes, pero débese a que vimos dunha sociedade na que ser alguén era posuír algo e pasamos a outra que vive de “acceder a” e “compartir con”. Cando se atenda á demanda de libros electrónicos frearase a pirataría.