Especies ameazadas de extinción

A desaparición de especies acelerouse

O fenómeno é máis grave do previsto anos atrás polos expertos
1 Decembro de 2003

A desaparición de especies acelerouse

Nos últimos cincocentos anos a actividade humana causou a extinción de 816 especies. Só desde o século XVIII desapareceron 103 especies, unha cifra cincuenta veces superior ó seu ritmo natural de extinción. Segundo a Unión Mundial para a Natureza (UICN), un de cada dez paxaros e o 25% dos mamíferos figuran na Lista Vermella de especies ameazadas de desaparición, mentres que dous tercios doutras especies tamén constan baixo o epígrafe de “en perigo”. A extinción de animais acelerouse nos últimos 200 anos como consecuencia directa ou indirecta do crecemento da poboación humana, do malgasto dos recursos naturais e dos cambios asociados ó medio natural. Trátase, desafortunadamente, dun fenómeno máis grave do previsto anos atrás polos conservacionistas.

¿Que é unha especie en extinción?

Segundo a UICN, denomínanse así as especies en claro perigo de extinción e das que a súa supervivencia é pouco probable de segui-los mesmos factores que causaron esa ameaza. Inclúense tamén neste grupo as especies minguadas numericamente ata un nivel crítico ou con hábitats que experimentaran unha reducción tan drástica que se consideran en inmediato perigo de extinción.

A causa desta ameaza é a perda de hábitat e a degradación que afecta ó 89% de tódalas aves ameazadas, ó 83% dos mamíferos ameazados e ó 91% das plantas ameazadas que foron avaliados. Os factores que contribuíron á extinción das especies (impacto da industria, asentamentos humanos en rexións salvaxes, etc.) continúan operando cunha “intensidade crecente”, aseguran os expertos. Sen embargo, moitos dos problemas poderían mellorar se os gobernos adoptasen os tratados e convencións aprobados na Convención de Río de 1992.

Criterios da Lista Vermella

Cada dous anos a UICN edita a Lista Vermella de Especies Ameazadas, unha das ferramentas principais para determina-lo estado da diversidade biolóxica da Terra. Os expertos identificaron a máis de 12.000 especies animais e vexetais en perigo, incluíndo máis de 1.000 mamíferos.

A Lista Vermella da UICN, recoñecida como a guía de maior autoridade sobre o estado da diversidade biolóxica, elabórana preto de 10.000 expertos de 181 países.

As categorías principais na que se agrupan as especies na Lista Vermella da UICN son: extinto (por exemplo, o mazarico boreal), extinto en estado silvestre (o cacto Mammillaria glochidiata), en perigo crítico (a aguia monera filipina), en perigo (alcipreste dourado) e vulnerable (cacto de alcachofa).

A clasificación dentro das categorías para especies ameazadas de extinción (vulnerable, en perigo e en perigo crítico) realízase mediante cinco criterios baseados en factores biolóxicos: taxa de diminución, tamaño da poboación, área de distribución xeográfica, e grao de fragmentación da poboación e a súa distribución.

Novas especies ameazadas

Antílope “saiga”
Atópase agora “en perigo crítico”. Este antílope nómade vive en rabaños, polo xeral nas estepas abertas de pastos e nos desertos semiáridos de Asia Central. Na última década as súas poboacións foron decrecendo debido á caza furtiva para obte-la súa carne e exporta-la súa cornamenta, utilizada na medicina tradicional.

Camelo “bactriano” silvestre
“En perigo crítico”. Ten o seu bastión principal na China, onde o seu hábitat natural está sendo invadido por minas de mineral legais e ilegais. A especie é obxecto de caza continua e de persecución porque compite cos camelos domésticos e co gando por auga e pastos, pero tamén pola caza deportiva.

Rato de auga etíope
Ingresa na lista dentro do epígrafe “en perigo crítico”. É só coñecido por un espécime atopado preto da fonte do Pequeno Abbai, un afluente do Nilo Azul no noroeste de Etiopía. O seu hábitat puido ser afectado polo sobrepastoreo de gando.

Voitre de peteiro delgado e Voitre indio
Están clasificados como “en perigo crítico” polo decrecemento acelerado das súas poboacións, en especial en todo o subcontinente índico, como consecuencia de enfermidades, envelenamento, o uso de pesticidas e cambios no tratamento do gando morto.

Cabaliño de mar de cola de tigre
Clasificado como “vulnerable”, é branco de mariñeiros polo beneficio importante que ofrece para uso medicinal e acuarios. Tamén se comercia masivamente para uso ornamental. Ademais, o seu hábitat entrou en proceso de degradación.

Plantas
No 2002 avaliáronse e incluíronse na Lista 5.714 especies de plantas, que supoñen arredor do 4% das descritas do mundo. Estímase que, a medida que a avaliación continúe, o número de plantas que engrosarán a Lista aumentará considerablemente.
A Lista de especies de plantas componse en boa parte de árbores, ó seren estas máis coñecidas e estudiadas polos científicos có resto de especies vexetais.

También en la Península Ibérica

O Catálogo Nacional de Especies Ameazadas recolle que en España hai 56 especies en perigo de extinción, como os peixes esturión, xarabugo, cavilat e frade, e plantas como o zoco (unha orquídea do Pirineo) e a beba canaria.

O lince foi reclasificado como unha especie “en perigo crítico” pola UICN. Cunha poboación que descendeu a menos da metade dos 1.200 exemplares rexistrados a comezos da década dos noventa, o lince ibérico está a piques de se converter na primeira especie de gato silvestre en se extinguir nos últimos dous mil anos. O lince habita nos bosques do Mediterráneo e en matogueiras, prefire as matas densas para protexerse e os pasteiros abertos para a caza de coellos. Como resultado da fragmentación do seu hábitat pola agricultura e o desenvolvemento industrial, a poboación foi confinada a grupos dispersos no cuadrante sudoccidental da Península Ibérica.
Para axudar ó felino, a IUCN afirma que cómpre restablece-la poboación de coellos que habitan no territorio onde vive o lince. Tamén cómpre implementar un programa acelerado de reproducción en cativerio con polo menos doce exemplares.

A outra cara da moeda represéntana as aves preeiras como o voitre negro, o voitre branco e o voitre barbado. Hai uns anos a estabulación do gando, a escaseza de animais mortos silvestres e o veleno ameazaban con extinguir a estas aves. Sen embargo, estes paxaróns remontaron o voo. O éxito débese á dispoñibilidade de hábitats adecuados para a cría e á abundancia de alimento. A proliferación de manxadoiras (esterqueiras) onde se fan achegas de prea foi unha medida decisiva para a recuperación deste tipo de aves en Castela e León, en Aragón e en Navarra.