Webcams

Só para videoconferencias

As cámaras de vídeo para ordenador ofrecen prestacións moi inferiores ás convencionais, pero chegan abondo para charlas domésticas
1 Decembro de 2003

Só para videoconferencias

Analizáronse seis webcams, ou cámaras de vídeo dixitais para ordenador, que custan desde os 30,93 euros de Creative Webcam NX ós 97 euros de ADS USB Turbo 2.0. Unha webcam é unha cámara de vídeo dixital que non almacena o que grava, senón que llo envía directamente a un ordenador onde as imaxes fixas ou en movemento poden gardarse no disco duro ou transmitirse a través de Internet a un interlocutor distante. A mediocre calidade de imaxe destas cámaras de vídeo fanas idóneas para videoconferencias por Internet, onde o discreto caudal das conexións domésticas a Internet fai que se desaproveite a calidade de imaxe de cámaras de gama máis alta.

A mellor relación calidade-prezo do comparativo é Logitech Quickcam Zoom, a segunda máis cara (59,34 euros), pero a que máis prestacións ofrece e a que obtén a mellor valoración en calidade fotográfica e na proba de uso. Creative é outra boa opción, por se-la máis barata (30,93 euros), por obte-la segunda mellor puntuación na proba de uso e por satisface-las necesidades básicas dun usuario doméstico.

Dado que as webcams se colocan normalmente sobre o monitor, convén que non sexan grandes nin pesadas. NGS Showcam Plus foi a menor das seis mentres que ADS USB Turbo 2.0 avulta tres veces máis. A cámara máis lixeira é Philips (90,8 gramos) e Logitech é a máis pesada (189 gramos). A lonxitude do cable resulta decisiva para poder elixi-lo emprazamento da cámara, pero nos seis casos resulta similar: só oscila entre 1,8 metros de cable en Creative e Genius e 2,15 metros en NGS.

Cuestión de soporte

Creative, Philips e ADS sostéñense sobre un trípode (o de Creative é articulado e o de ADS flexible). Genius e Logitech inclúen un soporte para o monitor, mentres que NGS, amais deste soporte, incorpora unha rosca para que se poida fixar a un trípode externo (non incluído).
As seis cámaras utilizan unha conexión USB ó ordenador. Este tipo de unión é relativamente veloz, cómodo (pódese conectar co ordenador aceso) e proporciona unha vantaxe fundamental: amais de transmiti-las imaxes da cámara ó ordenador, extrae electricidade do PC para nutri-la cámara, polo que non cómpre un segundo cable enchufado á corrente eléctrica.
O sensor é a parte do lente que recolle as imaxes e que as transforma en impulsos eléctricos. Os tres tipos de sensores utilizados (CMOS, VGA de alta precisión e HQGL) ofrecen unha calidade de imaxe semellante. No tocante ó ángulo de visión (cánto de escena se ve), ADS (52º) é a mellor e Creative e Philips (ambos 40º) son as cámaras máis modestas. Logitech e NGS non indicaron este parámetro na súa etiquetaxe. O enfoque é manual en tódolos casos.

Resolución semellante

As seis webcams ofrecen unha resolución máxima de 640×480 píxeles ou puntos de imaxe (o número de píxeles indica o tamaño da imaxe, que é o parámetro que máis incide na súa calidade). Sen embargo, Creative non alcanza esta resolución por captación directa, senón que o consegue mediante interpolación (un programa informático “adiviña” os puntos que o sensor non capta), o que mingúa a súa calidade real. Non obstante, un usuario non sempre traballará coa maior resolución (unha fotografía require máis calidade ca un vídeo que se vai transmitir por unha conexión doméstica a Internet), por iso convén que a resolución se poida modificar segundo as necesidades. Creative, Philips e Genius admiten cinco resolucións distintas, ADS e Logitech ofrecen só tres resolucións, e NGS non indica a que resolucións pode traballar. Philips, Genius, Logitech e NGS incorporan un micrófono que permite engadirlles audio ás filmacións de vídeo ou ás videoconferencias. As seis cámaras ofrecen control de exposición automático (regula a luz que recibirá o sensor), e balance de brancos (adapta a cámara ás condicións de iluminación). Logitech incorpora unha tampa para o lente. Ningunha conta con temporizador para facer fotografías, pero Philips pódese activar por voz (coa palabra inglesa “cheese”). ADS é a única que non incorpora unha luz na parte frontal par indicar que está en funcionamento.

Proba práctica

Tódalas webcams incorporan unha serie de programas informáticos para facer álbums, enviar fotos ou vídeos por correo electrónico, mellora-la calidade das imaxes e realizar videoconferencias por Internet. Creative e Genius ofrecen tamén un sistema de vixilancia (a cámara grava só cando detecta movemento), Philips proporciona xogos moi básicos, Logitech realiza animacións e NGS crea “story boards”.

Tres usuarios habituais destes equipos probaron as webcams e puntuaron diversos apartados do 1 ó 5. Genius e Logitech foron as mellor valoradas (ambas con 3,7 puntos sobre 5), seguidas de Creative (3,5 puntos). A puntuación máis discreta correspondeulle a NGS, con 3,1 puntos, por ser moi lenta á hora de tomar fotografías e vídeos, así como polo seu software: demasiado simple, pouco práctico e difícil de usar.
Aínda que a súa función principal non é a de sacar fotografías (as súas prestacións son moi inferiores ás cámaras dixitais do mercado), estes equipos son capaces de tomar imaxes dixitais moi básicas. Para avalia-la súa calidade neste apartado, un fotógrafo profesional realizou diversas probas utilizando a configuración automática das cámaras. Logitech foi a mellor valorada: o seu enfoque pode regularse mesmo en distancias moi curtas. Genius, ADS e Philips tamén reciben un “ben”. NGS e Creative son as peor valoradas (ámbalas dúas “normal”), a primeira por escasa iluminación da escena e a segunda pola súa baixa nitidez.
As probas de compatibilidade electromagnética indican se outros equipos eléctricos próximos causan interferencias na webcam, algo esencial se temos en conta que o emprazamento natural destes dispositivos é sobre o monitor (unha fonte enerxética potente). Das seis cámaras, só fallou Genius, que logo dunha das descargas electrostáticas perde a imaxe e non a recupera ata que se desconecta e se volve enchufar ó ordenador, incumprindo así a norma. Polo demais, as seis cámaras superaron as descargas por radiofrecuencia e as electrostáticas.

As seis cámaras superaron a análise de información e protección ó consumidor, salvo Genius, que non ofreceu a garantía mínima esixible dun ano. A nova lei obriga a dous anos de garantía, polo que ADS, que só ofrece un ano, tamén debería suspender este apartado, pero as webcams adquiríronse antes de que esta norma entrase en vigor o 11 de outubro.

¿Vale calquera ordenador?

Tórnase fundamental asegurarse de que a cámara adquirida resulte apta para o equipo doméstico onde se vai usar.

As seis desta análise funcionan coa maioría dos sistemas operativos Windows (98, ME, 2000 ou XP, agás ADS, que só opera cos dous últimos).

Ningunha funciona con Windows 95 porque este sistema non admite a conexión USB que utilizan as seis webcams.

Logitech é a única que pode usarse tamén nun Macintosh (G3 ou superior), mentres que ningunha di estar preparada para o seu uso con Linux, polo que os usuarios deste sistema non poden saber se estas cámaras funcionarán correctamente nos seus equipos.

Philips e Creative son os que precisan un ordenador menos potente (ambos Pentium II ou equivalente, a unha velocidade de 233 Mhz e 32 MB de memoria RAM).

NGS e ADS son as máis esixentes (Pentium III, ou equivalente, en ambas e 64 MB de memoria RAM para NGS e 128 para ADS).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse seis cámaras dixitais para ordenador de prezos moi dispares: a máis cara (ADS, 97 euros) triplica o prezo da máis barata (Creative, 30,93 euros). A súa función principal é realizar videocharlas por Internet, xa que a súa calidade de imaxe (640×480 píxeles) resulta escasa para sacar fotografías.
  • Genius é das máis pequenas e menos pesadas, mentres que ADS é a segunda máis pesada e a de maiores dimensións. ADS e Genius contan co maior ángulo de visión. Philips, Genius, Logitech e NGS incorporan micrófono.
  • Difiren no ordenador mínimo necesario: Creative e Philips precisan un equipo moito menos potente ca ADS e NGS. Todos funcionan en Windows, e Logitech tamén funciona en Macintosh. Ningunha menciona a Linux.
  • En calidade fotográfica Philips, Genius, ADS e Logitech obteñen un ben, mentres que Creative e NGS só alcanzan o normal.
  • No seu uso como videocámara, os modelos mellor valorados son Genius e Logitech.
  • No tocante á súa calidade, Logitech obtén a valoración máis alta. ADS, Creative e Philips séguena cun “ben”, e NGS só acada o “normal”. Genius suspende por non supera-la norma de compatibilidade electromagnética, amais de non incluí-la garantía obrigatoria. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Logitech, polo seu prezo medio e polas súas excelentes prestacións. Outra boa opción é o modelo máis barato, Creative.
Marca Logitech Creative Philips NGS Techno- logy ADS techno- logies Genius
Modelo “Quickcam Zoom” “Webcam NX” “ToUcam XS” “Showcam Plus” “USB Turbo 2.0” “Videocam Web”
Prezo (euros) 59,34 30,93 53,49 38,94 97,0 37,69
nformación e protección ó consumidor
Instruccións de uso Si Si Si Si Si Si
Marcaxe CE Si Si Si Si Si Si
Información de seguridade Non Non Non Non Non Non
Garantía 2 anos 2 anos 2 anos 2 anos 1 ano Non
Compatibilidade electro- magnética (EMC) Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Características técnicas
Dimensións (mm) 78x85x87 63x90x115 67 x 84 x 115 68 x 87 x 84,5 124 x 100 x 140 78x78x90
Peso cámara + cable USB (g) 189,0 106,7 90,8 116,2 165,9 98,0
Lonxitude cable USB (m) 2,10 1,80 2,00 2,15 1,85 1,80
Tipo de sensor VGA alta precisión CMOS CMOS CMOS HQGL3 Ni
Nº Pixeles 640×4801 640×480 640×480 640×480 640×480 640×480
Tipos de resolución 3 5 5 Hasta 640×480 3 5
Porto de comunicación USB USB USB USB USB USB
Velocidade de imaxes (fps)2 30 30 30 30 30 30
Enfoque manual Si Si Si Si Si Si
Ángulo de visión (graos) Ni 40 40 Ni 52 50
Micrófono Na cámara Non Na cámara Na cámara Non Indpte. da cámara
Prestacións 6 4 6 5 3 5
Equipo mínimo necesario
PC / Macintosh Pentium II 400, Celeron, AMD Athlon / Power Mac G3 Pentium II 233 MHZ Pentium II 233 MHz, AMD K6-II Pentium III Pentium III, AMD Athlon Pentium II 400
Memoria RAM (MB) 64 32 32 64 128 64
Espacio no disco duro (MB) 200 70 50 Ni 100 25
Sistema operativo mínimo Win 98, WinMe, Win2000, WinXP / Mac OS 10.1.5 Win 98/98Se, WinMe, Win2000, Win XP Win 98, WinMe, Win2000, Win XP Win 98, WinMe, Win2000, Win XP Win2000, Win XP Win 98, WinMe, Win2000, Win XP
Proba de uso (1 a 5) 3,7 3,5 3,3 3,1 3,3 3,7
Calidade fotográfica Boa Normal Boa Normal Boa Boa
Calidade global Moi Ben Ben Ben Normal Ben Insuficiente

(1) Resolución: obtida mediante interpolación

(2) Fps: fotos por segundo

(3) HQGL: High quality glass lens (lente de cristal de alta calidade)

Unha por unha

Unha por unha, 6 webcams

Logitech "Quickcam Zoom"

  • 59,34 euros.
  • Calidade global: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo. A segunda máis cara e a máis pesada (189 gramos). Tres posibilidades de resolución. Con micrófono integrado e o maior número de prestacións. A mellor calidade fotográfica. Destaca na claridade do manual, aspecto exterior e reducidas dimensións, realización de fotos e software. Pola contra, a instalación resulta lenta e a súa suxeición é feble.
  • Proba de uso, a mellor: 3,7 puntos de 5 posibles.

Creative "Webcam NX

  • 30,93 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • Outra boa opción. A máis barata. Con cinco posibilidades de resolución. O seu ángulo de visión é o menor, xunto con outra. Unha das que funciona en ordenadores menos potentes. A súa calidade fotográfica é normal (a súa resolución non é “real”, senón que a consegue mediante interpolación). Salienta en claridade do manual, doada instalación, visualización de fotos e vídeos, enfoque e boa suxeición.
  • Proba de uso, a segunda mellor: 3,5 puntos de 5 posibles.

Philips "To Ucam XS"

  • 53,49 euros.
  • Calidade global: Ben.
  • A de menor peso (90,8 gramos). Con cinco posibilidades de resolución e micrófono integrado. O seu ángulo de visión é o menor, xunto con outra. O maior número de prestacións. A que precisa un ordenador menos potente para funcionar. Boa calidade fotográfica. Destaca polas súas reducidas dimensións, visualización de fotos e vídeos, enfoque e boa suxeición.
  • Proba de uso: 3,3 puntos de 5 posibles.

NGS Technology "Showcam Plus"

  • 38,94 euros.
  • Calidade global: Normal.
  • A máis pequena. Con micrófono integrado. A súa calidade fotográfica é normal (a escena resulta pouco iluminada). Destaca polas súas reducidas dimensións, pero o proceso de gardar e ver fotos e vídeos é lento, amais de que o seu software resulta difícil e moi pouco práctico. Non indica as súas posibilidades de resolución.
  • Proba de uso, a peor: 3,1 puntos de 5 posibles.

ADS Technologies "USB Turbo 2.0"

  • 97 euros.
  • Calidade global: Ben
  • A máis cara, a máis grande e a segunda máis pesada. A única que ofrece só un ano de garantía (legal cando se adquiriu, non hoxe coa nova norma). Tres posibilidades de resolución. O maior ángulo de visión, pero a de menos prestacións. A que precisa un equipo máis potente. Calidade fotográfica boa. Destaca a súa fácil instalación e falla na suxeición.
  • Proba de uso: 3,3 puntos de 5 posibles.

Genius "Videocam Web"

  • 37,69 euros.
  • Calidade global: Insuficiente.
  • A segunda máis barata. Non indica prazo de garantía, cando é obrigatoria. A única que non supera as probas de compatibilidade electromagnética. Das máis pequenas e das menos pesadas. Cinco posibilidades de resolución. A única con micrófono independente. Calidade fotográfica boa. Destaca polas súas reducidas dimensións, realización de vídeos e videoconferencias e polo seu software completo e de doado manexo, pero o seu manual de instruccións resulta moi básico.
  • Na proba de uso, a mellor: 3,7 puntos de 5 posibles.