Evitar toxiinfeccións alimentarias

Como conserva-las sobras da comida

A manipulación e o almacenamento pouco axeitados constitúen as causas principais de toxiinfeccións alimentarias durante estes días
1 Decembro de 2003
Img listado consejo

Como conserva-las sobras da comida

Agasallar polo Nadal os nosos familiares e amigos cunha mesa xenerosamente surtida de manxares constitúe un costume moi arraigado na nosa sociedade.

Os problemas comezan cando as mesas e as casas se van baleirando de comensais e visitantes, e os restos de comida se almacenan na cociña, sen saber en moitos casos como convén conserva-los alimentos ou os pratos sobrantes, co conseguinte risco de toxiinfección alimentaria.

Gardar

  • Garde as sobras nun recipiente limpo, pouco fondo e que se poida tapar. Non as deixe no que se cociñaron ou serviron. Divida as porcións grandes en racións máis pequenas e colóqueas en recipientes dun máximo de 5 centímetros de profundidade, para acelera-la refrixeración.
  • Se vai servir espárragos, reserve o seu caldo para poder conserva-los que sobren. Se estaban envasados en lata, desbote ese envase: unha vez aberta a lata, o seu interior axiña se oxida. Conserve os espárragos sobrantes nun recipiente de plástico ou de cristal, e non esqueza tapalos e gardalos no frigorífico.
  • Saiba que os alimentos ou pratos cociñados se deben consumir, refrixerar ou conxelar nun prazo de dúas horas. Se se manteñen á temperatura ambiente durante máis tempo (mesmo menos de dúas horas, se a temperatura é alta), as bacterias poden reproducirse ata alcanzar niveis nocivos, polo que o consumo destes alimentos resulta arriscado para a saúde.
  • Consuma as sobras nun prazo de dous dí. Algúns productos mantéñense en bo estado entre tres e cinco días, pero canto máis tempo se conserve a comida cociñada, maior será o risco de intoxicación alimentaria. Conxele os restos que non se vaian comer axiña, sen esquecer sinala-la data no recipiente.

Refrixerar

  • Agarde a que os alimentos arrefríen antes de metelos no frigorífico. Un prato quente na neveira provoca un aumento da temperatura que impide o correcto funcionamento do aparello, co conseguinte risco de contaminación.
  • Procure non enche-lo frigorífico. Organice o seu contido de xeito que haxa espacio abondo entre os alimentos para que o aire frío poida circular. Manteña a súa temperatura entre 0 e 5 graos. Deste xeito impedirá a multiplicación de microorganismos nos alimentos.
  • Para evita-la contaminación cruzada, separe os alimentos crus dos cociñados. Garde os primeiros na parte baixa do frigorífico e os alimentos preparados nas baldas superiores.

Requentar

  • Cando requente os restos, deixe que as salsas, as sopas e os zumes da comida fervan durante uns minutos. Remexa ben a comida para asegurarse de que se quenta por todas partes e sírvaa moi quente. Saiba que para eliminar microorganismos patóxenos o centro do alimento debe alcanza-los 65ºC.
  • Evite requenta-la comida máis dunha vez. Quente unicamente as racións que vaia consumir, e reserve o resto.
  • Nunca lles engada ós alimentos conservados o sobrante das racións requentadas.
  • Non consuma as sobras cando non estea seguro da súa inocuidade ou cando non saiba canto tempo levan almacenadas. Guinde axiña calquera alimento conservado durante demasiado tempo, ou cun aspecto ou cheiro dubidoso.
  • Teña especial coidado coa sopa de peixe ou de marisco, tan habitual nestas datas, xa que fermenta con facilidade.
  • Desbote os alimentos que presenten malos cheiros, cambios de cor, viscosidades, zonas con balor ou líquidos turbios. Todos estes signos indícannos que a descomposición do alimento xa comezou, ou que supón un foco de contaminación microbiana.