Doces de Nadal

A clave está en compensa-los excesos

Hai que ser razoable e non facer máis ca unha concesión por comida
1 Decembro de 2003
Img listado alimentacion

A clave está en compensa-los excesos

Quen padece diabete, obesidade, celiaquía ou ten o colesterol alto, por citarmos só algunhas enfermidades ou problemas de saúde que esixen unha alimentación máis vixiada, non o teñen doado no nadal. Tampouco quen fai réxime por se manter en determinado peso. E é que os doces típicos destas datas, ricos en azucres e graxas, non figuran precisamente entre os máis saudables e equilibrados. Pero o seu consumo, se é moderado e adaptado ás necesidades de cada persoa, non ten por que eliminarse da nosa dieta.

Graxa

O turrón, os mazapáns e os guirlaches elabóranse con mel, azucres e améndoas. Á mestura pódenselle engadir outros ingredientes (clara e xema de ovo, froitos secos, pastas de froitas, chocolate, cacao, nata, fariñas, cereais inchados, licores, etc.), amais de auga e de aditivos autorizados. Estes doces son alimentos moi enerxéticos e cun alto contido en graxa, aínda que a maior proporción desta a constitúen os ácidos graxos insaturados (graxa boa), abundantes nos froitos secos empregados. Isto non inclúe os polvoróns, que teñen como un dos seus ingredientes básicos a manteiga de porco ou a manteiga (ámbalas dúas ricas en graxa saturada, graxa mala), mesturadas con fariña e saborizantes (canela, viño, limón…).

Os conceptos de graxa boa ou mala atenden á capacidade destes nutrientes de modula-los niveis de colesterol en sangue. Mentres que a graxa boa reduce os niveis plasmáticos de colesterol e é cardiosaudable, o exceso de graxa mala relaciónase con niveis elevados de colesterol. Isto significa que os turróns duros e brandos, sobre todo -abondosos en améndoas- e outros turróns con froitos secos, amais dos mazapáns e dos guirlaches, serán os doces que deberán elixi-las persoas co colesterol alto, esquecendo os polvoróns. Sen embargo, non se deben consumir sen medida: a maioría de persoas con hipercolesterolemia sofren tamén de exceso de peso, e a elevada achega calórica de turróns, mazapáns e guirlaches desaconsella que abusen deles.

Froitos secos ou froitas desecadas

Os froitos secos (améndoas, piñóns, noces…) e as froitas desecadas (pelas secas de pexegos, ameixas e uvas pasas…) constitúen unha alternativa doce, deliciosa e máis saudable ós típicos productos do nadal, sen esquecermos que se trata tamén de alimentos enerxéticos. Nos froitos secos abundan as graxas “boas”, aínda que moi calóricas, e as froitas desecadas son “concentrados” de azucres sinxelos. Isto obriga a consumilos con moderación en caso de seguir dietas de control de peso, de graxa ou azucres.

Doces aptos para diabéticos e celíacos

A resposta dos fabricantes á demanda de persoas que, por problemas de saúde como a obesidade ou a diabete, non poden gozar dos típicos doces destas datas non se fixo agardar. A variedade de sobremesas típicas de nadal acompañadas da mensaxe “con fructosa” ou “sen azucre engadido” aumentan ano a ano, á par cá confusión sobre a súa achega calórica. Os máis dos consumidores coidan que se trata de productos menos calóricos, pero non sempre é así.

Cando o azucre se substitúe por edulcorantes sen calorías (sacarina, asparame, ciclamato, acesulfame) ou por edulcorantes do tipo polios ou azucres alcohol (sorbitol, maltitol, xilitol…), efectivamente presenta menos calorías. Non acontece o mesmo se o producto contén fructosa no canto de sacarosa (azucre común). A fructosa é un edulcorante cunha vantaxe indiscutible para as persoas diabéticas: produce escasos efectos no nivel de glicosa no sangue e non estimula a secreción de insulina. Isto explica que quen sofre diabete poida consumir productos con fructosa e gozar polo tanto do pracer que proporciona un doce sen que se altere o seu nivel de glicosa en sangue, sempre e cando non abuse do seu consumo. Así e todo, a fructosa proporciona as mesmas calorías cá sacarosa e, polo tanto, un producto con fructosa contén as mesmas calorías ou incluso máis que se levase sacarosa.

Máis difícil o teñen as persoas que sofren intolerancia ó glute. Entre os ingredientes básicos empregados para elabora-la masa de moitos turróns, mazapáns e guirlaches non se inclúe ningún contraindicado para celíacos. Sen embargo, a oblea que recobre a masa de turróns, por exemplo, elabórase en moitos casos con fariña de trigo, polo que quen padece intolerancia ó glute debe ler con detemento a lista de ingredientes de cada turrón.

O mellor momento para tomar un doce

Nos días do nadal os xantares e as ceas inclúen, polo xeral, pratos máis elaborados e calóricos, polo que é máis conveniente deixa-lo doce para outro momento e remata-la comida cunha froita dixestiva (ananás ou papaia), cunha macedonia de froitas, cun lácteo sinxelo (iogur, leite callado) ou cunha infusión. O doce podémolo tomar a media tarde, acompañando un café, un zume ou unha infusión. As calorías ó longo do día van ser practicamente as mesmas, pero non faremos traballar tanto o estómago e a dixestión non se volve tan longa e pesada. Acontece o mesmo se comemos doces á noite. Por outra banda, pouco de certo ten a crenza de que os doces, tomados á noite, engordan máis.

Calorías dos doces do nadal… Calorías doutros alimentos…
Alimento Calorías Alimento Calorías
Un anaco pequeno de diversos turróns (duro, brando, chocolate, guirlache…) (25 gr) 120 Unha lata de refresco (cola, laranxa, limón… 330 ml) 130
Un anaco mediano de diversos turróns (duro, brando, chocolate…) (40 gr) 190 Un croissant (unidade normal, 65 gr) 234
Un polvorón (35 gr) 160 Un donut (unidade comercial, 45-50 gr) 228
Un mazapán (25-40 gr) 120 – 190 Unha madalena (unidade comercial, 30-40 gr) 164
Dous bombóns pequenos (12 gr) 55 Bocadillo de embutido (chourizo, mortadela… 40 gr de pan e 25 gr de embutido) 190
Dous bombóns grandes (30 gr) 137 Unha ou dúas pastillas de chocolate (20 gr) 104
Tres figos secos (50 gr) ou 6 ameixas secas (60 gr) 100 Flocos de millo (ración pequena de cine) 214
Compensa-los excesos...

Se se rende ó desexo de comer un prato ou un doce moi calóricos, sexa razoable e non faga máis ca unha concesión por comida, compensándoo por outra banda:

  • Se o entrante é graxo e calórico, tipo ensalada rusa ou fritos variados, escolla de segundo peixe á prancha ou ó forno acompañado de ensalada ou de verduras e, de sobremesa, froita fresca.
  • Se o segundo é carne ou peixe en salsa, comece cun prato lixeiro (sopa de cocido ou de peixe, cremas, ensaladas especiais, minestra de verduras…) e remate o menú con froita que facilite a dixestión (ananás ou papaia) e cunha infusión dixestiva.
  • Se toma sobremesas doces, turróns, mazapáns, polvoróns, etc., elixa un primeiro prato lixeiro (ensalada, verdura…) e un peixe ou carne á prancha ou ó forno con gornición vexetal.