Primeiros auxilios para mascotas

Calma e sensatez, o primeiro

1 Xuño de 2004
Img consejos listado 161

Calma e sensatez, o primeiro

Coa chegada do bo tempo pasamos máis tempo fóra da casa coas nosas mascotas, polo que as probabilidades de sufrir algún contratempo por accidente, picaduras, intoxicación ou mordedelas multiplícanse. Mentres chega a asistencia veterinaria, saber como actuar nunha emerxencia pode salvar a vida da súa mascota.

  • A calor e os raios solares tamén lles afectan ós animais. Un dos primeiros síntomas do golpe de calor é un bafexo constante. Se lle ocorre isto á súa mascota leve o animal a un lugar fresco e páselle unha esponxa mollada pola cara para refrescalo e facilitarlle a respiración. Se é posible somerxa o animal en auga fría para que non queza.
  • Aínda que non é habitual, os cans tamén poden sufrir un ataque cardíaco. Nestes casos, mentres agarda que chegue o veterinario, deite o animal sobre o costado dereito e mantéñao abrigado cuberto cunha manta. Se está inconsciente, colóquelle o pescozo dereito, ábralle a boca e sáquelle a lingua de vagariño e elimine calquera material que poida impedir o paso do aire.
  • Cando o traslade para recibir atención, procure que sexa o menos incómodo e doloroso para el. O máis axeitado para o seu desprazamento é deitalo sobre unha manta, se o leva en coche nunca o poña no chan porque unha pequena freada podería magoalo aínda máis.
  • En caso de hemorraxia, aplique sobre a ferida unha compresa de tea, nunca de algodón, mollada en auga. Así que pare, corte o pelo arredor da ferida para que permaneza limpa e a curación se acelere. Despois acuda ó veterinario.
  • Ante unha fractura, actúe con coidado e suavidade, evitando todo movemento innecesario.

Intoxicacións e envelenamentos

  • En caso de envelenamento, faga todo o posible por identificar o veleno.
  • Se o animal inxeriu materiais corrosivos, trate de que beba leite ou auga para diluír o veleno.
  • Se o tóxico entra en contacto coa pel, láveo axiña con grandes cantidades de auga para evitar que ó lamberse inxira o veleno. Se é preciso, córtelle o pelo para eliminar os restos do produto.

Urxencias óticas e oculares

  • Nunca manipule o conduto auditivo da súa mascota nin introduza ningún tipo de material (algodón, gasa…). O veterinario é quen debe realizar a extracción de calquera corpo estraño.
  • Se a ferida se produciu nun ollo e este está completamente pechado, non trate de forzalo para que abra as pálpebras.
  • Se o ollo está fóra da súa órbita, non intente repoñelo no seu sitio. Mantéñao humedecido e protexido mentres busca axuda veterinaria.
  • Se o globo ocular sofre unha queimadura química, láveo axiña e retire con algodón humedecido os restos do axente agresor.

Picadas de insectos

  • Se se produciu unha fractura aberta deteña a hemorraxia por medio dun torniquete, pero aplíquello só durante algúns minutos (nunca máis de 15), utilizando tiras de tea e evitando as gomas ou cordas. Sempre por riba da ferida, entre esta e o corazón.
  • No caso da picada de avéspora (veleno alcalino), lave a zona con vinagre diluído en auga. Se a picada é de abella (veleno ácido), pode aplicar na zona bicarbonato de sodio.
  • Como coidados de emerxencias, e se a inchazón é severa, debe aplicar compresas de auga fría ou morna. Se o aguillón está na zona dos ollos, nariz ou boca, leve a súa mascota ó veterinario inmediatamente e evite darlle auga.