Sobreexplotación pesqueira

Perigo de extinción para as especies máis consumidas

1 Xuño de 2004
Img medioambiente

Perigo de extinción para as especies máis consumidas

Os datos sobre a actividade pesqueira actual resultan reveladores e preocupantes á vez. O 60% das especies comerciais máis importantes do mundo están sobreexplotadas ou esgotadas, e só o 25% dos recursos pesqueiros actuais se consideran constantes. Como consecuencia do crecemento demográfico previsto, e se se mantén o nivel mundial de consumo de peixe, estímase que para o 2010 as capturas deberán alcanzar os 120 millóns de toneladas ó ano. Isto supón un substancial incremento -de entre 75 e 85 millóns de toneladas- con respecto ó decenio de 1990.

Seguindo con este preocupante contexto, a organización conservacionista WWF/Adena sinala que 40 das 60 poboacións dos principais peixes comerciais da zona nordés do Atlántico están sobreexplotadas. Lembra tamén que a frota pesqueira da Unión Europea ten unha sobrecapacidade de polo menos un 40%, e denuncia que aproximadamente un terzo do total das capturas se guindan pola borda -a miúdo mortas-, ben porque pertencen a unha especie equivocada, ben polo seu pequeno tamaño ou por superar as cotas fixadas.

Mingua de recursos

A pesca industrial nútrese fundamentalmente da gran capacidade de reprodución das especies comerciais, que se adaptaron ás elevadas taxas de mortalidade no mar mediante a reprodución masiva. A teoría é ben simple: podemos tomar parte deste excedente de produción sempre que non poñamos en perigo a continuidade a longo prazo da especie. O problema xorde se as capturas son excesivas, dado que nese caso as perdas non se poden rexenerar ó mesmo ritmo. E isto é precisamente o que sucedeu: a sobreexplotación pesqueira esgotou moitos dos recursos existentes, ata o punto de que algunhas especies de peixes se atopan en perigo e cunha capacidade de reprodución moi limitada. O problema da sobreexplotación é que non só implica a desaparición dunha ou varias especies, senón que tamén constitúe unha drástica alteración do equilibrio ecolóxico, xa que cada especie cumpre unha función na rede trófica (os diferentes elos na cadea alimenticia).

Causas da sobreexplotación pesqueira

A principal causa da diminución dos recursos pesqueiros e da súa sobreexplotación reside na ineficacia para controlar e reducir a capacidade das frotas.

  • Demasiados barcos e poucos peixes: a capacidade das frotas pesqueiras é excesiva para os cada vez máis escasos recursos.
  • Caladoiros esquilmados en pouco tempo: desde que se descobren novos caladoiros ata que se explotan sen contemplacións transcorre cada vez menos tempo.
  • Política pesqueira da Unión Europea: a UE axuda á frota pesqueira europea cunha cifra anual próxima ós 1.400 millóns de euros. Segundo o WWF, boa parte desa cantidade invístese en incrementar a capacidade pesqueira. E se o principal problema da frota pesqueira europea é a sobrecapacidade, non parece moi lóxico -segundo WWF- que o maior monto dos Fondos Estruturais da Unión Europea para a Pesca (Fondos IFOP) vaia destinado á modernización e construción de buques.

O impacto da sobrepesca

Afecta ó medio mariño

O excesivo esforzo pesqueiro está conducindo á desaparición de numerosas especies de peixes; pero, ademais, a actividade pesqueira con malas prácticas é unha das causas principais de destrución do medio mariño. A pesca con pesos, chumbadas e redes que se arrastran polo fondo do mar pode devastar os hábitats mariños. Un exemplo moi ilustrativo: unha rede de arrastre de tamaño medio pode destruír no Mediterráneo ata 363.000 brotes de posidonia (planta que medra no fondo do mar) por hora.

Perigo para varias especies

Un estudo de 1999 (OSPAR, 2000) sobre o Atlántico Nororiental puxo de manifesto que 40 dos 60 principais stocks comerciais estaban “fóra de límites biolóxicos de seguridade” ou, noutras palabras, que son obxecto dunha gran sobreexplotación. Vense afectadas non só especies ben coñecidas como o bacallau, o atún vermello, o linguado e a pescada, senón tamén o peixe sapo, o rapante, a raia común e o bagre manchado. Moitas das especies que se pescan no Mediterráneo están tamén sobreexplotadas, caso da pescada, o atún vermello, o salmonete e o lagostino.

Capturas accidentais e descartes

Hai especies que non son obxecto de pesca, como mamíferos mariños, aves mariñas, sapoconchos ou outras especies, que poden resultar atrapadas de xeito non intencionado polas artes de pesca. Logo de ser capturadas devólvense ó mar, pero a miúdo mortas. Algo semellante acontece cos peixes demasiado pequenos como para alcanzar un prezo razoable no mercado ou que están por baixo da medida mínima legal permitida.

Perigo para a pesca dos países en desenvolvemento

Os subsidios da Unión Europea promoven que as frotas europeas saian pescar fronte ás costas de países en vías de desenvolvemento, como algúns de Latinoamérica e do oeste de África. Esa pesca, que é a miúdo non sostible, representa unha ameaza para as comunidades pesqueiras locais que dependen da pesca como fonte principal de alimento.

Países consumidores de peixe

Preto do 75% da pesca mundial destínase ó consumo humano. O resto convértese en fariña e aceite de peixe, utilizados sobre todo para forraxes (e mesmo como alimento na piscicultura). Asia, onde se combina un consumo per cápita relativamente alto con poboacións moi numerosas, é con diferenza a rexión máis importante no consumo de peixe. O segundo lugar ocúpao Europa. Nos países desenvolvidos adoita consumirse máis peixe ca nos países en desenvolvemento, aínda que hai excepcións rechamantes.

Consumo de peixe*

  • Maldivas: 140 kg persoa/ano
  • Islandia: 91 kg persoa/ano
  • Xapón: 70 kg persoa/ano
  • Portugal: 59 kg persoa/ano
  • A China: 57 kg persoa/ano
  • Malaisia: 56 kg persoa/ano
  • Noruega: 47 kg persoa/ano
  • España: 37 kg persoa/ano
  • Chile: 28 kg persoa/ano

* Datos da FAO (a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación).

A acuicultura, unha opción á sobrepesca

A acuicultura é o sector de produción de alimentos que está medrando máis aceleradamente en todo o mundo. Desde 1984 a produción acuícola aumentou a unha taxa media anual de case o 10%. A acuicultura está xurdindo como importante subministración de alimentos e ingresos, e así, como unha das principais contribucións á seguridade alimentaria. A acuicultura, hoxe por hoxe, produce máis dunha cuarta parte da pesca total mundial. As principais especies cultivadas foron a Laminaria japonica, cun volume de máis de 4 millóns de toneladas. As outras especies que figuran na lista son diversos tipos de carpas, ostras portuguesas, vieiras xaponesas, ameixas finas xaponesas e salmóns.