Ximnasios

Máis da metade suspende o exame

O peor é a atención ó cliente e o asesoramento médico-deportivo. O mellor, o equipamento e o estado das instalacións
1 Xuño de 2004
Img temap 196

Máis da metade suspende o exame

Máis de cinco millóns de españois acoden decote a un ximnasio e fano, segundo indican as enquisas, coa intención de mellorar a súa imaxe, o seu estado de saúde e a súa calidade de vida. Ó mesmo tempo, cada vez son máis numerosos os ximnasios que en poucos anos evolucionaron desde aqueles pequenos e austeros locais nos que se realizaban prácticas deportivas básicas (musculación, aeróbic, bici estática…) ata os actuais establecementos multiservizo, onde, amais da oferta de sempre, complementada con novas actividades e disciplinas deportivas, se desprega ante os usuarios todo un abano de posibilidades (sauna, jacuzzi, termas, salón de peiteado, masaxes, estética, solarios), máis vinculadas á imaxe e ó sentirse ben ca ó propio deporte.

É difícil atopar un gimnasio barato de boa calidade

CONSUMER estudou a calidade do servizo que ofrecen estes establecementos deportivos, que cobran, amais dunha matrícula de inscrición, unha cota mensual de arredor de 60 euros de media se teñen zona de augas -jacuzzi, sauna, baño turco, piscina, augas termais- e duns 42 euros se carecen dela. O pasado mes de maio os técnicos desta revista visitaron (facéndose pasar por clientes) 130 ximnasios situados en Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Málaga, A Coruña, San Sebastián, Vitoria, Pamplona, Cádiz, Castellón, Burgos e Murcia.

Moitos suspenden o exame

A primeira conclusión da investigación é que máis da metade dos ximnasios suspenden o exame de CONSUMER, que se dividía en catro apartados. Só o estado e equipamento das instalacións obtén un ben de media (aínda que suspende case o 30% dos ximnasios visitados), mentres que a diversidade de servizos que se ofrecen no centro acada de media un aprobado sen máis, aínda que suspende a metade dos ximnasios estudados. O peor, cun claro suspenso de media, é a atención ó cliente e o asesoramento médico-deportivo. Dous de cada tres ximnasios non aproban este amplo bloque. Só o 3% ofrece seguros médicos (a lei só os obriga a teren seguro de responsabilidade civil), oito de cada dez non lle fan un exame médico previo ó novo cliente, tres de cada catro non dispoñen de servizos médicos e dous de cada tres nin sequera lle preguntan ó cliente polo seu estado físico. E todo iso malia que cando se inician na práctica dalgún deporte, os que sofren lesións físicas, padecen enfermidade coronaria, teñen o colesterol alto ou presentan antecedentes familiares de cardiopatía, e todos os máis vellos de 40 anos que sexan obesos, sedentarios, hipertensos ou fumadores, non só deben estar ben asesorados cando fan os seus exercicios, senón que convén que se lles realice unha avaliación médico-deportiva e de esforzo, para evitarlles posibles problemas de saúde, que ata poderían chegar a ser moi graves. Pero iso non é todo: case sete de cada dez ximnasios non informan de que dispoñen de follas de reclamacións, só a metade contan con monitores convenientemente titulados para o exercicio da súa profesión e tres de cada dez néganse a explicarlle ó cliente a titulación específica do persoal do ximnasio que se vai encargar da súa posta en forma.

O seguinte apartado onde máis fallaron os ximnasios foi o que se refire ós horarios e aspectos relacionados coas tarifas. Se temos en conta que un ximnasio supón un importante desembolso mensual, parece excesivo que tres de cada catro centros establezan o pagamento dunha matrícula que supón de media 42 euros en ximnasios sen zona de augas e máis do dobre nos que dispoñen delas. Ademais, tres de cada catro non ofrecían tarifas reducidas para usuarios que acoden só en determinados días ou franxas horarias (por exemplo, só polas mañás ou só os días festivos).

E son máis da metade os ximnasios que obrigan os usuarios a domiciliaren o pagamento das cotas mensuais. Para rematar con este apartado, o 44% dos ximnasios estudados non lles permite a entrada a usuarios non matriculados e un de cada catro, ademais, non ofrece descontos de ningún tipo (familias, terceira idade, estudantes, por uso de moitas actividades ou instalacións, etc.). Todo iso fala da escasa flexibilidade organizativa dos máis dos ximnasios e da ínfima adaptación ás necesidades prácticas e circunstancias especiais dos usuarios. Un dato positivo: só o 18% dos ximnasios non expoñen as súas tarifas ó público. Outro, o dos horarios, que están ben pensados na maioría dos casos: só dous de cada dez pechan ó mediodía, unicamente o 15% non abre os sábados e só o 12% mantén as súas instalacións pechadas en agosto. Pero tamén nos horarios hai unha deficiencia importante: máis de sete de cada dez ximnasios non abren os domingos, un día perfecto para visitar estes centros e facer un pouco de deporte.

En seguridade, algunhas deficiencias

No eido da seguridade, só o 88% dos ximnasios visitados dispón de extintores á vista dentro das súas instalacións, a maioría ben sinalizados. Na Coruña, Burgos, Castellón e Madrid, o 30% dos ximnasios visitados non contaba con extintores visibles. Doutra banda, só no 46% dos ximnasios se atoparon saídas de emerxencia sinalizadas e libres de elementos que impedisen o seu uso. Destacan negativamente nesta cuestión os estudados en Burgos, Bilbao, Castellón e Pamplona. Para rematar, no 6% dos ximnasios anotouse a existencia dalgunha situación que podía pór en risco a integridade física dos clientes: zonas en obras ou reformas sen sinalizar, espacios con desorde excesiva ou deficiente iluminación, escaleiras con demasiada pendente, equipos ou máquinas moi xuntos que fan difícil pasar entre eles, etc. Atopáronse situacións potencialmente perigosas en dous de cada dez ximnasios visitados en Barcelona e Burgos e nun de cada dez da Coruña, Bilbao, Pamplona e Valencia.

Prezos e tarifas

As tarifas dos ximnasios dependen en boa medida das súas características e da variedade de servizos que ofrecen, pero tamén inflúe a cidade na que se localizan. O custo medio da matriculación nos ximnasios que, amais de salas de musculación, fitness e actividades deportivas, dispoñen de zona de augas (piscina, sauna, jacuzzi, pediluvio, termas, ducha vichy, ducha escocesa, tratamentos de hidroterapia), e que representan o 23% dos analizados, foi de case 88 euros, fronte ós 42 euros de matrícula en ximnasios sen zona de augas.

Pero, a fin de contas, a matrícula, aínda que doa pagala, abóase unha soa vez, e o que máis importa é a cota mensual. O custo medio da mensualidade nos ximnasios con zonas de augas é de 59 euros ó mes, se ben hai cidades como Cádiz (30 euros de media), Murcia e Valencia (preto dos 40 euros) nas que son moito máis baratas. Os máis caros atopáronse en Madrid (79 euros de media, e 65,5 euros o ximnasio máis barato), San Sebastián (75 euros de media e 70 euros o máis barato) e Bilbao (74,5 euros ó mes de media). As maiores diferenzas de cota déronse en Madrid (42 euros) e Barcelona (38 euros).

E o custo medio da cota nos ximnasios sen zona de augas (é dicir, nos máis) foi de 43 euros ó mes. Os máis caros víronse en Pamplona (54 euros de media ó mes), Bilbao, San Sebastián, Murcia, Vitoria e Madrid, todos eles arredor dos 50 euros ó mes de media. E os máis baratos, en Cádiz (só 30 euros de media), A Coruña (case 34 euros) e Málaga (35,5 euros). O ximnasio coa cota máis onerosa atopouse en Madrid (107 euros ó mes, con zona de augas), se ben un de Bilbao (89 euros, sen zona de augas) e outros dous de San Sebastián (79,5 euros, un con zona de augas e outro sen ela) e outro de Bilbao (74,5 euros ó mes, con zona de augas) poden considerarse tamén moi caros. E o máis barato atópase en San Sebastián (14 euros ó mes), aínda que en Cádiz e Málaga hai ximnasios con mensualidades inferiores ós 25 euros. As cidades nas que máis paga a pena comparar as cotas mensuais que esixen os ximnasios son San Sebastián e Bilbao, porque alí é onde se rexistran as maiores diferenzas entre os ximnasios (65 e 67 euros ó mes, respectivamente, entre os máis caros e os máis baratos).

No tocante á relación calidade-prezo, cómpre sinalar que en función das notas obtidas polos 20 ximnasios máis caros e os 20 máis baratos, si se atoparon diferenzas. Así, os 20 ximnasios máis caros dos 130 analizados obteñen unha nota media de “ben” (6,2), mentres que os 20 máis baratos obteñen un exiguo 3,6 (“mal”) como nota media. Xa que logo, pódese afirmar que si que existe unha nidia relación entre calidade e prezo dos ximnasios.

Así e todo, cómpre sinalar unha serie de salvedades: entre os 20 ximnasios máis baratos hai un ximnasio que obtén un 7,3 como nota media das 4 variables analizadas. É dicir, trátase dun ximnasio cunha moi atraente relación calidade/prezo, situado en Cádiz. Pola contra, tan só outros 3 ximnasios situados entre os 20 máis baratos conseguen aprobar a análise (nos 3 casos a súa nota sitúase arredor do 5). No tocante ós 20 ximnasios máis caros, cómpre salientar que hai 5 ximnasios que non chegan ó aprobado, é dicir, a súa relación calidade-prezo é moi mala (son caros e non aproban o conxunto das 4 variables analizadas). Non obstante, 3 dos 20 ximnasios analizados acadan unha cualificación de “excelente” (é dicir, malia que están entre os máis caros, a súa relación calidade-prezo é óptima).

Os resultados globais

Os ximnasios teñen que mellorar moito en España se lles queren dar un servizo plenamente satisfactorio ós seus clientes. Proba desta aseveración é que só a terceira parte dos 130 analizados neste informe dan aprobado folgadamente o exame de calidade ó que foron sometidos, que case o 30% o suspenden claramente e que outro 25% tampouco alcanza o aprobado. Se enfocamos o estudo ós resultados obtidos polos ximnasios estudados en cada cidade, obsérvase que o 70% dos ximnasios estudados en Cádiz, Málaga, Murcia e Valencia suspenden o exame, e que o 60% dos visitados na Coruña, Castellón, Pamplona e San Sebastián tamén o fan. Son datos moi elocuentes, se ben no positivo se pode salientar que aprobaron o exame de CONSUMER o 80% dos ximnasios estudados en Bilbao, o 70% dos de Vitoria e o 60% dos de Burgos.

E se falamos das medias acadadas polos ximnasios tomados globalmente en cada cidade, as cidades que mellor paradas saen son Vitoria e Bilbao, porque os seus non suspenden en ningún apartado e son os únicos que obteñen un “ben” de media global de calidade. Séguenos os de Barcelona e Madrid (que fallan en atención ó cliente e asesoramento) e os de Burgos e Pamplona, con carencias en horarios e tarifas e en atención ó cliente e asesoramento; os ximnasios destas catro cidades conseguen, de media, un discreto “aceptable”. Os que, tomados globalmente en cada cidade, peor parados saíron do exame foron os de Cádiz (só aproban en estado das instalacións) e Castellón (o único apartado que non suspenden é “horarios e tarifas”), ambas as dúas cidades cun “mal” de media. Pero nas cinco cidades aínda non citadas (A Coruña, Málaga, Murcia, San Sebastián e Valencia), a situación non foi moito mellor, xa que ningunha aproba, quedando nun mediocre “regular”.

Para rematar, se tralo exame de calidade se inclúe o factor prezo (tanto da matrícula coma da cota mensual) dos ximnasios, conclúese que os únicos (tomados globalmente, unha vez máis) con boa relación calidade-prezo son os analizados en Madrid, se ben o máis salientable é que os de oito das trece cidades ofrecen unha relación calidade-prezo “regular”, non satisfactoria. Só os de Castellón (aínda que suspenden en calidade, son moi baratos), Murcia (outro tanto), Pamplona (aceptable en calidade) e San Sebastián (“regular” en calidade) acadan unha relación calidade-prezo “aceptable”.

Como tirarlle o máximo proveito ó seu traballo no ximnasio

  • Busque estímulos para a práctica habitual de exercicio físico. A regularidade é o segredo da forma física, pero non sobrecargue o seu organismo.
  • Reflexione sobre a súa capacidade e condición física para adecuarse á actividade elixida e establecer a intensidade da súa práctica.
  • Déixese asesorar por especialistas, tanto no aspecto deportivo coma no médico. O mellor exercicio é o que combina o traballo cardiovascular ou aeróbico cunha posta a punto muscular.
  • Comece por unha actividade física moderada tres días á semana de xeito alterno. A duración máis recomendable, sobre todo nos primeiros días, é de entre 20 e 30 minutos de exercicio aeróbico.
  • Comece as sesións con exercicios de quecemento para preparar o corpo para un esforzo maior. O quecemento diminúe o risco de lesións.
  • Comece os exercicios de vagar e aumente a velocidade de xeito gradual.
  • Respire de modo controlado. Inspire ó se poñer en tensión e expire ó se relaxar. Non reteña aire nos pulmóns moito tempo.
  • Beba auga antes, durante e despois do exercicio. Evitará a deshidratación e as cambras musculares.
  • Remate a sesión con estiramentos e relaxación. Os exercicios de estiramento estimulan a circulación periférica e axudan a devolver os músculos ó seu estado inicial.
  • As prendas máis axeitadas son as de licra ou algodón. Uns tenis adecuados e unhas luvas (se vai facer pesas) completan o equipo.
  • Usar a sauna unha ou dúas veces por semana axuda a eliminar a sensación de fatiga, relaxa e hidrata a pel, pero quen teña a tensión baixa debe limitar o tempo de exposición.
  • O mellor é combinar actividades que potencien os distintos grupos musculares coas cardiovasculares.
  • Nos aparellos de peso, comece case sen peso, xa que ó comezo cómpre aprender o xesto técnico e manter a postura correcta durante toda a actividade. Ademais, hai que comezar facendo moitas repeticións para gañar en resistencia.

Como dar cun bo ximnasio e táboa comparativa

  • Non se inscriba nun ximnasio que quede lonxe da súa casa ou do seu lugar de traballo.
  • Visite as instalacións e compare os prezos antes de elixir un centro ou outro.
  • Considere a amplitude de horarios e se estes se adaptan á súa disposición de tempo libre. Comprobe se abre as fins de semana, se permanece aberto ó mediodía e mais a que hora pecha polas noites.
  • Valore as actividades deportivas que pode desenvolver no ximnasio. Comprobe que o ximnasio ofreza unha variedade de actividades abonda (clases, pistas de squash, escalada, piscina e outras moitas), e mais se ofrece servizos relacionados coa saúde e coa estética (masaxes, sauna, zona de augas, etc.). Outros servizos que cómpre ter en conta: tenda, cafetería, restaurante, alugueiro de toallas e consignas, servizos médicos, etc.
  • Antes de inscribirse, realice unha completa visita de todas as instalacións, comprobe a diversidade e calidade de equipos e máquinas (que se atopen en perfecto estado e que o seu movemento sexa uniforme), de xeito que permitan desenvolver exercicios aeróbicos e de forza.
  • Confirme que existe un número abondo de aparellos, de xeito que non teña que estar sempre agardando debido a que hai poucos aparellos ou demasiados usuarios desexando utilizalos.
  • Comprobe que o ximnasio cumpre con todas as condicións esixibles de limpeza e hixiene. Comprobe que os vestiarios, as zonas de ducha e o resto das instalacións manteñen un estado de máxima limpeza, cunha adecuada iluminación e ventilación.
  • O monitor débelle ensinar como funciona cada aparello e comprobar que entendeu perfectamente o circuíto diario que debe realizar. É moi recomendable que teña a titulación adecuada (licenciado en educación física, título de adestrador deportivo, etc.). Pregunte polas titulacións dos monitores e comprobe que o seu número sexa abondo para o número de usuarios rexistrados no ximnasio.
  • Pregunte en cada centro en que consiste cada actividade das que ofrece. Moitas delas teñen nomes diferentes ás doutros ximnasios, porque non son nomes xenéricos senón marcas rexistradas.
  • Pregunte se lle van facer unha avaliación médico-deportiva: toma de presión arterial, frecuencia cardíaca, proba de esforzo e medicións de altura, peso, masa ósea, magra e graxa. Se o usuario sofre lesións ou patoloxías, cumprirá deseñar os exercicios especificamente para el. Por iso, é conveniente que o ximnasio dispoña de gabinete médico e que se lles realicen exames médicos ós usuarios.