Hai quen non concibe un verán sen almorzos tipo buffet. Hai que evitalos por seren excesivos?
Sospeito que quen toma o café bebido durante o ano é quen máis probabilidades ten de caer na tentación de almorzar mal, esta vez por exceso. O buffet pódese aproveitar para cuestionarse o erro de que un limita o almorzo a un café e descubrir o positivo que é destinarlle algo máis de tempo á primeira comida do día e ampliar a súa gama de alimentos. Se acotío se almorza correctamente, con presenza de froita, de pan ou de cereais e de lácteos, nas vacacións non se alterará o costume, en todo caso afianzarase.
Tamén é recorrente o aperitivo estival de cervexa e patacas fritas… É posible facelo saudable?
Descansar e permitirse outro ritmo de vida xa é saudable de por si, despois está aderezar os momentos da maneira mellor. Elixir antes a tapa de verduras ca os fritos, converter o tapeo na comida ou na cea completa e non como un engadido ás comidas principais ou alternar as bebidas con gas con botellas de auga son accións sinxelas que nos afastan das prohibicións e que lle restan negatividade a esa mala dieta ocasional.
Os horarios tamén adoitan ser menos rigorosos. Como se poden organizar daquela as cinco comidas ao día?
Hai que aproveitar a maior flexibilidade para inxerir máis froitas e verduras. Resulta moi estival optar por pexegos frescos a media mañá ou a media tarde. Comer na praia un cacho de sandía é escoller fibra, vitaminas e minerais aínda que pareza que se está a inxerir unha lambetada. Se se opta polos bocadillos convén facelos con pan integral e botarlles leituga e mais tomate. Así e todo, non hai que perder os bos hábitos e se se opta por esas comidas rápidas pero sas hai que procurar sentar tamén na mesa, polo menos dúas veces ao día.
O corpo pídenos menos calorías no verán porque vai menos frío?
Non, a temperatura corporal apenas varía. Podemos sentirnos máis lixeiros pola roupa que é máis liviá ou por pasar máis tempo ao aire libre, pero iso non indica que precisemos menos calorías.
Así e todo, quen máis quen menos, no verán gasta máis enerxía. Isto pode levar a que coma máis?
Durante algunhas semanas de verán abandonamos o patrón sedentario que impera ao longo do ano, pero isto non significa que acumulemos gasto calorífico. A referencia sempre a terá cada un e, unha vez máis, o feito de optar por ir a andar e deixar o coche aparcado porque vai bo, ou descubrir o pracer de dar longas camiñadas dan a oportunidade de conectar con hábitos activos que se poden afianzar no tempo.
Como cumprir o tan difícil propósito de inxerir cinco porcións de froitas e verduras ao día…
Si, ademais todos temos a conciencia de que son poucas as semanas que se poden comer cereixas, ou peras de auga, ou ameixas claudias e isto fainas aínda máis apetitosas. Trátase de alimentos de tempada, a bo prezo e que teñen moita auga e antioxidantes. É máis, unha froita vermella de verán mesturada cun iogur natural, aderezada cuns froitos secos e cuns cereais integrais procuran esa cea dixestiva, refrescante e lixeira que nos fai sentirnos ben.
E se por exemplo se alixeirou o xantar cun refrixerio informal na praia, podemos recorrer a unha cea máis contundente?
Mellor optar por unha merenda máis substanciosa do normal e escoller unha cea lixeira. Dórmese mellor e almórzase mellor.
Os pratos únicos son un dos recursos estrela en verán. Son apropiados ou levan a estar esfameado ás poucas horas?
Tanto polo verán como polo inverno son unha opción saudable á que se lle debe engadir unha sobremesa de froita ou unha de froitos secos. Non acontece nada se ao cabo de tres horas temos gana de comer, porque é o tempo que ten que transcorrer entre unha inxestión e outra. O que se cadra é preciso é definir ben que é un prato único: non se trata dunha soa porción dun determinado alimento senón de combinar varios sen aumentar as racións.
O sol é outro dos protagonistas do verán, mais en exceso pode provocar un golpe de calor. A dieta pode previr estas situacións?
Si, hai que hidratarse, con auga, con froitas, con cenorias e rabos. O truco é darlles cor aos pratos e ao menú. Unha ensalada con hortalizas, unha macedonia con xeado… son dúas opcións refrescantes que amais de refrescaren, hidratan, por suposto.
Hai pautas sobre como adecuar a dieta durante as horas seguintes a un golpe de calor?
Depende da causa que o provoque e das consecuencias que se deriven, pero de se tratar dunha baixada de tensión ou dunha alteración dos niveis de azucre sempre hai que recorrer á auga como complemento para hidratarse. Auga, aínda que non se teña gana de beber.
É o caso dos anciáns que case nunca teñen sensación de sede. Que hai que facer para que non se deshidraten nos días máis calorosos?
Darlles de beber ou facerlles tomar conciencia da importancia de inxerir auga. Ao írmonos facendo vellos, avellentamos a todos os niveis, e tamén se ‘oxidan’ os nosos mecanismos de alerta, por iso non sentimos sede. Se se marca un obxectivo concreto: unha botella de auga ao día colocada sempre no mesmo lugar é máis doada de controlar e controlarse. No verán, pódese aproveitar que aos vellos lles atrae moito o sabor doce, así que a auga con limón e cun chisco de azucre pode ser unha opción suxestiva, como lambetada, pero sen desprazar á auga, que debe ser sempre o recurso principal.
Hai algunha medida que sirva de límite?
Para os adultos, abonda con arredor de dous litros de auga. Se falamos de refrescos, é mellor elixilos sen azucres e non tomar máis de un ao día. Ademais, non podemos desaproveitar a horta do verán, que ofrece moitas opcións para elaborarmos zumes, de verduras e mais de froitas, ou tamén cremas frías, gazpachos…
Os xeados son a tentación doce do verán por excelencia. Que cantidade recomenda por exemplo para un neno?
Un neno pode comer un xeado ao día sen problema e sería un acerto utilizalo como substituto de lácteos ou de sobremesas cremosas tipo cremas ou flans, pero nunca como alternativa á peza de froita. Un xeado é saudable, pero na súa medida e na súa función. Os polos de xeo azucrados aseméllanse ao refresco e podémolos considerar como tal.
E se os xeados son light?
A norma marca que os fai light unha redución do 33% de graxa ou de azucres, e isto pode ser unha razón que lle sirva a unha persoa para controlar a súa dieta e sentirse ben. Pero sempre hai que ter presente que non é escusa para comer algo que non se debe.
Cear soamente froita é unha práctica relativamente común. É un bo hábito?
É un bo patrón para aquelas persoas que fan da merenda unha comida importante, ou para quen a cea serve de comida equilibradora do día. Se se cometeron excesos ao mediodía pódese cear lixeiro. Ou se se prefire, pódese comer ás sete da tarde un peixe acompañado dunha manchea de arroz, ou un emparedado de polo con rúcula, por exemplo, e limitar a última comida do día a un par de pezas de froita. Iso é correcto.
No verán, todos lembran as precaucións que requiren as preparacións con ovo. E cos alimentos crus (froitas, ensaladas, gazpachos…)?
Un xesto tan sinxelo como lavar ben as mans é a mellor ferramenta en seguridade alimentaria. Despois, como sempre, hai que limpar os alimentos, as superficies onde se traballa e os utensilios cos que se opera.