A aprendizaxe da vida

Ensínase coherencia cos actos

Aprendemos valores e normas imitando as actitudes de quen nos educa
1 Xuño de 2004
Img interiormente

Ensínase coherencia cos actos

Ensinar a vivir é acompañar a alguén no proceso de maduración cara á súa propia autonomía. Neste camiño, quen ensina debe manter unha postura activa, próxima e vixiante, pero tamén respectuosa, e non pensar ou facer nada que a outra persoa é capaz de dicir, pensar ou facer por si mesma. Doutra banda, coma en toda aprendizaxe, e de modo máis salientable na que se fai da vida, a seguridade que se lle ofreza a quen está aprendendo servirá como piar ó que se aferrar na vida cotiá. Respecto e confianza deben ser, xa que logo, as bases nas que soster a educación. Pero antes, e para chegar a iso, quen ensina debe ser coherente co que vai ensinar, pois vai se converter en modelo coas súas propias palabras e, sobre todo, cos seus actos.

Con amor e aceptación

Un bo compañeiro na viaxe de se facer persoa entrelaza a súa dispoñibilidade e compromiso baixo as pautas do amor e da aceptación. O educando debe saberse querido, escoitar que o é, pero tamén sentilo. Polo tanto, cómpre usar con el palabras de afecto, sen esquecer o tacto: a través do seu corpo aprenderá a sentir que se valora a súa persoa, non unha abstracción ou unha realidade conceptual, senón unha concreción que se agarima e se bica, e non só cando é bebé. Tamén debe sentirse aceptado tal e como é, pensa e sente, aínda que non coincida co xeito de pensar e de sentir de quen o educa. A súa seguridade reafirmarase se se lle trata desde a aceptación incondicional, que o admite tal cal é, sen reproches, descualificacións nin etiquetaxes. Hai que ser consciente de que aceptación non ten que ser sinónimo de gustar. Pode suceder que a personalidade de quen estamos educando non nos guste e mesmo que se atope na antípoda da escala propia de valores, pero iso non xustifica unha non aceptación. Cada persoa é independente e distinta.

Diciamos, pois, que a seguridade nun mesmo está en boa parte condicionada por quen no seu día nos acompañou nos comezos da aprendizaxe da vida. Cómpre, polo tanto, preguntarse: que é o que reporta seguridade? Sen dúbida, aquilo no que se confía, que se coñece de xeito empírico e que está avalado pola coherencia. Se o educador se pregunta como pode ofrecer esa coherencia que o vai converter nunha persoa crible, en quen se pode confiar e, polo tanto, en alguén capaz de proporcionar seguridade, pode repasar a súa maneira de estar no mundo.

  • É sincero: pensa o que di e di o que pensa.
  • É íntegro: fai concordar os seus “feitos” cos seus “ditos”, é dicir, a súa conduta cos seus ideais, crenzas e conviccións.
  • Exterioriza e comunica os seus sentimentos, conseguindo así que non distorsionen o pensamento nin interfiran na relación.
  • O seu ton e volume de voz, a súa expresión e ollada e o que está manifestando non se contradín, senón que forman un todo único.
  • O seu corpo di o que as súas palabras están dicindo, e iso logra facerllo sentir a quen o escoita.

Os valores transmítense co exemplo

Educar é acompañar permanentemente. Significa nutrir, proporcionar e enriquecer as potencialidades e aptitudes da persoa a quen se acompaña na súa educación. E significa, ademais, tirar o mellor dela. Pero, mentres os conceptos e as teorías poden transmitirse coa palabra, e mesmo poden chegar a ser obxecto de diálogo e de análise, na aprendizaxe de valores e normas que establecen comportamentos e actitudes o que conta prioritariamente é a imitación dos modelos. Nos casos en que o modelo presenta incoherencia entre o que di e o que fai, a persoa que se está educando quedará co dato do que se fixo, sabendo que é contrario ó que se dixo, pero pesa, importa e demóstrase máis co feito. Non lle falta razón ó dito: “vale máis unha imaxe ca cen palabras”. Esta falta de coherencia ofrecerá unha ensinanza na que se dubida e desconfía, e ademais, pode chegar a facer dubidar da persoa que ensina.

Respectarse a un mesmo

E é que, se ben ser coherente implica ser respectuoso coas ideas, os sentimentos, os momentos e as opcións que toman os demais, tamén é selo con un mesmo. Cando non somos claros e enmascaramos e ata en ocasións nos avergonzamos do que pensamos, sentimos ou decidimos, desatendemos o que queremos ou precisamos. Isto lévanos a delatarnos ante quen nos toma como modelo, e xera no aprendiz unha desorientación que se traduce en incredulidade, desconfianza e, en última instancia, en inseguridade. Non en van, a coherencia require e denota a responsabilidade coa que asumimos as nosas vidas. Se vivimos e nos amosamos comprometidos co noso benestar e felicidade estaremos achegando a mellor das ensinanzas da arte de vivir. Esa arte de vivir en interrelación, pois somos persoas sociais, comeza coa harmonía con un mesmo, é dicir, coa propia autoestima, que despois se transmitirá no exemplo.

A coherencia como valor educativo

Visto o poder da coherencia nas nosas vidas e, xa que logo, en toda educación que emprendamos, fagamos que:

  • As nosas verbas reflictan o noso pensamento.
  • A nosa entoación, volume e expresión corporal falen de como nos sentimos.
  • O noso comportamento vaia acorde cos nosos valores.
  • Nos atrevamos a dicir si cando queremos dicir si e non cando queremos dicir non.
  • Sexamos capaces de vivir sen vergonza as nosas limitacións e, polo tanto, non pasando por riba delas.
  • Saibamos pedir abertamente o que precisamos, sen recorrer a chantaxes nin artimañas.
  • Fuxamos de aparentar desde “o que se agarda de nós”, para amosármonos tal cal somos. A autenticidade é a mellor garantía da nosa coherencia.