Organizar as aplicacións do teléfono

Aplicacións: xuntas pero non revoltas

iOS e Android contan con diferentes opcións para manter ordenadas as aplicacións instaladas no terminal
1 Outubro de 2013
Img internet listado 837

Aplicacións: xuntas pero non revoltas

Cada día aparece unha nova; hainas para aprender a cociñar, para facer deporte de xeito saudable, para aprender e para xogar. A esta lista engádense as deseñadas para organizar as aplicacións do teléfono, que contan cun grande éxito entre os usuarios de teléfonos de última xeración. E é que as tendas de aplicacións dos teléfonos móbiles baseados en Android e iOS experimentan un grande auxe no número de programas dispoñibles. De feito, este ano estímase que ambas as dúas plataformas, Apple App Store e Google Play Store, alcancen a cifra dun millón de aplicacións en oferta. Con tanto volume, non é de estrañar que os usuarios teñan instaladas nos seus smartphones decenas de aplicacións.

Ordenar as pantallas

Na páxina principal, é recomendable colocar as apps de uso máis común e cotián, xunto con algún widget de utilidade práctica, como un acceso directo a un buscador de internet ou o tempo meteorolóxico. Ademais, na parte inferior da páxina pódense situar programas nunha posición fixa con independencia da pantalla onde se estea. Tamén é aconsellable que se coloquen aquí as aplicacións esenciais, como a de realizar chamadas, o navegador web, o correo electrónico e algunha app de mensaxería multimedia ou SMS.

Nunha segunda e terceira páxina, pódense transportar diferentes carpetas e agrupar as aplicacións en función das súas funcionalidades ou categorías.

Nas seguintes páxinas, é interesante situar algúns widgets de acceso a aplicacións, como un reprodutor multimedia, agregadores de noticias, calendarios de tarefas ou un acceso á canle de vídeos.

Agrupar aplicacións en carpetas

Os usuarios do sistema operativo iOS, presente no teléfono iPhone, o tablet iPad e o reprodutor multimedia iPod Touch contan coa opción de crear carpetas en diferentes categorías en función do tipo de app. Cada unha destas carpetas pode agrupar ata un máximo de 12 programas.

A creación das carpetas é sinxela. Hai que manter pulsado co dedo unha aplicación (deste xeito, actívase o modo edición) e, cando empece a tremer, sen soltala, hai que arrastrala ata situala enriba doutro programa que se queira agrupar. Deste xeito, o sistema crea de forma automática unha carpeta onde se inclúen as dúas primeiras aplicacións agrupadas. Para engadir o resto de apps tan só hai que arrastralas co mesmo método á nova carpeta. Para desagrupalas, o sistema é idéntico: lévase o programa fóra da carpeta. En Android, o xeito de crear carpetas difire segundo a versión dispoñible do sistema operativo. Ao manter o dedo pulsado sobre a pantalla, actívase un menú secundario onde existe a opción de crear unha carpeta no escritorio, para despois arrastrar as seleccionadas dende o menú de aplicacións. Nalgúns dispositivos baseados en Android 4.0, pódense crear carpetas de igual forma ca en iOS; é dicir, selecciónase un programa e lévase sobre a icona doutra para crear unha carpeta agrupada.

Tamén hai outro tipo de software para organizar carpetas en Android; destaca Folder Organizer, unha app que permite agrupar diferentes elementos, como aplicacións, marcadores, contactos ou accesos directos, en función das etiquetas. Tamén posibilita crear iconas, carpetas e widgets personalizados. Este programa conta cunha versión básica gratuíta e outra de pagamento a un prezo de 0,99 euros.

Lanzadores de aplicacións en Android

O sistema operativo Android permite un maior nivel de personalización respecto a iOS, cuxo control está nas mans de Apple. Na tenda de aplicacións, é posible atopar algunhas apps cuxa función consiste en modificar o ámbito gráfico das diferentes páxinas que conforman o escritorio. Deste xeito, pódense mostrar e organizar os programas na pantalla do móbil dun xeito diferente ao deseñado polo sistema operativo.

Este tipo de aplicacións adoita contar con diferentes temas que permiten personalizarse e con múltiples tipos de efectos gráficos. Ademais, os principais fabricantes de teléfonos móbiles baseados en Android teñen os seus propios lanzadores para facer máis sinxela a organización das apps e dispoñer dun ámbito gráfico diferenciado da competencia. Entre as aplicacións lanzadoras que se atopan na tenda Google Play, destacan algunhas como GO Launcher EX, MXHome Launcher e ADWLauncher EX. Esta última ten un custo de 2,78 euros e unha gran cantidade de características para personalizar o deseño das diferentes páxinas ou pantallas do smartphone.

O éxito dunha app

O mercado das aplicacións é inmenso e moi dinámico, xa que cada día se crean novas e outras desaparecen por non teren éxito. Moitas delas nunca chegarán ao gran público, polo que non terán a oportunidade de ser probadas, debido a que o usuario non dispón de ferramentas abondas para realizar buscas óptimas dende o seu móbil nas tendas de aplicacións.

O éxito dunha app depende moitas veces máis da habilidade dos seus creadores para movela en redes sociais, ou pata facela chegar á prensa, ca da súa capacidade real para cubrir necesidades dos usuarios. De mesmo xeito, é habitual que os cidadáns descoñezan aplicacións que lles poderían resultar de grande utilidade. Para evitar este fenómeno adverso, existen diversas aplicacións de busca de novos programas para o sistema operativo iOS e tamén para Android. Entre eles, destaca AppDJ baseado en definir primeiro as preferencias ou os intereses do usuario para logo ofrecer de xeito periódico novas recomendacións que cadren con estes intereses, e Mapsaurus que se instala no móbil ou no tablet e que toma nota das aplicacións que xa ten o usuario. A partir destas, establece un mapa de suxestións baseadas en puntos en común das novas apps coas que xa se dispón.