Comunidade de veciños: o can, fonte de conflitos

Eludir as molestias derivadas por ter un animal axuda a lograr unha convivencia satisfactoria cos veciños
1 Febreiro de 2013
Img mascotas listado

Comunidade de veciños: o can, fonte de conflitos

Ante calquera polémica nacida nunha comunidade de veciños con relación a unha mascota, como pode ser un can, todos -o dono e o resto dos veciños- adoitan sentar sentenza cos seus argumentos, sen coñecer, en moitas ocasións, os dereitos e as obrigas que ten cada un. Así, a responsabilidade dos donos dos cans, os estatutos da comunidade de veciños e algunhas leis determinan que tipo de molestias causadas polo can lles hai que evitar aos veciños.

Unha das obrigas que teñen os donos dun can é a de non molestar o resto dos veciños con quen conviven. Cada persoa ten un grao distinto de tolerancia cos animais: hai quen lles ten medo aos cans e outros que non soportan subir no ascensor con eles. Pero o respecto é fundamental para lograr unha convivencia fluída cos veciños. O dono do can é quen debe adaptarse a estas circunstancias. Por exemplo, se no ascensor se coincide cunha persoa que lle ten medo ao can, a solución é cederlle o paso.

Os estatutos da comunidade de veciños

Os estatutos da comunidade de veciños poden recoller a prohibición da presenza de animais de compañía no edificio. Non obstante, priman os dereitos individuais do dono do animal, polo que esta norma se pode impugnar. Os gabinetes xurídicos cos que contan algunhas asociacións de protección animal asesoran os cidadáns que así o soliciten nestes casos.

A Lei 49/1969 sobre propiedade horizontal non prohibe a tenza de animais domésticos nas vivendas privadas. Non obstante, os concellos si poden limitar o número de animais que se poden ter na casa. Pola súa parte, o concepto e o requisito para declarar un espazo como núcleo zoolóxico recóllese na lexislación das comunidades autónomas. Deste xeito, cando nunha vivenda hai catro ou máis cans, adóitase esixir a declaración de núcleo zoolóxico. Con este requisito, preténdense garantir as correctas condicións hixiénico-sanitarias do lugar onde viven os animais.

O cumprimento da normativa municipal e da comunidade autónoma, así como evitar as molestias derivadas da convivencia con animais na veciñanza, son aspectos fundamentais para eludir problemas coa comunidade de veciños.

Que se entende por molestia?

Un can educado non ten por que resultar unha fonte de conflitos. Non obstante, as molestias máis habituais, e que máis denuncian os veciños, son as que impiden o seu descanso polos ladridos constantes. O ladrido dun can pode ser un feito puntual que, se se produce nas horas diúrnas, non supón unha molestia que impida o descanso dos veciños. Agora ben, o horario nocturno si é unha franxa horaria que esixe e merece menos molestias e ruídos.

A protección do ruído dentro da cidade é competencia dos concellos. Isto significa que son as administracións locais as que deben facerse cargo de medir, controlar e xestionar o nivel sonoro que soportan os cidadáns no seu municipio. Son elas as que, seguindo as directivas europeas, a lexislación nacional e rexional, así como os consellos da OMS, velan porque se respecten os límites auditivos, entre eles os causados polos ladridos.

O ruído é un son non desexado ou nocivo, segundo o define a Axencia Europea de Medio Ambiente. Para que un son, como o ladrido dun can, sexa sancionable debe superar certos límites de intensidade, que se miden en decibelios (dB). A Organización Mundial da Saúde (OMS) considera que, a partir dos 65 decibelios, o oído empeza a sufrir danos. Pola noite, a OMS recomenda non superar os 40 dB.

O ladrido esporádico dun can, non obstante, non supera os límites permitidos. Si pode resultar máis molesto un ouveo compulsivo e continuo, pero aínda así non superaría o nivel admitido. Un ruído persistente, aínda que non supere a barreira establecida pola norma de forma puntual, pode ser moi molesto. E existen ordenanzas que si o castigan.

Os ouveos dun can como situación sancionable adoitan recollerse nas ordenanzas de protección contra ruídos ou de convivencia cidadá.

Noutros casos, as molestias que lles pode ocasionar o ladrido aos veciños recóllense, ademais, dentro das normas municipais específicas de tenza de mascotas. Nos tribunais e audiencias provinciais, as condenas por molestias causadas polos ladridos do can tampouco son estrañas. A Audiencia Provincial de Barcelona, por exemplo, condenou unha familia de Vilanova del Vallès en 2007 a pagar 5271 euros polos ladridos dos seus cans, xa que os seus veciños non lograban conciliar o sono.

Consellos para garantir unha situación de paz entre os veciños e os donos de cans
  • Evitar, na medida do posible, as molestias derivadas da tenza do can, como os ladridos excesivos ou a presenza do can en zonas prohibidas para eles.
  • Os dereitos individuais antepóñense á normativa recollida nos estatutos dunha comunidade de veciños respecto da tenza de animais.
  • Educar o can para que sexa respectuoso co resto de persoas e animais cos cales convive.
  • Utilizar a correa cando corresponda e recoller os excrementos para lles evitar molestias a terceiras persoas.