Seguinte pregunta
Facer unha entrevista de traballo é, ademais dunha gran sorte -o paro afecta en España a case seis millóns de persoas-, toda unha arte. Dende hai anos, multiplícanse os manuais de éxito como O posto é seu, de Dumon; Entrevista de traballo: como superar as entrevistas e conseguir o traballo que desexas, de Puchol ou Como realizar entrevistas con éxito, de Breakwell…, co fin de lle axudar ao candidato a superar tan temida proba. Ademais, as empresas de traballo temporal, as de recursos humanos e as consellerías de traballo das comunidades autónomas imprimen folletos ou imparten cursos e talleres sobre o tema. De acordo cos consellos elaborados e recompilados en tantos libros, é posible precisar cales son as preguntas que se repiten con maior asiduidade.
Como se definiría?
Non vale improvisar. Hai que ter preparada unha resposta, e reflexionar na casa sobre a formación que se recibiu e sobre os valores e o xeito no que se desempeña o traballo. Non se trata de facer alarde dos logros persoais, pero si de expresar a propia valía, sen falsa modestia. E, por suposto, convén resaltar a capacidade para repoñerse ante un fracaso ou un erro, así como destacar o espírito de sacrificio e a importancia que se lle concede ao esforzo.
Que estudos ten? Por que os escolleu? Volvería estudar o mesmo?
As respostas dependen de cada persoa e da súa situación neses momentos. Non obstante, convén adoptar unha actitude positiva respecto a estas preguntas e deixar entrever que as experiencias formativas foron positivas en todos ou nalgún aspecto. Se houbo algo negativo e o desexa comentar, debe transmitir unha visión optimista dos resultados.
Traballou antes? Por que se foi ou o despediron?
Ante un despedimento, hai que ser sincero e claro, xa que cada vez valórase máis a flexibilidade e a adaptabilidade a diferentes situacións. Convén reflexionar sobre as razóns do despedimento, elaborar unha resposta concreta e pensar nalgún aspecto que permita reformular positivamente esta situación.
Cumpriu as súas expectativas o seu anterior traballo? E vostede? ¿Cales foron os seus logros?
Neste caso hai que reflexionar sobre os obxectivos alcanzados en experiencias anteriores e identificar puntos en común cos requirimentos do traballo ao que se presenta.
Descríbame o seu mellor amigo (o seu pai, a súa parella…)
O que se busca con este tipo de preguntas é o desconcerto e estudar a capacidade do entrevistado de sobrepoñerse a esta situación. O cambio brusco do ritmo e da temática da entrevista atopan desprevido o candidato. Non hai que preocuparse demasiado, porque non son preguntas que vaian influír de xeito decisivo na elección final. Pero si se valorará a capacidade verbal, de síntese e de determinar que valores considera o candidato máis importantes en función da descrición realizada.
Que fixo mentres estaba desempregado?
Non é o mesmo estar no paro ca estar sen facer nada. Valórase de xeito moi positivo que a persoa desempregada realice cursos para mellorar o seu nivel de idiomas, de informática, ou que faga cursos de doutoramento ou un máster… Demostrar inquietude e non pasividade é fundamental para triunfar.
Que sabe da nosa empresa? Por que a elixiu?
É importante que acuda preparado e informado sobre a empresa. Aquí débese mostrar interese pola empresa e polo posto que se pretende cubrir, de xeito que se poida contestar que nos interesa a magnitude, a seriedade, o sector, as posibilidades de progresión etc. que a empresa pode ofrecer.
Respecto das preguntas sobre que lle podemos formular á empresa ou por que debería elixirnos a nós, convén mostrar a parte máis positiva dun mesmo e enumerar as virtudes e as capacidades respecto ao traballo.
Se tivese que contratar unha persoa para o posto, que criterios fixaría?
Unha pregunta habitual é: por que cre que é vostede idóneo para o posto vacante? Expresada dun modo ou doutro, pretende que o candidato explique que características cre que son esenciais para o posto que vai cubrir, e que este demostre que as ten.
Ademais, permítelle ao entrevistador confrontar a opinión que o propio candidato se fai durante a entrevista. Hai que responder de forma directa, deixar claro que experiencia e coñecementos se teñen, así como as competencias máis apropiadas para o posto concreto.
Está casado? Ten noivo/a ou familia?
Como sucedía coa pregunta en que se pide que se describa un amigo, esta pregunta tamén serve para desconcertar o entrevistado, para ver como é capaz de encaixar un cambio e un ritmo repentino na entrevista e para analizar a súa capacidade de improvisar. Outras veces pódese preguntar: planea ser pai/nai? Este tipo de preguntas serve tamén para valorar a dispoñibilidade do candidato ou da candidata de viaxar.
Ten boa saúde? Cóidase para estar en forma?
Hai que contestar con naturalidade e de forma sincera, e mostrar que o tempo de ocio, ademais dos proxectos persoais, se comparten con máis persoas (pódese comentar que se practica algún deporte en equipo) para, deste xeito, dar a entender que se ten facilidade para relacionarse en equipo.
Canto cre que debería gañar? E no futuro?
Se se está a buscar un primeiro traballo, sería conveniente que contestase que, malia que o diñeiro é un factor importante, nestes momentos a súa maior motivación é atopar un traballo e adquirir experiencia no seu campo profesional. Convén non mencionar cantidades concretas para dar unha imaxe de maior interese polo posto e pola empresa.
Pola contra, se o candidato xa ten unha certa ou unha ampla experiencia profesional, pode comentar abertamente a súa actual ou última retribución, pero sen inflar moito as cifras, xa que as empresas coñecen o que se paga no sector.