Os expertos nutricionistas de EROSKI CONSUMER responden

1 Abril de 2013
Img alimentacion 2 listado 264

Os expertos nutricionistas de EROSKI CONSUMER responden


Cómese a codia dos queixos? Nalgúns casos é evidente que non porque se aprecia a simple vista algo parecido a plástico.

Depende do tipo de codia e, neste sentido, hai dúas clases de queixos: os de codia natural e os de codia artificial, ou con recubrimento. Nestes últimos, este elemento emprégase para controlar a humidade e para protexer o queixo, entre outras cousas. O recubrimento distínguese doadamente da codia, xa que está feito cun material distinto do queixo, que normalmente se pode eliminar raspándoo ou despegándoo. A codia do queixo é comestible, aínda que adquire unha composición lixeiramente distinta da do interior do queixo e a miúdo presenta un sabor máis amargo, mentres que o recubrimento convén desbotalo xa que se adoita elaborar con materiais sintéticos (plásticos, ceras ou parafinas).

Dentro dos queixos de codia natural, comestible, segundo gustos, hai tamén diversidade de produtos: queixos con codia con mofo agrisado azulado, como algúns franceses (Crottin, Valençay); de codia branda e esbrancuxada cuberta de peluxe (Brie, Camembert) ou queixos de codia dura e correúda (Emmental, Cheddar, Parmesano, Manchego, Idiazabal…).

Que froitas son recomendables para controlar a diabetes?

A dieta para unha persoa con diabetes non debe excluír o consumo de ningún tipo de froita fresca. Na súa xusta medida, unha persoa diabética pode comer calquera froita sen temor a que se descontrole a súa glicemia. Non obstante, convén ser comedido, axustar a cantidade por porción ou comer con menos frecuencia aquelas froitas que, en comparación co resto e a igualdade de peso, concentran máis azucres. É o caso dos plátanos, das uvas, da chirimoia, do pau santo ou caqui, da granada e dos figos, que conteñen entre 2 e 3 veces máis azucres (15-17 g/100 g) con respecto ao resto das froitas (7-10 g/100 g).

ABC da nutrición: leptina

É unha hormona relacionada co apetito. A leptina, que produce de forma natural o organismo, desactiva a sensación de fame no cerebro. A leptina tamén elimina a satisfacción que proporciona comer porque actúa sobre os centros cerebrais do pracer e reduce a actividade nesta zona cerebral. Está comprobado que as persoas que non fabrican leptina, ou que non o fan nunha cantidade regular, teñen un maior descontrol coas sensacións de apetito e fame, comen dun xeito máis compulsivo, non son selectivas cos alimentos, non teñen capacidade de autocontrol, e tenden a ter exceso de peso.

Binomio dieta mediterránea e exercicio: anula a predisposición xenética á obesidade

O último estudo realizado polo Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutrición (CIBERobn), publicado na revista científica Plos One, asegura que o binomio entre dieta mediterránea e exercicio anula a predisposición xenética á obesidade.

A investigación centrada no estudo simultáneo dos dous principais xenes asociados á obesidade, o FTO e o MC4R, permitiu confirmar que en persoas sedentarias as variantes nestes xenes que confiren predisposición á obesidade se asocian a un maior índice de masa corporal, circunferencia de cintura e prevalencia de obesidade. Non obstante, en persoas activas, a predisposición xenética a maior obesidade conferida por estes xenes anúlase.

Tamén se comprobou que seguir unha dieta mediterránea é capaz de anular a maior predisposición xenética a ter maior peso, conferida por estes dous xenes. A conclusión é moi clara: a práctica de exercicio físico e a alimentación é clave para compensar a mutación dos xenes FTO e MC4R, de maneira que as persoas que a padezan non teñen por que ser obesas sempre e cando practiquen deporte e teñan un alto grao de adherencia á dieta mediterránea.

Petisco san: non máis de 200 calorías

O petisco, para que sexa san, debe considerarse como unha comida que forma parte das cinco que se fan ao día. Non é cuestión de comer máis no total do día, senón de repartir todos os alimentos dun xeito máis proporcionado e alcanzable para o sistema dixestivo. Nunha dieta de 2000-2200 kcal, a parte que corresponde a un petisco saudable equivale a un 5-10 % do total calorífico; é dicir, entre 100 e 200 kcal.

Para calmar o apetito entre horas, débese mastigar devagar e a conciencia, xa que se necesitan uns 20 minutos para que a sensación de saciedade chegue ao cerebro; combinar no petisco alimentos con diferentes nutrientes, como proteínas e hidratos de carbono, ou proteínas e graxas, para que a enerxía chegue ao sangue de xeito máis paulatino. Comer mentres se fai outra actividade pode facer que se perda a consciencia sobre a cantidade de alimento que se come.

Por un puñado de dátiles

Os dátiles inclúense dentro do grupo das froitas desecadas, aínda que non sofren o proceso de deshidratación propio das ameixas, das uvas ou dos figos secos. Os dátiles (Phoenix dactylifera L.) son os froitos da palmeira datileira, unhas froitas de gran cultivo en países de Oriente Próximo e Oriente Medio. Os resultados dunha análise comparativa das principais variedades de dátiles, realizada dende a Facultade de Agricultura e Alimentación da Universidade Emiratos Árabes Unidos, demostra o principal nexo común: todas as variedades son excelentes fontes de fibra dietética.

Deliciosas propostas de consumo:

  • Ensalada de leitugas con tacos de queixo de cabra e dátiles

  • Biscoito integral recheo de dátiles e améndoas

  • Crema de dátiles e noces

  • Año ou polo guisado con ameixas pasas e dátiles

  • Endivias con laranxas e dátiles