Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Analizáronse os centros de saúde de atención primaria localizados en 12 provincias do país e o tempo de espera e a satisfacción de 960 pacientes : Usuarios moi satisfeitos cos seus centros de saúde, a pesar das demoras nas consultas

O 86 % dos pacientes tivo que esperar unha media de 22 minutos

Información si, opinión non

En canto á información e aos servizos dispoñibles no centro, tamén se cualificaron como “bos”, aínda que se atoparon deficiencias máis destacables ca no punto anterior. A parte positiva é que en practicamente todos os centros visitados había unha parada de transporte público próxima (normalmente de autobús urbano), as instalacións estaban correctamente identificadas co seu nome, había recepción de atención ao público con persoal, en cada consulta indicábase o nome do médico e nas salas de espera había suficientes bancos e/ou cadeiras para os pacientes.

Pola contra, a parte negativa centrábase case exclusivamente na falta de ferramentas para que o paciente plasmase a súa opinión. E é que case en tres de cada cinco centros de saúde visitados a caixa de correo de suxestións non estaba visible (acontecía na Coruña, A Rioxa, Murcia, Navarra, Cantabria, Sevilla, Álava, Barcelona, Madrid e Valencia). É máis, en tres de cada catro ambulatorios visitados non se viu ningunha indicación sobre a existencia do libro de reclamacións á disposición do usuario. Faltaba tamén información no exterior dos complexos visitados. Por exemplo, en tres de cada dez centros de saúde analizados non se observou un cartel co horario, nin tampouco outro que informase do teléfono e da situación dos servizos de urxencia (neste sentido, destacaban positivamente os visitados en Álava e na Rioxa). Así mesmo, nun de cada cinco ambulatorios non estaban todas as dependencias ben sinalizadas e, na metade, as consultas do médico non indicaban o seu horario.

Ambulatorios seguros e accesibles

A seguridade e a accesibilidade dos ambulatorios valoráronse cun “ben”. A gran maioría de centros de saúde visitados mostraron un bo nivel de accesibilidade: tres de cada catro contaban con prazas de aparcadoiro exclusivas para persoas con algún tipo de discapacidade e no 38 % observouse que, malia haber escaleiras para acceder ao centro, se instalaran ramplas para lles permitir a entrada a todos.

Non obstante, é menos positivo que no 42 % dos casos estudados o mostrador non estea situado a unha altura axeitada e sen obstáculos para que as persoas en cadeira de rodas poidan facer as súas consultas sen ningunha dificultade ou que noutro 12 % falten aseos convenientemente sinalizados para as persoas con algunha discapacidade. Neste sentido, os ambulatorios madrileños estudados fallaban en varios aspectos: tres deles non contaban con prazas de aparcadoiro próximas reservadas para persoas con algunha discapacidade nin tampouco tiñan mostradores situados a baixa altura. Ademais, en dous deles unicamente se podía acceder á segunda planta polas escaleiras e tampouco se viron aseos convenientemente sinalizados para persoas con algunha discapacidade.

Por último, en materia de seguridade, case o 90 % dos centros de saúde estudados contan con iluminación de emerxencia en todas as dependencias do complexo, así como extintores á vista. Non obstante, un cada seis non contaban cunha saída de emerxencia correctamente sinalizada e, entre as que si a tiñan, nun 15 % a porta estaba pechada ou bloqueada con algún obxecto.

Saúde 2.0

En plena ebulición das novas tecnoloxías, tamén podemos servirnos delas para coidar da nosa saúde. Só o 46 % das asociacións de pacientes en España conta con ferramentas da Web 2.0. Aínda que todas elas contan con páxina web, menos da metade mantén un blog en activo ou participa en redes sociais (en especial, Facebook e Twitter), segundo un estudo da I Sondaxe Pfizer 2.0 Asociacións de Pacientes. Pero, existen redes sociais exclusivamente creadas para os pacientes? Velaquí algúns exemplos:

  • www.kronikoensarea.net/ É unha rede vasca social de intercambio emocional que busca compartir os estados de ánimo, intercambiar experiencias e ofrecerlles apoio psicolóxico aos enfermos crónicos de Osakidetza. Trátase dunha plataforma que actúa como unha comunidade na que pacientes, familiares, coidadores non profesionais e amigos ofrecen as súas experiencias sobre a enfermidade e na que lles formulan dúbidas a outros usuarios da rede.

  • www.personasque.com/ Trátase de crear unha conta cunha identidade virtual para ter conversacións con outras persoas que conviven coa mesma enfermidade, solucionar preguntas e respostas e crear grupos e asociacións)

  • www.esperanzae.com/ É un diario virtual para persoas con problemas de saúde. Ten o propósito de ser unha ferramenta de comunicación para aquelas persoas que pasan por un momento delicado de saúde.

  • www.vivu.es/ Axúdalles aos usuarios a comunicarse e a compartir cos profesionais da saúde e do benestar. Entre as súas múltiples ferramentas, puxeron en marcha unha rede social que o propio paciente pode crear e xestionar.

  • www.puedoser.es/ Trátase dun proxecto que se serve das redes sociais para achegar a profesionais e pacientes con este trastorno, así como a calquera outra persoa interesada nesta patoloxía, co obxecto de se converter nun punto de encontro e nunha fonte de información en liña fiable.

  • Proyecto Procura/ O obxectivo do proxecto PROCUR@ é desenvolver e implementar unha plataforma para a prevención, teleasistencia e telerehabilitación, dirixida a pacientes de enfermidades neurodexenerativas e ao seu ámbito, co fin de lles proporcionar unha atención integral e interdisciplinar, así como promover unha comunidade virtual onde poidan ampliar o seu ámbito poñendo en contacto entre si os distintos profesionais socio-sanitarios implicados, outros usuarios, coidadores, amigos ou familiares.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións