Doazón de órganos

Aumenta-las doazóns, necesidade urxente

O ano pasado morreron 271 persoas en lista de espera e o 20% dos escasos cadáveres aptos para a doazón non se utilizan porque os familiares se negan
1 Decembro de 2003
Img temap 175

Aumenta-las doazóns, necesidade urxente

En España realizáronse o ano pasado un total de 3065 transplantes e non hai no mundo un país con maior número de doantes de órganos por millón de habitantes (33,7) có noso. Estes datos falan da relativamente grande sensibilidade social existente no tocante á doazón de órganos, alicerce insubstituíble -hoxe por hoxe- para a realización de transplantes de corazón, fígado, riles ou pulmóns.

Os transplantes e, polo tanto, a doazón de órganos, salvan cada ano a vida de milleiros de persoas con enfermidades graves, que precisan, normalmente con urxencia, un transplante.

A nosa pioneira Lei de Transplantes de 1979 e os seus posteriores regulamentos, desenvolvidos no Real Decreto de 1980, recollen principios inequivocamente promotores da doazón de órganos, como a gratuidade para o receptor dos órganos, a prohibición de cobrar pola doazón, o consentimento presunto do finado (se os familiares non se negan, a doazón considérase aceptada, aínda que o falecido non expresase a vontade de doar) e o criterio de igualdade (non se admiten discriminacións por sexo, raza, idade ou condición socioeconómica) para os receptores dos órganos doados.

Á vista está que non carecemos de motivos para estarmos orgullosos da situación en que se atopa a doazón de órganos no noso país. Todos estes datos, amais da lexislación vixente ó respecto, demostran o carácter solidario e desprendido dos españois neses momentos tan dramáticos que seguen a morte dun ser querido, pero iso non obsta para que a situación poida, e mesmo precise, mellorar.

Unha necesidade urxente

Só durante o pasado ano, 271 persoas faleceron porque os órganos que precisaban para o seu transplante non chegaron a tempo ós hospitais que os agardaban con todo disposto para a operación. E vexamos outras dúas reveladoras realidades: só o 1% dos cadáveres son válidos para que os seus órganos poidan ser transplantados a outra persoa, e un de cada cinco cadáveres aptos non se pode utilizar en España porque os familiares do finado se negan, por diversas razóns, a que se lle dea ese uso solidario. No noso país, cada persoa decide libremente se quere ser doante ou non, sen que exista necesidade de carné ou acreditación ningunha. Se, unha vez producido o falecemento, os responsables médicos consideran que o cadáver é apto para a doazón, adoptan automaticamente as decisións oportunas para que se inicie o protocolo de extracción e de transporte dos órganos útiles, sempre, iso si, que non medie unha negativa expresa dos familiares.

O informe de CONSUMER

Logo de falar cun decena de asociacións que promoven e facilitan a doazón de órganos e despois de estudiar a fondo a normativa sobre o particular, CONSUMER realizoulles unha enquisa a 407 persoas, 50 delas doantes de órganos.

Segundo esta enquisa, só un 12% dos españois se declara doante de órganos e, destes últimos, nove de cada dez posúen o carné oficial que os acredita como tales. Pero a realidade non é tan deprimente como semella: outro 64% dos enquisados asegura estar disposto a que se empreguen os seus órganos con este propósito solidario, unha vez acontecida a súa defunción. Xa que logo, pode considerarse que o 68% dos españois maiores de idade é doante de órganos. En realidade, como se adiantou xa, todos o somos por lei, salvo negativa expresa dos familiares que actuarían como transmisores da vontade máis recente do defunto.

Dos que non se declaran doantes (aínda que, como se viu, a maioría se amosan dispostos a selo), algo máis da metade recoñecen que nunca pensaron nesa posibilidade. Preguntados polos motivos que explican esta actitude pasiva ante unha necesidade social urxente, un 19% alude á falta de información en xeral e a non saber a onde cómpre dirixirse para concreta-lo compromiso. Pero hai datos menos compracentes: case o 40% recoñece que a razón para non se facer doante é o “abandono”, e un 28% manifesta a súa negativa a que órganos do seu cadáver se empreguen en transplantes que permitan darlles vida a outras persoas. Esta negativa é máis común (37%) na franxa de idade superior ós 45 anos, e notablemente menor (19%) na de 18 a 44 anos. Outros motivos aducidos son o medo ou rexeitamento a estes temas (11%), a idade inapropiada (9%), estar enfermo ou tomando medicación (5%) e a convicción (errada, por certo) de que facerse doante “require moito tempo” (4%). Só o 4% dos non doantes (o 6% nos maiores de 45 anos) di que non o é por non causarlle problemas ou desgustos á súa familia.

Volvendo á información sobre as doazóns de órganos, chama a atención o moi secundario papel que xogan os medios de comunicación como axentes promotores, ou cando menos divulgadores, desta iniciativa tan conveniente e altruísta. Só o 8% de quen se declara doante recibiu a información que o levou a se converter en doante da televisión, da radio, dos xornais e doutros medios de comunicación. O 28% asegura que esta posibilidade lle foi transmitida por médicos ou no hospital, mentres que para o 22 a fonte de información foi a do seu contorno familiar e a dos seus amigos. As campañas das asociacións pro-doazón (6%) e as farmacias foron as outras fontes máis comúns. Para concreta-la decisión e darlle formato oficial, o 36% dos doantes acudiu a médicos ou hospitais e o 32% dirixiuse ás asociacións de doantes.

Preguntóuselles tamén ós doantes polas razóns que os moveran a da-lo paso de se converteren nun deles. Salienta por riba de todas (60%) a solidariedade e a posibilidade de salvar vidas, aínda que tamén son relevantes outras dúas motivacións: unha pragmática: “unha vez mortos, os órganos non nos serven para nada” (18%); e outra máis relacionada co contorno: vivir de preto o que significa a necesidade dun transplante e o que representa para o enfermo a dispoñibilidade de órganos que permitan efectualos (14%).

Tamén reviste interese o feito de que os doantes informen ós seus familiares directos, porque no momento clave serán os que tomarán a decisión de se os órganos do finado se doan ou non. Segundo o que afirman na enquisa, a inmensa maioría (o 96%) de quen se declara doante é consciente da importancia crucial desta iniciativa, ás veces tan difícil de tomar: case todos lles comunicaron expresamente ós seus familiares a súa decisión de que se falecen os seus órganos sexan doados, naturalmente sempre que sexan aptos para lle seren transplantados a outra ou a outras persoas. Pero as cousas non son tan sinxelas: un de cada 12 doantes recoñece que as súas familias manifestaron o seu desacordo con esta decisión solidaria. Por outra banda, nove de cada dez doantes consideran necesaria unha maior concienciación social sobre a necesidade da doazón, e a metade pensa que a información que reciben os que están valorando a posibilidade de se converteren en doantes non é abonda. Agora ben, practicamente tódolos consultados coincidiron en que resulta moi sinxelo facerse doante.

O que din os non doantes

Amais do xa comentado, a enquisa realizada á poboación xeral permítenos achegarnos con detalle ás opinións dos non doantes. Por exemplo, case oito de cada dez asegura que non recibiu información sobre este tema. Isto explica moitas cousas e indica que a primeira iniciativa para que aumente o número de doantes é mellorar cuantitativa e cualitativamente a información que sobre a doazón de órganos chega ó gran público. O escaso número de persoas necesitadas de transplante tamén pode xogar en contra da concienciación social ante a doazón de órganos: sete de cada dez non doantes asegura que non coñece a ninguén que precisara un transplante. Ademais, case a metade dos enquisados afirma que non se promove de xeito eficaz a doazón.

Por outra banda, hai case unanimidade (94% de apoio) no criterio, establecido pola lei, de que non se poida cobrar pola doazón de órganos. Só o 1% dos non doantes cre que sería conveniente o cobro. Outro tanto acontece cando se pregunta se se debería pagar pola recepción de órganos: o 96% dos non doantes opina en contra. ¿Coñecémo-la dimensión real do problema que sofre quen agarda un transplante de órganos? A resposta é non. Só un 10% dos non doantes di coñecer aproximadamente o número de persoas que permanecen en lista de espera para a recepción de órganos, que en España é, este ano, de 5000 persoas.

Xa noutro tema, o 93% dos non doantes que declara que se prestaría a doar órganos amosouse disposto a doa-la totalidade dos seus; o resto, prefería doar só certos órganos, fundamentalmente os riles e o corazón. E un de cada dez (un de cada 6 dos maiores de 65 anos) recoñece que de se converter en doante non llo comunicaría á súa familia.

Compróbase novamente un déficit de información cando o 2% dos non doantes di que a relixión que profesa non ve con bos ollos a doazón de órganos, cando tanto a igrexa católica coma outras moitas confesións non se opoñen á doazón.

Preguntas con resposta

¿Quen xestiona os transplantes?

A Organización Nacional de Transplantes (ONT), que coordina as actividades de Doazón, Extracción, Preservación, Distribución, Intercambio e Transplante de órganos e tecidos dentro do sistema sanitario español.
A súa estructura divídese en tres niveis: Coordinación Nacional, Coordinación Autonómica e Coordinación Hospitalaria.
Todo o proceso realízase respectando os dereitos establecidos no artigo 10 da Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade, xunto ás normas e principios expostos na Lei 30/1979, do 27 de outubro, en relación ós principios que deben rexer na doazón: Voluntariedade, Información, Gratuidade, Consentimento dos doantes, Finalidade Terapéutica, Ausencia de ánimo de lucro e Anonimato. A ONT garante a distribución e adxudicación de órganos e tecidos para transplante, utilizando os seus coñecementos técnicos e o principio ético de equidade.

¿Como se establece a orde dos transplantes?

Os transplantes renais adxudícanse localmente. Hai 40 centros en todo o país. A razón pola que o centro de transplantes decide é porque a isquemia (diminución transitoria ou permanente da rega sanguínea) que sofre o órgano é menor.
Para os transplantes extrarrenais, a lista de espera establécea a ONT, que segue un sistema de prioridades. En primeiro lugar atópanse as afectacións clínicas que marcan a urxencia para todo o país, en segundo as urxencias segundo a zona (hai 6 zonas en toda España) e, finalmente, o transplante selectivo que se realiza de xeito local.
As prioridades nas doazóns establécense en función das compatibilidades existentes entre o transplantado e o doante, tamaño, idades, sexo, etc., para que encaixen o mellor posible, sempre desde un punto de vista médico. Cada ano realízase unha reunión para revisa-los criterios que se seguen para realiza-los transplantes, co fin de que ningunha parte da poboación resulte discriminada.
Os transplantes máis problemáticos son os realizados a nenos, a pacientes do grupo sanguíneo 0 e ós intestinais e pulmonares.

¿Como se localizan os potenciais doantes?

Cómpre unha comunicación rápida e directa. Realízase un seguimento da mortalidade na UCI (Unidade de Coidados Intensivos) e da morte encefálica. Para que o doante sexa apto debe superar probas que garantan que non se transmiten enfermidades tumorais ou infecciosas que prexudiquen ó receptor. Tan só o 1% dos cadáveres é apto para ser doante, por iso é tan importante contar cun sistema de localización axeitado co fin de minimiza-la perda de doantes potenciais. E para a extracción dos órganos cómpre respectar trámites legais, que varían en función da causa da morte. Unha morte violenta precisa o consentimento xudicial para a extracción de órganos, xa que pode afectar á obtención de probas). Como paso final, cómpre a posta en marcha do programa de extracción e de implante.
Non se lle consulta á familia a posibilidade da doazón se previamente non se constatou que o falecido é apto para a doazón.

¿Onde informármonos?

Hai organizacións de doantes de transplantados en tódalas comunidades autónomas. Pódese obter información sobre enderezos e teléfonos na páxina web da ONT ou en calquera centro sanitario. O carné de doante pódese solicitar nestas asociacións, nos centros sanitarios e na páxina web da ONT.

¿Que fan e que opinan as asociacións de doantes?

  • Aseguran que as campañas de captación son efectivas, xa que achegan a necesidade das doazóns á poboación e sensibilizan ó respecto.
  • A axuda ós enfermos en espera de transplante é un fin común a tódalas asociacións, e algunhas inclúen tamén a axuda ós transplantados e ós seus familiares.
  • O principal apoio que proporcionan é psicolóxico, xa que o contacto con outros transplantados axuda a enfrontarse tanto ó futuro transplante coma ó postoperatorio deste. Algunhas asociacións colaboran economicamente coas familias desprazadas con motivo da intervención cirúrxica e mesmo contan con pisos de acollida durante o tempo que dura a operación
  • Algunhas asociacións reclaman un maior número de hospitais transplantadores, aínda que as máis das consultadas o considera abondo, e outras aluden a que estes hospitais están moi afastados do lugar de residencia e ós gastos que xeran como un importante problema para a familia da persoa á que se lle efectúa un transplante.
  • Din que o carné de doante é só unha declaración de intencións que en caso de falecemento do doante servirá para pór en coñecemento da familia as súas intencións ó respecto. A maioría das asociacións coidan que sería conveniente que este documento fose vinculante, xa que é un fiel reflexo da vontade do doante. Pero outras defenden o dereito dos familiares a transmiti-la vontade do defunto, que podería cambiar de opinión antes de falecer. Hainas que consideran que este problema se podería solucionar co testamento vital, que é unha declaración de intencións en vida e que declararía a intencionalidade, sen posibilidade de refutación por parte dos seus achegados.
  • A opinión sobre a cobertura dos medios de comunicación ás campañas de divulgación da doazón de órganos é dispar. Algunhas asociacións indican o interese que esperta o tema, mentres que outras se queixan pola pouca atención que se lles presta.
  • Case tódalas asociacións cren que a información para facerse doante non é a adecuada, subliñan a necesidade de realizar campañas con máis medios e solicitan un maior interese por parte das administracións públicas.
  • Algunhas sinalan que o principal problema non está no número de doazóns, senón nas que non se poden realizar (o 20% das posibles) pola negativa dos familiares.
  • Todas coinciden en que a familia do doante non debe coñecer ó destinatario dos órganos do seu parente.
  • Ningunha considera que o tráfico de órganos exista nos países desenvolvidos.
  • Afirman que a doazón debe ser un tema do que se fale na familia, para que cando sexa preciso toma-la decisión da doazón esta teña maiores posibilidades de ser positiva.
  • Segundo as asociacións, as principais razóns que motivan a negativa das familias á doazón son a falta de información e a situación emocional na que se atopan os familiares, recoñecendo tamén outros factores como o medo ou as crenzas relixiosas. Doutra banda, os motivos que contribúen a unha resposta afirmativa son a solidariedade e as experiencias próximas, así como o feito de contar na familia con doantes.

¿Como entrar en contacto coas asociacións máis próximas?

A ONT atende no teléfono 91 314 24 06. Pódeselles remitir tamén unha mensaxe electrónica a ont@msc.es, solicitando información ó respecto. A ONT posúe un rexistro de asociacións subdividido en rexións.

Problemas que xorden nos transplantes

Incompatiblidades, rexeitamentos e postoperatorio

O transplante comporta riscos, uns relacionados coa intervención cirúrxica e outros coa resposta inmunolóxica do paciente. O rexeitamento dáse cando o organismo do receptor identifica o órgano transplantado como un elemento alleo. O rexeitamento débese á diferencia entre o código xenético do doante e o do receptor do órgano. Os antíxenos das células transplantadas alertan ó sistema inmunolóxico do transplantado ó non recoñeceren o órgano como propio. A consecuencia do rexeitamento é unha intensa reacción inflamatoria, que destruirá o órgano. Hai varios tipos de rexeitamento: o hiperagudo ten como consecuencia inmediata a perda do órgano e é producido pola presencia no receptor de defensas contra o órgano transplantado que xa existen antes de se poñeren en contacto; detéctanse mediante unha proba cruzada antes de realiza-la intervención. O rexeitamento agudo prodúcese durante os primeiros meses do transplante, aínda que debido ós avances nos medicamentos inmunosupresores adoita ser máis leve e de mellor tratamento; afecta a entre un 20% e un 45% dos pacientes e depende do órgano transplantado. O rexeitamento crónico sobrevén despois do transplante e amosa unha evolución lenta, pero pode provoca-lo fracaso do transplante. A maioría dos factores de risco (factores inmunolóxicos, trastornos circulatorios, hipertensión arterial) pódense evitar ou tratar. Para reduci-la posibilidade de rexeitamento, redúcese a acción dos mecanismos de defensa co fin de que o corpo vaia asumindo o órgano como propio. Este proceso require varios anos e o uso de medicamentos inmunosupresores. Non se pode suprimi-la inmunidade por completo, xa que os pacientes sufrirían infeccións frecuentes que dificultarían a viabilidade do proxecto. Hoxe disponse de inmunosupresores que reducen a inmunidade só na medida necesaria para evita-lo rexeitamento sen expo-lo paciente a esas infeccións. Este sistema non é perfecto, e o paciente pode sufrir leves rexeitamentos, sobre os que se mantén unha vixilancia constante. O fin dos inmunosupresores é evita-lo rexeitamento sen favorece-lo risco de infección. Non hai un tratamento estándar, polo que cómpre realizar probas e medi-las consecuencias. As medicións da actividade dos inmunosupresores realízase mediante análises que estudian os linfocitos.

Os inmunosupresores tómanse desde o primeiro día da intervención, xeralmente antes da cirurxía, e despois do transplante. Pasadas as primeiras semanas do transplante, chegan os momentos máis delicados para o transplantado: poden aparecer infeccións oportunistas, semellantes ás dos individuos sans, se ben os transplantados deben acudir ó médico ante calquera síntoma de alerta. Os medicamentos máis empregados son os corticoides, que, amais de teren un efecto inmunosupresor, tamén exercen un efecto antiinflamatorio.

Postoperatorio

Trala intervención cirúrxica, o paciente é trasladado á unidade de coidados intensivos postoperatorios, onde se recupera da anestesia e se lle evita a dor que xera a operación. Permanecerá nesta unidade ata o seu traslado á planta. A duración estándar do ingreso no hospital varía segundo o tipo de transplante. Durante o tempo en que permanece hospitalizado, o paciente recupérase da intervención e recibe instruccións para un correcto funcionamento do transplante, xa que durante o resto da súa vida deberá seguir uns estrictos hábitos e medicación.

¿Que tipos de doantes hai e como é o proceso de doazón?

Doante vivo: considérase doante vivo aquel que, cumprindo os requisitos, efectúa a doazón en vida dos órganos, ou de parte deles, dos que a extracción sexa compatible coa vida e que desenvolvan unha función que poida ser compensada polo organismo do doante de xeito adecuado e suficientemente seguro.

Debe ser maior de idade, gozar de plenas facultades mentais e dun estado de saúde axeitado. Debe ser informado previamente das consecuencias da extracción, outorgando o seu consentimento de maneira expresa, libre, consciente e desinteresada. O estado de saúde mental do doante deberá ser avaliado por un médico distinto ós que vaian realiza-la extracción e o transplante, que informará o doante dos posibles riscos da intervención, das consecuencias previsibles de orde somática ou psicolóxica, das repercusións na súa vida persoal, familiar ou laboral, así como dos beneficios que pode obte-lo receptor do órgano. Para que se poida realiza-la extracción, o doante deberá entregar por escrito ante o xuíz do Rexistro Civil o seu consentimento expreso. Neste documento de cesión, asinado polo doante, este manifesta a súa conformidade coa doazón en vivo. Entre a sinatura do documento de cesión e a extracción do órgano cumprirá que transcorran como mínimo 24 horas, podendo o doante, en calquera caso, retractarse da súa decisión. A extracción de órganos procedentes de doantes vivos só se pode realizar en centros sanitarios autorizados para esta intervención. O doante, para rematar, recibirá a asistencia sanitaria necesaria para o seu restablecemento. Doante finado: persoa defunta da que se pretende extraer órganos, que, cumprindo os requisitos establecidos, non deixara constancia expresa da súa oposición. Os casos de morte nos que se poden realizar extracción de órganos son os que están orixinados polo cesamento das funcións cardiorrespiratorias ou polo cesamento irreversible das funcións encefálicas.

Realizarase a extracción dos órganos sempre que non haxa constancia de oposición expresa a que despois da súa morte se realice a extracción de órganos, podéndose referir esta oposición a tódolos tipos de órganos ou soamente a algúns deles. Cando se trate de menores de idade ou de persoas incapacitadas, a oposición poderaa facer constar quen tivese en vida a súa representación legal. O centro autorizado para a extracción de órganos deberase informar de se o interesado lle fixo patente a súa vontade a algún dos seus familiares ou a algún dos profesionais que o atenderan no centro sanitario, a través das anotacións que os mesmos puidesen realizar no Libro de Rexistro de Declaracións de Vontade ou na historia clínica, xunto a un exame da documentación e pertenzas persoais que o defunto portaba. Cando as circunstancias non o impidan, a familia presente no centre sanitario deberá ser informada da necesidade, natureza e circunstancias da extracción, restauración, conservación ou prácticas de sanidade mortuoria. A morte do individuo poderase certificar trala confirmación do cesamento irreversible das funcións cardiorrespiratorias ou do cesamento irreversible das funcións encefálicas. Rexistrarase como hora do falecemento a hora en que se completou o diagnóstico da morte. O certificado de morte e da extracción de órganos deberá ser asinado por tres médicos diferentes ós que intervirán na extracción e transplante, entre os que deben figurar un neurólogo ou neurocirurxián e o xefe de servicio da unidade médica onde se atope ingresado, ou o seu substituto, no caso de morte encefálica. Cando o falecemento atenda ó cesamento irreversible das funcións cardiorrespiratorias, o certificado de defunción deberá ser asinado por un médico distinto ó que intervén na extracción ou no transplante. Cando a morte sexa accidental, e cando medie unha investigación xudicial, antes de realizarse a extracción deberase obte-la autorización do xuíz, que previo informe do médico forense, deberá concedela sempre que non se obstaculice o resultado das dilixencias penais. O responsable ó que lle corresponda da-la conformidade para a extracción, ou a persoa na que se delegue, deberá estender un documento no que se recollan de maneira expresa os anteriores apartados.

Cal é o fin dos diferentes órganos

Non hai un órgano máis doado ca outro, xa que a maioría das extraccións realizadas en España proceden de doazóns multiorgánicas: utilízanse todos aqueles órganos e tecidos aptos para o transplante.

Transplante cardíaco

O corazón é o órgano encargado de irrigar sangue por todo o corpo. É necesario realizárlle-lo transplante ós pacientes que sofren insuficiencia cardíaca sen resposta ó tratamento farmacolóxico.

Transplante pulmonar

Os pulmóns son o órgano responsable da respiración. As persoas que sofren de Fibrose Quística, Enfisema, ou de Insuficiencia Respiratoria e non obteñen resposta mediante tratamentos médicos, poden formar parte da lista de espera para transplantes de pulmón.

Transplante hepático

O fígado regula a enerxía, produce proteínas e elimina os refugallos do sangue. É susceptible de precisar un transplante quen sofre cirrose e hepatite.

Transplante de páncreas

É o órgano que segrega os encimas utilizados na dixestión, amais de regula-la glicosa mediante a secreción de insulina. Os enfermos de diabete extrema son receptores de páncreas doutras persoas, sempre que non respondan ós tratamentos e que corran o risco de perderen a vista ou un membro.

Transplante renal

Os riles eliminan os refugallos do sangue e producen determinadas hormonas. Os enfermos con insuficiencia renal crónica precisan o transplante para non se someteren de por vida á hemodiálise.

Listas de espera

Segundo informa o Ministerio de Sanidade, o número de pacientes en lista de espera para o 2003 é de 5.000 e, a finais do ano pasado, era de 892. As listas de espera sofren incrementos e reduccións debido á inclusión ou á exclusión de pacientes motivados por mellorías, empeoramentos ou defuncións durante a espera. O número de defuncións en lista de espera durante o 2002 foi de 271.

¿Un menor pode ser doante?

Non poderán ser doantes en vida os menores de idade aínda que conten co consentimento dos pais ou titores. En caso de faleceren, si que poden ser doantes sempre e cando os pais ou titores legais non fagan consta-la súa oposición.

Transporte, almacenaxe e transporte de órganos

Tórnase fundamental o mantemento e preservación dos órganos extraídos durante a fase de isquemia (sen circulación sanguínea). O tempo máximo en que os órganos poden estar sen circulación sanguínea varía dependendo do órgano: ata 4 horas para o corazón, entre 7 e 8 horas para o pulmón, de 17 a 20 horas para o fígado, e ata máis de 24 horas para ril e páncreas.

Para preserva-los órganos sólidos redúcese a súa temperatura ata 4ºC, engadindo solucións coas que se lavan os órganos para que o seu arrefriamento se alcance do xeito máis rápido e homoxéneo posible.

O proceso de preservación comeza antes da extracción do órgano, utilizando o sistema circulatorio do doante como medio para distribuí-las solucións. Cando o órgano é extraído, somérxese nun recipiente cunha solución a 8ºC, sendo este o momento no que se procede a unha inspección do órgano.

Como paso final o órgano introdúcese nun recipiente estéril, que, á súa vez, se mete nunha dobre bolsa estéril que se coloca nun contedor isotérmico para o transporte. Ademais, arrodéase cunha solución fría con xeo que permite mante-la temperatura. Logo de todo este prolixo proceso, o órgano está listo para ser transportado ata o hospital no que se efectuará o transplante.

Documento de conformidade para a extracción

O responsable ó que lle corresponda da-la conformidade para a extracción, ou a persoa na que se delegue, deberá estender un documento no que se recollan de maneira expresa os anteriores apartados:

  • Comprobacións sobre a vontade do finado ou das persoas que ostentan a súa representación legal.
  • Facilitóuselles información ós familiares, sempre que circunstancias obxectivas non o impediran, facendo constar esta última situación se acontecese.
  • Comprobouse e certificouse a morte, e axúntase ó documento de autorización este certificado médico de defunción.
  • Cóntase coa autorización do xuíz nos casos de morte accidental ou cando medie unha investigación xudicial.
  • O centro onde se vai realiza-la extracción está autorizado para iso e esa autorización está en vigor.
  • Fanse consta-los órganos para os que non se autoriza a extracción, tendo en conta as posibles restriccións establecidas polo doante.
  • Fanse consta-lo nome, apelidos e cualificación profesional dos médicos que certificaron a defunción, e ningún destes facultativos forma parte do equipo extractor ou transplantador.
Lista de espera para cada órgano
Pacientes admitidos en lista de espera durante o 2002 Pacientes en lista de espera de transplante o 31/12/2002
Hepáticos 1455 546
Corazón 423 96
Pulmonar 231 98
Bipulmonar 231 98
Páncreas/Páncreas Ril 105 47
Intestinal 15 4
Negativas familiares
ANO % NEGATIVAS
2002 20
2001 23,4
2000 21
1999 21,8
1998 21,3
1997 21,7
1996 24,8
1995 24,8
1994 23,6
1993 25
1992 27,6

A lexislación converte a tódolos cidadáns españois en doantes, salvo que a familia do finado se negue a que se extraian os seus órganos para lle seren transplantados a outra persoa que os precise. Só o 1% dos cadáveres son aptos para a doazón, de aí a importancia crucial de que as familias dos finados con corpos aptos non se neguen á doazón.