Partos á carta: cuestión de gustos e de economía
Unha cousa é nacer e outra o xeito no que se vén ao mundo. Sábeno ben as mulleres que foron nais e tamén as que se preparan para viviren a experiencia do parto. Aínda que a finalidade sempre é a mesma -ter un fillo nas mellores condicións posibles para os dous-, o xeito no que se dea a luz pode cambiar moito esa vivencia. Non é o mesmo un parto natural ca un por cesárea, nin é igual parir na casa que facelo no hospital. Se ben non sempre se pode elixir, nos últimos anos cobrou forza a tendencia a decidir de que xeito, en que momento e en que lugar ter os fillos.
Como, cando e onde
As últimas tres décadas supuxeron un cambio notable no relativo á maternidade. As novas técnicas de reprodución asistida permitiron que milleiros de parellas con problemas de fertilidade puidesen realizar o soño de ser pais. Non só iso; tamén aumentaron os límites de idade para ter un fillo. En España, segundo os últimos datos do INE, a idade media da maternidade é algo superior aos 31 anos. E a idade media das mulleres que acoden aos centros de reprodución asistida rolda os 36 anos, de xeito que hai unha alta porcentaxe de “futuras mamás” que teñen máis de 40.
Pero estes progresos científicos -e as súas implicacións sociais- non son os únicos que marcan o presente. Hai máis, e moitos deles teñen que ver co parto. Na actualidade, os avances médicos -como as cesáreas ou a anestesia epidural- danse a man con antigas tradicións -como a decisión de ter o bebé na casa- e mesmo con costumes moi antigos que aínda se manteñen noutras culturas, como o parto en crequenas. Xa que logo, a diversidade para dar a luz é, hoxe en día, amplísima. Amais da distinción entre parto natural e cesárea, existen moitas outras variantes relacionadas co uso (ou non) das técnicas médicas dispoñibles, coa postura elixida pola nai para parir e co lugar onde decide facelo.
Parto natural ou vaxinal
É o que se produce de xeito espontáneo, sen ningún tipo de medicación ou intervención cirúrxica sobre a nai ou o bebé. Non obstante, en España -onde a taxa de cesáreas é alta- adóitase utilizar esta expresión para referirse ao parto por vía vaxinal. Por iso, distínguese ao parto natural en dous grandes grupos: o eutónico, onde non interveñen os elementos médicos (máis que para controlar que todo vaia ben), e o distónico, onde si hai intervención médica.
No parto eutónico, cando se achega o momento do nacemento, o corpo da xestante comeza a sufrir cambios. Un ou dous días antes o colo do útero comeza a dilatarse. A sensación de presión na vexiga e no recto, a diminución dos movementos fetais e as contraccións preliminares indícanlle á muller que entrou na fase premonitoria do parto.
Esas contraccións de Braxton Hicks, que se poden notar durante o embarazo, increméntanse en frecuencia e intensidade. Cando son dolorosas e se producen cada 20 minutos ou menos, indican que o parto comezou. Comeza a fase de dilatación, pérdese o tapón mucoso e “rómpense augas”, é dicir, prodúcese a rotura do saco amniótico onde se atopa o bebé rodeado de líquido.
A función das contraccións é dilatar o colo do útero para permitir a saída do bebé. Así, a medida que o traballo de parto progresa, as contraccións duran máis tempo, son máis fortes e tamén máis seguidas. Pero cando se alcanza a apertura completa (que chega aos 10 cm), o obxectivo das contraccións cambia: a meta é axudar o bebé para que se abra paso a través da canle de parto. Na fase de expulsión, o primeiro é o parto fetal, o momento en que o bebé é expulsado cara ás vías xenitais. O seguinte é o alumeamento, isto é, cando se expulsa a placenta.
A duración dun parto natural varía moito, xa que depende, entre outras cuestións, da muller, do bebé e da cantidade de partos previos. Aínda así, calcúlase que a duración media é de nove horas para as mulleres que xa tiveron fillos, e de 14 horas para as novatas.
Parto distónico
Chámase parto distónico o que leva consigo algún tipo de intervención médica, xa sexa para provocalo, para atenuar a dor da nai ou para axudar ao bebé a nacer. Entre os procedementos máis habituais atópanse:
- O parto inducido. Consiste en desencadear o proceso de xeito artificial. Para iso, existen tres vías, que unhas veces se aplican por separado e que outras se combinan. Son as seguintes: a administración de prostaglandinas (que axudan a madurar o colo do útero), a administración de oxitocina (a hormona responsable de provocar as contraccións uterinas) e a rotura da bolsa amniótica, para o que se utiliza unha lanceta (un instrumento alongado, con forma de gancho, que se introduce no colo do útero). A indución do parto utilízase, sobre todo, cando a xestación se prolonga en exceso (máis de 41 semanas) ou cando a continuación do embarazo comporta riscos para a saúde da nai ou do bebé.
- A anestesia epidural. O seu labor principal é atenuar a dor do parto, pero, á súa vez, permitir que a nai estea esperta e consciente durante este. O anestésico inxéctase entre as vértebras L-2 e L-3 para adormecer a parte inferior do corpo, pero sen insensibilizala de todo. A idea é manter unha sensación leve das contraccións para que a futura mamá poida puxar no momento axeitado.
- A episiotomía. É un corte que se realiza no perineo, no momento final do parto, para facilitar a saída do bebé. A incisión pódese facer con bisturí ou con tesoiras e require puntos de sutura. O obxectivo é agrandar a apertura da vaxina para abreviar a duración do parto e previr desgarros. Se ben é unha práctica habitual, hai opinións contrarias acerca dos seus beneficios. A Organización Mundial da Saúde (OMS), o Ministerio de Sanidade e as sociedades de Xinecoloxía e Obstetricia recomendan limitar o seu uso ao mínimo imprescindible.
- A cesárea. Practícase cando o bebé é demasiado grande para a pelve da nai, cando non está ben colocado para nacer de xeito natural, cando hai placenta previa ou tamén cando o embarazo é múltiple ou se advirte algunha posible complicación. É unha intervención cirúrxica bastante habitual (ás veces, solicitada polas nais), pero non por iso de pouca importancia. A cesárea implica dúas cortes: un externo, no abdome, e outro interno, no útero. O procedemento, en si mesmo, é indoloro, xa que a futura mamá recibe anestesia (xeral, epidural ou raquídea). Non obstante, a recuperación é máis prolongada e difícil ca a dun parto vaxinal. Ás molestias habituais do puerperio súmanse as propias dunha operación abdominal: dor na incisión, dificultade para realizar determinados movementos, necesidade de coidar e hixienizar a ferida con regularidade para que cicatrice o máis axiña posible… e a importancia de previr un segundo embarazo nos seguintes meses, xa cómpre unha cicatrización uterina completa antes de procrear de novo.
Máis intimidade e comodidade
Cando o embarazo transcorre con normalidade, se non hai risco para a nai ou para o feto, existe a posibilidade de ‘elixir un lugar distinto ao hospital’ para traer o neno ao mundo. Cada vez son máis as mulleres que se decantan polo parto na casa, unha opción máis cómoda, íntima e agradable que dar a luz nun ámbito médico. A decisión implica, entre outras cousas, optar polo parto natural e prescindir de certas axudas, como a anestesia epidural. Por este motivo, a futura mamá debe estar en condicións óptimas de saúde, o parto non pode ser prematuro nin postermo e o fogar debe estar preto dun centro de saúde para efectuar un traslado áxil ante calquera imprevisto.
O mesmo se pode dicir do parto na auga, unha modalidade que tamén gaña seguidores. Neste caso, é imprescindible que a nai non teña problemas de saúde, que estea relaxada e decidida a vivir un parto sen calmantes nin episiotomías. A principal vantaxe é que a auga, a 37 ºC, incide sobre dúas hormonas fundamentais no parto: diminúe a produción de adrenalina, o que facilita a relaxación dos músculos e a dilatación, e aumenta a xeración de endorfinas, o que produce un efecto analxésico natural.
Nos últimos anos, incrementouse o número de hospitais privados e públicos que lles ofrecen ás futuras mamás a posibilidade de vivir un parto natural, non medicalizado, e con máis autonomía para tomar por si mesma certas decisións cruciais. Entre elas, a posición corporal que adoptará no momento do parto, xa sexa de pé, axeonllada, sentada ou en crequenas. Esta última posición -predominante ata o século XVII- ten múltiples vantaxes físicas: a forza de gravidade actúa a prol da nai, polo que o esforzo ao empurrar diminúe nun 30%, a muller usa tamén a musculatura das pernas e a dor é menor, xa que non se comprime tanto o sacro. No plano emocional, permite que a muller marque o ritmo do parto e sitúa o persoal médico e sanitario nun papel de asistencia e axuda.