Analizados 287 produtos financeiros de aforro de 32 entidades financeiras

As entidades recomendan depósitos, obrigas de pagamento e fondos para os pequenos aforradores

A obriga de pagamento é un produto florecente por mor da necesidade de capital dos bancos e caixas
1 Marzo de 2012
Img tema de portada listado

As entidades recomendan depósitos, obrigas de pagamento e fondos para os pequenos aforradores

Disque os cartos non dan a felicidade, pero nestes intres de incerteza económica, é fundamental saber que podemos facer para protexermos os nosos aforros. En España, o valor total de aforro dos fogares situouse en 18.496 millóns de euros no terceiro trimestre do 2011, 3.562 millóns de euros menos ca no mesmo período do ano anterior. EROSKI CONSUMER quixo coñecer todo o referente a que pode facer o pequeno consumidor para investir os seus aforros de xeito seguro e beneficioso. Para iso, a finais de xaneiro técnicos da revista visitaron un total de 100 sucursais de 32 entidades bancarias de 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza.

Cada técnico fíxose pasar por un aforrador que dispuña de 6.000 euros que pretendía rendibilizar. Preguntaba, por unha banda, que tipo de produtos financeiros lle poderían interesar en cada unha das 32 entidades bancarias seleccionadas (en ningunha era cliente): Bancaja, Caja Madrid e Caja Rioja (Bankia); Banco Popular; Banesto; Bankinter; Bankoa (Crédit Agricole); BBK, Caja Vital e Kutxa (Kutxabank); Sabadell, Banco Herrero, Banco Guipuzcoano (Sabadell); BBVA; CAI; Caixa Bank; Caixa Galicia (Novacaixagalicia); Caja Cantabria; Caja Círculo; Caja España-Caja Duero; Caja Murcia; Caja Rural Navarra; Cajasol e CAN (Banca Cívica), Cajastur; Cajasur; CAM; Catalunya Caixa; Ibercaja; ING Direct; Banco Santander e Unicaja. E, por outra banda, o técnico pedía unha recomendación sobre que produto lle conviña máis.

As entidades financeiras ofreceron, por esta orde, depósitos, obrigas de pagamento e fondos de investimento. No tocante ás recomendacións, bancos e caixas non dubidaron en recomendar a contratación dos depósitos pola súa seguridade á hora de garantir o capital. Cómpre salientar o florecemento das obrigas de pagamento como posible fórmula de aforro; a súa aparición débese á necesidade de capital das entidades bancarias. Neste sentido, case dúas de cada cinco obrigas de pagamento ofrecidas pertencían ao Banco Santander.

A oferta

A EROSKI CONSUMER ofrecéronlle un total de 287 produtos para investir os 6.000 euros aforrados. Os máis ofertados foron os depósitos (nun 45% das ocasións), seguidos a distancia polas obrigas de pagamento (nun 22%) e polos fondos de investimento (nun 13%). Por cidades, Madrid e Oviedo foron os lugares onde máis depósitos ofreceron, en Murcia onde máis fondos de investimento, en Sevilla obrigas de pagamento, en Oviedo depósitos combinados, en Madrid e Vitoria contas de aforro e na A Coruña accións.

Houbo persoal que tamén tratou de promover contas correntes de aforro (en unha de cada cinco visitas), plans de aforro (en unha de cada oito), investimentos en bolsa (só en seis visitas), seguros de aforro (en catro), plans de pensións (en unha), bonos do Estado (en unha) e letras do tesouro (noutra). Case non houbo diferenzas entre a oferta de bancos e caixas, aínda que estas últimas tenden a ofertar depósitos en maior proporción ca os bancos (un 52% do total dos produtos das caixas fronte ao 40% do total dos dos bancos). O motivo? Hoxe en día as caixas experimentan un proceso de bancarización. O burato da burbulla inmobiliaria provocou que ás entidades bancarias se lles esixa máis capital e as caixas, ao seren máis febles, tiveron que se someter aos procesos de fusión-absorción con outras entidades para adquiriren así a forma de banco.

Depósitos, obrigas de pagamento e fondos de investimento

En total, recibiuse información de 128 depósitos. Case todas as entidades bancarias analizadas ofrecían este produto, agás Bancaja, ING Direct e Unicaja. O depósito é o produto máis seguro, xa que garante o investimento, mesmo se o banco ou caixa creba. Se isto acontece, sería o Fondo de Garantía de Depósitos o responsable, ata un límite de 100.000 euros.

Como segunda opción, ofrecéronse 62 obrigas de pagamento en doce entidades bancarias: Bancaja, Banco Herrero, Banco Popular, BBVA, Caixa Galicia, Caja España-Caja Duero, Caja Madrid, Caja Rioja, Catalunya Caixa, Sabadell, Banco Santander e Unicaja. Case dúas de cada cinco pertencían ao Banco Santander. Son un activo de renda fixa e negócianse no mercado secundario (AIAF). Nos últimos meses, este tipo de produto floreceu considerablemente, malia a que con el o consumidor pode perder diñeiro. Convén lembrar que nada garante que o prezo de venda sexa igual ou superior ao da adquisición das obrigas de pagamento e a súa liquidación depende da situación económica da entidade, é dicir, en caso de creba non está respaldado por ningún fondo de garantía.

Está claro daquela que investir en obrigas de pagamento comporta un risco razoable para os nosos cartos. Malia a iso, só en 19 ocasións informan de que este produto está respaldado pola propia entidade e non por un Fondo de Garantía, como no caso dos depósitos. Daquela, por que se seguen ofrecendo as obrigas de pagamento? Xeralmente, as entidades fano por unha necesidade de capital para responder aos parámetros esixidos pola Unión Europea nos últimos acordos de Basilea (recomendacións sobre a lexislación e regulación bancaria). Neles, a UE esixe máis control e sobre todo, que os bancos saneen as súas contas para facerlles fronte aos posibles produtos tóxicos ou morosidade que xurdan nun futuro. Se aínda así se está interesado neste produto, o consumidor debe ser precavido e vixiar o rating (calidade da débeda) do banco ou caixa que lanza a emisión para asegurarse de que a súa solvencia é elevada e de que, polo tanto, poderá facerlles fronte aos seus compromisos financeiros.

Para rematar, ofrecéronse 38 fondos de investimento en 18 entidades bancarias. En xeral, existe una gran diversidade: de renda fixa (invisten en obrigas, bonos, letras e obrigas de pagamento), variable (invisten en accións) e mixtos (de renda fixa e variable).

Coidado coas comisións

Implican un gasto engadido para o consumidor que, moitas veces, descoñece. No estudo, a maior parte dos produtos que ofertaron (un 89% do total) non teñen comisións, tal e como informaron durante as visitas. Unicamente dicían aplicalas en 23 dos 287 produtos ofertados e tratábase na súa maior parte de fondos de investimento, non sendo unha conta especial de aforro do BBVA, dous investimentos en bolsa do Banco Santander e Bankinter e bonos do Estado no Sabadell. Para rematar, en cinco deles nin sequera especificaban se as cobraban ou non.

Neste sentido, é importante saber que ningún depósito ou IPF (imposición a prazo fixo) ten comisións. Iso si, poden telas produtos vinculados ou asociados, xa que é habitual que a entidade requira unha conta corrente para liquidar periodicamente os xuros que xerara o capital. Ademais, os contratos de depósito a prazo adoitan permitir cancelar anticipadamente o depósito, a cambio dunha comisión libremente establecida pola entidade ou dunha penalización.

Pola súa banda, investir en fondos de investimento supón ter que pagar tres tipos de comisións: as depositarias (é a cantidade que cobra a entidade depositaria dos activos adquiridos polo fondo de investimento), de xestión (é o que cobra a xestora por realizar a xestión do capital investido no fondo) e de reembolso e/ou subscrición (pola compravenda). Durante o estudo, comprobouse que as entidades bancarias analizadas aplican unha comisión de entre o 0,05% e o 0,10% pola primeira (a máxima aplicable é un 0,2%), entre un 0,40% e 1,65% pola segunda (os máximos varían en función da modalidade do fondo de investimento), e entre un 4% e un 5% pola terceira (pódese aplicar sobre os beneficios ou o patrimonio).

Dispoñibilidade e penalizacións

Pódese dispor do capital investido antes de rematar o prazo de vixencia do produto? No estudo, nun 71% dos casos así o aseguraba o persoal das 32 entidades visitadas, aínda que nun 9% deles especificábase que só baixo certas condicións. Ademais, observouse que no 73% dos depósitos o consumidor podía acceder aos seus cartos no momento que quixese, ao igual ca no 63% dos fondos de investimento e no 100% das contas de aforro. Mais non nas obrigas de pagamento: no 61% das veces non se podían recuperar eses cartos antes de rematar o prazo de vixencia.

Nos casos en que si se pode dispor dos cartos, implica iso algunha penalización? Si no 71% dos depósitos ofrecidos e tamén no 66% dos fondos de investimento, pero non había ningunha no 79% das contas de aforro. Hai que advertir que nos depósitos se pode acceder ao seu rescate, parcial ou totalmente, aínda que as máis das veces baixo unha taxa de penalización que oscila, en función de cada produto, entre 0,50% e 2%. No tocante aos fondos de investimento, nalgúns deles penalízanse os reembolsos se estes se fan antes dun determinado período (un mes, tres meses, un ano…), aínda que a maioría non os penaliza (esta condición tense que detallar no folleto do fondo). Mentres, as contas de aforro maioritariamente están exentas destes pagamentos por parte do usuario, a non ser que se trate de descubertos ou reclamacións de posicións debedoras.

Prazos, investimento mínimo e fiscalidade

A gran variedade de produtos ofrecidos complicou moitísimo a análise. Tendo en conta o perfil creado por EROSKI CONSUMER (unha persoa cun aforro de 6.000 euros), os depósitos e obrigas de pagamento ofrecidas enfocáronse a máis curto prazo: concretamente a un período de ata un ano e medio no 74% dos depósitos e no 97% das obrigas de pagamento. Así e todo, os fondos de investimento, o terceiro produto máis ofertado, están orientados a máis longo prazo: no 60% do total teñen un período de vixencia de entre 2 e 3 anos. Cal é o investimento mínimo que require cada produto financeiro de aforro? Depende de moitos factores. En moitos casos, non se esixen mínimos pero noutros si que se requiren, aínda que cada produto e entidade establece os seus propios criterios en función dos seus obxectivos comerciais e das características de cada produto. No estudo, en case sete de cada dez produtos ofrecidos, as entidades esixían 600 euros como mínimo, en especial, se se trata de depósitos combinados, obrigas de pagamento e fondos de investimento.

Por suposto, un dos datos máis importantes e no que debe reparar o consumidor á hora de contratar un produto ou outro é a rendibilidade. No estudo, do total de produtos ofertados (287), a dos depósitos variaba entre o 1,19% e o 4,55%, en case catro de cada cinco obrigas de pagamento non superaba o 4% e nos fondos de investimento de renda fixa (o 82% do total ofrecido) variaba entre o 1,37% e o 4,5%. E cando pagan estes xuros? O máis habitual era cando vencía o prazo de vixencia e despois ofrecíase a posibilidade de facelo de maneira anual, semestral, trimestral e mensual.

Facenda tamén intervén nos aforros dos consumidores. A base impoñible do aforro grávase ao 21%, con independencia da contía, nos períodos impositivos do 2012 e 2013. Agora ben, só na metade dos produtos ofertados se lles explicou aos colaboradores este dato, e nun terzo das ocasións dano de xeito erróneo e indican que se trata dun 19% (o tipo impositivo do 2011).

Contas vinculadas

O consumidor creado por EROSKI CONSUMER non era cliente de ningunha das entidades bancarias estudadas. Por iso, no 93% das visitas realizadas obrigábano a vincular o produto financeiro de aforro cunha conta corrente. Non obstante, en sete sucursais dicían non esixilo: en dúas delas (BBVA e Caja Rural de Navarra, en Pamplona) informaban de que a conta unicamente servía para pagar os xuros do produto de aforro contratado e no resto (cinco sucursais estudadas do Banco Santander, Sabadell, Caixa Bank e CAN) non obrigaban, pero recomendábano insistentemente.

En xeral, abrir unha conta corrente é a condición principal para contratar un produto financeiro. Agora ben, facelo esíxelle ao futuro cliente cumprir outra serie de requisitos que o unen aínda máis á entidade. E é que a maioría destas contas correntes comportan un gasto de mantemento ou unha serie de comisións que se poden evitar ou rebaixar se se domicilia a nómina nesa conta, e mesmo algúns servizos de luz, auga e gas. Outra opción é realizar un ingreso mínimo de entre 300 euros e 1.000 euros, dispor dun saldo mínimo de entre 1.000 e 2.000 euros ou realizar varias achegas ao mes ou ao semestre (por exemplo, no BBVA, 12 euros ao semestre; ou no BBK, de 30 a 40 euros ao mes).

Que recomendan as entidades

O depósito é, sen dúbida, o produto máis recomendado polas entidades bancarias. Na metade do cento de visitas realizadas así o fixeron. Principalmente, son dous os argumentos polo que o recomendan: a súa rendibilidade e mais a súa seguridade. Destaca especialmente Caixa Bank, onde en todas lle recomendaron ao colaborador que contratase este tipo de produto. Pola súa parte, en Banesto ocorreu en catro de cada cinco visitas realizadas, no Sabadell en catro das sete e no BBVA e no Banco Santander en cinco das catorce. En segundo lugar, as entidades bancarias recomendan os fondos de investimentos, aínda que a proporción de recomendacións é moito menor: unha de cada seis visitas. Os atributos que esgrimen para aconsellar este tipo de produtos son a súa boa rendibilidade e as vantaxes fiscais que comportan. Malia a iso, só unha de cada tres entidades recomenda esta opción: BBVA, Banesto, Banco Popular, Caja Madrid, Banco Santander, Bankinter, Caixa Galicia, Sabadell, Bankoa, Banco Guipuzcoano, Kutxa e Caja España-Caja Duero. Delas, destacan o BBVA, que o propón en 4 das 14 visitas realizadas, e mais o Sabadell, en 3 das 7.

En terceiro lugar, as obrigas de pagamento son os produtos máis recomendados, aínda que tan só en doce do cento de visitas realizadas ás 32 entidades bancarias. No estudo, só unha de cada cinco entidades bancarias estudadas ofreceron este produto: o Banco Santander (en cinco visitas), Unicaja e o BBVA (en dúas visitas respectivamente), e Banesto, Caixa Catalunya e Caja Madrid (en unha respectivamente).

Cales son os meus dereitos e obrigas?

O consumidor non está só fronte ao ‘xigante bancario’, senón que a lei protéxeo. Debe coñecer os dereitos que o asisten e mais as recomendacións que debe seguir á hora de contratar un produto financeiro:

Ao informarse…

  • A entidade debe dar toda a información necesaria e detallada para entender ben a operación ou produto ofertado.
  • O consumidor debe analizar e comparar os diferentes produtos e servizos que lle ofrecen e, se se teñen dúbidas, pedir que llas aclaren.
  • É fundamental buscar o produto máis apropiado para as súas posibilidades e necesidades.
  • Convén fixarse na combinación de tipo de xuro e prazo (no caso dun depósito a prazo, examinar con coidado a dispoñibilidade do produto, é dicir, se poderá retirar todo ou parte do diñeiro antes de que acabe o prazo e con que penalización) e mais reparar nas tarifas de comisións bancarias e en todos os gastos que poidan cobrar.
  • O consumidor pode coñecer de antemán os modelos de contrato das operacións ou produtos ofrecidos polas entidades.

Contratar un produto concreto…

  • O cliente ten que solicitar un exemplar do contrato e conservalo por se é necesario nalgún momento.

Despois de contratar…

  • O consumidor debe recibir os extractos e os documentos de liquidación de xuros e comisións bancarias.
  • A entidade debe informar o cliente previamente sobre os cambios que decida a súa entidade sobre o tipo de xuro, as comisións bancarias e os gastos das operacións que lle afecten.
  • É recomendable que o consumidor comprobe se é correcta a información que envía a entidade periodicamente.
  • O banco ou caixa debe dispor dun procedemento para resolver as reclamacións, queixas e consultas dos seus clientes, en caso de non estar de acordo coa entidade nas operacións que o afecten, ou ante calquera dúbida que lle poida xurdir.

Verdadeiros asesores financeiros?

O consumidor está moi pouco afeito a se mover no mundo financeiro. Por iso, as propias entidades deberían explicarlle ao cliente, con termos que poida comprender, en que consiste cada produto que ofertan: as súas características e, por suposto, os seus riscos ou desvantaxes.

No estudo só en unha de cada cinco visitas realizadas a persoa que atendeu aos colaboradores da revista era asesor financeiro, executivo de banca ou director ou subdirector da sucursal. Pola contra, en 15 das 32 entidades estudadas tratábase dun comercial ou xestor comercial.

Un dos dereitos básicos do consumidor é o de recibir da entidade toda a información necesaria para entender ben a operación ou produto ofertado. Agora ben, no estudo só en unha de cada tres visitas se entregaba documentación completa ou folletos explicativos sobre os produtos financeiros ofertados. Para rematar, a amabilidade no trato aos colaboradores foi o denominador común en tres de cada catro visitas realizadas.

Glosario dos principais produtos financeiros de aforro
  • Contas correntes. Con elas, o usuario pode realizar todas as operacións bancarias básicas: domiciliar recibos e nóminas, realizar transferencias e contratar outros produtos financeiros que, polo xeral, esixen ter unha conta vinculada na que se depositarán os correspondentes xuros. No tocante á rendibilidade, adoitan ser menos competitivas.
  • Depósito a prazo fixo. O consumidor entrégalle unha cantidade de diñeiro a unha entidade financeira durante un tempo determinado. Transcorrido o prazo acordado, a entidade devolve a totalidade desa cantidade máis unha remuneración pactada (xuros). Habitualmente, os contratos de depósito a prazo inclúen as posibilidades de rescatar os cartos do depósito antes do acordado, baixo penalización na rendibilidade final.
  • Obrigas de pagamento. A obriga de pagamento é un documento polo que unha entidade se compromete a lle aboar a unha persoa unha cantidade estipulada nun momento sinalado. Tal compromiso é coñecido tamén como promesa incondicional de pagamento. Quen emite unha obriga de pagamento denomínase subscritor e quen a recibe beneficiaria ou tomadora. En definitiva, é un activo de renda fixa que cotiza no Mercado AIAF. Son a curto prazo e existen vencementos entre sete días e 25 meses, aínda que os prazos máis frecuentes son de 1, 3, 6, 12 e 18 meses.
  • Letras do Tesouro. Son valores de débeda pública de renda fixa a curto prazo. O importe mínimo de cada petición é de 1.000 euros e as peticións de importe superior deben ser múltiplos de 1.000 euros. Son valores emitidos ao desconto, o seu prezo de adquisición é inferior ao importe que o investidor recibirá no intre do reembolso. A emisión destes produtos realízase mediante unha poxa.
  • Bonos e Obrigas do Estado. Son valores de débeda pública, emitidos polo Tesouro do Estado a un prazo superior de dous anos. Son títulos de xuro periódico e expresado como unha porcentaxe do valor nominal do activo, característica que os distingue das Letras do Tesouro.
  • Accións. Unha acción é unha parte do capital dunha empresa e representa a propiedade que ten unha persoa dunha parte da sociedade. O lugar onde se realizan as negociacións para a compra e venda de valores, como as accións de sociedades ou compañías anónimas é a Bolsa de Valores. As accións, como investimento, representan un investimento en renda variable, xa que non ten un retorno fixo establecido por contrato, senón que depende da marcha da empresa.
  • Fondos de investimento. É unha cantidade de diñeiro ou patrimonio sen personalidade xurídica que se constitúe coas achegas de todos os seus investidores. O patrimonio xestiónao unha Sociedade Xestora e custódiao unha Entidade Depositaria. A Sociedade Xestora é a que decide en que valores se inviste. Un certificado de participación representa os dereitos de propiedade. As achegas que fan os investidores invístense en activos financeiros co fin de obter a maior rendibilidade posible; estes activos adoitan ser: accións, letras, bonos, obrigas, produtos derivados…, aínda que tamén se poden investir en activos non financeiros, como bens inmobles, arte…
  • Plans de Pensións. É un produto de aforro a longo prazo destinado para a xubilación. Con el, preténdese complementar a pensión pública de xubilación da Seguridade Social. Este aforro prodúcese a través duns pagamentos periódicos (achegas) durante a vida laboral activa do aforrador. O seu obxectivo é formar un capital a longo prazo que poderá recuperar a partir da súa xubilación.
  • Plans de Xubilación. Non se deben confundir cos plans de pensión. Serven para aforrar a longo prazo como complemento á xubilación pública. Os plans de xubilación son un seguro de vida-aforro co fin de que o aforrador obteña un capital en caso de xubilación ou falecemento. O usuario a cambio dunha prima que paga cunha periodicidade determinada recibe o capital asegurado ao remate do contrato en caso de supervivencia, ou con anterioridade á data anterior se nos enfrontamos a casos de invalidez ou morte. Neste último caso o capital recíbeno os herdeiros do beneficiario do seguro.
  • Seguros de aforro. Os investimentos mínimos esixidos para contratar un seguro de aforro parten de 300, 600 ou 1.000 euros. Pódense atopar os PPA (plans de pensións asegurados) ou os PIAS (plans individuais de aforro sistemático). Ambos os dous impoñen, ao igual ca os plans de pensións, achegas periódicas próximas aos 600 euros anuais. Nos PPA, coma nos PIAS, non se poden investir máis de 8.000 euros anuais se se é menor de 50 anos, ou 10.000 euros se se ten máis desta idade. Nos PIAS non se poden investir máis de 8.000 euros anuais, sexa cal sexa a idade do subscritor, e non máis de 240.000 euros ao longo de toda a vida do produto.