Sobre os alicerces da palabra
A carón dos Xerónimos e do Museo do Prado atópase a sede principal da Real Academia Española, un edificio construído ex profeso para esta institución que o vindeiro ano vai cumprir tres séculos.
Limpa, Fixa e dá Esplendor
A RAE fundouse en 1713 por iniciativa do marqués de Villena. Un año despois, unha Real Cédula de Felipe V aprobou que a Academia redactase os seus estatutos e concedeulles aos académicos os mesmos privilexios e vantaxes que gozaba a servidume da Casa Real. Na súa fundación, o obxectivo da RAE foi “fixar as voces e vocábulos da lingua castelá na súa maior propiedade, elegancia e pureza”. Non en van, o seu escudo ten inscrita a lenda Limpa, Fixa e dá Esplendor. Adecuándose aos tempos, a RAE foi modificando os seus estatutos e os actuais ratificáronse en 1993. Hoxe, a misión da RAE é “velar porque os cambios que experimente a Lingua Española na súa constante adaptación ás necesidades dos seus falantes non creben a esencial unidade que mantén en todo o ámbito hispánico”.
Letras con moito talento, traballo e coñecemento
A espiña dorsal da RAE son os académicos de número. Son 46, incluído o seu director, e cada un deles ou delas ten asignado un sillón cunha letra maiúscula ou minúscula do alfabeto. Por exemplo, Mario Vargas Llosa é o L maiúsculo e Margarita Salas o i minúsculo. Cada candidato á Real Academia, sempre por falecemento doutro académico, xa que o cargo é vitalicio, debe ser presentado polo menos por tres académicos de número e obter a metade máis un dos votos. Os académicos, dependendo da súa especialidade, divídense en pequenos grupos chamados comisións, como a do Vocabulario científico e técnico, Gramática, Ciencias Humanas, Información Lingüística, etc. Cada comisión elabora os seus traballos e proponos semanalmente no Pleno.
Palabras que flúen nunha atmosfera particular
Todos os xoves, relixiosamente de 19:30 a 20:30, os académicos de número acoden a este Pleno. Si chegan antes, se cadra teñen tempo para ler a prensa, para tomar un café ou para conversar na Sala de Pastas. No vestíbulo do Salón de Plenos atópanse os percheiros, dedicados tamén a cada un dos académicos e etiquetados por orde de antigüidade. O máis veterano é Martín de Riquer, que ingresou en 1965. Dentro, as cadeiras dispóñense arredor dunha mesa ovalada. Ás pupilas cústalles adaptarse á escasa luz reinante no resto da sala, así que a atención céntrase na mesa, nos rostros e, sobre todo, nas palabras. As comisións e o pleno, xunto co Instituto de Lexicografía e as propostas de académicos das restantes vinte e unha academias da Lingua Española, como a colombiana, mexicana, filipina, etc., fraguan a obra máis coñecida da RAE: o Dicionario da Lingua Española. Amais desta Biblia do idioma español, a institución publica outros dicionarios especializados e edicións conmemorativas de grandes obras literarias.
Paraíso dos bibliófilos
No andar baixo os teitos sen fin e mais a madeira envolven outra sala, decorada cos retratos dos directores da RAE ao longo dos séculos. No primeiro andar atópanse os legados de Dámaso Alonso e Rodríguez Moñino, dúas exquisitas bibliotecas particulares que lle cederon á Academia e que suman preto de 60.000 volumes. O Salón de Actos, no que se respira solemnidade, coas coloreadas vidreiras dedicadas á poesía e á elocuencia, é o escenario das cerimonias de ingresos e das presentacións de obras.