Sinusite: un problema de narices
Catarreira os 365 días do ano? Aínda que os síntomas sexan similares, dificultade para respirar con normalidade e nariz taponado, é probable que un profesional diagnostique un tipo de sinusite no canto dunha catarreira. A sinusite é un problema de saúde común, sobre todo no inverno e nas zonas máis húmidas e contaminadas. Afecta de xeito notable a calidade de vida dos afectados (estímase que aínda máis ca a artrite reumatoide).
En España, malia a falta de datos epidemiolóxicos, estimouse que un 2% da poboación sofre unha sinusite bacteriana unha vez ao ano, segundo un recente documento de consenso nacional. Isto significa que lle afecta arredor de a un millón de españois cada ano. Non obstante, hoxe, xunto aos tratamentos antibióticos de sempre, desenvolvéronse distintos tipos de cirurxías que poden acabar con ela de xeito definitivo.
Unha enfermidade moi común
Está claro que a respiración nos conecta coa vida. Pero inhalar e expeler aire de xeito fluído non resulta nada sinxelo nin espontáneo para as persoas que sofren de sinusite. Esta afección é tan común como molesta: quen a padece pode chegar a vivir durante meses, e ás veces anos, co nariz taponado e coas zonas que o rodean repletas de mucosidade. Para elas, respirar correctamente é case imposible. Inténtano coa axuda de pingas nasais que poden crear dependencia, distintos remedios caseiros e, a miúdo, confórmanse con respirar pola boca, co inconveniente de que se reseca e prexudica a gorxa. A sinusite consiste na inflamación dos seos paranasais, na súa obstrución e na súa posterior enchedura de mucosidade. O interior da nosa anatomía facial está configurado por varios destes seos ou cavidades, que se atopan debaixo e enriba dos ollos, entre eles e un pouco por detrás deles, e mais arredor do nariz. Estes comunícanse entre si e coas foxas nasais. En condicións normais, deberían estar cheos de aire. Pero cando se produce unha inflamación das mucosas, obstrúense, acumúlase o moco e prodúcese unha sobreinfección que hai que tratar.
Que sente a persoa afectada? O nariz moi conxestionado e obstruído, goteo postnasal, de modo que nota como lle cae mucosidade pola parte posterior do nariz que traga continuamente, dor facial, sensación de malestar, ás veces dor de cabeza e mesmo febre. A miúdo estes síntomas pódense confundir cos do arrefriado común. Agora ben, este é menos profundo ca a sinusite, provoca menos conxestión, goteo nasal e non produce dor facial.
Aguda, crónica e recorrente
Catalogáronse diferentes tipos de sinusite, segundo a súa duración e frecuencia de aparición:
- Sinusite aguda. É un proceso que dura menos de catro semanas e que tende a remitir espontaneamente por si só. A catarreira e mais a gripe ou outros procesos virais poden producir unha inflamación que conxestiona o nariz e favorece as sinusites. Pero unha vez que se superan estes procesos gripais, todo volve á normalidade e a sinusite aguda remite.
- Sinusite ou rinosinusite crónica. Cando dura máis tempo, arredor das doce semanas, considérase unha rinosinusite crónica. As súas causas son moi variables: alerxia, desviación do tabique nasal, presenza de pólipos, consecuencia de levar unha sonda nasogástrica, desenvolvemento de trastornos hormonais, fibrose cística, certas enfermidades de orixe dentaria (sobre todo cando a raíz dun dente da arcada dentaria superior está deteriorada, o que pode afectar o seo maxilar).
- Rinosinusite recorrente ou recidivante. Trátase de múltiples cadros de rinosinusite aguda que aparecen varias veces ao ano. Nestes casos, os pacientes deben acudir á consulta e, se fose preciso, someterse a unha operación.
Remedios e tratamentos
Previr a sinusite non é posible, aínda que si se poden tomar certas medidas cando se sabe que se ten certa predisposición ou así que esta xorde. Velaquí algunhas recomendacións:
- Beber líquido para diluír a mucosidade. Un xeito de evitar que esta enfermidade se complique é bebendo líquido en abundancia. Isto débese a que o líquido logra facer máis fluída a mucosidade e, ao ser menos espesa, diminúe as probabilidades de que se obstrúan os seos.
- Arrefriados ben curados. Arrastrar catarreiras mal curadas é unha circunstancia moi propensa para que a sinusite apareza.
- Pingas nasais. As pingas nasais serven para desconxestionar o nariz, pero desaconséllanse porque poden provocar irritacións medicamentosas.
- Lavados nasais e bafos. Os lavados con soro fisiolóxico axudan a limpar o nariz e a desobstruílo. Tamén se poden realizar con auga de mar, aínda que convén saber que a súa concentración de sal máis elevada aumenta a mucosidade. Outra opción para desobstruír o nariz e as zonas adxacentes é realizar bafos cunha pota de auga quente que desprenda vapor e esencias de eucalipto ou menta.
- Medicamentos desconxestionantes. Ante un cadro de conxestión nasal estes medicamentos axudan a mellorar a sintomatoloxía momentaneamente.
- Tratamentos antibióticos específicos. O 60% das sinusites están causadas por bacterias, mentres que o 40% restante están provocadas por virus, pero tamén en certos casos por fungos e por xermes anaerobios (é dicir, que viven en lugares sen osíxeno). Distinguir o axente causal da sinusite en cada caso é determinante para aplicar o tratamento axeitado. Nestes momentos, as tres bacterias que causan con maior frecuencia un cadro de sinusite son “Haemophilus influenzae”, “Streptoccocus pneumoniae” e “Moraxella catarrhalis”. Para combatelos, adminístranse tratamentos antibióticos específicos que duran tres semanas.
O quirófano, a nova solución
Cando as propostas anteriores non logran o efecto desexado, unha solución para se liberar da sinusite e respirar de novo pasa polo quirófano. Calcúlase que entre o 20% e o 30% dos pacientes que sofren sinusite crónica se operan. Agora ben, a cirurxía non está indicada en todos os casos e hai distintas técnicas.
A cirurxía endoscópica convencional consiste en introducir polo nariz un tubiño moi fino, chamado endoscopio, que vai provisto dunha cámara no seu extremo. Esa lente, que é moi delgada, permítelle ao cirurxián ver, de maneira moi específica, as cavidades do paciente e desobstruílas coa axuda dunhas pinzas. A sinuplastia é unha técnica recente pouco invasiva. Utilízase un balón para dilatar o orificio da entrada ou comunicación cos seos, co fin de que saian as secrecións acumuladas neles, no canto de acceder a estes con pinzas e manipulalos.
Estas técnicas realízanse baixo anestesia xeral, polo que os pacientes non senten ningunha dor e, polo xeral, de xeito ambulatorio. O postoperatorio é pouco complicado e molesto e a sensación de melloría é inmediata, xa que o paciente nota que pode respirar ben ao instante. Ademais, a miúdo, tras perder o olfacto, volve recuperalo e desaparece a sensación de goteo postnasal.
- Os afectados pola sinusite crónica deben visitar un alergólogo e otorrinolaringólogo para un diagnóstico correcto.
- Beber auga e líquidos en abundancia.
- Seguir unha vida saudable e evitar, na medida do posible, ambientes moi contaminados que poidan inflamar as mucosas.
- Se finalmente se practica a cirurxía, é recomendable evitar o tabaco: fumar pode producir unha alteración da cicatrización e repercutir nos bos resultados da operación.
- Realizar lavados nasais con soro fisiolóxico para desconxestionar o nariz.
Fonte: Peter Baptista, membro do Departamento de Otorrinolaringoloxía da Clínica Universitaria de Navarra (CUN).