Como afectou a construción e a obra civil ao medio natural en España?
É a maior hecatombe ambiental vivida en España e posiblemente en Europa.
Que datos salientaría?
Nos anos do ‘boom’ urbanizouse unha superficie equivalente a 50.000 campos de fútbol ao ano, cunha taxa de construción 500% máis alta ca no resto de Europa. Construíronse tantas vivendas ao ano como en Alemaña, Francia e Gran Bretaña xuntas.
Cales son as zonas máis afectadas?
Málaga, Valencia, Alacante, Murcia, a costa catalá, as illas Baleares e a Comunidade de Madrid son os casos máis extremos, pero non se salva ningunha zona. Toda a costa está enladrillada e no interior hai casos ben coñecidos, como Ávila, onde se planificaban megaurbanizacións para 40.000 habitantes, ou enormes parques temáticos como o do deserto dos Monegros, cun efecto “Las Vegas” por todo o territorio.
Tras a crise, reduciuse este impacto?
Non, o estrago é irreversible. No canto de apostar por diversificar a produción séguese o mesmo modelo insostible: medidas como a desgravación por compra, a rebaixa no IVE pola compra de vivenda nova ou milleiros de plans urbanísticos en tramitación por todo o territorio así nolo indican. Prepáraselle o terreo a millóns de novas vivendas cando quedan máis de tres millóns baleiras e millóns aprobadas e pendentes de construír. Un modelo suicida que, amais do estrago ambiental, é a orixe dos problemas asociados á vivenda, a corrupción, a crise económica e o paro.
Coñece algún impacto ambiental concreto?
En Playa Macenas (Mojácar) exterminouse a especie endémica da planta Limonium Estevei co macroproxecto ‘Macenas Med Group’, posiblemente o máis desvastador da provincia: 1.400 vivendas, dous campos de golf en funcionamento e regados ilegalmente dende hai seis anos e varios hoteis en chan protexido. Está case rematado, aínda que paralizado pola crise. Os recursos que interpuxemos aínda non deron lugar a unha suspensión cautelar.
Vostede estivo no Parlamento Europeo para denunciar este asunto. Que lle responderon?
Tras varios anos aprobouse o informe Auken, que expón os efectos do urbanismo salvaxe en España en todas as súas dimensións. Reflicte boa parte da información que lle enviamos ao Comité de Peticións. É o texto máis contundente que coñezo redactado por unha institución así sobre un país europeo. Chega a suxerir a retirada de fondos de cohesión a España.
Serviu para algo este informe?
Non moito. Non é vinculante e os medios ignorárono pola súa contundencia e porque toca o miolo da corrupción. Esperamos que continúe en novos pronunciamentos do parlamento. Polo menos senta un precedente necesario.
Que poden facer os consumidores?
Tres accións. Unha: ser conscientes desta xigantesca estafa e de como nos sume a todos na crise económica, social, ambiental e democrática. Dous: asumir que enriquecerse a custa de destruír a natureza suporá pagalo entre todos co tempo. Tres: apostar por un aluguer social e non especular co chan e a vivenda.
O hotel El Algarrobico demolerase finalmente?
É posible que se acelere o proceso. Cremos que non poderán recorrer ao Tribunal Supremo cando teñamos a sentenza firme no Tribunal de Granada. Pero son procesos lentos e quedan varios anos por diante. A Junta de Andalucía e o Concello de Carboneras fan o imposible por legalizalo, ao contrario do que lle din á opinión pública.
Que opina da denominada construción sostible?
Non a coñezo abondo, pero só pido que non se use demagoxicamente para disfrazar despropósitos especulativos. En España fai falta unha moratoria total na construción e dedicar durante décadas os orzamentos municipais a desfacer os desaguisados dos últimos 30 anos: verteduras fecais ubicuas, carencias en transporte e espazos públicos, educación e sanidade, etc.
Desde o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente sinalábase a intención de reformar da Lei de costas.
É unha mostra preocupante do intento de relanzar a burbulla inmobiliaria. Frases como “a natureza non debe frear o crecemento económico” son un ataque frontal contra os máis elementais bens comúns. Só cabe a esperanza de intensificar a protesta social. Anunciamos grandes mobilizacións contra estas medidas.